Biblioteca O Segrel do Penedo Novembro 2019
A casa encantada de Riazor A noticia publicouse no xornal El Noroeste, nº 3967, o 9 de marzo de 1906. Sucedeu no barrio de Riazor, cidade da Coruña. Nun pequeno cuarto dunha casa baixo cuberta vivía unha parella, mozo e moza que aínda non santificaran na vicaria o matrimonio. Uns días despois do Entroido os mozos discutiron, ata o extremo de que a muller abandonou o mozo pero na despedida obsequiouno cuns desexos do peor. Maldicións moi duras! Esa noite, o mozo tivo pesadelos. Mentres durmía viu xente que avanzaba cara el polo cuarto. Sombras que se movían, espectros brancos que bailaban unha macabra danza. E tamén escoitou voces, e berros, e lamentos… E espertou! E o mesmo noite tras noite nos seguintes días. Faltoulle tempo ao mozo para contar o acontecido a veciños e coñecidos. E estes a outros, de maneira que o barrio enteiro foi coñecedor do asunto en pouco tempo. Algúns acompañárano polas noites pero mentres o mozo describía as visións, os convidados non vían nada. Unha noite fixo garda dentro da casa un amigo, fillo dun mestre de obras. E este si; a media noite escoitou voces na escaleira. Outra noite foi un mozo coxo, moi valente, veciño do barrio. E tamén a media noite escoitou que alguén dicía desde a escaleira: —Sube! Sube! —e co medo que pillou escapou a fume de carozo. E a causa como quedou patente máis adiante non eran as maldicións que lle botara a moza ao seu amado! Non! Aos poucos días os rapaces amañaron as súas diferenzas e volveron a convivir pero … Á seguinte noite foi ela a que viu novas visións; unha vella envolta en negro manto, unha bruxa falando en galego (normal, non!) que lle preguntou á moza: –E ti xa estás aquí? O asunto, no momento de redactar a información, quedaba sen aclarar. Uns opinaban que o podía resolver a garda civil, outros que mellor con auga bendita … O xornal opinaba “Oh. Poder do medo! Porque non outra cousa é o que ocorre na que xa se deu en chamar encantada vivenda”.
Antonio Reigosa
A sombra peregrina da Quintana Hai dúas versións sobre a visión dunha sombra (pode que sexa a de dous fantasmas diferentes) vestida de peregrino na Praza da Quintana de Santiago de Compostela. Unha conta que se trata do espectro dun crego da catedral que se namorou dunha monxa do mosteiro de San Paio de Antealtares. Acordaran escapar xuntos disfrazados de peregrinos pero como a monxa nunca acudiu á cita, a sombra da ánima do crego namorado segue agardando e perpetúase, como proba, deixándose ver cada noite contra o muro do templo. A outra versión di que a imaxe pertence a Leonard du Revenant, nobre francés do s. XV. Disque matara ao seu pai para quedar coa herdanza e a xustiza condenouno a peregrinar a Compostela. Facendo o Camiño namorouse dunha moza nunha pousada, pero como a moza xa tiña mozo, Leonard asasinou ao mozo e, tras violala, tamén matou a moza. Para continuar viaxe sen ser recoñecido disfrazouse de frade franciscano. Cando chegou a Compostela non atopou onde durmir así que se arrimou á muro da Catedral, ao pé da Torre do Reloxo, e adormeceu. E mentres durmía aparecéuselle o espírito do pai quen, vendo que completara a viaxe, lle deu o seu perdón coa condición de que agardase alí a que as ánimas dos outros dous asasinados lle concedesen o seu. Hai quen di que a sombra, que é real, non é máis que a proxección da luz dun farol contra o muro da catedral pero non debemos esquecer que a Praza da Quintana foi a Quintana dos Mortos, o cemiterio de Compostela ata o s. XVIII.
IMAXE Cea, Isidro. Sombras na Quintana 3. (28/12/2008). https://cutt.ly/6enFNrH
A Fonte da Nena A Fonte da Nena está en Buxío, na parroquia de San Estevo de Parga do concello de Guitiriz, en Lugo. A orixe do nome ten que ver cunha historia triste que agora vos conto. No lugar de Ferreira, próximo á fonte, vivían un pai e Raquel, a súa filla. Desde que a nai morrera, pareza que dunha maneira un tanto estraña, a tristeza era o pan de cada día naquela casa. Todo eran privacións, fame e miseria. Un día o pai mandou a Raquel por auga á fonte de Buxío. E ela foi, xa ora, e encheu o balde, mais cando xa marchaba, presentóuselle diante unha muller que lle dixo: —Non te asutes; non teñas medo. Nada malo che vai pasar. E ao dicir isto, a muller abriu a man e puxo na man da nena unhas moedas. Desde aquel día cada vez que Raquel ía buscar auga á fonte de Buxío, aparecíaselle aquela señora e dáballe unhas moedas. Na casa eran benvidos aqueles cartos e pouco a fouco foron axudando a matar fame e miseria. Pero un día, o pai quixo saber de onde viñan as moedas e Raquel contou con detalle o que pasaba. Raquel volveu aquel mesmo día á fonte, e volveu outros moitos, mais xa nunca se lle apareceu a muller aquela. Nunca máis a víu. Hai que non o cre, ten que haber de todo, pero aquela muller tiña que ser a nai da nena; mellor dito, o espírito da nai de Raquel que en canto soubo que a descubriran deixou de aparecer. No que todo o mundo acredita é en que esta é a orixe do nome da fonte que desde entón se chama Fonte da Nena.
FONTE: GAY MÉNDEZ, A., Guitiriz. Paraíso termal, Deputación provincial de Lugo, 2000.
O demo coxo en Abadín Este demo é o encargado de recoller as almas dos que morren pero, como é trenco, case nunca chega a tempo. Cando se tropeza con el, o mellor, para que non nos faga dano, é dicir as palabras de San Xoán Retorneadas, se é que se saben; senón que haxa sorte. Hefaistos e Baco tamén eran coxos e estaban relacionados co inferno. O Xosé, tería vinte e tantos anos, ía ver a moza e no camiño por onde traían os mortos dos Samordás, parroquia de Galgao, concello de Abadín, deulle a gana, dispensando, de baixar os pantalóns. Arrimouse así a un lado do camiño e estivo facendo as súas necesidades. E, niso, ve que pasa alguén coxeando polo camiño que vai cara a igrexa parroquial; e era o demo, e coxeaba. O mozo levantouse e quedou quieto. E foi boa sorte porque se lle chega a falar ó mellor o leva canda el. O Xosé despois soubo que aquel día houbera un defunto nos Samordás e supuxo que o demo coxo non chegara a tempo para recibir a alma do que morreu, e regresaba desgustado.
Fonte: Arquivo Chaira: Información de ATILANO RIVAS, Rego da Cal, Galgao, Abadín (Lugo).
O lobishome do Incio Nunha aldea no cimo dunha montaña, vivían persoas que lle tiñan moito medo ós lobos. Os lobos atacaban ás persoas pola noite e entón as persoas, en canto se poñia o sol, facían fogueiras para espantalos. Aínda así unha rapaza foi atacada por un, pero o seu cuñado chegou a tempo e pegoulle un tiro o lobo. Un día a irmá da rapaza xunto cunha sobriña e o cuñado, o que matara o lobo, decidiron marchar a Santander e polo camiño o cuñado comeu a irmá e maila sobriña. O asasino marchou e os restos dos cadáveres quedaron alí. Cando os descubriron déronse conta de que os lobos non eran os que mataban as persoas senón que era aquel vendedor ambulante que namoraba as mulleres e logo comíaas como se fose un lobo.
Recompiladora: Paula Álvarez García, Alumna de 3º de ESO no IES Xograr Afonso Gómez de Sarria (Lugo), curso 2005-2006. Informante: Jesús (63 anos). Lugar e data de recollida: Val do Incio, O Incio (Lugo), maio de 2006. Lugar da lenda: O Incio (Lugo).
A Noite de Defuntos: crenzas e tradicións Todas as culturas do mundo, dende que o home é home, estableceron rituais para honrar e conmemorar os seus mortos. A orixe do noso actual Día de Defuntos pérdese, xa que logo, na noite dos tempos, por iso as celebracións de hoxe en día son herdeiras de antigas tradicións, ritos e crenzas que como pobo construímos ao longo da nosa historia. Co cristianismo todas estas festas pasaron a ser sincretizadas coa nova relixión. Foi no século VIII cando o papa Gregorio III fixou o primeiro de novembro como día de Todos os Santos e xa no século XII a Igrexa establecería o día seguinte —2 de novembro— como Día de Defuntos, cristianizando deste xeito as antigas festas pagás dos mortos. Coa cristianización prohibíronse moitos dos milenarios ritos. Moitas crenzas e costumes desapareceron, outras pasaron a quedar confinadas no ámbito da marxinalidade ou foron transformadas nunha sorte de xogos de nenos. Foron os nenos os que transformaron e continuaron as antigas celebracións percorrendo as casas do lugar, pedindo carne, pan, viño e doces, que gardaban nas súas bolsas para consumilos despois nas súas casas. Este costume, que hoxe nos parece propio do Halloween americano pero que nace en Europa, era unha tradición común en Galicia ata tal punto que no século XVI o bispo de Mondoñedo Frei Antonio de Guevara sancionou nos seguintes termos este costume: Constounos pola visita que o día de Todos os Santos e o día seguinte de Defuntos andan todo os mozos da freguesía a pedir polas portas e danlles pan e carne e viño e freixós e pixóns e outras cousas, e que piden así os fillos dos ricos que os pobres; e por ser máis este rito xentil que cristián, ordenamos e mandamos que, de aquí en diante, ningún mozo vaia aqueles dous días de porta en porta a pedir [...] so pena que o pai ou a nai que enviara o seu fillo a pedir aqueles días pague mil marabedís. Ademais deste costume dos nenos de ir pedir polas casas tamén existía a tradición de preparar comida para os defuntos que nos viñan visitar esa noite especial. O mesmo bispo de Mondoñedo amosouse escandalizado ó respecto destes ritos. A reacción do bispo Antonio de Guevara era comprensible. O franciscano non era galego, non coñecía estes costumes e mantiña a crenza de que tódalas nosas tradicións atlánticas eran de procedencia xudía ou mourisca, e decidiu prohibilas con ameazas, multas e castigos. Malia as prohibicións e os intentos anatemizantes da Igrexa, moitas destas crenzas e tradicións perduraron ata os nosos días integradas no cristianismo como algo normal é típico do Día de Defuntos. Deste xeito, perdurou o costume de non recoller a mesa nesa noite para que as ánimas dos familiares defuntos tivesen algo que comer nesa noite liminal en que nos veñen visitar. Antigamente tamén se deixaba o lume da lareira aceso para que as almiñas puidesen quentarse. É costume en moitos lugares de Galicia facer unha cea especial a Noite de Defuntos. Tamén se cocen castañas con anís para as ánimas do purgatorio e se comen doces típicos destas datas como as chulas de calacú ou, xa máis no ámbito urbano, os ósos de defunto e os buñuelos de vento. Ata mediados do século XX aínda se mantiña a tradición de cocer no Día de Defuntos o “Pan das ánimas”, un bolo de pan que se levaba ó adro da igrexa para dar de comer á xente o saíren da misa e para repartilos entre os pobres.
Outra das tradicións que se mantiveron, e de feito eu mesmo lembro facelas en Salcedo cando neno, era a de tallar caveiras de calacús que unha vez iluminadas con velas acesas se deixaban nas ventás da casa e polos camiños. A Noite de Defuntos é unha noite máxica cunha enorme carga simbólica, pois existe a crenza de que nesta noite desaparece o veo que separa o mundo dos vivos do mundo do Alén, e por iso é posible que os membros defuntos da familia poidan volver camiñar entre os vivos e veñan visitar os seus antigos fogares na terra. Na actualidade, o 1 de novembro os católicos celebran o día de Todos os Santos e recordan nesa data os seus mortos, visitan os cemiterios, adornan as tumbas e acenden candeas que lles serven de guía aos defuntos para que atopen a saída do purgatorio. Acéndense tamén lampadiñas de aceite sobre as lápidas dos nosos falecidos e crese que cando unha destas lampadiñas se consome indica que unha ánima do purgatorio alcanzou, por fin, a luz. Por Defuntos hai novenas e é costume, relacionado coas celebracións de Defuntos, que pola Candeloria se bendigan as velas que se levan para a casa para acendelas no mes de Santos. Unha celebración tradicional de Galicia que está estreitamente relacionada co que estamos a explicar é o magosto. Polo San Martiño, no mes de novembro, as castañas xa maduras empezan a abri-los ourizos e a caer ó chan. Comeza entón a época dos magostos en Galicia. Esta celebración simbólico-culinaria cínguese normalmente ás datas comprendidas entre o 1 de novembro —Día de Tódolos Santos— e o 11 de novembro —festividade de San Martiño—, aínda que tamén se poden celebrar nos días anteriores ou posteriores a estas datas ou mesmo dende mediados de outubro ata mediados de novembro. O portugués Leite de Vasconcelos consideraba ó magosto como un vestixio dun antigo sacrificio en honor dos mortos e refire que en Barqueiros era tradición preparar, a media noite, unha mesa con castañas para que os defuntos da familia fosen comer; ó día seguinte ninguén tocaba esas castañas pois se cría que estaban “babadas dos defuntos”. Tamén nos magüestus asturianos adoitábase deixalas castañas que sobraban para que as comeran os defuntos. Hoxe en día está cada vez máis de moda celebrar o Halloween, que non é outra cousa que a véspera de Todos os Santos, do inglés All Hallow Eve. Esta celebración estadounidense non deixa de ser un mero sucedáneo, desvirtuado e carnavalesco, das vellas tradicións relacionadas coa Noite de Defuntos que levaron a América os millóns de emigrantes europeos, sobre todo irlandeses. Por iso cómpre reivindicar a necesidade de manter as nosas tradicións da Noite e do Día de Defuntos, conservando os seu ritos, as súas crenzas e o noso propio nome. Ultimamente tamén, se lle chama a esta celebración Samaín, en lembranza da antiga festa celta, pero a Noite de Defuntos non é o Samaín, aínda que comparta unha orixe e significado similares e non se pode dicir que sexan exactamente o mesmo, pois a relixión céltica e a cristiá tampouco o son. En Galicia, na actualidade, mantemos vivas moitas das antigas tradicións da Noite de Defuntos. Aínda se conserva a tradición de facer caveiras de calacús, visitamos os cemiterios, acendemos candeas, deixámoslles comida ás ánimas, oramos por elas, pedímoslles favores, comemos doces típicos da época, facemos magostos, pero sobre todo lembrámonos e
honramos os que xa non están connosco e, aínda que iso se poida facer calquera día do ano, sempre é bo saber que polo menos unha vez ao ano aqueles que xa se foron volveran estar de novo connosco e vivos, aínda que só sexa no pensamento e no recordo. Fonte: Quintía Pereira, Rafa. A noite de defuntos: crenzas e tradicións. Revista electrónica de investigación Galicia Encantada (http://www.galiciaencantada.com) / ISSN 1887-2859. nº 8, ano 2012
A Santa Compaña en Melide A historia que narramos a continuación sucedeu aproximadamente nos anos 50 ou 60, en Melide, no casco vello, nunha zona coñecida como O Castelo, por estar aquí, en tempos, unha fortaleza derribada polos Irmandiños, da que hoxe non queda máis que o seu nome. Este Castelo estivo edificado sobre un castro, e dende o século XVIII o lugar ocúpao a capela do Carme de grande devoción local, así como o cemiterio municipal. O suceso narróunolo un irmán do protagonista que de momento imos deixar no anonimato. Así nolo contou: O seu irmán daquelas era un mozo novo, e viña de pasar unha velada festiva na veciña parroquia de Santa María, que naquelas datas estaban celebrando as festas na honra da Virxe das Neves (5 de agosto). Esta advocación é avogosa do bo tempo ou, pola contra, para pedir pola chuvia, sacándoa en procesión cando é necesario. Xa se lle fixera tarde e para chegar pronto á casa, decidiu atallar polo Castelo, en lugar de dar unha volta máis longa polo camiño de Sabián. Tería polo tanto, que facer, o Camiño de Santiago ó revés. Era noite pecha, e é de supoñer que o noso veciño viría algo “alegre” da romaría. Tamén hai que dicir, que por aquelas datas, nesa zona do Castelo, onde está a Capela do Carme e o cemiterio, non había alumeado público, e polo tanto estaría bastante escuro. Subía polo monte do Castelo ó revés de como fan os peregrinos, pensando nas súas cousas. A capela e o cemiterio atópanse na plataforma do cume, e logo hai que baixar cara ó casco vello da vila, onde estaba a casa familiar. Cando chegou arriba, acompañado unicamente da escuridade e dalgún moucho que ulularía á noite, ó noso amigo pareceulle escoitar a alguén como rezando e ver unhas luces que se deixaban asomar entre a Capela da Virxe. Achegouse un pouco para ver o que pasaba, e cal foi a súa sorpresa que se atopou de fronte, cunha procesión de ánimas que, acompañadas de candeas acendidas e recitando salmos e pregarias daba voltas ó redor da Capela. Había algúns que camiñaban de xeonllos, outros de pe, pero todos levaban velas e entoaban un salmo diante cántico. O home non puido menos que botar a correr costa abaixo, sen volver mirar atrás e chegar o máis pronto posible ó seu fogar. Unha vez alí pechou a porta e se meteu na cama. O día seguinte non lle contou a ninguén o sucedido, pois tiña medo da Compaña, de que puidese vir a buscalo, ou de que alguén lle pedise que fixese algo para escorrentala, polo que gardou silencio. Días máis tarde escoitou na casa que uns veciños, pasaran unha noite dando voltas ó redor da Capela do Carme, por unha promesa que lle fixeran á Virxe por un familiar. Fora a noite de autos, a noite que o noso amigo creu ver á Compaña. E entón xa puido contar, agora con medo a que se risen del, que el estaba alí aquela noite e que o que lle parecera ver fora a Santa Compaña.
Texto remitido por Xurxo Broz e Cristina Vázquez, de Melide (A Coruña). Marzo de 2015
BIBLIOGRAFÍA: Lendas extraídas da web: Galicia Encantada. Encicliopedia da Fantasía Popular de Galicia. https://galiciaencantada.com/ Imaxe de portada: Luscofusco. Brétemas nas Fragas do Eume, Pontedeume, A Coruña. Novembro 2019. https://cutt.ly/deQqnQl