Título: O Xornal da Gramática Nivel Educativo: Intermedio 1 (B1) – Escola Oficial de Idiomas Recursos necesarios: Portal issuu, ferramenta de edición de textos (Open Office), ferramenta de edición de imaxes Contidos a tratar: Contidos gramaticais de nivel intermedio estipulados no currículo Procedemento: O xornal da gramática pretende ser unha publicación colaborativa destinada a mellorar ou adquirir novos coñecementos gramaticais a través da lectura de textos de diversa natureza. A publicación será quincenal e cada semana o profesor determinará un tema gramatical que será o protagonista nocional do número en cuestión, por exemplo, o uso do artigo definido, a voz pasiva, as oracións condicionais, os tempos verbais e as súas aplicacións, etc. Un estudante terá como responsabilidade crear unha introdución ao número quincenal que consistirá nunha breve explicación dos conceptos gramaticais de interese, engadindo diagramas, imaxes ou outras figuras que fagan que a lectura e comprensión sexan máis doadas. Os restantes colaboradores procurarán artigos na rede de temática variada (poderían ser noticias, recensións literarias ou cinematográficas, publicacións en blogs populares, etc.) que, a ser posible, acompañarán de imaxes. Ao entender do alumno, estes textos deberán incluír usos variados da forma gramatical en cuestión. Como pequeno anexo á súa contribución, farán un listado de citas extraídas do texto acompañadas dunha pequena referencia á explicación gramatical que abre o número da publicación periódica. Tamén é posible que destaquen todas as ocorrencias da forma gramatical en estudo dentro do texto. Algúns alumnos serán tamén responsables do traballo de edición, dando un formato axeitado aos textos e imaxes e procurando unha orde lóxica aos contidos.