Letras Galegas-09

Page 1

Político, escritor e filósofo

Letras Galegas 2009

Ramón Piñeiro López


Ramón Piñeiro López naceu o 31 de maio do ano 1915 en Armeá, unha aldea do concello de Láncara, na provincia de Lugo.

Estudou o bacharelato elemental en Lugo e en 1930 traballou como empregado de oficina nun comercio de Sarria. Durante esta época, a lectura do xornal El Pueblo Gallego espertou nel un grande interese polo movemento político e cultural de Galicia. En 1932 instalouse en Lugo para estudar o bacharelato supeior e relacionouse con mozos galeguistas lucenses, cos que participou na fundación das Mocedades Galeguistas, que posteriormente presidiu. En 1933 asistiu á asamblea do Partido Galeguista, celebrada en Santiago de Compostela, onde coñeceu a Castelao, Alexandre Bóveda e outros galeguistas, cos que iniciou unha estreita amizade.


Participou no coñecido mitin das arengas, celebrado na praza da Quintana en Santiago de Compostela o 25 de xullo de 1934, con motivo do Día de Galicia, xunto a Alexandre Bóveda, Castelao, Ramón Otero Pedrayo, Valentín Paz Andrade, Ramón Suárez Picallo e outros. En 1936 foi elixido secretario do comité provincial para o plebiscito do Estatuto de Autonomía. Co inicio da Guerra Civil Española (1936-1939) permaneceu agochado en Lugo ata que foi mobilizado e tivo que incorporarse ao bando nacional. Ao rematar a guerra comezou os seus estudos universitarios de filosofía e letras na Universidade de Santiago de Compostela e en Madrid, e mantivo a súa militancia política clandestina.Influíu na autodisolución do Partido Galeguista e, a partir de 1943, participou na reorganización clandestina do galeguismo. En 1946 viaxou a París, onde permanecía exiliado o goberno republicano, coa misión de xestionar a inclusión de Castelao, aceptado por todas as organizacións galegas, como ministro do goberno de José Giral. Ao seu regreso detivérono en Madrid e condenárono a seis anos de cárcere, dos que cumpriu tres.


Ao saír estableceuse en Santiago de Compostela e defendeu a loita cultural fronte á política, o que lle valeu as críticas doutros sectores galeguistas. Por unha banda tentou manter a estrutura clandestina do galeguismo e, pola outra, iniciar unha vía legal que levase á afirmación de Galicia como pobo nas conciencias dos máis novos. O seu fin era acadar a galeguización xeral da sociedade. En 1950 participou na fundación da Editorial Galaxia, da que foi o seu primeiro director literario; alí iniciou a colección Grial co ensaio “Siñificado metafísico da saudade”, que tivo unha enorme repercusión en Galicia e Portugal. En 1963 participou na creación do Partido Socialista Galego e, entre 1966 e 1970, impartiu cursos de verán no Middelbury Collage de Vermont ( EE UU) sobre cultura española. En 1967 ingresou na real Academia Galega co discurso A lingoaxe e as língoas, en que defendeu a importancia da lingua como sinal de identidade dun pobo, e a finais da década de 1960 cofundou, con outros intelectuales galeguistas, o grupo Realidade Galega para


defender que Galicia obtivese un Estatuto de Autonomía en igualdade de condicións cas outras nacionalidades históricas.

Tras a morte de Franco, en 1977 foi candidato ao Senado pola Candidatura Democrática Galega pola provincia de Lugo, pero non foi elixido e o seu nome soou en diversos medios de comunicación como candidato á presidencia da Xunta de Galicia. Foi deputado independente polo PSdeG-PSOE no Parlamento de Galicia durante a primeira lexislatura (1981-1985) e o primeiro presidente do Consello da Cultura Galega (1983-1990).


Incluído dentro dos autores da Xeración do 36 que conforman o Grupo Galaxia, foi un dos principias responsables do mantemento do legado cultural do grupo Nós, a través dunha serie de traballos que procuraban a vinculación de Galicia con Europa e que sentaron as bases para o reinicio da normalización cultural no país galego. Escribiu numerosos artigos en Grial e noutras publicacións de temática política e cultural, moitos deles asinados co pseudónimo Luís Veiga do Campo, ademais de limiares e artigos en obras colectivas, como “A saudade en Rosalía” (1952), “La saudade” (1953), “A lingua sangue do espíritu” (1959), “A filosofía e o home” (1963), “Vicisitudes históricas da cultura galega” (1975) e “Castelao político” (1986). Da súa obra, que xirou ao redor da filosofía da saudade, destacan Para unha filosofía da saudade (1953), Olladas no futuro (1974), Sembrando a Castelao (1975) e Filosofía da saudade (1984). Ademais, traduciu ao galego, con Celestino F. de la Vega, Cancioeiro de poesía céltica, de J. Pokorny (1952)


e Da esencia da verdade (1956) de M. Heidegger. A súa correspondencia editouse en Cartas para os amigos (1992) e Un epistolario de Ramón Piñeiro (2000). Recibiu a Medalla Castelao (1985). A Real Academia Galega dedicoulle o Día das Letras Galegas de 2009.



Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.