limpeza química xeral de musgos, algas e outra sucidade, e reparouse o sistema de baleirado e rebordo. As diferentes intervencións complétanse co deseño dunha estratexia de mantemento, limpeza e conservación axeitada das fontes. Nesta liña, restableceuse o abastecemento da rede histórica onde foi posible, nas fontes con manancial propio revisouse a captación e comprobáronse as fugas, mentres que nas fontes ornamentais deseñouse un sistema de filtrado e recirculación para evitar un consumo innecesario de auga.
POR QUE SE INVENTARON AS FONTES Dende a súa orixe na antigüidade, as cidades tiveron que contar con puntos de abastecemento de auga para que os seus habitantes contasen con ela tanto para beber como para as necesidades hixiénicas. Tiñan unha grande importancia, polo que deseguida adoptaron unha dobre función na que o seu utilitarismo como punto de abastecemento complementouse co seu uso como elemento ornamental. Deste xeito as fontes pasaron de ser simples estruturas funcionais, para ser consideradas monumentos públicos que contribuían ao ornato urbanístico. Nas cidades grecorromanas deseñouse un modelo de fonte pública que combinaba a función de surtidor e estanque para servir auga, coa de elemento urbano referencial. Realizáronse fontes nas que a auga xurdía da boca dun animal, dunha furna, dunha ninfa ou dunha ánfora sostida por un neno, sendo recollida nunha pía decorada. Durante a Idade Media, os deseños das fontes monumentais continúan a súa evolución como mostra da expresión artística, desenvolvendo as tipoloxías que se irán constituíndo no Renacemento e no Barroco. A cidade monumental de Compostela conserva un urbanismo alto-medieval protagonizado pola basílica do Apóstolo, a partir da cal dispóñense as rúas e prazas. Case todas estes espazos abertos nos que se desenvolve a vida urbana contan cunha fonte pública no seu centro que artella o espazo.
P á g i n a 9 | 10