IES MONTE DAS MOAS
Exposicion Luthiers
Exposicion Luthiers do IES Monte das Moas
Ao longo deste curso os alumnos de 3ºESO realizaron de forma voluntaria traballos de luthería para coñecer mellor algúns instrumentos de determinadas épocas da historia da música. fabricaron concretamente Monocordios, Salterios, Chirimías e o mecanismo no que se basean os clavicémbalos e os pianos. Os alumnos de 4º ESO fabricaron algúns instrumentos diversos sen importar a época. A exposición agrúpase xa que logo nas seguintes categorías: 1)Monocordios. 2)Salterios. 3)Chirimías. 4)Outros. Si queres participar activamente, na biblioteca podes votar que instrumento en cada categoría está mellor logrado. O gañador terá unha mención especial e un pequeno recoñecemento na súa cualificación final de música deste curso.
Moitas grazas pola túa colaboración e interese.
Monocordio Instrumento musical composto por unha corda tensada sobre unha caixa de resonancia. Un soporte móbil permite variar a lonxitude do tramo de corda vibrante. É famoso por ser utilizado por Pitágoras (S. VIN a. C.) para demostrar a relación entre a música e os números, ao evidenciar que a frecuencia da onda sonora é inversamente proporcional á lonxitude da corda que a xera. Comprobou tamén que as notas do sistema musical xerábanse a partir de relacións numéricas sinxelas entre as lonxitudes das cordas que as producían. Como os números parecían conter en si mesmos un equilibrio de contrarios (pares e impares, finitos e infinitos), que para eles era a esencia d o Universo, a música, ao explicarse con números, debía conter e reflectir dalgún modo a orde universal. En épocas posteriores foi utilizado por outros teóricos para a definición de escalas musicais e o ensino da música, como Caludio Ptolomeo (S. II d. C.), Guido D'Arezzo (S. XI d. C.) ou Jacobo de Lieja (S. XIV).
Salterio Instrumento musical que fai a súa aparición en Europa na Idade Media e que consiste en esencia nunha caixa de resonancia sobre a que se estenden cordas de distintas lonxitudes, que son accionadas ou pinzadas cos dedos. É moi importante na Historia da Música, xa que cara ao S. XIV, a este tipo de instrumentos comezóuselle a aplicar un mecanismo de teclado para facer a súa execución máis rápida e áxil, nacendo o clavicémbalo, que tivo gran relevancia durante o barroco como parte habitual do baixo continuo. O clavicémbalo e outros instrumentos similares funcionaban mediante un mecanismo onde, tras accionarse unha tecla, unha púa ou plectro pinzaba unha corda (véxase reprodución na exposición). Este sistema tiña o problema de que non permitía variar a dinámica (tocar máis forte ou máis piano), que é un dos principais recursos expresivos da música, polo que resultaba un instrumento que, aínda que moi áxil, era tamén moi inexpresivo. A solución chegou a principios do S. XVIII, cando Bartolomeo Cristofori, un construtor de instrumentos italiano, ideou un mecanismo no que ao accionar unha tecla, un maciño golpeaba unha corda (véxase reprodución na exposición), o que permitía tocar sons piano ou forte segundo a presión exercida, polo que o instrumento coñeceuse inicialmente como pianoforte; co tempo pasou a denominarse simplemente piano. Pode apreciarse a similitude da forma do marco dun piano de cola actual coa do salterio medieval, salvando a diferenza de tamaños está claro.
Chirimía Instrumento musical de lingüeta dobre, que consiste nun tubo cónico con buracos ao que se lle aplica unha lingüeta dobre como mecanismo xerador das vibracións. Foi de uso común en Europa desde o S XII e no renacemento. A partir do barroco empezou a evolucionar dando orixe ao oboe, que se seguiu mellorando ata lograr o son que ten na actualidade. Na Península Ibérica, ao contrario que no resto de Europa, continuouse utilizando e actualmente pódense ver en festas e celebracións en diversos puntos, sobre todo en música popular ou folclórica.
Imaxe dunha chirimía, un oboe barroco e un oboe moderno: