O CINEMATÓGRAFO Os irmáns Lumière_ Auguste e Louis_ sempre estiveran interesados polos avances da fotografía en movemento e, despois de moita investigación e traballo, en 1895 lograron facer funcionar unha máquina, a que chamaron cinematógrafo, que podía filmar imaxes, imprimilas e proxectalas. Ademais, era moi práctica porque se podía levar dun lugar a outro. A máquina gravaba cunha película de 35 mm, que aínda hoxe segue a usarse no cinema e na fotografía. Para que funcionase había que darlle voltas a unha manivela que arrastraba a película a unha velocidade de 16 imaxes por segundo. Un invento sensacional! A comezos de 1895, os Lumière empregaron o cinematógrafo para filmar a súa primeira película, na que gravaron a un grupo de traballadores/as saíndo da fábrica do seu pai. En marzo dese mesmo ano presentárona, xunto con outras nove películas que duraban entre 15 segundos e 1 minuto e medio, diante de amigos e científicos. A finais de ano fixeron a primeira proxección aberta, diante dun público que pagou a súa entrada. Todas as películas contiñan imaxes familiares: “O almorzo do bebé”, “Partida de naipes”, “O ferreiro”, “O mar”, “A chegada dun tren a estación” que foi a que máis impresionou ao público pois as imaxes eran tan reais que, cando algúns espectadores vían que a locomotora se achegaba, fuxían espantados ao crer que o tren os ía atropelar, e “O regador regado” onde se elaborou por primeira vez un guión cinematográfico. A sociedade non estaba afeita a ver películas, pero pouco a poudo o invento dos Lumière foi obtendo un maior éxito, debido, principalmente, ao uso do cinematógrafo para contar historias. Así naceu o CINE tal e como o coñecemos.
GEORGES MÉLIÈS Entre os espectadores da primeira proxección dos Lumière estaba Georges Méliès, un ilusionista francés. Foi un dos primeiros en darse conta de que o cine, ademais de capturar a realidade, podía servir para contar historias e deixar voar a imaxinación. Filmou películas onde se suceden os efectos especiais: desaparecen obxectos, as cabezas medran, os homes transfórmanse en esqueletos... Dúas das súas películas máis famosas ·Viaxe a Lúa” e “A viaxe imposible” narran viaxes estraños e fantásticos inspirados por Xulio Verne. En 1897 fundou o primeiro estudo cinematográfico. Era un edificio composto por paneis de cristal para aproveitar a luz do sol- Todo o facía el: actuaba, dirixía, construía os decorados, creaba os efectos especiais ... A súa película máis famosa, “Viaxe a Lúa”, filmouna en 1902 e narra como tras un Congreso de Astrónomos se trata o plan de mandar homes á lúa. Constrúen un canón xigantesco e lanzan unha cápsula que aterra no ollo da lúa. Os exploradores son feitos prisioneiros polos habitantes (selenitas) e o rei da lúa. Logran escapar e caen á terra nun paracaídas.
Non está mal... sobre todo se temos en conta que terían que pasar máis de 60 anos para que se producira a primeira viaxe tripulada ao noso satélite! “La invención de Hugo Cabret” (2007), novela gráfica de Brian Selznick levada ao cine en 2011 por Martin Scorsese, conta a vida de Georges Méliès. Grazas ás películas de Méliès, o cine deixou de ser considerado unha atracción de feira e transformouse nun verdadeiro espectáculo popular.