Homenaxe a Castelao
O DESCUBRIMENTO DE MARTIÑO Martiño era un neno ao cal lle encantaban os videoxogos, estaba todo o día xogando no móbil. Desde que chegaba da escola e facía os deberes, ía á súa habitación e quedaba alí ata a hora de cear xogando diante das pantallas. O seu mellor amigo era o seu can, chamado Rico, nome que lle puxera polo seu personaxe favorito do xogo. Coa chegada do covid- 19 seus pais decidiron que, por precaución, ían irse á casa que tiñan na aldea de seus avós. Na aldea non había nin wifi nin cobertura de móbil, así que Martiño non podía facer o que máis lle gustaba neste mundo, xogar no móbil toda a tarde; tampouco había nenos e todos os veciños, excepto el e Rico, tiñan máis de corenta anos. Martiño estaba aburrido coma unha mona, as horas facíanselle días e os días semanas. Desesperado por facer algo, foi explorar a casa con Rico. Era unha casa vella, pero moi grande e espazosa, feita de pedra e con tellado de madeira, tiña moitos mobles vellos dos seus avós e moitos cadros e fotos antigas. Foi ao faiado e remexeu nas caixas que había por alí amoreadas e cheas de po e atopou un diario redactado polo seu avó que contaba toda a súa vida desde os 10 anos ata o día antes da súa morte. Martiño empezou a lelo e sorprendeuse do que facía seu avó cando era pequeno: axudaba a seus pais coas tarefas do fogar, ía buscar auga á fonte, dáballes de comer aos animais e moitas cousas máis. Sen darse conta, estivera lendo toda a tarde! Pasáralle o tempo voando! Cando se foi deitar non podía deixar de pensar nas historias do seu avó e todo o que fixera de pequeno. A mañá seguinte, Martiño seguiu lendo o libro e ao remate do día tomou unha decisión: cambiar as pantallas pola lectura, xogar co can e saír explorar a aldea. Aprendeu que hai cousas máis divertidas que xogar nos móbiles e que non pagaba a pena malgastar a súa vida nas pantallas. FIN Xabier Villapol Iravedra 2ºESO B
O XABARIL BRANCO Era un outono dos malos, nos camiños non se andaba polo barredo das tormentas do remate do verán. Chegar ata o pobo era complicado polo silveiral do monte, pola pendente, porque case non se distinguía o camiño... Despois de tres horas andando e tirando pola burra, que non podía coa carga que levaba, os homes que ían participar no concurso chegaron a Encrucelas, un lugar onde o camiño, case como novo, partía en tres: - un levaba cara ao remanso, onde as mulleres ían lavar, os nenos e nenas xogaban ou nadaban e só algúns homes maiores, que non querían quedar sós na casa, ían pescar ou coidar dos netos. - outro levaba cara ao pobo, un pobo fermoso que destacaba entre o bosque baixo e mesto polas súas casas de cor vermella. Tamén se podían ver unhas cabanas, un pouco máis grandes cás casas, onde gardaban os alimentos. As tendas estaban polo exterior e, no centro do pobo, atopábase un edificio grande como catro casas xuntas, era o centro de xuntanzas. O centro de xuntanzas era case o centro da vida do pobo: se era tempo de caza ou había que decidir algo entre os veciños, todos se xuntaban alí. - o outro era un camiño que desaparecía por entre unhas árbores altas e con moitísima folla, que mesmo parecía que o quería tragar. Era costento e conducía ao monte do xabaril branco, un dos lugares con máis sona da contorna. A lenda transmitida dende moi lonxe no tempo contaba que nel habitaba unha raza de xabarís grandes coma o mar e feros como unha noite de temporal de inverno. Os cazadores do pobo intentan cazar un enorme, coma un cabalo branco, cuns dentes moi potentes, dende hai máis anos que a xente do pobo pode recordar. Contábase que, había moitísimos anos, un home conseguira ver un e arrincarlle un dente cando o xabaril lle arrincara a el un brazo. Algúns homes do pobo son comerciantes en diferentes pobos e das súas ganancias doan unha parte para as necesidades do pobo (que se garda nunha caixa feita polo mellor artesán local). Os cidadáns ceden alimentos e
xunto co doado polos comerciantes organizan cada ano unha festa moi especial, a festa da apertura da caza do xabaril branco. Anualmente, durante uns catro días, os cazadores do pobo saen á caza do xabaril branco. Esta tradición levaba activa dende que o home perdera o brazo (uns din que a tradición xorde da vinganza; outros, do intento de conseguir a súa pel polo estraño da súa cor). Cando os homes chegaron ao centro de xuntanzas, logo de deixarlle ao cociñeiro a carne para servir na festa, recolleron do artesán “ o xabaril” (un xabaril dun metal raro e de moito valor que sería o premio para o cazador que matase ao xabaril branco ou o xabaril máis grande). Esa noite todo o pobo ceou fóra, na praza. Despois de rematar a festa, os cazadores xa tiñan todo listo para irse ao monte. Algúns levaban cordas, trampas etc. E o cazador máis experto levaba unha besta moi grande. Os nenos preguntaban por que levaba o trebello ese e el dicía: - Nenos, cando un é vello sabe moito, probei moitos outros aparellos, esto é mellor que calquera outra cousa. - Xa cheguei, avó, listo para comenzar. - Moi ben, que vas usar? - Levo os cans e o arco. - Paréceme ben -dixo o avó – Ten coidado e non te afastes de min. Levas as cordas dos cans? - Para que? -preguntou o neto sorprendido, porque nunca prendían os cans. - Se marcha o xabaril, pode que os cans sigan a perseguilo, a pé non os dás collido. Entón o xefe do grupo dos cazadores, que era un home vello, tan vello coma as roupas que levaba e que deixaban ver os anos que levaba indo tras o xabaril branco, levantouse da mesa e pronunciou a modo de discurso ante os cazadores:
- Amigos, este ano traeremos con nós a maior peza que se pode cazar “ O XABARIL BRANCO”. Moita sorte a todos. Cando rematou, deulle ao último cazador que gañara o premio do xabaril, o ano anterior, un anteollo pequeno que fixera o artesán. O gañador fora o vello e experimentado cazador, que este ano viña acompañado pola seguinte xeración. Soou un corno dando por comezada a cacería e os cazadores marcharon todos cara ao monte do xabaril branco. Pasaran dous días dende que os cazadores marcharan cando uns homes que ían de camiño ao pobo atopáronse co vello cazador e o seu neto, que estaban en plena conversa. Dicían: - Pareceume ver naquel clareiro un fermoso exemplar. - Pero por aquí non pasou. Se non os cans non estarían máis inquedos? - Calquera sabe! Ademais teño un novo anteollo que probar, ou non? - dixo o vello cazador chusgándolle o ollo ao seu neto. Ao final do día, onde os cazadores deixaban as súas presas para a clasificación, atopáronse o neto e o vello co resto dos participantes. A sorte non acompañou a todos os participantes , pero o vello viña cun xabarín enorme, aínda que nin rastro do xabaril branco. Despois da cea, avó e neto conversaban acerca dos trucos de como cazar con cans e o avó contáballe vivencias da súa vida de cazador. Nesa noite, eles dous decidiron ir ao máis Esa noite descansaron e á mañá seguinte marcharon, cando aínda todo o mundo estaba a durmir. Tardaron horas en chegar e ao alcanzar un punto onde se atopaba unha greta da que xurdía unha entrada a unha cova, atoparon unha gran cantidade de pisadas de xabaril. O rapaz tiña calafríos pero o vello obrigouno a proseguir. Cando xa percorreran unha gran extensión de cova, encontrábanse no seu fin. Este espazo era unha gran cúpula chea de enredadeiras e duns fungos enormes. O vello e o rapaz estaban impresionados polo fermoso ambiente que os rodeaba.
Era coma o describiran no pobo: era branco coma a neve, tiña uns dentes enormes, era grande coma un cabalo, robusto coma un boi... O rapaz, impulsado pola adrenalina, ía lanzarlle unha frecha, pero o vello parouno. O rapaz díxolle en voz baixa e cun ton de enfado: - Por que o fixeches? Estaba a tiro. - Espera. - Que espere!? A que? - Ti espera! Pasou un anaco e da cova do chan saíron unhas crías de xabaril, eran do tamaño dun tenreiro pequeno, naceran poucos días antes e a súa nai non lles deixaba saír da cova aínda. O rapaz, despois de ver isto, díxolle ao vello en voz baixa: - Xenial! Podemos matar a nai e así quedarán as crías para outros anos. - Que dis! Se matamos a nai morren as crías. - Pois matamos a unha cría. - Non digas parvadas. Temos que deixalos a todos. - Por que? - preguntou o rapaz sen poder crer que un cazador como seu avó non quixese cazar algo tan único-. Podemos facer que o pobo nos recorde para sempre. - Rapaz, -dixo o avó mirando para os xabaríns- pensa que algo tan único non debe estragarse por algo como a fama dun concurso. Ademais, fama xa temos, que volveremos gañar novamente este ano. Entón o rapaz sentou na pedra xunto a seu avó mentres o xabaril branco coidaba das súas crías sen saber que o estaban a observar. Despois duns intres máis o vello e o seu neto deron volta cara á saída. Cando estaban case fóra o rapaz esvarou pola parede de rocha mollada e caeu polo barranco. O golpe acabou facendo desmaiar o mozo.
O vello colleu o rapaz e levouno nunha padiola feita con paus e tea, e marchou cara ao pobo. Despois duns días o rapaz xa se recuperara da caída, aínda que non se lembraba de nada polo golpe. Os gañadores da cacería foran un vello cazador con moita experiencia e o seu neto que, cun xabarín de oitenta quilos, foron os mellores cazadores. O rapaz estaba todo emocionado, non o podía crer. Tivera un soño mentres estivera desmaiado, no que vía unha xabaril femia branca con crías, unhas criaturas moi fermosas. Contaríallo a seu avó algún día. Respecto aos xabarís brancos, non se volveu a saber nada. E a lenda do xabaril branco volveu a ser unha lenda, un ano máis.
FIN Sergio Rey Dopico
UNHA MEIGA MÁXICA Era unha vez, hai moitos anos, nunha pequena aldea chamada Fazouro, unha meiga moi mala chamada Maruxa que tiña 70 anos recentemente cumpridos. A meiga era baixa e repoluda, tiña o pelo negro e algo canoso, a súa cara era alongada e os ollos verdosos. O que máis destacaba era que tiña o nariz moi afiado e grande, cunha verruga e un lunar enriba do labio á esquerda. Esta meiga tiña moi mala fama na aldea, debido a que intentara enmeigar un cativo cun feitizo verde dos seus, pero ela non era tal como crían... Un día un mestre da escola mandoulles ós seus alumnos que fixeran un traballo de investigación sobre as meigas da aldea. Ó saír da clase os nenos xuntáronse por grupos e puxéronse de acordo en como ían facer o traballo. Os nenos chamábanse: Lucas, que era o máis listo; Manuela, que era a máis pequena pero a máis atrevida; e Elena, que non era moi intelixente pero tiña ideas moi boas para os traballos. Pola tarde os nenos quedaron e decidiron ir a xunto da meiga. E aló ían todos cos cadernos debaixo do brazo e un estoxo na man. Tiñan moito arrepío polo que lles podía facer, pero a pesar diso decidiron ir. Cando chegaron alí, Manuela tiña moitas ganas de entrar, pero Lucas e Elena non estaban tan animados. Despois de moito pensar decidiron entrar, alí estaba a meiga sentada nun sofá vello acariciando o seu gato negro. Á meiga non lle pareceu ben que foran, porque lle tiñan medo, pero ela aceptou axudarlles a facer o traballo. Empezou contándolles a historia da meiga Edurne, que era unha meiga moi boa que facía feitizos para axudar os animais, e logo contoulles a historia da súa curmá, chamada Vedoira, a máis sabia pero a que máis mala fama tiña. Cando acabaron fóronse para a casa todos contentos porque lles saíra moi ben o traballo. O día seguinte os nenos entregaron o traballo e sacaron un 10!! Foi o mellor traballo de todos, segundo o que dixo o mestre da escola. FIN NARA RAMOS NEIRA 2ºESO B
SOÑA Chámome Alfredo, son un neno de 15 anos e vou contar unha historia que cambiou a miña vida para sempre. Era un día de choiva coma outro calquera cando eu estaba tranquilamenteestudando no meu cuarto porque ao día seguinte tiña un exame de Lingua Galega. De repente, escoitei un golpe na miña ventá; fun mirar, pero o único que se vía era un ceo totalmente escuro, a causa da noite e as gotas de auga caendo. Pensei que o imaxinara, entón seguín traballando. Ese ruído estívome acosando durante unha semana á mesma hora todos os días, entón decidín contárllelo a meus pais. Meus pais dixéronme: - Pero Alfredo, ti case es un home, e non podes imaxinar tales cousas á túa idade. Tes que crecer, fillo! En certo modo meu pai ten razón, non son unha persoa moi adiantada á miña idade, practicamente son todo o contrario. Nos recreos eu quero xogar ás agachadas ou a algo divertido, pero os meus amigos din que xa non temos idade para esas cousas e seguen co teléfono, mirando as redes sociais. Eu son o único da miña clase que non ten teléfono, non porque non me deixen, senón porque non o quero! É mellor estar con xente fisicamente en vez de estar véndoos a través dunha pantalla. A ver, sígovos contando o que vos tiña que contar, que me desvío. Centreime máis nos estudos, pero por moito que o fixera eu seguía oíndo ese maldito ruído. Un día xa me fartei, entón uns minutos antes baixei á estrada a ver que era o que petaba contra a miña ventá. Ao cabo dun minuto vin unha nena da mesma idade ca min. Tiña o cabelo crecho e vermello coma o lume, uns ollos azuis coma o ceo totalmente iluminado e vestía un xersei laranxa, uns pantalóns vaqueiros e uns tenis brancos. Nada máis verme dixo: - Xa era hora, Alfredo! Levo case un mes chamando á túa ventá e non viñas. Veña, imos xogar ás agachadas. Eu quedei en branco e o primeiro que lle dixen foi: - E logo por que o primeiro día non te deixaches ver?
E ela, coma se fose unha cousa normal, dixo: - Home, terei que crear intriga, se non o xogo non é tan divertido. Parecía unha nena bastante simpática, entón díxenlle que si, que quería xogar con ela. Estivemos xogando polo barrio, non sei canto tempo, pero o que sei é que nunca o pasara tan ben coma aquela noite. Cando xa iamos marchar pregunteille como se chamaba e ela díxome que se chamaba Soña. Todas as noites xogabamos a algún xogo distinto e descubrín que coñecera á miña alma xemelga. Ata que unha unha noite non apareceu. Levaba esperándoa polo menos dúas horas e estrañoume moito que non aparecera. Pero podía estar enferma e non me preocupei moito polo asunto. Mal feito. Pasou un ano e xa case me esquecera completamente de Soña, menos por un anaco dos meus recordos. Unha noite, á mesma hora na que Soña me chamaba para ir xogar, apareceu unha nota na miña ventá que dicía: “Se queres volver a ver a Soña, tes que seguir as miñas normas: Todas as noites recibirás unha. Se non as queres seguir, podes ir esquecéndote dela para sempre. A primeira delas é a seguinte: Tesme que deixar un prato con comida todas as noites a esta hora. Se se che ocorre mirar pola ventá para ver quen son, ela desaparecerá para sempre.” Nese momento o recordo de Soña foi o único que existía na miña cabeza, e corrín cara á cociña para coller comida e deixarlla a aquel lunático na miña ventá. A segunda noite, cando xa lle deixara a comida, o descoñecido deixoume a segunda norma, que dicía: 2 ) “ Moi ben, Alfredo. Agora o que tes que facer é poñer unha venda nos ollos e deixarte levar por unha forza que te vai levar xunto con Soña. Cando sintas o sinal, podes quitala. Non te preocupes, vas saber moi ben cando a podes quitar. Se se che ocorre negarte ou quitar a venda antes de tempo, ela desaparecerá para sempre.” Fixen todo o que me ordenara e efectivamente sentín como se un vento me levara voando a algunha parte. De repente experimentei unha dor de
cabeza moi forte, como se a venda que tiña nos ollos cada vez me apertara máis na cabeza. Aí souben que era o momento de quitala. Cando a saquei vin que estaba dentro dunha cabana e diante miña había un home ao que non se lle vía o rostro debido a unha carapucha que lla cubría. Era bastante alto e delgado e ía vestido cunha túnica negra que lle chegaba aos pés. Ao seu lado estaba Soña! Pero estaba deitada no chan moi pálida e parecía que apenas respiraba. O misterioso home díxome: - Esta vez a norma voucha dar eu en persoa. E meteu a man na súa túnica. Ao sacala tiña entre os seus delgados dedos unha nota mal dobrada coma as outras que poñía: “3) Moi ben! Xa case chegaches ao final. O último que tes que facer é matar aSoña para que ela sexa libre no outro mundo. Se non o fas, ela quedará atrapada para oresto da eternidade nun lugar no que estará vendo en todo momento os seus peorespesadelos e ti irás xunto dela.” Nese momento berreille: - Iso é mentira! Non me obrigarás a facer iso! Nunca! Antes de que acabara de falar, nas súas mans apareceu unha imaxe espantosa. Había decenas de persoas, mellor dito, fantasmas chorando aterrados. O home misterioso dixo: - É iso o que queres para vós? Un mundo cheo de terror? Se queres que ela sexa libre, dálle un pouco desta poción que teño nas mans. E deume un frasco cun líquido vermello coma os cabelos de Soña. Pese á miña tristeza púxenlle nos beizos esa poción, non quería que ela sufrise para toda a eternidade. E cos ollos mollados en lágrimas pregunteille ao home misterioso cunhas palabras cheas de desprezo: - Por que tiña que facer isto? Por que non o fixeches ti, covarde? E el, cunha rara pena, dixo:
- Porque eu son un ser dese horrible mundo. Verás, Alfredo, cada cen mil anos un espírito dese mundo pode resucitar, pero ten que ser a cambio doutra vida. O que pasa é que non a pode matar o dito ser que quere resucitar, ten que ser outra persoa do mundo dos vivos. Se non o mata, a pantasma regresará a ese maldito mundo, pero ten dereito a levar con el esas dúas persoas. No meu caso resucitei, ao matar ti a Soña, e agora pertenzo ao mundo dos vivos. E de repente o home quitou a carapucha e eu quedei moi sorprendido, era unha persoa que eu coñecía moi ben, e de feito eu non sabía que morrera. Esa persoa era... Espertei, estaba na miña habitación, cunha folla dos apuntes de Galego pegada na cara. Xa era de día e o espertador estaba soando. Prepareime e fun para a escola. Cando iamos entrar na clase, vin algo, ou mellor dito a alguén que me deixou de pedra. Debía empezar aquel día na escola, era unha nena da mesma idade ca min. Tiña o cabelo crecho e vermello coma o lume, uns ollos azuis coma o ceo totalmente iluminado e vestía un xersei laranxa, uns pantalóns vaqueiros e uns tenis brancos. -Soña! Berrei. Ela mirou cara a min e dixo: - Como sabes o meu nome? Aí deime conta de que ela non sabía quen era eu. Nunca me explicarei o que pasou aquel día.
Sofía Rodil Álvarez 2º ESO B
FANTASÍAS DIXITAIS Eu non daba creto ao que estaba vendo. Un unicornio! Non o podía crer. Parecía imposible que estivese aquí, no bosque. Pero empecemos polo principio. Eu chámome Xurxo, teño 21 anos e vivo nunha pequena vila nos Ancares lucenses. Teño un pequeno cadelo co que paso todas as tardes xogando e rindo. Un día estaba facendo uns recados e, non sei, unha voz estraña andaba a resoar na miña cabeza. Non a entendín, falaba un idioma que eu non comprendía, pero iso si, tiña unha voz fermosa. Non sabía de quen era, así que non lle fixen moito caso. Todas as noites soñaba con ela e intentaba descifrala, pero non había maneira. Unha noite de moito vento pareceume oír uns ruídos estraños na fiestra e o meu cadelo Óscar ladraba, pero non vin nada. Había un papel dobrado tirado no chan que antes non estaba. Abrino e intentei lelo, pero non descifraba o que poñía. Cando espertei, volvín a oír aquela estraña voz. Daquela pareceume que aquilo ía en serio. Escoitei atentamente... non comprendín nada, pero aínda así intentei recordar algo. Collín o estraño papel e lino outra vez. Poñía exactamente o mesmo! Quedei estrañado uns intres, ata que me puxen en serio. Estaba moi intrigado polo asunto e decidín poñerme a investigar. O primeiro sería preguntar polo pobo a ver se alguén recoñecía aquel estraño idioma, pero ninguén o coñecía. Cría que ata fora mala idea, polo que tería competencia á hora de poñerme a buscar, así que tiven que apurar a investigación. O seguinte paso foi buscar en internet. Encontrei unha páxina estraña cunhas palabras moi parecidas ás do papel e da estraña voz, aínda que parecía unha páxina pirata. Fixen clic no enlace e ao ordenador pasoulle algo raro... Fixo uns ruídos moi pouco comúns e... absorbeume! Pasei uns intres angustiado, peor que se tivera o coronavirus, e mareeime. Cando espertei mirei ao redor e vin unha chea de animais fantásticos e... unicornios! Logo oín unha voz metálica falándome. Dicía:
-Benvido ao mundo secreto da fantasía! Estás dentro dun xogo de ordenador. Para comezar, preme aquí. E apareceu un gran botón verde .-Por favor, -dixen preocupado – quero saír de aquí! -Non -díxome a voz -tes que rematar todos os niveis do xogo se queres volver para a túacasa. Eu aguantei os choros e intentei parecer valente. Premín o botón verde e empezou oxogo. -Boa sorte!, -dixo a voz – eu serei a túa guía durante o xogo. Pero antes de comezar deberás saber que, aínda que todo pareza moi fermoso, está repleto de seres malvados e trampas mortais. Terás trinta minutos para completar o primeiro nivel, pero se non o consegues, quedarás atrapado no xogo para sempre! Case me dá algo ao oír iso, pero tívenme de pé. E empezou o xogo. O primeiro nivel consistía en percorrer un camiño que semellaba moi perigoso pasando por unha ponte de madeira a piques de caer, uns dragóns que botaban lume pola boca e, por se fose pouco, unha paisaxe terrorífica. Cagueime, literal. Aí fun eu, unha persoa normal nun mundo virtual cheo de fantasía. Case perdo o nocello na ponte, prendendo cunha táboa a piques de caer, e o lume dos dragóns case me fai quedar calvo; vaia, creo que batín o récord do mundo de velocidade. -Moi ben! -dixo a voz – completaches o primeiro nivel coma un campión. Toma, a túa recompensa. E deume un tipo moi estraño de froito, coma uns amorodos de cor azul. -Por cada nivel completado terás unha recompensa – dixo a voz - . Dentro dun día terásque pasar o seguinte nivel. Boa sorte! Ao seguinte día esperábame outro nivel. Pois alá vamos!
-Este nivel -dixo a voz – non é sinxelo para nada. Terás que pasar polo cráter do volcán do inferno a través dunha pasarela inestable, percorrer un tramo cheo de bruxas feas e malvadas e, por último, aguantar os insultos dos orcos. Sorte! E alí vou! Percorro o cráter a través da corda (a piques estiven de perder un pé por culpa dunha corda!), unha bruxa case me fura unha orella cun raio da súa vara máxica e case perdo a moral ao pasar polos terribles orcos. Cheguei á meta moi orgulloso de min mesmo. -Noraboa! -dixo a voz - non estivo nada mal! Ao día seguinte tocábame nada máis e nada menos que... o ovo do dragón ardente! -Que se lle vai facer logo, -díxenme a min mesmo –pois alá imos! Empecei a camiñar ao longo da ladeira ata chegar ao niño do dragón. Non sabía que facer. Un dragón diante miña. Era enorme. Menos mal que estaba botando unha soneca, que se non...Collinlle o ovo e saín fuxindo de alí. Ía baixando cando oín un ruído moi grave. -Roarrrrrr -oín no alto da montaña. Era o dragón! Saín fuxindo a fume de carozo daquela montaña embruxada. O dragón seguía perseguíndome, pero oín: -Modo supervelocidade! E de repente aumentou moito a miña velocidade e conseguín sacarlle moita vantaxe ao dragón e fuxir. -Uffff! – exclamei- Polos pelos! Ao chegar ao final, a guía emitiu un son de incredulidade e deume a miña recompensa. -Xa só che falta unha proba por conseguir – dixo a guía.‘
Por fin vou poder regresar ao meu fogar, pensaba eu, sorprendido. E chegou o día. A proba consistía nunha carreira a bordo dun unicornio ata uns escombros. O meu rival non parecía moi bo nisto, así que tiña posibilidades. E, por arte de maxia, sabía montar en unicornio! -Se perdes a proba -dixo a guía – ficarás aquí para sempre. Hahaha! E comezou a proba. Empezamos moi igualados, a el pouco a pouco íalle sacando vantaxe, malia que el non se rendía. Faltaban poucos metros e... gañei! Conseguino! -Xa podes volver á casa -dixo a guía – e podes volver sempre que queiras! E teletransporteime. Ao chegar á casa agardábame o meu cadeliño. Pero...na mesa de noite aparecéronme unhas cousas estrañas. Eran... os amorodos azuis.Vaia recordo máxico. Tamén había unha nota. Dicía: -Este é o portal polo que poderás acceder ao noso mundo.Como mola! Esteban Rodríguez Dorrego 2º ESO B
O BOSQUE ENCANTADO Ía eu no autobús da escola de baile galego de meus pais con Xián, o meu xemelgo, sentado ao meu carón. Estabamos de mal xenio, porque tiñamos que bailar nun escenario (nunha aldea que noncoñeciamos de nada) e nin o nome sabiamos do lugar. Non era que non nos gustara bailar, era que levabamos así dende ben pequenos. Mais nada diciamos porque non queriamos ofender os nosos pais e eramos un exemplo a seguir para os seus alumnos. En canto parou o vehículo todos os alumnos saíron correndo. Xián e mais eu, como non, saímos de últimos. - Celtia- díxome Xián - ben sei que aborreces isto. Que che parece se imos dar unha volta mentres que bailan? Ninguén nos botará en falta. Sei que non tiña que aceptar, mais as ganas eran enormes, así que puxémonos a andar o máis lonxe posible do escenario. Non moi lonxe, chegamos a un bosque. - Xián, penso que é mellor volver- dixen. - Non sexas medorenta, non vai pasar nada- tranquilizoume. Decidín seguilo (aínda que non moi convencida) e adentrámonos no bosque. Cando xa debiamos estar no corazón, sentamos no chan a descansar. - Creo que agora si que temos que dar a volta- dixen. - Non ides a ningures - dixo unha voz detrás de nós. Virámonos e o que vimos foi algo incrible. Un trasgo! Tiña uns ollos saltóns e un nariz aguileño e enorme, uns dentes podres e amarelos, unhas orellas finas e alongadas, un corpo pequecho e delgado... - Que é iso de que non imos a ningures? - preguntou Xián sacándome dos meus pensamentos.
- Pois iso, que non ides a ningures- repetiu o trasgo en ton burlón- a non ser que superedes os obstáculos...Sorriu. Mais non era un sorriso bonito, senón deses que che encollen o corazón. E despois desapareceu. Xián e eu mirámonos sen saber que facer. Decidimos irnos por onde viñeramos mais non sabiamos por onde fora. Estivemos dando voltas en círculos ata que encontramos unha cabana de madeira cunha cheminea da que saía fume. Contentos, corremos chamar á porta. Abriunos unha vella cun pano na cabeza, unha vestimenta antiga e un bastón de madeira na man. - Pasade, pasade .- dixo nun ton amable. Foi entrar e á vella asomoulle un rabo negro mentres sacaba un coitelo e a súa expresión tornouse sombría e desagradable. Abalanzouse sobre nós, mais esquivámola e botamos a correr. Estivemos correndo nun tempo indefinido que me pareceron horas. Cando sentamos a descansar, díxenlle a Xián: - Penso que era unha bruxa. Lin moitos contos e coincide totalmente. Non creo que esteamos seguros, será mellor que busquemos a saída e rápido. - Iso xa o sabía, non me aportas nada novo- contestou en ton burlón. - Pois se tanto sabes, dime onde está a saída- espeteille. E con isto comezou unha discusión que durou bastante. Despois dun cacho, berrei: - Foi culpa túa estar aquí! - Pero ti accediches de boa gana!-rematou. Digo que rematou porque non lle contestei. Non lle contestei porque detrás de Xián apareceu un home cunha mirada fixa e ameazante, uns dentes afiados como coitelos, un corpo enorme e un saco coma el de grande que levaba ás costas. - Que miras, Celtia?-preguntou anoxado meu irmán.
O home meteu a Xían no saco e eu, que ata o momento estaba en "shock", reaccionei e saín correndo. Parei cando me decatei de que ninguén me seguía. Aliviada, senteime. E foi entón cando recordei a Xián. Oh, non, aquel home levara a Xián no saco! Oh, non, era o home do saco! Asustada, berrei: - É todo culpa miña! Tiña que lle dicir a Xián que non! Tiña que ter feito o que memandaran, bailar e xa está! E nese momento unha muller apareceu diante de min. Parecía nova, mais tiña unha ollada sabia como se vivise ao longo de moitos anos. O seu rostro era dócil e tiña un cabelo longo e negro comao acibeche. Levaba un vestido negro e unhas zapatillas da mesma cor. - Non teñas medo, non vou facerche dano. Son unha meiga, estou aquí porque as túas palabras mostran culpabilidade e sinceridade. Veño axudarche a salvar a teu irmán -dixo. - E por que non paran de aparecer cousas raras?- preguntei. - Porque ti e teu irmán sodes presas dun maleficio. Só coa miña axuda sairedes de aquí -contestou tranquila.- Pero como? A Xián levouno o home do saco!- dixen, sen fiarme dela. - Acouga Celtia, teu irmán está vivo. Polo menos por agora, mentres que o home do saco non faga o trato co demo ou non o coma polo camiñocontestou co mesmo ton de voz. - Iso non axuda!- berrei. -Non pasa nada Celtia, eu vou evitalo. A miña maxia non é moi forte, mais podo axudar. Imos impedir que o home do saco se reúna co demo. É sinxelo:Ti serás o cebo, el non se resiste a un neno tenro para comer. Despois eu botareille un conxuro para durmilo e salvar a teu irmánexplicou. - Vale.- respondín- pero seguro que non me vai coller? - Non te preocupes por iso.- respondeu.
Camiñamos sen falar ata chegar a unha zona moi escura do bosque e a meiga indicoume que me puxese no centro. Ela escondeuse tras unha árbore. - E como sabes que vai vir?- preguntei, insegura. - Confía en min- contestou - ti só finxe que xogas. Despois dun anaco oín uns pasos. Non puiden evitar tremer. Respirei fondo para calmarme e saltariquei pola zona. O home do saco achegóuseme por detrás. Podía notar a súa respiración. Xusto cando me ía coller, a meiga soprou para esparexer uns pos amarelos que fixeron que o home do saco caera ao chan.Corrín a abrir o saco e saquei a Xián. Aperteino forte. - Que pasou? Estaba moi escuro- dixo Xián - e quen é esa?- sinalou a meiga e asustouse. -Tranquilo, Xián, é amiga nosa- dixen. -Silencio! Non hai tempo para presentacións!- berrou a meiga - O demo estase acercando! Correde! Unha greta abriuse no chan. Dela asomou unha figura vermella con cornos negros que nos miroucunha malicia mortal. Saímos correndo sen pensalo dúas veces. Na carreira a meiga parounos. -Xián, Celtia, non hai tempo para unha despedida, síntoo, tedes que irvosdixo a meiga. O último que recordo son uns pos amarelos. -Xián! Celtia! Atopeinos!- berrou despertándome unha compañeira de baile chamada Xeila. E o resto foron chegando. - Menos mal, están vivos!- berrou alegre miña nai con ollos chorosos.
- Que vos pasou?- preguntou meu pai, que tamén parecía vir de chorar. Nós narramos a historia mais ninguén nos quixo crer. - Os nenos tedes moita imaxinación!- riu nosa nai -Só pasou media hora dende que vos fostes! Temos que bailar, así que deixade de pór escusas e de durmir nos bosques! Veña, deixádevos de conto e tirade para o escenario! E fomos bailar. Xián e eu nunca comprendemos o que pasara aquel día, e ao final, el rematou por crer que todo fora un soño e que eu, para meterlle medo, inventara que tamén o vivira, mais eu nunca deixei de crer que todo fora real. Fin Sofía Manín Rodríguez 2º ESO B