Daniel Cassany (1993) La cocina de la escritura. Barcelona: Anagrama S.A. Colección Argumentos
A obra que aquí comentamos, é como nos avanza o propio autor no seu prólogo, un manual de escritura que naceu coa pretensión de axudar ás persoas que teñan que escribir a facelo mellor. Agora ben, non se trata dun texto complexo e inaccesible senón máis ben todo o contrario- La cocina de la escritura pretende ser una ferramenta práctica e visual, un manual de consulta máis ca de letura para aqueles que teñan que escribir. O que nos ven dicir Cassany con este libro é cal é ó seu xuizo a mellor maneira de producir un texto propio. E para iso, danos unhas pautas, sinxelas e claras. En canto á estrutura externa, a obra é bastante clara e doada de dixerir para o letor. Comeza cunha dedicatoria do autor, un fragmento de Ramón Vidal de Besalú e unha presentación ou prólogo a modo de declaración de intencións. Seguen a continuación os dezaseis capítulos que compoñen o libro e, para rematar, o epílogo e maila bibliografía. Outra característica subliñable en canto á estrutura externa de La cocina de la escritura é que cada capítulo comeza unha cita e unha introdución, para pasar logo a expoñer o tema subdividido en apartados. Polo que respecta á organización interna, nesta obra Cassany secuencia os capítulos segundo as fases da escritura do texto. La cocina de la escritura está estruturada seguindo os pasos que o autor aconsella ós letores para elaborar un bo escrito propio. Da cordo con esta disposición da obra, podemos dividir os dezaseis capítulos do libro en tres partes diferenciadas: Unha primeira parte integrada polos dous primeiros capítulos constitúen unha introdución que coinciden coa fase da prescritura. Neles, Cassany amosa algo así como os ingredientes debe xuntar un bo cociñeiro para elaborar un excelente manxar. Aplicados á escritura, estes ingredientes serían os tres pasos fundamentais, previos á composición e redacción dun texto. Nestes dous primeiros capítulos, o autor fálanos do concepto da lexibilidade, das características do estilo llano, dos procesos de composición dos coñecementos, das habilidades e actitudes que debe posuír o escritor, das razóns que moven ás persoas a escribir, e do material axeitado de uso obrigado para comezar o proceso da escritura. No segundo bloque, que abrangue dende o capítulo tres ata o quince, o autor mergúllase, ata o fondo, na escritura de seu. Chegados a este punto, Cassany traza un percorrido lóxico que segue os pasos da elaboración dun escrito. Para inspirarse, recomenda o uso de técnicas como a choiva de
ideas, os mapas conceptuais , aplicación da estrela ou o cubo, o uso de palabras clave e aconsella outros recursos como a escritura libre ou automática, frases empezadas ou a técnica de tomar notas. Céntrase despois na construción de frases e parágrafos, na elección correcta do léxico, a sintaxe, os signos de puntuación, e os marxes, entroutras cuestións. O terceiro bloque, composto polo capítulo dezaseis céntrase fundamentalmente na revisión do texto. No epilogo, que pecha o libro e que incluiriamos neste terceiro bloque, Cassany, léganos o seu particular decálogo composto por dez consellos básicos para aquelas persoas que decidan introducirse na arte de escribir ben. En canto ós contidos, La cocina de la escritura de Cassany propón como principios básicos para elaborar un texto técnicas como a choiva de ideas ou os mapas conceptuais, que consisten en escribir conceptos claves sobre os que se vertebrará logo o texto. Unha vez que flúen, as ideas temos que intentar que as frases teñan unha lonxitude curta que facilite a comprensión da idea. Os parágrafos son outro punto clave para escribir ben que recolle Cassany, e fundamenta a súa impotancia pola impresión visual que causa a priori e porque a forma de estruturalos fará que aumente ou diminúa o interese do lector. En canto á fase de construcción do texto, Cassany recoméndanos empregar técnicas como o esquema decimal, progresando do xenérico ó concreto e o uso de mapas e redes como mellor xeito de compilar toda a información sobre o tema. Di, que esta actividade aumenta a creatividade e tamén que estimula o hemisferio dereito do cerebro. Por outra parte, Insiste na percura de frases atractivas, eficaces e claras así como en ubicar o máis importante ó comezo da frase e utilizar a escritura respectuosa, non discriminatoria por razón de sexo ou raza. .Outro aspecto clave no momento de porse a escribir un texto segundo Cassany é coidar o léxico. Neste senso, aconsellanos utilizar un vocabulario adaptado ó noso nivel e acorde co rexistro utilizado. Porén, lémbranos que non por usar palabras mais cultas o texto gaña en calidade.. En canto á sintaxis da frase Cassany aconsella eliminar os xerundios, evitar frases negativas e non escatimar o uso dos verbos e nomes que sexan necesarios en cada oración. Asemade, recomendanos evitar o uso de pleonasmos, muletillas e comodines, preferir palabras concretas ás abstractas, e decantarse polo uso de palabras populares, curtas e sinxelas. Propón tamén, evitar posibles defectos de redacción como as cacofonías internas da frase, a ambigüidade e os anacolutos ou solecismos.
O autor aproveita tamén para facer referencia ós grados de formalidade en función do contexto e cita exemplos graduais como a correspondencia. Neste punto, Cassany explica a diferencia entre linguaxe escrito e falado, segundo o destinatario e o obxectivo que persiga a comunicación escrita. Así, o escritor terá que seguir formalidades en todos os casos necesarios (informes ou solicitudes administrativas) ou elixir un estilo de prosa fresco nos escritos personais ou creativos. Considera que todas as palabras teñen unha connotación e por tanto non pódense utilizar nun ou noutro contexto. Por iso hai que coidar o que dicimos e como o dicimos –defende. A obra dedica outro capítulo enteiro (o doce) á puntuación do texto, aspecto que o autor define como o termómetro da escritura, xa que delimita a frase, marca xiros sintácticos da prosa, elimina ambigüídades e modula a respiración ó lermos en voz alta. Noutro capítulo, Cassany explica como utilizar a retórica para tentar seducir ó lector coas palabras e entre ás figuras máis recomendables propón utilizar o punto de vista, a concreción, a personalización ou tono persoal, a prosa con cor (cun léxico preciso e claro), e contar as cousas amosando o que significa; e dicer, o escritor debe aportar argumentacións próximas ó lector para apoiar os seus puntos de vista. No ultimo capitulo do segundo bloque, Cassany refírese á importancia da memoria visual. Trazar marxes amplios, equilibrar o corpo de letra e a folla, separar os parágrafos por interlineado dobre, usar negrita, cursiva e incluso diferentes tamaños de letra para destacar as expresións importantes, co obxectivo de guiar mellor ós letores. No ultimo bloque, Cassany incide na importancia de revisar-los escritos e considera que esta acción debe observarse en todalas partes do proceso de escritura e non só a respecto da prosa final. Aclara que a revisión marca a diferencia entre os aprendices e os escritores expertos xa que mentres os últimos aproveitan a revisión para aclarar a redacción e pulir ideas, os primeiros non revisan nin tan siquera ó rematar o escrito. Por último, Cassany ofrécenos no peche do libro, un sinxelo pero interesante decálogo de redacción, que recolle os consellos máis importantes que xorden na sua obra. Esquecer as présas, utilizar o papel como soporte, emborronar folios, pensar na audiencia, deixar a gramática para o final, fixarse nos paragrafos, repasar a prosa frase por fase, axudar ó lector a ler e deixar repousa-lo escrito, son os consellos finais deste magistral manual de escritura que nos deixa o autor catalán. Para rematar e como conclusións extraídas da letura desta obra, cabe dicir que La cocina de la escritura non é un simple manual de escritura que amosa como preparar un bo guiso literario, senón que ademáis, o fai dun
xeito amena e predicando co exemplo. Na estrutura do seu libro, Cassany segue todos os consellos e recomendacións que fai os destinatarios da obra. Estamos polo tanto, perante un texto bastante alonxado das estritas formas doutros manuais de escritura e gramáticas convencionais. Un texto no que Cassany utiliza analoxías tan orixinais como comparar o proceso de escribir co de cociñar, as frases bonitas e doadas de ler cunha árbore espida, ou a comparación que fai no derradeiro capítulo entre a revisión do texto e pintar ou reconstruílo. En concusión, o texto de Cassany toca todos os aspectos fundamentais que deben dominar as persoas que necesiten escribir ben un texto de produción propia, para os que lles gusta escribir ben ou para aqueles que viven da escritura (escritores, xornalistas, blogueiros, profesores). Algúns deles, van atopar na Cocina de la escritura de Daniel Cassany as claves que precisan para solucionar dúbidas, outros encontrarán as respostas que precisan para mellorar os seus escritos e para elaborar textos máis doados de dixerir polos seus letores e para os que sempre furiron da escrita, esta obra convértese nunha revelación que lles permite dar os primeiros pasos para reconciliarse coa escritura.