0
Un novo camiño se abre para Coto do Frade a través da renovación da súa xunta directiva. Uns veñen e outros van, pero o Coto continuará sempre co seu espírito da defensa ecolóxica do Ribeiro. Que ninguén pense que porque nos renovemos sexamos novos nisto, levamos moitos anos traballando a prol do ecoloxismo galego. Agora somos máis, máis experimentados e cunha capacidade suficiente para facer que a nosa voz sexa escoitada. Queremos agradecer, e agradecemos, a toda a xente que veu detrás nosa. Dende aqueles tolos que fai máis de trinta anos pedían unha Veronza limpa até os primeiros pasos do verdadeiro nacemento do Coto, fai uns dezaseis anos, remontando as anguías dun lado a outro da presa de Frieira, colgándose das comportas do encoro, manifestando por onde se podía meter a central a Condesa. Os inimigos non cambiaron, só que eles agora tamén son máis e máis fortes, pero nós non nos arredamos. Non daremos nin un paso atrás na defensa dos nosos principios. Agora Fenosa e Gas Natural-Fenosa e, coa conivencia da administración, seguen a esquilmar os noso ríos, deixándoos carentes de vida, como eles mesmos recoñeceron, tratando a anguía como unha especie en perigo, pero facendo o mínimo posible pola súa supervivencia. Só o necesario para cumprir co trámite das leis europeas e non ser multado. Unha auténtica vergoña. O único que parece interesar ós nosos dirixentes e ás grandes empresas é facer unha boa caixa a final de ano e se, para iso, hai que contaminar e saltarse tódalas normativas e directivas, tódalas leis e recomendacións, veñan de onde veñan, faise e punto, que aí estarán os políticos de turno para darlle lexitimidade ás falcatruadas duns cantos a cambio de non se sabe moi ben o 1
que. Disto todo sabemos moi ben na nosa terra, onde agora pretenden, como xa pretenderon outros antes, obrigarnos a acoller unha macroplanta de xestión de residuos, cun plan que demostra o seu fracaso dende o inicio, saltándose calquer principio medioambiental e facendo mercadoría dos residuos, envelenando inda máis o ambiente coa pretensión de instauración dunha planta incineradora. Repetímolo unha vez máis, unha auténtica vergoña. Seguiremos aquí, plantados de pé e coa cabeza moi alta ante estes, e outros moitos, atentados contra un xeito de vivir máis moderno, máis xusto social e medioambientalmente, sabendo que a defensa dos nosos principios está totalmente lexitimada fronte a outros pensamentos, máis propios de seres do Cromagnon que non saben mirar máis aló do que está fronte o seu nariz.
2
Europa admite a trámite a denuncia do río Avia A Comisión de Peticións do Parlamento Europeo ven de admitir a trámite o informe Denuncia que Coto do Frade presentaba no mes de Febreiro onde se comunicaban as infraccións do dereito comunitario perpetradas no río Avia ó longo do ano 2009, remitindo como proba as conclusións derivadas do traballo de campo realizado por esta Asociación na zona. Traballo que viña a
demostrar a relación causa-efecto dos feitos denunciados e a degradación ambiental provocada, conculcando o expresamente citado nas Directivas (2000/60/CE) e (92/43/CEE), Directiva Marco de Augas e Directiva relativa á Conservación dos Hábitats Naturais e da Fauna e Flora Silvestre respectivamente. 3
O Informe-Denuncia demostra a responsabilidade tanto das administracións Galega e Española en materia de Medio Ambiente como da empresa Gas Natural-Fenosa. Os feitos denunciados levaron ó río Avia a unha situación de crise ambiental sen precedentes; pola neglixencia e mala praxe das administracións competentes e pola xestión que do encoro de Albarellos ven facendo a empresa. Accións que remataron por propagar o fungo Phytophtora Alni por todo o cauce e que provocaron a seca do río entre os meses de Agosto e primeira quincena de Outubro de 2009, logo dun prolongado período sen aportar un só litro de auga dende o encoro. Actualmente o río Avia aparece inmerso nun proceso dexenerativo do ecosistema ripario, sen que as administracións autonómica e estatal teñan feito absolutamente nada ó respecto. Á pandemia cabe engadir o derrube de barrancas e a caída de árbores en diferentes tramos, unha situación calamitosa provocada e consentida. Coto do Frade considera a decisión da comisión de Peticións un primeiro paso cara recuperación do noso río, consideramos imprescindíbel a aplicación de sancións ás administración competentes así como, a retirada da concesión á empresa e a posterior demolición do encoro de Albarellos, único mecanismo para a consecución do bo estado ecolóxico das súas augas.
4
Nova estafa de Gas Natural Fenosa no encoro de Frieira A construción de presas nos ecosistemas fluviais, ademais de transformar radicalmente as condicións do lugar onde se instalan xerando augas máis lentas e profundas e rachando os parámetros naturais (fisicoquímicos) supoñen, tamén, a formación de barreiras infranqueábeis que impiden o libre tránsito das especies piscícolas, como consecuencia, a perpetuación natural das especies está en risco. O único xeito de protexer as diferentes especies que se desenvolven nos nosos ríos é a construción de escalas de peixes, pasadizos a traveso dos cales poden sortear o obstáculo e que permiten o seu libre movemento.
O encoro de Frieira é un claro exemplo de desfeita ambiental, logo de case 40 anos dende a súa construción as deficiencias estruturais e as mentiras da empresa Gas Natural-Fenosa amparadas por gobernos de tódalas cores están a condear á última especie migradora do río Miño a súa desaparición. A presenza de anguías no río Miño comeza a semellar simbólica ante a imposibilidade de completar o seu ciclo vital. 5
Gas Natural-Fenosa presentaba un proxecto de aproveitamento hidroeléctrico no encoro de Frieira, na súa marxe dereita, no ano 2005, un aproveitamento referido ó caudal ecolóxico e que pretendía (e consegue) entubar o río Miño. Logo dos diferentes trámites “legais” acadaba o seu obxectivo. O proxecto presentaba a construción dunha escala angueira que ía a dar solución ó problema. O resultado, unha vez posta en funcionamento a nova central, resulta insultante, a escala anguieira só é un capturadeiro. Coto do Frade quere manifestar a incompatibilidade deste proxecto coa perdurabilidade da especie, un engano, xa que a referida escala remata nunha piscina onde quedarán atrapadas as anguías para ser conducidas a outros ríos. É dicir, pretenden exterminar a anguía do río Miño, o “sistema de franqueo” está deseñado para este fin. Unha escala por onde subir as especies migradoras que non ten saída ó outro lado da represa, que morre dentro das instalacións do encoro nun féretro de plástico. Do mesmo xeito, as especies que por tendencia biolóxica traten de descender o río Miño (anguías e salmónidos) non teñen outra saída que non sexan as turbinas, provocando a súa morte por estrangulamento ou embolia gaseosa. Coto do Frade considera ilegal este “sistema de franqueo”, segundo a lexislación vixente o movemento das especies piscícolas ó longo dos ríos ten que estar garantido e calquera estrutura que o impida ou limite ten que acondicionarse para dito fin. Así aparece recollido na antiga “Ley de Pesca Fluvial de 1942” vixente cando se constrúe o encoro, a “Ley de Aguas de 1985” (modificada en 2001), a Directiva de Hábitats (92/43/CE), así como a Directiva Marco de Aguas (Directiva 2000/60/CE). O encoro de Frieira incumpre as leis referidas, a non ser que as anguías estén en condicións de voar, nese caso, rogamos se nos comunique. O artigo 64 da “Ley de Aguas” e o artigo 161 do “Reglamento del Dominio Público Hidráulico” establecen cómo poden declararse caducas as concesións:
6
¡) “Por incumplimiento de las condiciones de la concesión (respeto a la legislación ambiental: caudales ecológicos, libre movimiento de los peces). Perfectamente aplicábel neste caso. Coto do Frade, tamén, quere denunciar, que a escala “teleférico” construída no ano 2002 e subvencionada nun 40% con fondos da Unión Europea, a día de hoxe aparece semidestruída e fora de servizo. Un modelo denunciado no seu momento por Coto do Frade e presentado como a solución ó problema que constitúe o encoro para as especies migradoras. Unha vez máis, Gas Natural-Fenosa antepoñendo os seus intereses sortea a legalidade expoliando o dominio público hidráulico.
7
5000 anguías liberadas de Gas Natural-Fenosa Coto do Frade desenrolou no encoro de Frieira unha nova campaña de verán encamiñada a salvagardar a presenza da derradeira especie migradora do río Miño, a anguía. Como tódolos anos por esas datas, e coincidindo coa chegada da especie logo de atravesar o océano Atlántico, estivemos a traballar na zona para axudar a franquear as instalacións de Fenosa e que as anguías poidan chegar a ser adultas nos nosos ríos e regatos. Outra cousa será a baixada para voltar ó océano e completar o seu ciclo vital, os grandes encoros así como a maioría das centrais de menor envergadura non están dotadas de ningún sistema de franqueo, o futuro dos exemplares adultos (femias) e ben claro; morrer trochadas ou rebentadas pola presión ó ter que pasar polas turbinas cando descendan ó río. A ilegalidade na que balbucea a empresa co consentimento das administracións galega e estatal resulta máis que insultante, conculcando o expresamente citado na antiga lei de pesca de 1942, a lei de augas de 1985 (modificada en 2001) e as directivas 92/43CE de hábitats e a 2000/60CE de augas. A deixadez administrativa e a desidia social están a ocasionar unha merma cuantitativa da especie que poderiamos calificar de definitiva se non se poñen en marcha os mecanismos necesarios que muden a situación actual, esto é, que dunha vez por todas as empresas 8
explotadoras dos recursos biolóxicos e hidrolóxicos galegos cumpran a lexislación vixente, sendo a construción de escadas anguieiras que permitan o libre transito das especies a única solución real xunto coa demolición das represas que non poidan adaptarse a dita lexislación. O resto, “palabrería de soplapollas” con cargo á caixa común. O traballo que desenrolou a Asociación nesta campaña acadou mellores resultados que noutras ocasións, sendo as “capturas” moi superiores, falamos en tres xornadas de aproximadamente 5000 exemplares trasladados ó outro lado do encoro. Un resultado máis que satisfactorio tendo en conta os escasos medios cos que dispomos, as trapalladas da administración e a persecución da empresa. Unha loita incesante que perdura no tempo logo de 16 anos e que só pretende un río con vida, libre onde as diferentes especies que conforman o seu endeble hábitat teñan unha oportunidade máis aló do féretro que a empresa Gas Natural-Fenosa ten instalado en Frieira, un xigantesco cemiterio ancorado na ilegalidade e na burda manipulación.
9
Plano de residuos 2010-2020 No pasado mes de Maio, a Xunta de Galiza presentou os primeiros datos do que será o novo plano de residuos 2010-2020, un documento presentado no Consello Galego de Medio Ambiente (COGAMA) o 21 de Maio. O novo plano de residuos conta cun presuposto de pouco máis de 510 millóns de euros, dos cales 410 serán para infraestruturas. No apartado de Infraestruturas, aínda que se inclúen ata oito pequenas plantas de compostaxe cunha capacidade máxima de tratamento para 10.000 tn/ano, o groso do investimento adícase para a macroplanta incineradora do Sur de Galiza. Esta macroplanta, cunha capacidade superior á de Cerceda (290.000 tn/ano) conta cun orzamento de 244 millóns de Euros, case a metade do custe total do Plano de Residuos. Sorprendentemente dos 500 millóns de Euros, 430 veñen de fontes privadas, o 84% do total, destacando neste senso as aportacións de Gas Natural e Iberdrola, cun montante económico que supera os 200 millóns de Euros. Unha aposta clara e decidida pola privatización a grande escala e a continuidade dun modelo fracasado como é SOGAMA. Coto do Frade oponse radicalmente a esta nova estafa contra a poboación galega, un modelo baseado na incineración dos residuos mesturada con insignificantes medidas de redución e compostaxe a modo de escaparate verde. Esta operación de marketing consúmase coa declaración de intencións de reducir nun 10% a xeración de residuos para o ano 2020, lembremos que 10
este mesmo modelo foi o responsábel do incremento producido nos últimos dez anos, un 30%. Falamos polo tanto da imposición do fracaso consumado a nivel de xestión, outra cousa é o colosal negocio para as grandes empresas enerxéticas. Gas natural (FENOSA) e Iberdrola, financiarán en máis do 90% a incineradora Sur, mercantilizando un problema social e ambiental en beneficio propio; a máis residuos máis beneficio. Negocio redondo e control político, unha estratexia propia de países terceiromundistas. O investimento en redución ata o ano 2020 e de 56 millóns de Euros, pouco máis do que gastou o F.C. Barcelona para fichar a Villa, teremos ademais en conta que a maioría deste ridículo presuposto a dez anos será investido en campañas e panfletos para a concienciación da abochornada poboación. Tamén, cabe destacar, que os obxectivos para a compostaxe da materia orgánica en 2020 é do 25%, Nostián e Barbanza superan estes obxectivos na actualidade con case un 45% mentres que SOGAMA, o modelo que se vai impoñer, acada o 0%.
En definitiva, aposta decidida pola incineración e remendos para lavar a cara. Os residuos en mans privadas e a xestión cara a cumprir os obxectivos da Directiva Marco Europea (2008/98) de festa en Xinzo de Limia (no esquecemento).
11
Posicionamento oficial da Asociación Ecoloxista Coto do Frade en referencia ó Plan de Residuos 2010-2020 1- A Asociación Ecoloxista Coto do Frade aposta por unha muda integral da actual política herdada de anteriores gobernos; a redución dos residuos, a reutilización dos mesmos e finalmente a reciclaxe son pautas ineludibles para a consecución de obxectivos baixo criterios medio ambientais como aparece recollido na Directiva 98/2008/CE, do Parlamento Europeo e do Consello, de 19 de novembro de 2008. A planificación de políticas neste sentido resulta fundamental, reducir en orixe apostando por envases retornables, a información ó cidadán por medio de campañas de sensibilización ante o problema, son prioridades para acadar resultados óptimos que non dexeneren no actual modelo liderado por SOGAMA. 2- A Asociación Ecoloxista Coto do Frade reclama a axilización do Plan de Xestión de Residuos de Galiza e rexeita calquera execución, medida ou actividade relacionada con este ata que se aprobe dito plan, denunciando que ata o momento non se están seguindo os principios de participación previstos na Lei 27/2006, de 18 de xullo, de acceso á información, de participación pública e de acceso a xustiza en materia de medio ambiente, así como as previsións de participación na tramitación recollidas na Lei 50/1997, de 27 de novembro, do goberno do Estado español, saltándose ademais o Convenio de Aarhus en canto a participación do público na toma de decisións e a Directiva 2003/35/CE, do Parlamento Europeo e do Consello, de 26 de Maio de 2003, polas que se establecen as medidas de participación do público na elaboración de determinados plans e programas relacionados co medio ambiente.
12
3- A Asociación Ecoloxista Coto do Frade é radicalmente contraria á incineración, esiximos neste sentido unha planificación na xestión do lixo para cumprir cos obxectivos de recuperación establecidos na normativa europea – Resolución do 24 de febreiro de 1997 sobre unha estratexia comunitaria de xestión de residuos e a súa transposición a Directivas Comunitarias e Leis estatais ulteriores -, isto é, reducir a capacidade incineradora actual e incrementar a reutilización e reciclaxe. 4- A Asociación Ecoloxista Coto do Frade posiciónase en contra da xestión dos residuos sólidos urbáns do Sur de Galiza concentrados nun macropolígono. Esta Asociación aposta dun xeito claro e contundente, pola xestión a nivel comarcal en pequenas plantas, onde o impacto medioambiental e mínimo, o aforro enerxético faise evidente e os resultados acadan a máxima eficacia. Rexeitamos a idea dunha Planta Sur que xestione os residuos sólidos urbáns das provincias de Ourense e Pontevedra, exista ou non a incineración. 5- A Asociación Ecoloxista Coto do Frade maniféstase contraria á privatización na xestión dos residuos de Galiza sinalando que o feito de empregar o lixo como unha mercadoría só poderá ter como efecto ineludible o aumento na xeración dos mesmos, polo simple principio de que a maior residuos xerados, máis mercadoría coa que comerciar e maior beneficios para ás empresas que se encarguen de xestionalos.
13
O goberno do PP volveu a deixarnos abraiados cun exercicio de total desprezo á poboación galega, ás leis deste país, ás do Estado español e ás europeas, ó conceder a través do concurso eólico – que nada ten que ver coa xestión do lixo – a construción dunha macroplanta de xestión de basuras sen que exista unha convocatoria pública á que outras empresas poidan optar, un xeito de actuar totalmente fraudulento, herdanza oculta do fraguismo que se está destapando como habitual no último mes. “La Sogama del sur” (La Voz de Galicia, 23/11/2010), deste xeito tan explícito definiu o administrador de Estela eólica a planta que a súa empresa, cos parabéns da Xunta de Galicia, pretende crear no noso entorno. A explicación de que unha empresa descoñecida, creada no 2007 e que no ano 2009 xa presentaba números roxos, se presentase para a adxudicación de megavatios no presente concurso, debemos agradecerlla, entre outros, a un dos seus administradores, José Luís Quintáns Pérez, responsable das Novas Xeracións do PP en Zas ata o 2002, e a algún dos seus socios, claramente vinculados co PP, tal como explica Lara Graña no Xornal de Galicia. O reparto no concurso eólico sorprendentemente, ou non tanto, favoreceulles sobremaneira quedando coa medalla de bronce no reparto do vento galego, 186 Megavatios dun pastel que elevaba a 2166 os anacos de torta a repartir. A cambio a empresa, adquirida por un grupo burgalés, Gecal renovables, – que con esta concesión practicamente dobrará a potencia que xa ten instalada en todo o Estado español- construirá a macroplanta de residuos do Sur de Galiza.
14
Gecal renovables, unha descoñecida ata o de agora formada polo fondo de infraestruturas do Banco Santander, Caja Rural de Burgos, Caja de Burgos (agora dentro de Banca Cívica) e Aciturri Aeronáutica (grupo empresarial burgalés), fíxose coa empresa Estela eólica no mes de Maio. Curiosamente nese mesmo mes a Xunta presentaba oficialmente, no Consello Galego de Medio Ambiente, os primeiros datos do que sería o novo plano de residuos 2010-2020, na que o groso do investimento adicábase a macroplanta incineradora do Sur de Galiza. Unha macroplanta que, ó igual que o novo plano de residuos, está sendo levada con absoluto escurantismo por parte da administración, sen ningún tipo de participación social e sen acceso posible á información por parte dos colectivos implicados. O que tamén chama a atención é que o novo plano de residuos inda non está aprobado – farase o mes que ven – pero o conselleiro de Medio Ambiente, Agustín Hernández, xa confirmou o pasado día 23 que intentará encaixar a oferta no Plan de Xestión de Residuos Sólidos Urbanos (PXRSUG) 2010-2020, “Dentro de él, se desarrollará este proyecto de acuerdo con la oferta que hizo este adjudicatario”, sen que se saiba, inda que si se intúe, onde será o lugar desta macroplanta e o tipo de tratamento que se lles dará ós residuos. Polos antecedentes ocorridos ata a data podemos prever que o lugar de elección para a ubicación da mesma será no Ribeiro ou nos seus redores, – a previsión 15
de que a chamada planta sur estea nunha zona limítrofe entre Pontevedra e Ourense e ben comunicada, autovía e tren, e algo que xa quedou plasmado nos documentos previos deste novo plan e destapado no mes de Marzo polo “heroe contemporáneo” Luís Lamas, actual presidente de Sogama, manifestando que a idea era facer outra incineradora no sur de Galiza “para reducir gastos de transporte” – ademais do máis que posible emprego da valorización enerxética – un método excelente para a obtención de máis e máis cartos para os petos dos de sempre, pero que medioambientalmente é un auténtico disparate, estando a anos luz de calquer plantexamento ecoloxista – , o que se traducirá nun macroproxecto que levará consigo a instalación dunha ou varias plantas incineradoras, “Compre dicir que se primará a valorización dos residuos, o que non se poida reutilizar ou reciclar vaise valorizar, xa que a idea é reducir o nivel de residuos”, segundo declaracións da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas feitas o 30 de novembro ó periódico La Región. Coto do Frade quere denunciar que, o igual que o modelo proposto polo anterior goberno, prima o negocio como eixo fundamental, baseado na creación de infraestruturas e non na xestión sustentable dos residuos. Non existe unha información clara senón que trátase sistematicamente de confundir a opinión pública, buscando a confrontación social como método para distraela atención do que verdadeiramente está a ocorrer. O único certo polo de agora é que a creación dunha macroplanta – a nova planta terá unha 16
capacidade para “xestionar” entre 600.000 e 900.000 toneladas de lixo anuais (dependendo das fontes consultadas, administración ou propia empresa, a capacidade da planta varía “simplemente” en 300.000 toneladas, ata ese extremo chega o nivel de desinformación á poboación galega), incluído depósito en vertedoiro – que concentre toda a merda do sur de Galiza, máis o sobrante de Sogama, nunha zona en concreto é unha realidade que están dispostos a impoñernos a calquer prezo, incluíndo a nosa propia saúde e a do entorno que habitamos e do que dependemos. O único certo é que a única modificación ó anterior modelo Sogama, condenado ó fracaso dende o momento mesmo da súa creación, é que este tiña un 51% de participación pública mentres que a nova planta que nos tratan de impoñer financiarase 100% con capital privado, todo un despropósito que significará que mentres se siga mercadeando co lixo non se deterá o aumento na produción deste – unha produción que aumenta un 4,76% anual, mentres que a poboación galega segue estancada dende hai 20 anos – e que nos levará a unha produción de dous millóns de toneladas de lixo anuais, necesitando nun futuro próximo a creación e ampliación de macrovertedoiros que poden levar a un grave problema de salubridade pública e que a algún veciño lle tocará ó carón da súa casa.
17
A crise das vanidades Antes de facer ningunha valoración ou reflexión neste artigo, quero deixar claro, como ser humano, que fódeme moitísimo o que está a pasar, ollar persoas que perden todo, traballo, casa, parella, familia, dignidade autoestima…, calidade de vida en definitiva, por un embrollo de acontecementos dos que seguro non eran conscientes de que puidera acontecer, pero que indirectamente participaron nunha pequena medida, por exemplo deixarse enganar pola banca, o entorno, os amigos e os cantos de serea de tódala clase política, de que éramos a ostia, que podíamos ter de todo, a champions league, o mundial, piso de 150.000 euros con 3 dormitorios, 2 cuartos de baño, salón, cociña e regalábante o fallado e o carro último modelo de 30.000 euros na porta coa chave posta, daba igual que o roubaran, tiñamos para outro, xa pagarías a 25, 30 ou 45 anos, que máis dá, esquecíame da tele de plasma de 42 polgadas …. MERCAR, MERCAR, MERCAR, MERCAR …
18
O que realmente se estilaba era aparentar o que un realmente non tiña. E pobre de ti como viviras de aluguer e tiveras un carro de segunda man, deses que consegues por 1.500 euros, eso si, pagado en efectivo, neste caso eras o último, un paria da terra, en definitiva eras un merdas se tiñas un televisor con cu, pero funcionaba e estaba pagado. OUTRA FORMA DE CONSUMO MÁIS RESPONSÁBEL. Pero chegou quen tiña que chegar, a crise, as choivas e soprar moito vento, nas casas empezouse a racionalizar o uso da luz (non tiñamos para pagar recibos), as fábricas deixaron de producir e os concellos a apagalas luces pola noite (non por aforro enerxético, senón porque non hai un can nos concellos), enriba choveu moito e os ríos cargados e as centrais non paraban de producir electricidade e soprou moito aire (cicloxénese explosiva) e os molinillos non pararon de xirar e xirar. En 2009 e 2010 batéronse records de produción hidráulica e eólica, e as plantas térmicas das Pontes e Meirama rebaixaron até o 25% a súa produción, traballaron 80 días nas Pontes e na outra 63 días. Estas dúas centrais térmicas estiveron funcionando con respiración asistida os anos 2008, 2009 e 2010 pola forte baixada da demanda eléctrica e o incremento desorbitado na produción de enerxía hidráulica e eólica na comunidade galega, xa que se deron picos na que a rede eléctrica era incapaz de absorber toda a electricidade que se estaba a producir cas renovables en Galiza, e non había ningunha necesidade de queimar carbón nas térmicas para dar abasto a demanda de electricidade actual. O decreto do carbón ven a dicir que do total da produción eléctrica, un 13% ten que ser para carbón nacional e non o 9% que era na actualidade, deixando fora ás plantas galegas o traballar estas con carbón foráneo dende o ano 2008, ambas centrais esgrimen na súa defensa que Galiza é xunto con Asturias, a única comunidade que se adaptou ós compromisos de Kioto, xa que as emisións son tremendamente inferiores ás do ano 1990, a situación non é que 19
Galiza cumpra con Kioto, senón que o requetecumple, a mostra é que detrás desta positiva evolución atópase a crise, que provocou unha caída impresionante na demanda, entre o 2007 e 2009, a planta das Pontes reduciu a súa liberación de dióxido de carbono en 3.700.000 toneladas, un 41% menos e a de Meirama o recorte alcanzou un 71%, para este ano e os vindeiros as perspectivas non son mellores, e no que levamos de 2010, a central de Meirama só estivo activa 15 días, pese a esta drástica redución da contaminación, os galegos seguen sendo os cidadáns do Estado español con maior renda per cápita de emisións con 9.92 toneladas fronte o 4,50 da media nacional. En definitiva se as emisións contaminantes na Galiza baixaron, foi sobre todo pola crise, non polas políticas para diminuír a contaminación e cumprir co protocolo de Kioto. En definitiva, cantos menos cartos menor contaminación e a xente consume con máis sentidiño, a ver se desta aprendemos polo menos algo, con rescate ou sen rescate. Polo peche definitivo das Pontes e Meirama, ….Endesa e Gas Natural non entrarán en crise, aínda que cerrasen ambas térmicas.
20
Aínda que trataremos de enfocar o groso deste artigo na realidade dos incendios forestais galegos, quixeramos facer un inciso en que a Península Ibérica leva anos soportando vagas de lumes que se prolongan durante todo o verán, chegando a rexistrar o 80% do total dos incendios forestais europeos. Mesmamente, no Estado Español, o número destes non deixou de aumentar dende os anos 60, pasando dos 2714 lumes contabilizados no transcurso da primeira década na que o Ministerio de Medio Ambiente comezou a levar a conta deste tipo de sinistros (1966-1975), ate os 20887 computados no decenio rematado no 2005. Durante este verán, déronse varios lumes na nosa comarca, coma os sufridos polos veciños do pobo de Vivenzo (Melón) ou como o que tivo lugar na zona d’A Ponte, no concello d’Arnoia, reducindo a cinzas máis dunha adega e estando a piques de queimarse algunha que outra casa. Incendios, dos que non informou a Xunta, posto que durante a campaña antiincendios adicáronse soamente a dar datos daqueles nos que arderon máis de 20 hectáreas de superficie. 21
Porén, a pesares deste intento de ocultar a existencia destes lumes, que non contan para a administración galega, a Galiza converteuse un ano máis nunha gran pira na que se queimaron un total de 13000 hectáreas, das que máis de 3000 foron en espazos protexidos (seguindo o balance anual da Xunta). Incendios repartidos en distintos incendios ó longo da nosa xeografía, coma os de Boiro (A Coruña), onde detiveron ó presunto autor e puxérono en liberdade nada máis prestar declaración; o de Negreira (A Coruña) ou o de Laza (Ourense), no que arderon máis de 1700 hectáreas pondo en xaque ó Parque Natural do Xurés, e non podendo obviar nesta enumeración o producido en Fornelos de Montes (Pontevedra), no que perderon a vida dous brigadistas durante as labores de extinción. Malia que Galiza posúe un clima húmido e tan só representa o 7% da masa forestal do Estado Español, protagonizaron o 53.56% dos incendios declarados no último decenio, polo cal, un 25.36% do total da superficie arrasada polo lume entre os anos 1996 e 2005 pertencía ós nosos montes. Desgraciadamente a meirande parte destes atentados medioambientais foron provocados pola man do home, xa ben sexa por intereses, enfermidades mentais ou por mor de accidentes ou descuidos á hora de facer labores de traballo ou lecer no monte ou no campo. Tendo en conta todo o anteriormente mencionado, queremos denunciar o recorte presupuestario que prevé o executivo de Alberto Núñez Feijoó para o vindeiro ano e por segundo ano consecutivo, na partida adicada á loita contra os incendios, sendo 6.1 millóns inferior á do ano 2010 e 17 millóns menor que a do 2009. Adicando a meirande parte destes cartos a efectivos e material de extinción, e mermando dun xeito máis sangrante a cuantía adicada á prevención nesta materia ou á ordeación da masa forestal galega.
22
Con estes e outros recortes previstos no presuposto para o exercicio do ano 2011 polo Goberno da Xunta, no que a Consellería de Medio Rural respecta, vóltase a obviar a posta en valor do rural. Cuestión fundamental para que a cidadanía volte a vivir de cara ó monte obtendo deste e do campo os recursos necesarios no día a día daqueles que viven a carón del, e que reflictan no resto da sociedade, só deste xeito a xente voltará a darlle ó monte o valor que realmente ten. Mesmamente lamentamos que un ano máis, a Xunta teña como principal medida de prevención de incendios que a climatoloxía que nos depare o verán sexa adversa para que se produzan estes sinistros.
O passado sábado dia 23 de Outubro, umhas 20 persoas assistimos a um colóquio sobre o projeto de criaçom de banca ética, chamada FIARE na fundaçom comarcal em Ribad’avia, onde o seu coordenador para a Galiza, Raúl Asegurado debulhou as bases e os objetivo que se pretendem como a criaçom desta cooperativa de crédito social.
23
A história de FIARE é um projeto que nasce no 2003 para a promoçom da banca ética co objetivo de criar umha ferramenta de intermediaçom financeira (em forma de cooperativa de crédito) que vele polo interesse comúm, pola participaçom e a transparência, e polo serviço à justiça. Isto permite dirigir o aforro de persoas, famílias e organizaçons cara a projetos que suponhem umha transformaçom da nossa sociedade e rescatar o valor social do dinheiro e a actividade econômica, ponhendoos ao serviço dum mundo máis justo, humano e sustentável. Fronte ao sistema bancário especulativo imperante, Fiare proponse: - Financiar unicamente atividades econômicas com impacto social positivo. - Oferecer ao aforrador e investidor responsável a possibilidade de apoiar estas atividades. Esta organizaçom opera guiada pela avaliaçom ético-social dos projetos, a transparência real, o trabalho em colaboraçom côas redes locais existentes e a ausência do ânimo de lucro. Desde 2004, Fiare já funciona como prestadora de serviços financeiros, como agente da Banca Popolare Etica (Banco ético italiano referente em Europa) o que lhe permite ofertar diferentes produtos de aforro que estám a possibilitar já a concessom de créditos para organizaçons, empresas e atividades que trabalham em diferentes âmbitos de transformaçom social, tanto no Norte como no Sul. Esta atividade financeira será trasladada à nova Cooperativa de Crédito que as redes territoriais constituirám no Estado espanhol. A princípio de 2010 existem mais de 23 milhons de euros de aforro e apoiouse o financiamento duns oitenta projectos por valor duns 13 milhons de euros. Paralelamente a esta atividade financeira de FIARE como agente da Banca Popolare Etica, o proceso de FIARE como entidade autônoma segue avançando polo que se está a lançar umha campanha de captaçom de capital social para 24
assim poder operar como umha cooperativa de crédito, reconhecida polo Banco de Espanha, para obter a licença bancaria, que avaliará o seu funcionamento como banca ética. Este é um dinheiro que aportam @s soci@s e que podem recuperar. Os requisitos do BdE(Banco de Espanha) é ter 18 milhóns em depósitos (quantidade já conseguida e superada) e 4 milhons de capital sócial (onde a finais de 2009 anda cerca dos 1,9 milhons de euros). Existem vários tipos de quotas diferentes: - Para persoas jurídicas, com um mínimo de 600€ para asociaçons e de 1.800€ para instituiçons públicas e empresas. - Para as persoas físicas o mínimo som 300€.
Um aspecto essencial da identidade do projeto está em que se fundamenta no protagonismo das redes cidadáns. Tratasse de ponher em mans da 25
cidadania a decisom e o controlo sobre o bom uso dos seus quartos, particularmente em mans das entidades e persoas comprometidas côa transformaçom das nossa sociedades injustas.
O papel de moitas persoas organizadas e implicadas resulta essencial para este projeto, que conta co apoio e trabalho de mais de 220 asociaçons e de mais de 1.100 persoas a 31 de maio de 2010 em todo o estado espanhol. Máis informaçom em: Blogue: fiaregz.wordpress.com Mail: fiaregz@proyectofiare.com Web: www.proyectofiare.com
26
Magosto 2010 Como cada ano por estas datas, os membros e simpatizantes de Coto do Frade reunímonos na Picuxa co gallo do magosto. Aínda que o lugar previsto para a xuntanza era a area recreativa a carón de Pena Corneira, onde tiñamos intención de facer un pequeno roteiro ata a planta de lodos de Lamas, a chuvia obrigounos a procurar outro lugar. Na comida puidemos desfrutar do tradicional menú a base de empanada e churrasco (con chourizos e criollos). Non faltaron o postre, o viño, os licores e por suposto as castañas. Case 40 entusiastas defensores da natureza desfrutaron, ata máis alá das 7 da tarde, desta xornada que na sobremesa foi enchida de cancións populares e amenizada con música de acordeón e pandeireta. O remate, absolutamente tódolos asistentes, meniños e non tan meniños, acabamos coa cara pintada de negro, como tamén é tradicional no magosto. Coto do Frade aproveita estas xuntanzas para cambiar impresións cos seus socios e así coñecer inquedanzas e opinións de primeira man, sempre nun ambiente agradable e distendido. As castañas ben se comen, o viño vaise bebendo; o cariño vai entrando: a honra vaise perdendo… (Popular)
27
PP (Pelotazo Popular) Unha nova volta de torca do goberno do PP, de mans do excelentísimo conselleiro de Medio Ambiente Agustín Hernández, propiciará a especulación urbanística en solos de especial protección de Galiza, amparándose en medidas que se aplicarán “excepcionalmente…, cando a utilidade pública o xustifique”, segundo un comunicado do departamento de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, que dirixe o propio Hernández. Para entender todo isto o primeiro que debemos facer é comprendelos antecedentes. A Xunta de Galicia aprobou o 25 de Marzo deste mesmo ano, a Lei 2/2010 que modificaba en parte a Lei 9/2002 de 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galiza. Esta lei, a todas luces un primeiro paso para lograr esta segunda volta de torca, xa foi emprazada tanto por Coto do Frade como pola Federación Ecoloxista Galega e outras asociacións para interpoñer un recurso de inconstitucionalidade ante distintos estamentos do Estado español, por non protexer de xeito efectivo e integral o litoral galego, os espazos naturais e protexidos tanto da costa como do interior, a biodiversidade, os hábitats protexidos e a Rede Europea Natura 2000, ademais de bosques autóctonos, montes, praias, ríos….; abocando ó medio rural e ó territorio galego en xeral a unha gran desprotección e destrución, infrinxindo gravemente a normativa ambiental e urbanística superior (constitución do Estado español, sentencias do tribunal constitucional, normativa europea, lei de costas do Estado español, …etc.).
28
Grazas a este recurso, o Ministerio de Medioambiente español xa declarou que ve indicios de inconstitucionalidade en catro preceptos da norma por entender que a Xunta se extralimita nas súas funcións e interfire nas competencias do Estado en materia de costas. Entre esas interferencias figuran a capacidade da Xunta para xestionar determinados usos nas zonas de dominio público marítimo – lembremos a pretensión da construción de plantas de acuicultura en plena Rede Natura, como por exemplo a de Cabo Touriñán (un terreo dunhas 120 hectáreas mercado por Pescanova que xa foi declarado como de Interés Comunitario, coa existencia de hábitats prioritarios de flora e fauna), onde o actual presidente da Xunta respondeu a unha emenda admitida a trámite polo Parlamento Europeo para impedir precisamente a instalación deste tipo de plantas en plena Rede manifestando “la ley es la ley, pero la Xunta hará una piscifactoría en Touriñán (La Voz de Galicia, 23/3/2010), con dos cojones-.
Terreos onde se pretende construír a piscifactoría de cabo Touriñán
29
Tamén mencionar aquí a pretensión de legalización de construcións levantadas sen licenza e con anterioridade o 1 de Xaneiro de 2003 e sobre as que non pese expediente ningún. É dicir que, se o presidente da Xunta, o conselleiro de Medioambiente ou o de traballo ou algúns dos seus amigotes e familiares teñen unha construción megalítica – tales como urbanizacións ou parques empresariais, por poñer un exemplo – en plena costa, ou na Rede Natura ou en zonas de especial protección…, crease unha lei que fará que deixen de ser ilegais para pasar a un estado, non de alegalidade nin moito menos, senón de construcións perfectamente legais que cumpren tódolos requisitos para estar onde están. Tendo en conta que a lei e os xulgados están demasiado colapsados para abrir expediente a tódalas construcións ilegais feitas nos últimos sete anos – ou que a xustiza é moi lenta, según se mire -, podemos prever que o número de legalizacións de construcións totalmente ilegais será un absurdo. O ministerio de Política Territorial do Estado español, a instancias do de Medio Ambiente, xa enviou unha “carta de cooperación” (Faro de Vigo, 13/7/2010), na que advertía a Xunta que ten que reformar a redacción destes catro preceptos se quere evitar que a lei acabe recorrida no Tribunal Constitucional. E agora ben o bo, despois de que tanto Xunta como Goberno español puxeran en marcha unha comisión encargada de negociar os artigos cuestionados e solucionar discrepancias, a Xunta, recurrindo a Lei de Acompañamento dos Orzamentos que permite realizar modificacións sen recurrir o trámite parlamentario, deslizou habilmente dentro desta lei cinco emendas dirixidas a corrixir a Lei do Solo – o martes, 23 de novembro, o Parlamento galego iniciou a súa tramitación -, pero non para evitar que esta sexa recorrida polo Tribunal Constitucional aumentando as figuras de protección, nin moito menos, senón que está servirá para aumentar a desprotección das concas fluviais e dos espazos naturais, ademais dos terreos agrarios e forestais.
30
Así, dun so golpe, seis categorías de solos rústicos especialmente protexidos desaparecen da Lei do Solo – protección de infraestruturas, das augas, de costas, de espazos naturais, da paisaxe e de zonas con interese patrimonial, artístico ou histórico -. Só se manterá a de protección agropecuaria e forestal, pero cun cambio adicional que permite a instalación de industrias o cal, a efectos prácticos, significa a desaparición tamén desta protección en solos rústicos, que só precisarán dun informe favorable do departamento de medio ambiente, o mesmo que está a modificar todos estes artigos da lei da que estamos a falar, para legalizar proxectos amparándose nunha suposta “utilidade pública”. Do mesmo modo, o retirar este muro de protección legal, tamén se permitirá a construción no mesmo ámbito de equipamentos públicos de interese xeral. Así á construción de naves, fábricas e polígonos industriais en zonas de especial protección, haberá que sumarlle a posibilidade de edificación de residencias para anciáns, hospitais ou centros de saúde. O que en poucas palabras pódese considerar como unha porta aberta de cara á especulación. O primeiro paso de todo este tinglado é a cobertura xurídica para oito parques empresariais – polígono de Barbanza, plataforma loxística de Mandiá, Campus Industrial de Paderne de Allariz, os de Taboadela e A Gudiña, ampliación do de Pousadoiro, A Arroufana e o de Bueu Cangas, ademais do parque empresarial de Lavacolla, proposta esta última de Medio Ambiente -, onde a superficie de solo rústico protexido de estes oito parques supera os 3,4 millóns de metros cadrados, o que supón un 41% da superficie total conxunta. Unha auténtica barbaridade. Hai que salientar que o anterior goberno do bipartito (tan anxiños eles agora) xa pretendía legalizar estes oito parques, o que parece é que na nosa terra non hai máis sitios para construír que en zonas onde existe unha protección especial e que se deberían adicar para outros usos. Estamos 31
desprotexidos ante a clase política, sexa do signo que sexa, capaces de modificar leis o seu antollo sen ningún tipo de participación cidadán, ou o que é peor, cando esta participación existe e os que temos algo que dicir opinamos, menosprézase a nosa voz porque é considerada inferior a dos nosos noxentos políticos. Que sigan legalizando o ilegalizable, privatizando o que debería ser de uso público e dándolle poder ás empresas por diante dos cidadáns, poñéndonos a todos o servizo do capital. Que rematen coa biodiversidade, a maior riqueza do noso pobo. O pan de hoxe será a fame de mañá.
32
saúde
Nadal e Dietas Como sempre, chegadas estas datas veñen con elas días de abundancia culinaria, ¿estarán disputadas ás festas de Nadal co seguimento dunha dieta pautada previamente co fin de perder peso? Realmente, ó igual que outras datas gastronómicas sinaladas no calendario, non deberiamos preocuparnos en exceso sempre que limitemos o consumo de certos alimentos como os doces (non se trata de non catalos senón de facelo con mesura) e as bebidas alcohólicas (todo o que leva alcohol contén azucres polo que son calorías extra que nos metemos entre peito e costas). Se analizamos con calma o que acontece todos os anos por estas datas, sempre acaba sobrando unha gran cantidade de comida, polo que podemos concluír que se cociña demasiado, e é que o problema ao final non é que os pratos preparados engorden moito senón que comemos (mercamos e cociñamos) máis do que necesitamos, vexamos: as comidas típicas destas datas adoitan estar preparadas ao forno ou cocidas (bacallau, coliflor, cordeiro, cabrito, carne asada) estas formas de preparación son as que se recomendan habitualmente nas axudas para perda de peso polo que o problema final non está no que comemos senón en canto comemos.... Probablemente as recomendacións son que non debemos "picar" de diferentes aperitivos senón que recompilar no prato o que vaiamos comer para facernos unha idea da cantidade, e posteriormente tomar o segundo prato (evitar esas ceas ou comidas de innumerables pratos con infinitas sobremesas) para rematar coa sobremesa (seleccionar que imos comer e non comer por inercia).
33
Unha reflexión final: máis vale pensar en canto imos comer eses 4 días sinalados (si só son 4) que pasarse a unha dieta excesivamente estrita cando remate o Nadal porque eses 2-3 Kg que se gañan en tan pouco tempo nos martirizarán uns cantos meses...
Lembrádevos de aboar a vosa cuota neste número de conta:
0072/0303/52/0000104756 BANCO PASTOR
Gracias a tod@s vós existe Coto do Frade!!!
34
35