Os múltiples achados contrastan coas escasas investigacións na arqueo...
1 de 1
http://www.culturagalega.org/noticia.php?id=14338
os múltiples achados contrastan coas escasas investigacións na arqueoloxía mergullada
Últimas historias do fondo do mar
Achados de importancia de épocas diversas é quizais a boa nova a respecto da nosa arqueoloxía subacuática. No entanto, a tendencia máis importante neste ámbito é o feito de que a maior parte dos achados están pendentes de futuras investigacións. Yago Abilleira, da Federación Galega de Actividades Subacuáticas, explícanos polo miúdo as novas deste mundo. A comezos do mes de marzo, o Museo do Mar acollía as primeiras Xornadas sobre Arqueoloxía Subacuática que organizou a Federación Galega de Actividades Subacuáticas. Entre os diferentes relatores, Yago Abilleira, responsable de arqueoloxía deste colectivo, desenvolveu unha conferencia na que resumiu as máis recentes actuacións que se deron neste ámbito nas nosas costas. Segundo explica, “a principal novidade é que por fin se está a facer arqueoloxía subacuática en Galicia. Imos con bastante atraso con respecto a outros lugares do Estado, pero mais vale tarde que nunca”. Entre outras medidas, “están a se facer sobre todo prospeccións nas obras de peiraos e de zonas onde se van fazer recheos, aínda que na maior parte das veces non aparece nada ou case nada”. De calquera xeito, a repasar os achados e as investigacións dos últimos anos, verifícase que “hai moitos achados máis ou menos fortuítos por partes de mergulladores” e poucas investigacións a fondo dos restos que aparecen. A Mariña A facer un repaso polos descubrimentos máis recentes, Abilleira explica que “na ría do Eo apareceron recentemente canóns e balas dunhas fragatas españolas. Son restos dun combate que houbo en 1619. Ao se veren superados en número, a tripulación preferiu afundir os buques antes que entregalos”, explica Abilleira. A zona, no entanto, está chea de area e cómpren novas indagacións para verificar a importancia dos restos e a súa conservación. Seguindo na Mariña, “na ría de Viveiro están os restos da Magdalena e do Palomo, de 1810 que merecen un estudo arqueolóxico. Xa foron expoliados e dinamitados, pero hai pouco mergulladores deportivos confirmaron que aínda quedan restos”, explica Abilleira. “Son interesantes porque amosan a evolución da arqueoloxía naval na época”. Alí perto, na ría de Viveiro, está a nao de Xove, o San Ignacio, que afundiu no século XVI con toda a súa carga. “Unha draga que atopou un sacou un anaco de madeira e mandou os arqueólogos a que botasen unha ollada superficial. Pero ese anaco que se recuperou sinala que é un barco que está nun estado de investigación único en Europa, co cargamento completo”. A importancia da afección Boa parte das descubertas históricas que aparecen nos nosos fondos mariños débese aos membros dos clubes deportivos. “Hai moita xente interesada na historia naval, en localizar afundimentos. Xente que tamén se mergulle son menos, pero en xeral toda a xente que fai submarinismo ten tamén interese por eles. Ao servir de refuxio para os peixes son sitios que teñen moita vida. E logo hai xente que lles gusta atopar canóns ou áncoras... ao mellos poemos falar de mil ou mil trescentas persoas en todo o país”. Destes colectivos, Abilleira apunta que “a este nivel estanse a buscar dous submarinos alemáns que están nas nosas costas. Un da Primeira Guerra Mundial, na Ría de Ferrol e outro en Estaca de Bares, da segunda, que afundiron os ingleses”. Tamén foron membros de clubes de mergullo os que se preocuparon de visitar os restos da flota inglesa que a Batalla de Elviña deixou no mar. Tamén o Club de Mergullo Finisterre localizou un vapor a corenta metros de profundidade, e outro, o Montparnasse, que xa está desguazado e que é o máis grande que se localizou nas nosas costas”. No Clube de Buceo Ons atoparon áncoras de pedra e de ferro e mesmo restos dun submarino nas proximidades desta illa. “Son restos que están dinamitados do submarino General Mola, que cando ía a se desguazar foise contra a illa. En Onza está un patrulleiro francés da II Guerra Mundial, ao que foi a armada sen permiso”, suponse que coa idea de retirar posibles explosivos. O mesmo colectivo localizou en Bueu unha áncora de pedra de época castrexa encaixada entre dúas rochas na súa posición orixinal. “Isto achega moitos datos que permite confirmar como se empregaban estes aparellos”, explica Abilleira. Armada e arqueólogos Encol da zona de Fisterra, estes mergullador explica que “en Touriñán apareceu un canón de bronce da flota de Martínez de Padilla, de 1596”. Esta armada, ao xeito da Invencible, dirixíase a Irlanda con vistas conseguir unha sublevación da illa contra Inglaterra. Un temporal frustrou a aventura ao esmagar os barcos contra Fisterra. Doutro dos buques da flota recuperouse unha roda blindada de canón, a segunda máis antiga do mundo que se conserva. Pola banda de investigadores profesionais, nesta mesma área Miguel San Claudio, aproveitando as novas tecnoloxías, “localizou moitos naufraxios, tanto antigos coma modernos, mercantes, vapores, galeóns...”, lembra Abilleira. Unha das grandes novidades que se deu no noso país nos últimos anos foi a primeira experiencia de arqueoloxía baixo un río, a busca de restos romanos na desembocadura do Ulla. Pendentes de publicar os resultados deste traballo, os primeiros achados da empresa Argos son prometedores e apunta a existencia de estruturas romanas na zona. De novo foi Miguel San Claudio o responsable das prospeccións no Parque das Illas Atlánticas, que deron tamén na aparición de restos de cerámica castrexa e mais áncoras de pedra, así coma das catas no porto de Baiona, onde apareceron restos de cerámica e dun canón. Un bou de comezos de século XX en Vigo completa os achados dos últimos anos nas nosas augas.
“Estase comezando e hai moito traballo por facer. Pór todo a andar é complicado e hai traballo atrasado”, explica Abilleira. Como unha das actuacións máis urxentes, este arqueólogo destaca a necesidade de actuar na Nao de Xove. “Temos unha nave nun estado óptimo que pode achegar moitos datos sobre como se vivía no día a día, o que se comía ou que ferramentas empregaban. É algo tremendo”, completa.
culturagalega.org Consello da Cultura Galega. | http://www.consellodacultura.org Pazo de Raxoi, 2 andar. 15704 Santiago de Compostela (Galicia) Tfno: 981957202 | Fax : 981957205 | e-mail: redaccion@culturagalega.org
01/12/2011 17:38