2 minute read

Concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua

OSan Froilán é a nosa festa, e como todas as festas, incita á troula, ao baile, a pasear rúas e prazas, a desfrutar da música e da compaña dos seres queridos. Pero San Froilán é diferente, marca a entrada do outono e por iso se coñece como a gran festa do outono. Pero para moitas de nós, ademais, marca tamén o comezo do ano, como se fose unha especie de curso escolar para aquelas e aqueles que xa deixamos atrás eses tempos. Comezamos o noso ano, o noso curso, compartindo momentos nas barracas, nas verbenas, atacándolle ao polbo e sorprendéndonos cunha millarada de espectáculos de todo tipo pensados para ilusionarnos, escapar da rutina e encher o peito de orgullo por sermos quen e de onde somos.

As nosas festas falan de nós, son o noso escaparate, unha fiestra a través da cal o resto do mundo pode ver o mellor de nós, coñecernos e intercambiar experiencias. As persoas que nos visitan durante as festas, non o esquecen e abraiadas espallan polo mundo adiante as nosas bondades. Ese é o grande mérito das nosas festas, as persoas que habitades, conformades e enchedes de vida a nosa cidade. Lugo e o San Froilán brilla grazas ao voso optimismo, ao voso sorriso amigo e cómplice que convida, atrae e engaiola a quen se achega á nosa cidade e despois duns días en Lugo, convértese en embaixador ou embaixadora das nosas virtudes. Gocemos todas e todos da nosa cidade nos seus mellores días, co seu engalanamento e con esa sensación ilusionante de que todo é posible. Fagámolo con saúde. Compartamos todas e todos, familia, amizades, veciñanza e visitantes a nosa algarabía festiva. Fagamos de Lugo un sitio aínda mellor durante os primeiros días de outubro. Fagámolo igual que o fixemos os últimos 268 anos. E comecemos o ano, porque como xa dixen, así contamos os anos en Lugo, cos petos cheos de ilusión e felicidade para facer a viaxe máis levadeira. E aproveitemos para encher a mochila de quen nos visita e da comunidade lucense da diáspora de recordos imborrables aos que agarrarse no inverno. As festas de San Froilán son as que máis xente convocan e as de máis prestixio de todas cantas hai na Galiza e pechan o ciclo festivo do país. Abramos a porta ao inverno da mellor das maneiras, como só nós sabemos facelo, sanfroilaneando.

Advertisement

Lugo é mellor e máis fermoso, se cadra, no San Froilán. Boas Festas! Tareixa Antía Ferreiro Tallón. Concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua.

This article is from: