Marxismo básico.

Page 1


Karl Marx, nado en Maio de 1818 nunha cidade pertencente no momento ao Reino de Prusia (Alemaña). En 1844 trasládase a París. Alí coñece a Engels, nado nunha familia conservadora e quen se achegou ás míseras condicións de vida dos traballadores da primeira potencia industrial do mundo (Inglaterra) estando ao frente dos negocios familiares. Traballaron xuntos na análise dos principios do comunismo e na organizción do movemento internacional de traballadores. Escriben Die heilige Familie (A Sagrada Familia) e Die deutsche ideologie (A Ideoloxía Alemá) contra Feuerbach e os hegelianos por idealistas. Dous anos máis tarde unifican o movemento na Liga dos xustos (Liga comunista) co Manifesto Comunista. Marx escribiu tamén Das Kapital (O capital), unha análise histórica e detallada da economía do sistema capitalista. Desenvolveu a teoría na Kritik des Gothaer Programms (Crítica do programa de Gotha): “Entre os sistemas capitalista e comunista, atópase o período de transformación revolucionaria dun no outro. Esta fase corresponde a un período de transición, no que o Estado non pode ser outro que a ditadura revolucionaria do proletariado” Disolveu a Liga Comunista e fundou a I Internacional.


·Ninguén nace marxista. · As marxistas realizamos unha reflexión da estrutura económica, social e política, e defendemos un novo modelo socioeconómico. (Diferenza entre estrutura e superestrutura) · Hai diversas concepcións do mundo, progresivas e reaccionarias. As ideas reaccionarias son aquelas que se basean en idealismos. As marxistas non admitimos a existencia de seres sobrenaturais e creadores; vivimos na realidade marial e natural que nos rodea. Baseámonos na ciencia, pois a natureza ten as súas propias leis e mediante estas cambia e evoluciona. (Diferenza entre idealismo e materialismo) ·A teoría marxista non é un dogma, senón que proporciona unha base científica á política revolucionaria. Non nos guiamos por desexos obxectivos, pois podemos caer en soños e non axustarnos ás leis naturais. (Materialismo dialéctico) ·A teoría marxista responde á misión histórica da clase obreira: liberación de oprimidas e explotadas. (Materialismo histórico) · Por último, é importante que aprendamos a comprender a economía (estrutura) do capitalismo para poder entender a sociedade.


MATERIALISMO E IDEALISMO. · Materialismo: corrente filosófica oposta ao idealismo que postula a materia como substrato de toda realidade, sexa concreta ou abstracta (ideas, pensamento). A materia é toda realidade obxectiva que nos vén dada nas sensacións; V.I. Lenin. Polo tanto, a materia é independente da conciencia(/pensamento/ideas), pero non ao revés: hai materia sen conciencia, pero non hai conciencia sen materia. A conciencia encárgase de descubrir e probar as leis naturais, as leis naturais non se axustan á nosa conciencia. A conciencia non se forma por contemplación pasiva, senón mediante práctica e interacción activa, traballo. A práctica ten prioridade sobre a teoría, o traballo sobre a conciencia. · Idealismo: afirma a primacía das ideas ou a súa existencia independente; supón que os obxectos non poden ter existencia sen que haxa unha mente consciente destes. 1. Idealistas obxectivos: afirman que existe o espiritual fóra e de forma independente dos homes. 2. Idealistas subxectivos: afirman que o ser humano trata só con fenómenos da súa propia conciencia e que calquera outra cousa non é real.


MATERIALISMO DIALÉCTICO: análise científica das condicións reais de vida dos seres humanos e das súas necesidades, non o que estes pensan que son. · Materialismo: Non é a conciencia dos seres humanos o que determina o seu ser, senón o seu ser social o que determina a súa conciencia; Karl Marx.

· Dialéctico: dálle importancia aos procesos, ás relacións, ás dinámicas e aos conflitos. É unha visión do mundo dinámica. O movemento é a única forma de ser da materia; F. Engels. Nace a partir do materialismo mecánico de Feuerbach e a dialéctica idealista de Hegel. Hegel era dialéctico pero idealista, Feuerbach era materialista pero metafísico. Supera o materialismo mecánico de xeito que non analiza a materia illada ou fóra de contexto, senón como unha transformación en relación co resto da natureza. É científico, polo que é un método de análise para tódalas sociedades e para tódalas épocas. Por exemplo, podemos tomar a Teoría da evolución de Darwin, que pon fin á idea de que as especies son inmutábeis, eternas e sen mínima relación entre si. Outro exemplo é a enerxía se transforma, non se crea. O materialismo dialéctico é unha actitude científica cara a realidade. Respecto á relación causa-efecto, a causalidade e tan só unha pequena partícula da concatenación universal; Lenin. A causalidade está subordinada aos desenvolvementos necesarios, aqueles cos que non pode pasar outra cousa que producirse. Esa necesidade está suxeita a leis naturais independentes da vontade dos seres humanos. Exemplo: envellecer.



Por último neste apartado, cómpre mencionar as contradicións dialécticas: fenómenos ou procesos contrarios que se exclúen mutuamente e que ao tempo presupóñense un ao outro, e que dentro do fenómeno dado existen unicamente en relación recíproca. Non podemos analizar os fenómenos de xeito estático, senón que temos que seguir o seu desenvolvemento. 1. Contradicións antagónicas: son as que se dan entre grupos ou clases con intereses contrapostos que non poden ser conciliadas. De aí vén a falsa argumentación revisionista e oportunista de non admitir que existe unha contradición entre a burguesía e o proletariado que non pode ser resolta por conciliación ou de xeito pacífico. 2. Contradición non antagónica: son as que se producen nunha sociedade onde os intereses fundamentais son os de tódolos membros, clases ou grupos que a conforman; de aí que esas contradicións non se resolva pola loita de clases, senón pola cooperación conxunta. Esta é a propia dunha sociedade socialista. Ademais non existe nada nun estado absoluto. Este proceso dialéctico de contradición entendémolo como afirmación/tese, negación/antítese e negación da negación/síntese. A dialéctica metafísica estuda os procesos de xeito illado: principio de illamento, as cousas son en si mesmas sen relación entre elas. Polo que acaba por rexeitar o principio de contradición.



MATERIALISMO HISTÓRICO: sostén que a historia humana está baseada na formulación de que a evolución social está definida polos cambios na estrutura. Nun marco teórico, explica os desenvolvementos da historia humana a partir de factores prácticos, tecnolóxicos ou materiais, en especial o modo de produción e as limitacións que este impón ao resto dos aspectos organizativos (aspectos económicos, xurídicos, ideolóxicos, políticos, culturais, etc.). Para o materialismo histórico os cambios tecnolóxicos e o modo de produción son os factores principais do cambio social, xurídico e político, e neses factores materiais dese tipo é onde deben buscarse as causas últimas dos cambios. As sociedades son herdeiras dos instrumentos de produción que crearon xeracións anteriores, e as novas xeracións van perfeccionándoas e modificándoas. A produción non é obra dun individuo, ten un carácter social. Neste proceso de produción de ben materiais, as persoas relaciónanse as unhas coas outras, converténdose o individuo nunha partícula do traballo social. Nun determinado grao do desenvolvemento, a propiedade dos medios de produción vai ser separada, o que establece no curso da produción relacións de clase. As relacións de produción son de índole material, e o seu carácter vén determinado polo nivel de desenvolvemento e o carácter das forzas produtivas.


ESTRUTURA (económica)

SUPERESTRUTURA (ideolóxica)

Modo de produción:

· Organización xurídico -política

· Relacións de produción: empresarios; obreiras.

· Conciencia ideolóxica: ética, filosofía, política, relixión, etc.

· Forzas produtivas: obreiras; maquinaria, minas… Condicións materiais de produción.

Establece un réxime xurídico-político que lexitime o poder e transmite a ideoloxía da clase dominante: “as ideas da clase dominante son as ideas dominantes de cada época”.

A superestrutura non ten historia propia independente, senón que está baixo os intereses da clase dominante, e só pode desenvolverse dentro dos límites da estrutura. Os cambios na superestrutura son consecuencia dos cambios na estrutura (economía). Os cambios dos elementos da superestrutura só se poden realizar coa completa comprensión da estrutura e dos cambios económicos. A estrutura determina a superestrutura. Isto tamén explica a idea de que non é posíbel a independencia do pensamento respecto ás condicións materiais específicas. Non se debe confundir co determinismo, pois actúa como condicionante, non como determinante. Doutro xeito, non poderíamos transformar. O marxismo explica ao ser humano e o seu desenvolvemento histórico a partir do ser humano como práctico transformador.



A SUPERESTRUTURA E O ESTADO. O Estado no capitalismo é un elemento da clase dominante para a opresión da clase dominada. Garante a dominación dos propietarios sobre os non propietarios baixo un mecanismo de dobre cara: a forza e o consenso. Sen clases non hai Estado. A proposta de Marx é a extinción do Estado. Refírese a chegar á realización dunha verdadeira comunidade humana, libre das diferenzas de clases, sen precisar soster toda esa estrutura de poder que regula as relacións entre opresores e oprimidos. Para isto é precisa a ditadura do proletariado. A abolición non é máis que a consecuencia natural desta superación do egoísmo humano e a súa paixón polo poder, que non son outra cousa que as bases do capitalismo. A abolición do Estado é un aspecto máis dunha ampla e profunda transformación da sociedade.


ESTRUTURA E CLASES. · Comunismo primitivo: sociedade sen clases polo escaso desenvolvemento histórico. · Escravismo: escravo e escravistas. · Feudalismo: servos e señores feudais. · Capitalismo: obreiros e burgueses. · Comunismo: sociedade sen clases polo alto desenvolvemento histórico. Unha clase é a explotadora porque posúe o control do proceso produtivo e o excedente (plusvalía). No capitalismo rómpese o proceso produtivo natural. Este proceso consiste na satisfacción das necesidades a través da transformación da natureza. Os humanos somos esencialmente produtivos, e para sobrevivir precisamos traballar en e coa natureza. O seres humanos deixamos de ser libres cando vendemos a nosa forza de traballo; é dicir, non posuímos os medios de produción, vendémoslla a quen os posúe. Todo isto produce a alienación, pois rómpese a interconexión natural das persoas entre si e o produto do seu traballo. A clase dominada crea produtos que a continuación escapan do seu control e determinan as súas condicións de vida, e as relacións humanas aparecen como relacións entre cousas (“fetichismo da mercadoría”). Como consecuencia, agóchase o carácter social do traballo e as mercadorías non son recoñecidas como produtos sociais, senón privados. Así, a sociedade cae na lóxica da mercadoría e deixa de verse coma un conxunto; deixa de verse coma unha construción humana e modificábel polo ser humano.


CONCLUSIÓNS DA CONCEPCIÓN MARXISTA. “As relacións económicas (estrutura) son as que determinan dialecticamente o curso da historia.”; “A historia é consecuencia do desenvolvemento dialéctico da estrutura económica, causa dos feitos e motor da evolución da humanidade.” No desenvolvemento das forzas produtivas chega a un momento no que se tornan en en forzas destrutivas (maquinaria e cartos), as crises, e unha clase que debe soportar tódolos inconvenientes da sociedade. As forzas produtivas son exercidas mediante a dominación, polo que a loita revolucionaria debe dirixirse contra a clase dominante. Mentres que as revolucións anteriores deixaron intacto o modo de actividade anterior, o socialismo e a ditadura do proletariado suprimirá as clases para unha sociedade comunista. Esta transformación só poderá conseguirse mediante unha revolución, pois é o único xeito de que a clase dominante sexa derrocada e que a clase revolucionaria sexa capaz de fundar a sociedade sobre novas bases.


CUESTIÓNS DE COMPRENSIÓN. · Estabas nun piñeiral cunha amiga e caeuche unha piña na cabeza. A túa percepción do sucedido é diferente á da túa amiga. A piña caeu porque sentes dor ou sentes dor porque che caeu a piña? A piña caeu porque a viches caer ou víchela caer porque caeu? A piña tería caído inda que ti non estiveras presente ou caeu porque estabas alí? · A terra experimenta a rotación e a translación, polo que está en continuo movemento. É unha afirmación materialista mecanicista ou dialéctica? · Por qué lanzar un balón ao aire non é un desenvolvemento necesario? Hai algún desenvolvemento necesario nesa acción (pode ser durante a acción, anterior ou posterior)? · Por que defender a existencia dun deus (ou varios) é unha teoría idealista? · Dicir que a evolución social vén determinada polo desenvolvemento tecnolóxico é unha afirmación materialista dialéctica? · Por que o ecoloxismo non é unha solución á destrución do capitalismo ou ao capitalismo mesmo? Colaborar cunha ONG é unha solución ao capitalismo?


ECONOMÍA. 1. Mercadoría. É todo aquilo que se pode intercambiar, vender ou mercar, pode ser un obxecto ou un servizo. Marx defínea como algo apto para satisfacer as necesidades humanas, sexan da clase que sexan; non como un valor que producimos para o autoconsumo 2. Valor da mercadoría: é de dous tipos. O valor de uso é o entendido como a utilidade, a capacidade de satisfacer algunha necesidade. O valor de cambio é a capacidade que ten o obxecto de intercambiarse por outras mercadorías, e hai que saber diferencialo do prezo, pois o valor de cambio mídese polo que pode ser intercambiado (non necesariamente por cartos). Son valores independentes dunha mesma mercadoría, pode ter moito valor de uso e pouco de cambio, e viceversa. Exemplos: o pan ten moito valor de uso e pouco de cambio; o ouro, pouco de uso e moito de cambio. A utilidade non determina o valor. Confundir valor e prezo leva a pensar que a lei de oferta e demanda determina o valor. Esta lei determina o seu prezo, non ao seu valor. Cando a oferta e a demanda coinciden (difícil no capitalismo), o valor sería equivalente ao prezo. Os cartos en metálico con unha mercadoría máis. A rareza (o ouro) da mercadoría tampouco a determina, senón a cantidade de traballo que custa a busca e a obtención de obxectos raros. Por exemplo, en lugares de seca, a auga ten máis valor que o ouro, e non aumenta nin diminúe de valor, pois non depende do traballo humano. Polo tanto, o traballo é a base do valor ou valor de cambio. Canto máis tempo requira a produción (o traballo mídese en tempo) dunha mercadoría maior será o seu valor.


O valor de cambio é unha propiedade da mercadoría que nace coa aparición da produción mercantil; é dicir, cando a produción está destinada ao intercambio. Nunha sociedade comunista, o valor de cambio ducha mercadoría desaparecería xa que desaparecería a produción mercantil.


3. Produción mercantil. O modelo capitalista é mercantil. Toda mercadoría cómprase e se vende, polo que a mercadoría é a célula básica da sociedade burguesa. Este tipo de produción naceu coa aparición da agricultura e a gandería, o que levou ao intercambio do excedente de produción. Para que exista, son necesarios os requisitos: división social do traballo e existencia de distintos propietarios independentes. A mercadoría percorre dúas esferas: produción e circulación (compra-venda; nunha economía monetaria as mercadorías intercámbianse por cartos, e os cartos por outras mercadorías). Se temos unha mercadoría (a nosa forza de traballo), intercambiámola por cartos, e os cartos empréganse para comprar outras mercadorías (a comida, a casa, etc…): M-C-M’. O capitalista posúe o esquema contrario: acude con cartos ao mercado, compra unha mercadoría e logo a vende por unha cantidade maior : C-M-C’. O capitalista converte o seus cartos en Capital mercando medios de produción e pagando a forza de traballo polo seu valor, é dicir, o que significa pagarlle ao traballador a cantidade de medios de subsistencia necesarios para repor a forza de traballo gastada polo traballador, non polo seu traballo.


Non debemos confundir forza de traballo (gasto de enerxía humana, física u intelectual, aplicado á produción) con traballo (mídese en tempo, actividade que se fai sobre a materia, produción dun obxecto). Tampouco medios de produción con medios de traballo: os medios de produción están formados polos obxectos de traballo (materia sobre a que traballamos, natureza) e os medios de traballo (obxecto que empregamos para a produción de mercadorías). Chegado o punto no que a obreira produce o valor da súa forza de traballo, segue traballando, segue creando valor. Este traballo non remunerado chámase plusvalor, que o capitalista recibe en forma de plusvalía.

A extracción da plusvalía é a principal forma de ganancia do capitalista, e tamén é a forma de explotación existente dento do capitalismo: a relación entre as horas de traballo pagadas e non pagadas constitúe o grao de explotación. No capitalismo só é posíbel crear valor mediante o plustraballo (traballo que produce un valor superior ao da forza de traballo).

A produción capitalista non é simplemente a produción de mercadorías, é esencialmente a produción de plusvalía; Karl Marx.


Sabendo isto podemos explicar máis detalladamente o proceso capitalista: C-M-M’-C. A partir dunha certa cantidade de cartos, o (inda non) capitalista merca os medios de produción e as forzas produtivas. Con estas dúas mercadorías, produce outras novas que posteriormente venderá obtendo máis cartos dos que obtiña ao principio do proceso: C-M e M’-C’ pertencen á esfera de circulación, mentres que M-M’ pertence á de produción. Tamén podemos distinguir entre plusvalía absoluta e relativa. A absoluta consiste en aumentar a xornada laboral, co que aumentamos o número de horas non remuneradas. A relativa consiste en aumentar a intensidade de traballo ou instalar tecnoloxía, o que aumenta o ritmo de produción. O capital variable é o destinado aos salarios; o capital constante é o destinado aos medios de produción. O aumento da proporción do capital constante, tendo en conta que a forza de traballo é o único que crea valor, leva a unha menor creación da plusvalía. Para conseguir que nacese unha clase disposta a vender a súa forza de traballo, houbo que rachar coas relacións feudais-servidume privatizando as terras e arruinando a pequenos campesiños e pequenos artesáns que non podían competir coa industria capitalista, os medios de produción concentráronse en mans dos capitalistas (acumulación orixinaria).


CUESTIÓNS DE COMPRENSIÓN. · Por que posuír un Iphone ou consumir Coca-Cola non te converte nunha persoa burguesa? · A comida que se preparou unha persoa que vive soa nun piso (que axuda a repoñer as súas forzas de traballo) é unha mercadoría? · Unha camiseta de marca vale máis que unha de Primark? Por que a de marca é máis cara? · Se traballando unha hora produzo 10e, os medios de produción custan 1e/hora e a miña forza de traballo é equivalente a cinco horas/día, canto plusvalor produzo ao día? (xornada laboral de 8 horas) · Que explicación atopas a que o capital variable sexa o relativo á forza de traballo e o capital constante sexa o relativo aos medios de produción?


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.