Poemas de Xosé María Díaz Castro e os seus compañeiros de xeración (a Xeración do 36) (Nas últimas páxinas ideas para versións) ESMERALDA Herba pequerrechiña que con medo sorrís ó sol que vai nacendo e morrendo en ti, ¿por que de ser pequena te me avergonzas ti? ¡O Universo sería máis pequeno sen ti! Xosé María Díaz Castro, Nimbos
A NOITE É NECESARIA Hai homes cheos de sombra, homes a contralús que che fan ver a Deus coma unha mar de lus. A noite é necesaria pra que ti poidas ver sobre o medo e o mal as estrelas arder. Xosé María Díaz Castro, Nimbos
1
TERRA SUCADA ¡Terra sucada, poema de cen versos na outonía! Orballa na cal, no escuro camiño de tantas vidas… Ferve o grau, pulo enterrado da espranza, nena dormida. ¡Terra do ceo arrincada! Chora a terra desterrada, terra arada, nai perdida. Xosé María Díaz Castro, Nimbos
2
TERRA DO TEMPO ¡Pro eu non fun excluído da convida! Hora e lugar ne deron, nau e portos, e a gloria de levar esta inmortal ferida, e a de alterar a historia dos vivos e dos mortos. Terra do tempo, miña escada escura, rocha de sombra onde o mencer aniña. Ademetido fun na espranza pura, e a morte que me mata non é miña. Xosé María Díaz Castro, Nimbos
PENÉLOPE Un paso adiante i outro atrás, Galiza, i a tea dos teus sonos non se move. A espranza nos teus ollos se esperguiza. Aran os bois e chove. Un bruar de navíos moi lonxanos che estrolla o sono mól coma unha uva. Pro tí envólveste en sabas de mil anos, i en sonos volves a escoitar a chuva. Traguerán os camiños algún día a xente que levaron. Deus é o mesmo. Suco vai, suco vén, Xesús María!, e toda a cousa ha de pagar seu desmo. Desorballando os prados coma sono, o Tempo vai de Parga a Pastoriza. Vaise enterrando, suco a suco, o Outono. Un paso adiante i outro atrás, Galiza! Xosé María Díaz Castro, Nimbos
3
MONUMENTO Á AUSENCIA ¡Lus, ceo rachado, lus! Inda vexo a lus. E despois os galos, e depois os homes, e despois todo o val, ¡cáliz fervendo! Naquela mañá feita para ollos de Deus, pra sempre froleceu a pudia, cantaron as lavercas para sempre. E eu perdinme antre os trigos ben perdido coas espigas por riba da cabeza, no carreiro longuísimo dos adeuses… Adeus ó amigo que non tivo tempo de me engañar, pra sempre xa querido. Adeus á nena de ollos coma pregos que será nena dentro de mil anos. Adeus ás portas, xa pra sempre fieles; adeus ós montes, todos urizados de estrelas de ouro vivio para sempre; adeus ás pedras, como rosas xa; adeus ás maus, quentiñas para sempre. ¡Que quente é agora o seo desta noite chagado pola lus daquel mencer que pra sempre se foi e non se vai! Xosé María Díaz Castro, Nimbos (pudia: retama olorosa)
4
COMO UNHA INSUA ¡Pro veu a noite derrrubando todo! E eu, sedento dunha áncora ou baía, dinme a buscar teus cen perdidos nomes pra te chamar, ¡ouh nai, ouh insua miña! Xosé María Díaz Castro, Nimbos
QUEZAIS Non sei por qué me deron esta mañá vidrada chea de alas de pomba. Foi, se cadra, un grande anxo esquencido que tivo dó destes ollos cansos. Non sei por qué me deron esta tarde tan cenza cunha fonte no medio. Quezais nunha batalla sen nome oieu a Virxe voz que Ela coñecera. E esta noite baixiña con mil ventás acesas, ¡e baixo dela un leito! Quezais Deus, tendo dó da noite que hai en min, variou soles e mundos… Xosé María Díaz Castro, Nimbos (cenza: serena, tranquila e radiante)
5
O año pitaño vai no paraño. A cabuxa luxa marchou onda a bruxa. O gato cegato fuxiu ao burato. O coello vello anda no cortello. O galo ralo rubiuse no valo, e a galiña tiña está na cociña Anda , neniña, déixaos estar, e imos brincar coas cunchas do mar. Xosé María Álvarez Blázquez, Roseira do teu mencer
6
Era airiño suave que se ergueu pola mañán e viña de non se sabe. Era un recendo de rosas da roseira de ningures, que se meteu pola porta. Era unha cantiga leda que nacía non sei onde e petaba na fiestra. Era unha gracia sutil que baixaba das estrelas... Eras ti! 7
Era airiño miudo que se asomu mui puro sopraba mudo. Era un recendo de flores da florería, que cheiraba a rosais. Era unha cantiga vella que vivia ca vella e e resonaba no radio. Era unha gracia tutu que viña das nubes... Eras tu ! Xosé María Álvarez Blázquez, Roseira do teu mencer
Pola fiestra anda o luar a laiar, a aruñar, a runxer, como un gatiño orfo que non se quer deitar. Anda, gatiño, fuxe, que a nena xa durme... Xosé María Álvarez Blázquez, Roseira do teu mencer
No rego do prado canta a cotovía - paxariño amado que che ben quería-. No ramo frorido o merlo a cantar - paxaro belido para o teu ollar-. No verde loureiro troba o reiseñor - paxaro lixeiro para o teu amor. (A cantar, espantan os males da pena porque todos cantan para miña nena) Xosé María Álvarez Blázquez, Roseira do teu mencer
8
TI E MAIS EU (Non falemos dos bobos que tódolo aprenden nos libros. Non falemos dos parvos con cara de domingo; nin dos sapientes memos, nin dos túzaros listos, nin do eterno mal gusto dos probes novos ricos)
Falemos de ti e min xa que vivimos.
Ti i eu nos ventos e nos solsticios.
Ti i eu nos bosques e nos ríos.
Ti i eu na historia de corpos nidios.
Ti i eu, saudade de árbores íntimos.
Ti i eu sin tempo
9
polo tempo imos. Ti i eu cantando, chorando e rindo. Celso Emilio Ferreiro, Longa noite de pedra.
DESTERRO Abrín o grifo do baño, saía a iauga fungando, fuu, fuu, fuu. (A iagua na cidá non canta) - Vella amiga, camarada da lonxana nenez da montaña: ¿Que fas eiquí nesta casa? - Nunha cárcere estou, téñenme desterrada. Canles de ferro negro Apréixanme a ialma. Debaixo da cibdá, a carón das cloacas, camiña a miña noite sin alba.
10
Volvoretas de outono baixo unha chuvia maina, ¿Qué foi das follas murchas que sobre min levaba? Espello das estrelas e das nubes que pasan, non regatos cantores tolos de escumas brancas. ¿Qué foi do ceo aquil, do vento e das calandras, dos solpores calados dos prados e labranzas? - Tamén eu, irmá auga, teño saudades da nativa patria, á que un día voltarei nunha caixa. Non se pode tornar atrás. O tempo pasa e non volve. O mar agarda. O mar. A noite sin alba. Celso Emilio Ferreiro, Longa noite de pedra.
11
GÁNDARA Naquel biduído dos bidos louzanos o páxaro Sol non pía seus raios, e morre de amor.
Naquel biduído dos lanzales bidos o páxaro Sol non criba seus píos e morre de amor.
Non criba seus ritmos, non pousa seus raios e albean de frío os albres delgados e morren de amor.
Non ceiba seus raios, non tece seus fíos e albres e mámoas albean de frío ca poldra que morde no mato cativo. Fermín Bouza Brey, Nao senlleira
12
SOUTELO DO TEU OLLAR Soutelo do teu ollar, ermida do teu lentor, congostra das túas verbas… ¡romaxe do meu amor!
Cántiga do teu refaixo, lelía do teu corpiño, música do teu mantelo… ¡foliada do meu cariño! Fermín Bouza Brey, Nao senlleira
13
Unha posibilidade de versión O año pitaño vai no paraño. A cabuxa luxa marchou onda a bruxa. O gato cegato fuxiu ao burato. O coello vello anda no cortello. O galo ralo rubiuse no valo, e a galiña tiña está na cociña Anda , neniña, déixaos estar, e imos brincar coas cunchas do mar.
O año -----------------------------. A cabuxa -------------------------------. O gato -------------------------------. O coello ------------------------------. O galo -----------------------------, e a galiña --------------------------. Anda , -----------, déixaos ------------, e imos ---------------coas ------------------.
14
Para facer versión, velaí unha idea:
QUEZAIS Non sei por qué ---------------- esta mañá tan -----------chea de -------------------. Foi, se cadra, ----------------------------------------------------------------------------------. Non sei por qué ------------------ esta tarde tan -----------cunha ----------------------. Quezais -------------------------------------------------------------------------------------------. E esta noite ------------------------------------------------------, ¡e baixo dela ----------------! Quezais , ----------------------------------------------------------variou -------------------------…
15