A-arbore-desvelada-g : Xavier Seoane

Page 1


X AVIER S EOANE

A árbore desvelada

C RÓNICA

A Luís Seoane

Un día chegaron naves misteriosas.

Traían o don do fogo, a beleza dos días e das noites, arco iris de pombas.

Mais o destino foi falcón.

Un día chegaron bandadas de aves ledas, enxurradas de escuma, neboeiros e ríos e velames e soños.

Mais laio e hecatombe o sino foi.

Un día viñeron rapazas coa ledicia, nos corpos, das eguas de Almanzor. Aquí chegaron, derramando lágrimas de alegría e de pracer misterioso.

Mais o destino foi illó.

Aquí, emerxidos do mar, un día naceron bosques onde encastaron lebres e corzas.

Mais o destino foi pozo de pranto. Mais o destino foi boca de lobo. Mais a aurora laído de torcaza cegada e sen amor.

Só o merlo alcanzou a fuxir entre as frondas misteriosas e, aniñando na alma da maceira, falou.

E contou esta historia que da vaga memoria dos antergos oíra unha alba de primavera remota.

E LEXÍA

A Maruxa Seoane, in memoriam

Xa estás, Maruxa, navegando no lento fogo azul da eternidade.

Cinzas dunha arela imposible, lembranza indemne a arder en lentas pálpebras.

Lembrámoste, Maruxa, como o veleiro branco que se perde no horizonte de luz que o mar abraza.

R

AFAEL

D IESTE , NA GALERÍA DA CASA DE R IANXO

A Luís Rei Núñez

Mira como navegan os veleiros durmidos e as pingas da chuvia repenican abstractas. Un recendo a fumaza inunda a estancia. Un crepitar de achas de carballo.

Do outro lado do espello, as imaxes proxectan o seu soño entre mobles e plantas.

De tanto contemplalas, creo durmir esperto, ou esperto soñar cando o sono me invade.

É por iso que as flores se espreguizan no vaso? Que do remol saltan faíscas como se fosen trasnos?

Non sei que ha de ocorrer nos vindeiros instantes.

Han de sorrirme, acaso, os avós do retrato?

Abriranse os volumes nos andeis e empezarán a saír os personaxes?

Será posible que unha sombra de meu esperte, abra os ollos e comece a dicir estas palabras?

O SOLPOR SOBRE A RÍA

Xamais imaxinei a eternidade tan lonxe, tan secreta, tan aberta.

Que me outorgaron o espazo e o tempo?

Que foron, aos meus ollos, os días de Centroña, de Madrid, de París, Montevideo?

Mana a filosofía do silencio da araña sobre a tea, da extinción dunha estrela no océano azul do firmamento?

Pensar, sentir, soñar foron as formas en que quixen ou souben habitar o meu tempo na terra.

Ponse o sol sobre Ares. As gaivotas revoan en circos sobre Redes. Ao lonxe, ábrese a ría a un horizonte inmenso.

Toda a vida alberguei esa imaxe nos meus ollos ausentes.

Cando os pechaba, á noite, camiñaba os espazos dunha mirada eterna.

Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.