A evolución de Calpurnia Tate

Page 1


Á miña nai, Noeline Kelly. Ao meu pai, Brian Kelly. Ao meu home, Robert Duncan.


CAPÍTULO 1

A ORIXE DAS ESPECIES Cando un naturalista novo comeza co estudo dun grupo de organismos completamente descoñecido para el, ao principio vacila moito no intre de determinar as diferenzas [...] porque non sabe nada verbo da cantidade e xeitos de variacións aos que está suxeito o grupo... Charles Darwin, A orixe das especies

Pola altura de 1899 xa sabiamos dominar a escuridade, pero non a calor de Texas. Levantabámonos de noite, horas antes da alba, cando polo levante apenas había unha mancha azul ao longo do ceo e o resto do horizonte seguía negro coma un chamizo. Prendiamos as lámpadas de queroseno e levabámolas por diante ás escuras, coma se fosen os nosos propios soles trémulos. Por diante había todo un día de traballo antes do mediodía, cando a tremenda calor nos escorrentaba a todos para dentro da nosa gran casa, coas ventás tapadas con contras, e alí nos deitabamos, vítimas suorentas, nos escuros cuartos de teito alto. O habitual remedio da miña nai, que consistía en zarrapicar de refrescante colonia as sabas, só duraba un minuto. Ás tres da tarde, a hora de levantármonos de novo, a temperatura seguía a ser mortal. En Fentress a calor era un tormento para todos, pero eran as mulleres as que máis sufrían por culpa dos xustillos e as enaguas. (A min aínda me faltaban uns anos para sufrir esa forma de tor5


tura exclusiva das mulleres.) Afrouxaban as baleas e pasaban as horas a suspirar, maldicindo a calor e tamén os maridos por arrastralas ata o condado de Caldwell para plantaren algodón e pacanas e criaren gando. A miña nai abandonaba temporalmente os postizos do pelo, un falso floco rizado, e un rolo de pelo de cabalo, plataformas sobre as cales construía diariamente unha elaborada montaña co seu propio cabelo. En días coma aqueles, cando non tiñamos visitas, ela mesmo metía a cabeza baixo a billa da cociña para que Viola, a nosa cociñeira mulata cuarteirona, lle bombease auga ata deixala enchoupada. Nós tiñamos prohibidísimo rírmonos daquel impresionante espectáculo. Acabamos aprendendo (incluído o meu pai) que cando a miña nai renunciaba á dignidade por causa da calor, o mellor era afastarse dela. Aquel verán eu tiña once anos e era a única rapaza de entre sete irmáns. Cabe imaxinar unha situación peor? Chámome Calpurnia Virginia Tate, pero daquela todo o mundo me chamaba Callie Vee. Eu era a do medio, entre tres irmáns máis vellos (Harry, Sam Houston e Lamar) e tres irmáns máis novos (Travis, Sul Ross e o cativo, Jim Bowie, a quen lle chamabamos J. B.). Os pequenos eran capaces de durmir durante o mediodía, ás veces incluso amoreados uns enriba dos outros, coma se fosen uns cachorriños suados e fumegantes. Os homes que viñan dos campos e o meu pai, que volvía do seu despacho na factoría de algodón, tamén botaban a sesta; primeiro mollábanse coa auga morna que sacaban do pozo en caldeiros de lata, na solaina das sestas, antes de se deitaren rendidos nos catres de corda. Si, a calor era un tormento, pero tamén me proporcionaba liberdade. Mentres o resto da familia durmía a sesta, eu baixaba en segredo ata a beira do río San Marcos e alí gozaba da miña 6


diaria folganza sen escola, sen nocivos irmáns e sen a miña nai. Certo que non tiña permiso para facer tal cousa, pero tampouco me dixo ninguén que non podía. Conseguía escapulirme porque tiña o meu propio cuarto ao final do corredor, mentres que os meus irmáns tiñan que compartilo; eles seguro que me delatarían nun chiscar de ollos. Que eu soubese, aquelo era a única vantaxe de ser a única rapaza. A nosa casa estaba separada do río por unha faixa de cinco acres de terreo con forma de media lúa, cuberta de matogueira. Sería un suplicio abrirme camiño por alí de non ser porque os fregueses habituais do río –cans, cervos, irmáns– formaban un carreiriño estreito a través dos traizoeiros abrollos que me chegaban pola cabeza, e cuxos froitos se me enganchaban no pelo e no mandil ao pasar encollida entre eles. Entón espíame ata quedar só coa camisola, aboiando boca arriba e coa roupa interior á mercé da suave corrente, gozando co frescor da auga que me rodeaba. Sentíame coma unha nube a xirar suavemente nos remuíños. Desde alí observaba os sedosos casulos das avelaíñas no alto do vizoso dosel que formaban as gallas dos carballos sobre o río. As avelaíñas parecían imitarme, flotando nos seus propios globos de seda contra o azul turquesa do ceo. Aquel verán, todos os homes, agás o meu avó, Walter Tate, cortaron o pelo ben curtiño e rasuraron as súas grosas barbas e mostachos. Parecían espidos coma as salamántigas cegas, polo menos durante a semana que tardamos en recuperarnos da impresión de velos con aqueles queixos tan pálidos e finos. Por incrible que pareza, o avó non se incomodaba nada pola calor, a pesar da gran barba branca que lle caía sobre o peito. El dicía que era por ser home de hábitos regulares e moderados, que nunca bebía whisky antes do mediodía. A súa vella e cheirenta levita xa 7


daquela estaba irremediablemente pasada de moda, pero el non quería saber nada de despedirse dela. Malia os regulares lavados con benceno realizados por SanJuanna, a nosa criada, á levita sempre lle quedaba o cheiro do balor e unha estraña cor que non era nin negra nin verde. O avó vivía connosco baixo o mesmo teito, pero era máis ben como unha figura fantasmal. Había tempo que deixara a xestión do negocio familiar nas mans do seu único fillo, que era o meu pai, Alfred Tate, e el pasaba os días dedicado aos seus «experimentos», no «laboratorio» que tiña na parte traseira. O laboratorio non era máis ca un vello cabanel que antigamente fora parte da casa dos escravos. Cando non estaba no laboratorio, era porque andaba á busca de espécimes ou ben quedaba recluído cos seus vellos libros nun escuro recanto da biblioteca, onde ninguén ousaba molestalo. Pregunteille á miña nai se eu podía cortar o pelo, que me caía nunha densa e abrasadora melena polas costas. Dixo que non, que non me quería ver por aí tosquiada coma unha salvaxe. Aquilo pareceume manifestamente inxusto, ademais de abrasador. Así que argallei un plan: iría cortando un par de polgadas cada semana, só un par de imperceptibles polgadas, de xeito que a miña nai non se decatase. E non había de decatarse porque tiña pensado camuflarme con boas maneiras. Cando eu puña o disfrace de señorita moi aqueladiña, ás veces mesmo podía fuxir da súa estrita vixilancia. Ela sempre andaba agoniada coas constantes esixencias da casa e o incesante bulicio dos meus irmáns. Non se pode imaxinar o caos e o rebumbio que seis irmáns poden causar. Ademais, a calor agraváballe as agudas cefaleas que padecía, e tiña que recorrer a unha boa cullerada do composto vexetal de Lydia Pinkham, famoso por ser o mellor purificador de sangue para mulleres. 8


Aquela noite collín unha tesoira de costura e, con moita emoción e o corazón acelerado, cortei a primeira polgada de pelo. Observei o suave feixe de pelo depositado na palma da man. Estaba dando un paso adiante cara ao novo século, para o que só faltaban uns poucos meses. Aquel pareceume un gran momento. Pola noite durmín mal por temor á mañá. Ao outro día, baixei polas escaleiras a almorzar aguantando a respiración. As tortas de noz de pacana soubéronme a cartón. E sabedes o que aconteceu? Pois nada de nada. Ninguén se deu de conta nin o máis mínimo. Quedei aliviadísima, pero tamén pensei: «Vaia, o típico nesta familia». De feito, ninguén se decatou de nada ata que pasaron catro semanas e desapareceron catro polgadas; entón, unha mañá, a nosa cociñeira, Viola, miroume con malos ollos, mais non dixo nin unha palabra. A finais de xuño ía tanta calor que por primeira vez na historia a miña nai deixou apagadas as candeas do candelabro durante a cea. Mesmo nos permitiu a Harry e a min saltarmos durante dúas semanas as clases de piano, cousa que estivo ben. A Harry caíalle a suor sobre as teclas, e por iso lle esvaraban á hora de tocar o minueto en sol maior. Nada do que tentasen a miña nai ou SanJuanna conseguía devolverlle o brillo ao marfil. Ademais, a nosa profesora de música, a señorita Brown, xa ía vella, e o seu decrépito cabalo tiña que traela en calesa desde Prairie Lea, que estaba a tres millas. Igual quedaban polo camiño e tiñamos que sacrificalos aos dous. Ben mirado, non era mala idea. O meu pai, ao saber que iamos perder as clases, dixo: –Pois paréceme ben. Un mozo necesita tanto o piano como unha serpe necesita un polisón. A miña nai non quería oír falar diso. Quería que Harry, o máis vello de todos cos seus dezasete anos, fose un cabaleiro. Tiña idea de mandalo á universidade cando fixese os dezaoito, a Aus9


tin, que estaba a cincuenta millas. Segundo dicía o xornal, na universidade había quiñentos estudantes, dezasete dos cales eran mozas moi ben vixiadas na Escola de Artes Liberais (coas opcións de música, lingua ou latín). A idea do meu pai era outra: quería que Harry fose empresario e algún día tomase as rendas da factoría de algodón, das plantacións de pacanas, e que entrase na francmasonería, tal como fixera el. Así e todo, e vendo as cousas en conxunto, ao meu pai seica non lle parecía que as clases de piano fosen mala idea no que a min respectaba. A finais de xuño, o Fentress Indicator informou de que a temperatura alcanzaba os 41 graos no medio da rúa onde estaban as oficinas do xornal. O periódico non mencionaba a temperatura á sombra. Pregunteime pola razón, pois ninguén que non estivese tolo pasaría máis dun segundo ao sol, a non ser que fose para desprazarse lixeiro ata a seguinte sombra, xa fose de árbore, cortello ou besta de tiro. A min parecíame que a temperatura á sombra sería moito máis útil para os veciños da nosa vila. Redactei unha carta ao director para facerlles esta observación e, para o meu grande asombro, o xornal publicouma á semana seguinte. E para maior asombro da miña familia, comezaron a publicar tamén a temperatura á sombra. O feito de lermos que só había 35 graos á sombra facíanos sentir algo máis frescos. Produciuse un aumento repentino da actividade dos insectos tanto dentro coma fóra da casa. Os saltóns chimpaban en rabaños baixo os cascos dos cabalos. Os vagalumes saían en tal cantidade que ninguén recordaba un verán cun espectáculo maior. Todos os seráns, os meus irmáns e eu xuntabámonos na solaina dianteira da casa e competiamos por ver quen era o primeiro en albiscar o brillo dun lucecú. Moita emoción e honor deparaba a vitoria, sobre todo desde a vez que a miña nai colleu unha fita de seda azul do cesto da costura e recortou un lindo medallón, 10


con todas as súas cintiñas colgando. Entre cefalea e cefalea bordoulle con fío de ouro a inscrición PREMIO VAGALUME DE FENTRESS. Era un premio elegante e moi cobizado. O gañador levábao posto ata a noitiña seguinte. As formigas invadiron a cociña como nunca antes fixeran, e a Viola tíñana torturada. Marchaban en formación militar a través de diminutas físgoas abertas nos rodapés e nas ventás, e avanzaban dereitas ao vertedoiro. Viola declaroulles a guerra en van. Andaban desesperadas na busca de auga e non había quen as detivese. Os vagalumes tiñámolos por unha bendición e as formigas, por unha praga, pero a min ocorréuseme cuestionar por primeira vez por que tiña que haber tal distinción. Eran todas criaturas tentando sobrevivir á seca, igual ca nós. Eu pensaba que Viola debería renderse e deixalas en paz, pero reconsidereino cando descubrín que a pementa negra da ensalada de ovos non tiña nada de pementa negra. Mentres que certos insectos nos invadían, outros habitantes normais do noso predio, como podían ser as miñocas, desapareceran. Os meus irmáns queixábanse da falta de miñocas para pescar e do difícil que era cavar na seca e dura terra na busca delas. Talvez vos teñades preguntado se as miñocas se poden adestrar. Pois ben, aquí estou eu para dicirvos que si. A solución pareceume obvia: as miñocas sempre aparecen cando chove, e non custaba nada fornecerlles algo de chuvia. Dediqueime a levar un caldeiro de auga ata unha zona sombriza que había nos cinco acres de maleza e vertíaa no chan, sempre no mesmo lugar e un par de veces ao día. Transcorridos cinco días, non tiven máis que aparecer por alí co caldeiro para que as miñocas, atraídas polos meus pasos e a promesa de auga, se abrisen camiño ata a superficie. Apañeinas e vendinllas a Lamar a un centavo a ducia. Lamar insistiume para que lle dixese onde as atopara, pero negueime. 11


Así e todo, si que llo confesei a Harry, o meu favorito; a el non podía ocultarlle nada. (Vaia, case nada.) –Callie Vee –díxome–, téñoche unha cousa para ti. –Foi ata a súa mesa e sacou un caderniño forrado de coiro vermello que puña Recordo de Austin na tapa–. Mira –dixo–. Nunca o usei. Podes empregalo para anotares as túas observacións científicas. Ti vas para naturalista. E que era exactamente un naturalista? Eu non o tiña claro, pero decidín facer de naturalista o resto do verán. Se só consistía en ir anotando todo o que vía arredor de min, entón sabía facelo. Ademais, agora que tiña onde anotar todo, empecei a ver cousas nas cales non reparara antes. As primeiras anotacións que tomei foron sobre os cans. Por culpa da calor, quedaban deitados na terra coma se estivesen mortos. Por máis que os meus irmáns máis novos, de aburridos que estaban, se dedicasen a amolalos chuzándolles con paus, eles nin se molestaban en alzar a cabeza. Levantábanse o suficiente para lamberen no bebedoiro e despois deixábanse caer de novo ao chan levantando o po nas leves depresións que formaran na terra. Ao Ajax, o can de caza do meu pai, non o dabas levantado nin disparando unha escopeta a dous palmos dos seus fociños. Alí quedaba el deitado, coa boca aberta e os dentes á vista. Dese xeito foi como descubrín que o padal da boca do can ten unhas profundas estrías orientadas para atrás na dirección da gorxa, sen dúbida que co fin de facilitar a pasaxe da resistente presa nunha única dirección, que viña sendo a de tragar. Anotei isto no caderno. Observei que as expresións faciais dun can se manifestan principalmente no movemento das cellas. E escribín: «Por que os cans teñen cellas? Por que necesitan cellas?». Pregunteillo a Harry, pero el non sabía. 12


–Vai preguntarllo ao avó –díxome–. El si que sabe desas cousas. Mais eu non quería. O vello tiña tamén as súas enormes e mestas cellas, tal que as dun dragón, e a min, que era unha rapariga, resultábame unha persoa demasiado impoñente. Que eu lembrase, nunca me dirixira a palabra directamente, nin tampouco tiña eu claro que soubese o meu nome. Posteriormente dirixín a miña atención ás aves. Por algunha razón, aquel ano tivemos unha gran cantidade de cardeais pola nosa casa. Harry fíxome graza cando me dixo que tiñamos unha chea deles, coma se nós tivésemos algo que ver coa cantidade, coma se traballásemos para lograr aqueles coloridos e alegres corpos e os colocásemos ao longo do camiño da casa como adobíos de Nadal. Pero, como eran tantos e como a seca lles diminuíra a súa dieta normal constituída por sementes e bagas, os machos andaban a pelexar rabiosos por cada lodoeiro. De feito, atopei un exemplar de macho morto e mutilado, unha imaxe impresionante e triste. Unha mañá, estando eu na solaina, unha femia veu pousarse no respaldo da cadeira de vimbio que tiña ao lado. Quedei petrificada. Podería estender o brazo e tocala co dedo. Do bico, de cor albaricoque, colgáballe un cacho dunha materia parda. Semellaba a diminuta cría dun rato, do tamaño dun dedal, morta ou moribunda. Cando relatei este feito á hora de cear, o meu pai díxome: –Calpurnia, os cardeais non comen ratos. Aliméntanse de vexetais. Sam Houston, pásame as patacas, por favor. –Si, vaia, o que dicía eu, padre –dixen timidamente, e entón enfadeime comigo mesma por non defender o que vira cos meus propios ollos. A idea de que os cardeais se visen obrigados a unha conduta tan pouco natural dábame noxo. O seguinte paso sería o cani13


balismo. Aquela noite, antes de deitarme, collín na corte unha lata chea de grans de avea e cisqueinos ao longo do camiño da casa. No caderno escribín: «Cantos cardeais teremos o ano que vén se non teñen comida dabondo? Acordarse de contalos». O seguinte que escribín no caderno foi que aquel verán tiñamos dous tipos diferentes de saltóns. Por unha banda tiñamos os verdes pequeneiros de sempre, decorados con pintas negras. E por outra banda había outros enormes e amarelos, o dobre de grandes, e torpes, tan cerosos e gordos que pandaban as follas de herba ao aterraren nelas. Estes non os vira nunca. Interroguei a todos os da casa (agás o avó) para descubrir de onde virían aqueles espécimes amarelos tan raros, pero ninguén sabía dicirme. Ninguén mostraba o menor interese. Como último recurso, xuntei todo o meu valor e fun ao laboratorio do avó. Apartei a cortina de estopa que facía as veces de porta e quedei no limiar, a tremer. Miroume sorprendido desde o mesado onde estaba a verter un líquido marrón de aspecto noxento en varios vasos de precipitados e retortas. Non me convidou a entrar. Expuxen de maneira atrapallada o meu misterio dos saltóns, mentres el me fitaba coma se lle custase recoñecerme. –Ah –díxome cun ton pausado–, seguro que unha rapariga espelida coma ti o pode imaxinar. Cando o descubras, ven contarmo. Apartou a vista de min e púxose a escribir no libro de notas. E iso foi todo. A miña audiencia co dragón. A cousa quedou en nada: por unha banda, el non me cuspira lume, pero pola outra, tampouco me servira de axuda. Se cadra, estaba molesto porque lle interrompera o traballo, aínda que me respondera de xeito educado. Talvez se Harry viña comigo, o avó igual me facía máis caso. Eu ben sabía en que andaba a traballar el. Por algunha 14


razón, metéraselle na cabeza a teima de buscar un xeito de destilar as noces de pacana para facer whisky. Polo visto, o seu razoamento era que se se podían facer bos licores cos cereais normais e coa vulgar pataca, por que non coa delicada noz de pacana? E ben sabe Deus que se algo nos sobraba eran as pacanas: seis acres tiñamos delas. Volvín ao meu cuarto e meditei sobre o misterio dos saltóns. Dentro dun bote, sobre o toucador, tiña un dos saltóns pequerrechos e verdes, e observeino coma se esperase a súa inspiración. Non dera pillado un dos amarelos grandes, a pesar de seren moito máis lentos. –E ti por que es diferente? –pregunteille, pero negouse a responder. Ao outro día, pola mañá, acordei co habitual rabuñar na parede pegada á miña cama. Era a sarigüeia, que volvía á súa gorida á hora de sempre. Pouco despois oín o bater dos ferrollos: era SanJuanna abrindo as ventás do salón, que estaba baixo o meu cuarto. Incorporeime na cama de ferro e de súpeto ocorréuseme que os saltóns gordos e amarelos tiñan que ser unha especie totalmente nova, separada e distinta dos verdes, e que eu, Calpurnia Virginia Tate, era a súa descubridora. E acaso o descubridor dunha nova especie non lle puña o seu nome? Ía ser famosa! O meu nome soaría por todo o mundo, o gobernador había de estreitarme a man e a universidade había de darme un título. Pero que tiña que facer agora? Como ía reclamar o que me correspondía no mundo das ciencias? Tiña a vaga idea de que había que escribirlle a alguén para rexistrar o meu achado, a algunha autoridade de Washington. Xa escoitara os debates na mesa entre o avó e o noso pastor, o reverendo Barker, en relación co libro do señor Charles Darwin titulado A orixe das especies, e sobre os dinosauros que estaban a desenterrar en Colorado, e o que iso significaba respecto ao libro 15


da Xénese. Falaban de como a natureza ía eliminando os débiles para deixar que sobrevivisen os fortes. A nosa mestra da escola, a señorita Harbottle, menosprezaba aquel libro e parecía desconcertada ante el. Seguro que aquel libro sobre a orixe das especies me diría o que tiña que facer. Pero como o ía conseguir se aqueles asuntos aínda suscitaban unha atroz controversia no noso recanto do mundo? Se mesmo había en San Antonio unha sección da Sociedade da Terra Plana! Entón recordei que Harry ía coller o carro grande para ir a Lockhart e traer víveres. Lockhart era a capital do condado de Caldwell. A biblioteca do condado estaba alí. Alí estaban os libros. Todo o que tiña que facer era suplicarlle a Harry que me levase, pois era o único irmán incapaz de negarme nada. En Lockhart, despois de levarmos a cabo o recado, Harry quedou entretido na esquina para poder admirar o tipo das damas que paseaban por alí, exhibindo as últimas novidades da sombreirería local. Eu farfalleille algunha escusa e escapulinme a través da praza do xulgado. A biblioteca era un lugar fresco e escuro. Fun ata o mostrador onde a vella bibliotecaria estaba entregándolle uns libros a un señor gordo vestido de traxe de liño branco. Entón tocoume a min. Xusto naquel momento apareceu unha muller nova cun cativo. Eran a señora Ogletree e Georgie, o seu fillo de seis anos. Georgie e eu tiñamos a mesma profesora de piano, e as nosas nais coñecíanse. Oh, non. O último que quería eu era unha testemuña. –Boa tarde, Callie –díxome–. A túa nai está aquí hoxe? –Quedou na casa, señora Ogletree. Ola, Georgie. –Ola, Callie –dixo el–. Que fas aquí? –Pois... só buscaba uns libros. Ala, tócalle a vostede, pase antes ca min, por favor. Recuei un paso e indiqueilles que pasasen con moita reverencia. 16


–Vaia, Callie, moitas grazas –dixo ela–. Que amable pola túa parte. Hei de comentarllo á túa nai a próxima vez que a vexa. Despois dunha eternidade, por fin marcharon. Seguín mirando ao meu redor por ver se aparecía alguén máis. A bibliotecaria olloume de mala maneira. Achegueime ao mostrador e bisbeille: –Desculpe, señora, ten o libro do señor Darwin? A muller inclinouse sobre o mostrador e dixo: –O que? –O libro do señor Darwin. Xa sabe, A orixe das especies. Engurrou o cello e puxo a man detrás da orella. –Tes que falarme máis alto. E faleille máis alto, con voz trémula. –O libro do señor Darwin, por favor. Botoume unha ollada que me paralizou, e respondeume: –Desde logo que non o teño. Xamais metería semellante cousa na miña biblioteca. Teñen un exemplar na biblioteca de Austin, pero tería que pedilo por correo. Serían cincuenta centavos. Tes os cincuenta centavos? –Non, señora. Notei como me ía pondo rubia. Xamais na vida tivera eu cincuenta centavos. –E ademais –engadiu– precisaría unha carta da túa nai onde che dea permiso para leres ese libro en concreto. Tes esa carta? –Non, señora –respondín morta de vergonza. Empezaba a picarme o pescozo, indicio revelador dun ataque de urticaria. A muller suspirou. –Xa o imaxinaba eu. Ala, que teño que colocar libros nos estantes. Dábame gana de chorar de rabia e humillación, pero non quixen facelo diante daquela vella bruxa. Saín da biblioteca botando 17


chispas e atopei a Harry pasando o tempo fronte á tenda. Miroume con preocupación. Rabuñeime nas ronchas que me saíran no pescozo e berrei: –Para que serve unha biblioteca se non che queren dar un libro? Harry mirou arredor. –De que me falas? –Hai xente que non vale para bibliotecaria –dixen–. Quero marchar xa para a casa. Durante a longa, tórrida e silenciosa viaxe de volta, no carro cargado ata arriba, Harry botoume unha ollada. –Que pasou, neniña? –Nada –respondín. Nada de nada, á parte de que me fervía o sangue e non estaba de humor para falar do asunto. Por unha vez alegreime da intimidade que me daba a cofia para o sol que a miña nai me mandaba usar para que non me saísen pencas. –Sabes o que vén dentro desa caixa? –dixo Harry–. Esa que tes detrás. Nin me molestei en responderlle. Nin o sabía nin me importaba. Odiaba o mundo enteiro. –Éche unha máquina aventadora –dixo–, para madre. Se chega a ser algún dos outros irmáns, riríame del dicindo «Non sexas parvo... iso non existe». –De verdade –dixo–. Has de ver. Cando chegamos á casa, non fun capaz de aturar o balbordo causado pola emoción de descargar o carro. Escapei ao río. Quitei cofia, mandil e vestido e chimpeime na auga causando espanto nos corazóns dos cabezolos e das tartarugas. Pois moi ben. A bibliotecaria estragárame o día, e eu estaba decidida a estragarlles o día a outros. Afundín a cabeza baixo a auga e soltei un longo e forte berro cuxo son chegou gurgullando aos meus 18


oídos. Saín para coller aire e fíxeno outra vez. E outra máis, para que quedase claro. A auga fresca foi apazugándome aos poucos. No fin de contas, que máis me daba a min un libro? En realidade, tanto me tiña. Chegaría o día en que tería todos os libros do mundo, con estantes e máis estantes cheos deles. Había de vivir nunha torre de libros. Había de pasar o día lendo e comendo pexegos. E se algún cabaleiro armado se atrevía a aparecer co seu corcel branco e pedirme que descolgase a miña melena, había de guindarlle as carabuñas dos pexegos ata que marchase. Deiteime boca arriba e contemplei como un par de anduriñas voaban a un lado e a outro do río, lanzándose acrobaticamente na persecución de bechos invisibles. A pesar de tantas horas de liberdade, o verán non estaba a desenvolverse tal como eu esperaba. A ninguén lle interesaban as preguntas que anotaba no caderno. A ninguén lle interesaba axudarme a descubrir as respostas. A calor chucháballe a vida a todos e a todo. Pensei na nosa grande e querida casa e o triste que parecía no medio da herba seca amarelecida. Normalmente a herba era suave, fresca e verde, e invitábate a quitar as botas e correr por ela descalza, e xogar a zapatiño quieto é, pero agora estaba todo queimado, un restroballo ameazador para os pés. A herba amarela dificultábame a visión da miña nova especie de saltón amarelo. Non dabas con eles ata que practicamente os pisabas. Entón chimpaban polo aire e voaban pesadamente coas ruidosas alas ao longo duns poucos pés, ata que se pousaban de novo no chan e desaparecían. Eran malos de pillar malia seren gordos e lentos. Que raro que os verdes, máis pequenos e rápidos, fosen tan doados de coller. E era facilísimo velos. Os paxaros non paraban de papalos, mentres que os amarelos se agochaban ao lado, burlándose dos seus desafortunados primos. E entón comprendino. Non había unha nova especie. Eran todos a mesma especie de saltón. Os que nacían sendo un pouco 19


máis amarelos vivían máis tempo durante a seca; os paxaros non os podían ver sobre a herba seca. E os verdes, os que as aves comían, non duraban o suficiente para medraren. Só os que tiñan un ton máis amarelo sobrevivían porque se adaptaban mellor ao tempo quente. O señor Charles Darwin tiña razón. A proba estaba no meu propio xardín. Quedei extasiada na auga, reflexionando sobre isto, mirando ao ceo, buscando algún defecto no meu razoamento, algunha fisura na miña conclusión. E non atopei ningunha. Entón marchei chapuzando ata a beira. Agarreime a unhas plantas para darme pulo, sequeime co mandil, vestinme o máis rápido que puiden e fun correndo ata a casa. Cando cheguei, atopei toda a familia arremuiñada na entrada arredor dunha caixa que abriran polas bravas. No medio das labras da embalaxe había unha máquina metálica de forma chata e con catro aspas na fronte, e un depósito de vidro na parte traseira, que o meu pai estaba a encher de queroseno. No centro das aspas, unha chapa redonda proclamaba con elegantes letras:

A mellor máquina aventadora de Chicago. –Apartade –dixo o meu pai. Prendeu un misto, puxo o chisme a funcionar e a sala encheuse dun fedor mineral e unha gran vaga de aire. Todos os meus irmáns berraron de xúbilo. E eu tamén berrei, pero por un motivo diferente. A partir de entón, a vida na nosa casa tornouse algo máis levadía. A miña nai retirábase ao mediodía coa súa máquina aventadora, e así as nosas vidas melloraron, especialmente a do meu pai, a quen ás veces invitaba a retirarse con ela. Tardei unha semana en recuperar o valor para ir visitar outra vez o avó. Estaba sentado no seu laboratorio, nunha butaca de 20


coiro bastante deteriorada, e o recheo rebordante comido polos ratos. –Xa sei por que os saltóns grandes son amarelos e os pequenos son verdes –díxenlle. Faleille do meu descubrimento, e de como chegara ata el. Mentres me miraba e me escoitaba en silencio, eu cambiaba o peso do corpo dun pé ao outro. –E descubriches iso ti soa? –díxome pouco despois–. Sen axuda? Díxenlle que si, e entón conteille o da miña humillante viaxe á biblioteca de Lockhart. Quedou mirando para min durante un intre, cunha rara expresión no rostro, talvez de sorpresa, talvez de consternación, coma se eu fose dunha especie descoñecida para el. –Ven comigo –díxome. Non dixo nin unha palabra de camiño á casa. Ai, Deus. Fixera algo inconcibible e non só unha, senón dúas veces, ao interrompelo no seu traballo. Iría entregarme á miña nai para que me botase outra pauliña sobre boas maneiras? Conduciume á biblioteca, onde os rapaces non debiamos entrar. Conque a pauliña ma ía botar el mesmo. Talvez me fose reprender pola miña torpe teoría. Ou igual me varexaba nas mans. O meu medo ía en aumento. Quen era eu, Callie Vee Tate de Fentress, estado de Texas, para crer que podía sequera reflexionar sobre semellantes asuntos? Unha ninguén de ningures. A pesar do medo, observei polo miúdo toda a sala, dado que nunca ía ter outra oportunidade. A biblioteca era escura, malia estaren descorridas as cortinas de veludo verde escuro diante da enorme ventá de dobre folla. Xusto á dereita da ventá había unha gran butaca de coiro, unha mesiña con forma de bobina e, enri21


ba dela, unha lámpada para ler. Por volta da butaca había libros pousados no chan, e máis libros amoreados nuns estantes altos feitos coa madeira das pacanas caídas (nas nosas vidas non podiamos subtraernos á realidade das pacanas). Había unha gran mesa de carballo chea de misteriosas rarezas: un ovo de avestruz baleiro sobre unha peaña de madeira labrada, un microscopio metido nun estoxo de chagrén, un dente de balea esculpido coa figura dunha muller peituda, e digamos que sen o xustillo. A biblia familiar e un enorme dicionario coa súa correspondente lupa estaban xuntos ao lado dun álbum de felpa vermella cheo a rebordar de retratos dos meus devanceiros. Pois a ver. Ía botarme a pauliña bíblica ou a pauliña de vaia-maneira-de-decepcionar-os-meus-devanceiros? Agardei mentres se decidía. Percorrín coa vista as paredes, cubertas con caixiñas cheas de inquietantes insectos pau e rechamantes bolboretas multicolores. Debaixo de cada exemplar de vivas cores había un nome científico escrito coa coidada caligrafía do avó. Esquecinme de todo e fun mirar. –O oso –dixo o avó. «Eh?», pensei eu. –Ollo co oso –dixo el xusto cando tropecei coa despectiva boca aberta dunha alfombra de pel de oso negro: os seus cairos eran unha trampa para o despistado que pasase ás escuras. –Ai, si. O oso. Grazas, señor. O avó desenroscou a cadea do reloxo para sacar unha chaviña. Abriu unha cristaleira alta, ateigada de máis libros, aves disecadas, bechos conservados en botes e outras curiosidades. Achegueime para ver mellor aquela irresistible exposición. Chamoume a atención un armadillo deforme, pandado, retorto e avultado, evidentemente disecado polo máis inepto dos afeccionados. Por que o tería? Eu mesma o faría mellor. Ao lado había un recipiente de vidro de cinco galóns que contiña o animal máis estraño que xa22


mais vira. Era unha figura grosa e grumosa, con múltiples brazos, dous enormes ollos temibles e deformados polo vidro dentro das súas órbitas... cousa de pesadelo. Que raio sería? Achegueime máis. O avó botou a man ao monte de libros. Vin o Inferno de Dante ao lado d’A ciencia dos aeróstatos. Había un Estudo sobre a reprodución dos mamíferos e un Tratado de debuxo de espidos femininos. Tirou fóra un libro forrado de rico tafilete verde, elegantemente rematado en ouro. Limpouno coa manga, aínda que eu non lle vía po ningún. Con moita cerimonia, inclinouse e entregoumo. Quedei mirando para el. A orixe das especies. Alí, na miña propia casa. Collino coas dúas mans. El sorriu. Así comezou a miña relación co avó.

23


Aquel verán eu tiña once anos e era a única rapaza de entre sete irmáns. Cabe imaxinar unha situación peor? Chámome Calpurnia Virginia Tate, pero daquela todo o mundo me chamaba Callie Vee.

«E que era exactamente un naturalista? Eu non o tiña claro, pero decidín facer de naturalista o resto do verán.» Texas, 1899: Calpurnia vive nunha casa de campo, ten once anos e seis irmáns. Todos agardan que ela medre e sexa unha muller rexa, nai e ama de casa. Pero ela non está de acordo porque, alá fóra, nos prados e nos bosques, existe un mundo marabilloso.


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.