Convocamos aos colectivos sociais, ao mundo do circo e aos seres humanos amantes da liberdade a mostrar o seu apoio a este manifesto a favor da realización do FestiClown Palestina 2010 e a exhibir a súa repulsa pola expulsión inxustificada de Iván Prado e Laila Tillawi de Israel. Iván Prado, director do Festiclown, viaxaba a Palestina para proseguir coas xestións do FestiClown Palestina 2010, o Primeiro Festival Internacional de Clown (previsto para este ano) que terá lugar en Palestina. A expulsión inxustificada de Iván Prado mostra a vontade das autoridades israelís por paralizar o proxecto e continuar na súa estratexia de illamento da sociedade palestina.
MANIFESTO “POR UN FESTICLOWN EN PALESTINA” 1 Desde hai máis de 60 anos o pobo palestino vese privado tanto da súa dignidade como dos seus dereitos fundamentais debido á presenza de forzas de ocupación israelís que están a levar a cabo un novo apartheid e unha guerra interminable, que obriga á sociedade palestina a convivir diariamente co odio e a violencia máis inconcibibles. 2 Ante esta situación, o Festiclown (Festival internacional de Clown de Galicia) desprazarase durante este ano 2010 a Palestina, transformándose nun barco de solidariedade cheo de artistas internacionais con destino aos campamentos de refuxiados palestinos para construír redes de alegría e fraternidade humana. 3 Durante unha semana de espectáculos e talleres, xente do circo e o clown de todo o mundo compartirá a risa como unha arma de futuro contra as inxustizas e todos os muros de opresión e impunidade. 4 FestiClown Palestina 2010 realizará tanto actividades como accións expresivas, lúdicas e creativas coa poboación civil palestina, mediante o circo e o clown, en mutua colaboración cos grupos locais de teatro e circo. 5 Os integrantes do proxecto FestiClown Palestina 2010 cren e traballan na posibilidade de construír humanidade a través da arte e o clown para amencer nun mañá de xustiza, democracia e dignidade. Por todo isto, e atendendo á importancia do clown na defensa dos valores sociais máis humanos, apoio coa miña sinatura a realización do “FestiClown Palestina 2010” grazas á participación social e o esforzo das administracións públicas. Este manifesto, promovido por Pallasos en Rebeldía, asociación cultural e de cooperación que desenvolve proxectos de fraternidade humanitaria a través da risa, busca o apoio de todos os colectivos, asociacións e seres humanos amantes do circo, o clown e a liberdade. ¡Pola realización do FestiClown Palestina 2010!
Danos o teu apoio individual ou colectivo pinchando no siguinte link: http://festiclownpalestina2010.wordpress.com/apoyosrecibidos/ Para asinar este manifiesto escribe unha email co teu nome (ou nome da asociación, colectivo, etc.) apelidos e cidade a:
festiclownpalestina@gmail.com