3 minute read

As JAI regresan en outubro baixo a fórmula do xemelgo dixital

Chegan as Digital JAI

As Xornadas de Automatización Industrial volven en outubro a través dun xemelgo dixital

Advertisement

As xa históricas Xornadas de Automatización Industrial da Universidade de Vigo (as JAI) celebrarán a súa vindeira edición a través dun xemelgo dixital. As primeiras Digital JAI, un novo foco internacional de coñecemento e innovación arredor das tecnoloxías industriais intelixentes, desenvolveranse entre os días 26 e 30 de outubro. A organización, comandada polo profesor Ignacio Armesto, xa ten o programa completado. Concorrerán 26 multinacionais. Por temas, tocaranse cuestións como a dixitalización industrial, as fábricas intelixentes, os xemelgos dixitais para a industria, a robótica colaborativa e sensitiva, a Realidade Virtual e Aumentada, a Intelixencia Artificial ou a Internet das Cousas (IoT). Adaptándose ás novas circunstancias sanitarias e ás posibilidades que brin- dan as TIC

Segundo lembra a Universidade de Vigo, as JAI, nun primeiro momento, e de forma preventiva ante a emerxencia sanitaria, ían aprazarse até vindeiro curso 2021. Porén, tralo interese mostrado por algunha das firmas participantes e unha vez confirmada con Vicente Goyanes, responsábel da dirección e mantemento de campus mulltimediaUVigo TV, a posibilidade de crear un xemelgo dixital das xornadas, os organizadores chegaron á conclusión de que “baseándonos nunha infraestrutura semellante á do Campus Remoto, viamos posíbel crear con bastante celeridade un prototipo técnico, http://digitaljai.teltek.es”, explica Ignacio Armesto, profesor do Departamento de Enxeñaría de Sistemas e Automática, e principal impulsor destas xornadas de automatización, engadindo que a edición virtual das JAI (as primeiras Digital JAI) desenvolverase entre os días 26 e 30 de outubro, unha semana despois da data fixada inicialmente para o simposio presencial xa que “debido á COVID-19, outro evento do sector desprazou as súas datas a dita semana”.

O docente salienta que “non pretende que a partir de agora as JAI pasen a ser un evento en liña, senón que este ano a idea é experimentar o formato do xemelgo dixital para, nun futuro, construír unhas xornadas híbridas, con compoñente presencial e virtual, que se celebrarían, coma sempre, cada dous anos”.

No que respecta ás empresas, o profesor Armesto asume que “o total de participantes será inferior ao das xornadas tradicionais, o que é lóxico dada a situación excepcional na que nos atopamos”, e que provoca que, moitas empresas pasen por grandes dificultades contextuais ao tempo que as accións globais de mercadotecnia redúcense. “A sorpresa chegou”, relata o organizador, “cando, xa nun primeiro momento, tras realizar unha consulta ás 30 firmas que confirmaran a súa participación para o 2021 sobre estarían interesadas en participar nunhas Digital JAI este ano 2020, máis de 15 confirmaron a súa asistencia inmediatamente”. Esta resposta positiva deu luz verde para comezar cos preparativos e coa organización do evento, lanzando o chamamento oficial para a participación das empresas hai tan so tres días.

O programa completo de conferencias inclúe 40 sesións e 26 multinacionais confirmadas. 

A VII PontUp Store presentará 46 firmas innovadoras

Asétima edición da PontUp Store, a gran feira de emprendemento de Pontevedra, presentará 46 startups galegas innovadoras e creativas. Así o vén de confirmar a UVigo (Campus Crea, co apoio do Concello de Pontevedra), logo dun proceso de selección no que se tiveron en conta as contribucións de case 150 candidaturas de novas empresas galegas e máis do eido estatal.

A feira celebrarase entre os días 17 e 19 de setembro e farao en formato híbrido, combinando actividades en liña con presentacións ao vivo desde a carpa que se situará na praza de España e outras localizacións da cidade. En total van participar 36 empresas con stand, dez empresas que desenvolverán actividades demostrativas na carpa, e outra oito no Talent Business Pont-Up Exprés.

Representando o ámbito tecnolóxico participarán iniciativas como Smartwood, unha ferramenta tecnolóxica orientada á mellora da produtividade e o rendemento das explotacións agrícolas e forestais e, coa vista posta “na innovación a partir da tecnoloxía e o abastecemento enerxético e a mercadotecnia” estarán Weet Energy & Telecom, a plataforma de dixitalización Xermy e a consultoría de innovación I+ADN.

This article is from: