Ata os dez anos, os nenos necesitan dúas porcións de lácteos ao día. Entendéndose como unha porción a cantidade de leite ou de lácteos que contén igual achega de calcio, non así de calorías ou de graxa. Para entendelo mellor, é o mesmo en calcio tomar un vaso de leite de 200 mililitros que 2 iogures ou 1 leite callado. O exceso de lácteos na dieta potencia a inhibición na absorción de ferro e aumenta a probabilidade de que o neno padeza unha anemia por déficit de ferro. Ademais provoca trastornos na dieta dos nenos porque a volve monótona, achega moita graxa animal e saturada e pode provocar estrinximento e dor abdominal. A partir dos dez anos unha das porcións pode ser 40- 60 gramos de queixo semicurado ou 80-100 gramos de queixo fresco.
Os zumes envasados puxéronse de moda. Algunhas persoas consideran que se trata dun alimento axeitado para todas as idades, e que substitúen perfectamente á froita natural, o cal non é correcto. A froita contén azucres naturais, fibra, minerais e vitaminas. O zume achega cantidades de azucres moi elevadas e as vitaminas e a fibra desaparecen, aínda que conteñan vitamina C e algúns estean enriquecidos en calcio. O seu consumo excesivo pode provocar: dor abdominal, meteorismo, diarrea, carie dental, inapetencia e obesidade. Cos refrescos azucrados acontece algo similar.
Os cereais en folerpas ou expandidos constitúen unha boa opción para a primeira colación do día, porque teñen menos graxa que a bolería e achegan unha cantidade axeitada de hidratos de carbono, fibra, vitaminas e minerais. Pero a miúdo, para facelos máis apetecibles, van cubertos de azucre, mel ou chocolate. Isto aumenta de forma importante a cantidade de calorías sen achegar nutrientes esenciais. En caso de que leven chocolate, aumenta aínda máis debido a que este contén moita graxa. Débense elixir os menos azucrados, menos graxos e menos salgados.
Os alimentos de consistencia algo dura, que fan traballar a dentes e mandíbulas, favorecen o desenvolvemento dos músculos da cara e da mastigación, ao mesmo tempo fortalecen os dentes e enxivas. Pola contra, os alimentos demasiado brandos, non só evitan ese pequeno pero beneficioso esforzo, senón que, a miúdo, ao estar compostos de azucres, adhírense aos dentes e contribúen á aparición de carie. Ademais os produtos de bolería e os pans de molde adoitan ter graxa engadida, azucres e aditivos (que os fan durar máis) que non teñen o pan do día.
Moitas familias ofrecen lácteos de sobremesa os seus fillos. Na maioría dos casos fano porque creen que así a alimentación é máis completa. Tamén por comodidade, posto que os nenos adoitan preferir os iogures, flans e cremas á froita, tómanos máis rápido e non hai que axudarlles nin ensinalos a pelar a froita.
Non hai que esquecer que as froitas teñen moitas propiedades nutritivas (vitaminas, minerais, fibra, etc.) que axudan a manter e coidar a nosa saúde. É conveniente que se afagan dende o primeiro ano a tomar a froita en anaquiños e dar exemplo tendo sempre ao alcance da man froitas variadas da tempada.
A maioría dos nenos e nenas toman algún alimento antes de ir ao colexio; non obstante son poucos os que fan un almorzo completo. O almorzo é unha das comidas máis importantes do día xa que readapta o noso perfil metabólico, aumenta a concentración, a memoria, a capacidade física e mental para aprender e xogar. Tamén combate a obesidade. O almorzo é un hábito, así que axúdao a que se afaga. Para iso non é suficiente con tomar un lácteo. Un exemplo de almorzo completo: Lácteo: leite, iogur, queixo, leite callado Cereal: pan, cereais, galletas Froita: enteira ou en zume Aceite, manteiga É importante non abusar da bolería, reducindo o seu consumo, como máximo, a unha vez por semana.
A importancia destes alimentos non é o valor calorífico, senón que se elaboran con graxas trans que elevan o colesterol e os triglicéridos e teñen efectos nocivos para a saúde, presente e futura. Este tipo de alimentos achegan "calorías baleiras", é dicir, son produtos ricos en enerxía, pero pobre en nutrientes útiles para o noso corpo.
Os adultos teñen, ou poden adquirir, os coñecementos necesarios para levar a cabo unha alimentación variada e equilibrada. Por iso, a responsabilidade de elixir menú, comprar os alimentos e deseñar unha dieta completa non corresponde aos menores, senón ás persoas que os coidan, xa que eles, se se lles ofrece, adoitan elixir alimentos demasiado doces ou salgados. O recomendable é ensinalos a comer ofrecéndolles 2 ou 3 alimentos saudables e entre eses deixarlle que elixan cal comer. Por exemplo:
Queres merendar bocadillo de queixo ou de salchichón? Queres tomar hoxe o ovo revolto ou pasado por auga? De sobremesa que prefires, unha mandarina ou unha pera? Non comer á carta. É unha forma sa de educar, que che agradecerán despois.
Polo xeral, é necesario premer os nenos para que proben algúns alimentos. Non obstante, comprobouse que a insistencia dos pais cara a un alimento fan que os nenos rexeiten eses alimentos. O mesmo sucede cando se lles ofrecen premios por comer algúns pratos, pois os nenos adoitan poñer os devanditos alimentos na categoría de que "son
tan
malos
que
deben
premiarme
para
que
os
coma".
Nas comidas débese motivar, atender, incentivar, observar...pero nunca obrigar. Se obrigamos a comer, a relación cos alimentos vaise enrarecendo, negativizando e creamos situacións que poden chegar a ser problemáticas.
Doulle calquera cousa e a calquera hora, con tal de que coma algo. É outro erro típico: proporcionar alimento fóra das horas de comida con tal de compensar as carencias dos pratos centrais. Ademais a situación empeora porque esas alternativas adoitan ser alimentos inadecuados: bolería industrial, doces, batidos... produtos moitas veces repletos de calorías e graxas que prexudican a súa saúde a longo prazo.