CONCURSO RELATO CURTO 2018
RELATOS GAÑADORES
1ยบ PREMIO 1ยบ CICLO ESO MARร A AGUIAR 1ยบ ESO A
A cafetería Nesa tarde ia bastante calor. Se saías á rúa só apetecía tomar un xeado ou algunha bebida fría na cafetería máis próxima. Eva estava traballando de camareira nunha cafetería do centro, e Xavier camiñaba por esa zona. Coa calor, entroulle sede e foi beber algo a aquel local. Sentouse na primeira mesa baleira que atopou,e ela foi atendelo. Cando ambos se viron, tiveron unha sensación algo extraña. Quedáronse mirando un ao outro aparvados mentres sentían coma se mil bolboretas voasen no seu interior, tamén sentiron coma se levaran toda a vida xuntos, aínda que fora a primeira vez que se viran. Namoraranse, só ao mirarse un segundo. A Eva tremíalle a voz ao dicir a frase:”que vas pedir”, e Xavier tatexou ao pedir o granizado de laranxa. El volveu ao día seguinte, e ao seguinte, e todos os dias do seguinte mes. Sempre pedía o mesmo:un granizado de laranxa. Dáballe igual se ía frío, ou calor, ou o que fose. Prefería iso a poñerse nervioso ao intentar pedir outra cousa. Eles falaban ás veces máis, como un “ola” ou “que tal?”, e comezaron a coller confianza.
Un día pediu dous granizados en vez de un, e Eva preguntoulle por que pedira dous. -É para unha moza, da que estou namorado. Levamos tempo véndonos, pero aínda non me atrevín a dicirlle o que sinto por ela. Hoxe vou facelo -esa foi a súa resposta. Eva sentiu un punzazo no corazón ao escoitar que a Xavier lle gustaba unha rapaza que non era ela, porque ela estaba completamente namorada del. Partíuselle o corazón e escapóuselle unha pequena bágoa. Levoulle os granizados á mesa intentando sorrir, cando el lle dixo: -Tes cinco minutiños? -Si, supoño -contestou sorrindo de verdade. -Pois ben, senta conmigo -dixo ofrecéndolle un dos granizados.
MARÍA AGUIAR 1º ESO A
1ยบ PREMIO 2ยบ CICLO ESO MARร A CANOSA 3ยบ ESO B
SONS SONS, sons teimudos ,sons de maio , sons pequenos ou enormes que fican embobados ,sons que queren, sons que aman, aínda que tamén están os que calan , os que calan a dor,a escuridade, os que calan o sufrimento das vidas da xuventude, o son do mar nas tormentas , as cales non carecen de lendas que conteñen o perigo dos sons , os sons da vida, algúns sons que se pasean polo aire sen chegar a ningún lugar , sen presas, sen pausas, sons constantes pero que van paseniño , sons mudos, porque o lugar dos sons tamén o ocupan silencios , pausas que demostran sentimentos , sentimentos encontrados, sentimentos de luz , sentimentos de mel, a cada quen lle pertence un son, pero non todos son fermosos xuntos ,os sons son coma quebracabezas, non podes facer que encaixen, teñen facelo por eles mesmos ,na túa vida terás que convivir con persoas que desafinan a túa melodía , os teus pensamentos , só tes que aprender a afinalos, os sons se educan , os sons se moldean , os sons se debuxan e se colorean , non importa o seu volume nin a súa grandeza , son sons , fermosos por eles mesmos , sons con sabores, con sabor a amorodo , con sabor a amor, con sabor a liberdade , sons que falan da beleza , que escriben as notas na pel do arte ,sons que queren chegar tan alto que se quedan polo camiño, sons sen descrición, sen etiqueta, aqueles que son libres sen importar o que falen de eles, sons infinitos, que non rematan , que se quedan para sempre nun recuncho da nosa memoria, os sons non morren , os sons non se esgotan , os sons son ETERNOS . MARÍA CANOSA 3º ESO B
BACHARELATO 1ยบ PREMIO ร LVARO PRADO SABORIDO
Tebras arrubiadas Ela ficou abraiada pola magnitude do firmamento nu. Afeita á noite impura da metrópole olívica, endexamais presenciara con tanta nitidez a refulxencia dos luceiros. Pensou na intensidade inexorable do sol e comprendeu que a auténtica fascinación non a provocaban os brillos cegadores, senón os que discordaban en sutil harmonía coas tebras que os envolvían. Talvez o reloxo se deteu durante un tempo incerto. A natureza, cómplice, non quebrantou o silencio. Ela, prudente protectora do feitizo, tampouco. El ficou abraiado pola magnitude do abraio dela e por aqueles rizos rubios que nin sequera a máis opaca das tebras chegaba a eclipsar. Relativista dogmático, só foi consciente da atracción que Ela exercía sobre El cando caeu en que apenas mirara para aquelas estrelas masivas. Quixo ter medo, quixo preservar a razón para esquivar as tráxicas consecuencias dun intre puntual de felicidade eterna. Obrigouse a erguer a vista, máis por deixar de reparar en Ela que por interese nos astros. Tan profunda era a inmersión cosmolóxica imposta que foi o derradeiro sentido de El, o do tacto, o primeiro en percibir os efectos da atracción. Do másico ó eléctrico nas tebras arrubiadas. E o medo esquecido lonxe no tempo e no espazo.
ÁLVARO PRADO SABORIDO 2º BAC B
2ยบ PREMIO 1ยบ CICLO ESO MARINA DOMONTE
1ยบ ESO A
LUME A pequena María volvía en coche de Madrid cansa pola longa duración do traxecto, cando de súpeto, o coche parou. Estaban na Cañiza, parados no medio dun interminable túnel con apenas catro tenues luces. Non foi a retención o que a asustou, senon a reacción dos seus pais. Eles non quitaran a vista de encima do móbil desde había uns minutos. Ningún abriu a boca durante ese longo período de tempo. Nese momento pasou diante deles un impoñente e ruidoso coche de policía. María vira miles de veces eses coches, pero nunca vira unha luz tan intensa enriba del, nin escoitara xamais una bucina tan barulleira coma aquela. - Que pasa mamá? Estádesme asustando… Podemos marchar xa?-dixo María. - Oxalá fora asi de sinxelo irse, nena. - dixo a súa nai cun ton tenso que María non coñecía. Un bo rato despois conseguiron saír do túnel. O ceo tinxírase dunha cor avermellada mentres que o chan estaba cada vez máis escuro debido á cinza. Pola estrada fuxían aloucados animais como raposos ou xabarís. As árbores caídas e mais as que permanecían en pé estaban totalmente negras. Anos despois María visitou a zona na que presenciara aquela traxedia e atopouse cunha paisaxe desoladora. A terra continuaba sendo negra, todavía quedaban árbores negras e restos de casas negros. María quixo chorar de rabia, xa que ninguén xamais esquecera que aquel incendio fora provocado. Hoxe en día María segue axudando a repoboar aqueles bosques queimados polo lume. “ Pouco a pouco, despois de moitos anos de traballo, Galicia volve ser a mesma”- dixo María nunha entrevista ao Faro de Vigo un 15 de outubro do ano 2072, no 55º aniversario daquela catástrofe.
2ยบ PREMIO
2ยบ CICLO ESO ALBA FREIRE
Máquina de exterminio
Man que sobe pola miña entreperna. Parálese intensiva nun campo de batalla cun só bando. Cheiro a fame, desesperación e medo. Encóllome. Caricia de espiñas de rosa. Respiración entrecortada ás miñas costas. Mirada de berro de auxilio en silencio. Millóns de ollos baleiros que non ven. Apertamentos. Frío. Rabia. Ardo. Son afastado de salvación. Unhas portas que se abren. Baixo do metro. Morta en vida.
BACHARELATO 2ยบ PREMIO EVA SALVADO
1ยบ BAC
“ MEMORIA” Unha suor fría recorreume o lombo. Estaba atrapada. Mirei ao meu redor, pero só vin catro paredes e un teito baixísimo. Con esforzo, erguinme. A necesidade de escapar de alí xurdira no meu peito e empurrábame a gritar, a saír correndo, a facer ruído. Sen embargo, a miña experiencia tentaba calmar eses impulsos. Sabía ben que non ía lograr nada. Un profundo desacougo perforaba o meu esterno. As bágoas ameazaban con precipitarse, pero retívenas. Tiña que pensar, e para iso debía ter a cabeza fría. Había varias posibilidades. Podía tratar de abrir a porta sen facer moito ruído, ou abrir a ventá e saltar. Pero esas opcións non me gustaban nada. Demasiado arriscadas. Por outra parte, podería esperar, agochada nalgún recuncho do cuarto. Cando o meu secuestrador entrase, podería atestarlle un golpe mortal e saír correndo. Sen dúbida, era a única opción viable. Así que me dispuxen a atopar un bo sitio para agocharme, e decidín meterme detrás da porta. Estaba nerviosa. A impaciencia devorábame a calma de xeito irrefreable. De súpeto, escoitei un ruído. Prepareime para atacar. O secuestrador abriu a porta e rapidamente saín do meu escondite. Atesteille un golpe, dous, ata tres. Pero conseguiu inmovilizarme. Cando me tivo entre os seus brazos, falou cunha voz cansada, e dixo: -Mamá, tranquila. Son eu.
3º PREMIO 1º CICLO ESO ANTÍA FERNÁNDEZ LEAL 1º ESO C
E se fora real…? Acercábase o ano 1960 e un rapaz loiro chamado Colin, estaba na gran mansión dos seus pais. Eran as vacacións do Nadal e era de noite; el estaba no seu cuarto, tombado na súa cama sen poder durmir. O silencio invadía toda a mansión. Non había nin un só ruído, unicamente se escoitaba o “tick-tack” dun reloxo de madeira de carballo antigo que se atopaba no salón do piso inferior. Dun momento a outro, soaron as badaladas de media noite, “as doce”, pensou Colin, sen poder conciliar o sono. Non se podía sacar esa horrible imaxe da súa cabeza: o seu pai, un home formal e poderoso, estaba estrangulando coas súas propias mans á súa cuñada. Colin non quería crer o que vira, foi todo tan rápido que nin sabía se o que mirara fora real ou non. Pechou os ollos con forza e pasaron un escasos segundos. De súpeto, xa non estaba no seu cuarto nin na súa cama, senón nunha especie de habitación sen paredes, nin chan, nin teito, só había escuridade. Da nada, xurdiu unha tenue luz e Colin, a medida que ía acercándose, podía oír as voces do seu pai e da súa tía Evelynn. Cando alcanzou a luz, puido ver a escena que vira hai horas: aí estaban o seu pai e a súa tía discutindo. O seu pai acercouse a Evelynn e enrolou as súas mans no pescozo dela e empezou a asfixiala. “Teño que avisar á miña nai”, foi o primeiro que acadou a dicir cun fío de voz. Tentou que o seu pai parase, gritando, pero ningún son saíu da súa gorxa. Dun intre a outro, tampouco podía moverse. A luz esmoreceu, xunto cos gritos afogados de Evelynn, e Colin seguía tentando gritar e moverse, fallando no intento. De súpeto, era pola mañá. Colin levantouse de golpe, suando e respirando axitado e cando puido ver o seu cuarto, e que todo estaba normal, tranquilizouse. “Un simple pesadelo…”.Escoitou a voz dos seus pais no comedor, acercouse á porta do seu cuarto e viu a sombra dos seus pais falando tranquilamente. Despois de ducharse e cambiarse, baixou a almorzar, saudou ao servizo e foi onde os seus pais. Sentouse á carón da súa nai e esta preguntoulle se durmira ben ao que este lle respondeu: “ben, tiven unha especie de sono estraño, pero…pero non estou seguro da diferenza que hai entre o meu soño…e a realidade”, e mirou ao seu pai. “E por certo – añadiu-, onde está a tia Evelynn?”
Antía Fernández Pardo 1ESO C
3ยบ PREMIO 2ยบ CICLO ESO IREA OBESO 3ยบ ESO
A MATANZA
E outro día máis chega a hora da matanza. O verdugo xa ten a súa arma entre as mans. Disponse a matar a súa primeira vítima... e esta non opón resistencia. Todos choran por ela, pero as mortes continúan... O seguinte, vermello de furia, enfróntase ao seu asasino, pero non dá escapado e todo acaba nun gran charco encarnado. Outros morren ensartados en lanzas. As escenas son horribles e terriblemente dolorosas. Agora, o verdugo acende a fogueira para botar alí os pobres condenados. Moreas de inocentes arderán entre as chamas. E o asasino non descansa: os seguintes morrerán baixo a auga. Os gritos afogados rompen a alma... Pero o verdugo non se inmuta, e incluso parece gozar coa escena. Mais non ten abondo. Quere máis. As súas mans agarran unha nova presa, apertan forte, esgánana. E aínda non é suficiente: arríncalle o pelello ao primeiro que encontra, sen compaixón. E de súpeto, sen previo aviso, detén a matanza. Parece que é bastante por hoxe. Entón, por riba daqueles brados arrepiantes, alza a súa voz... -A comeeeeer!!!
3ยบ PREMIO 2ยบ CICLO ESO LOLA MATAMORO 3ยบ ESO
TEMA LIBRE Hoxe en clase de galego pedíronos un relato curto de duascentas palabras. Por agora semella doado, pero a profesora engadiu, tema “libre”. Cústame enfrontarme a un folio en branco, pois a miña imaxinación deriva coma un barco ao vento sen temoneiro, ao capricho das ondas e as mareas. Decido pensar niso mentres os meus pes camiñan cara a casa, pois fixen tantas veces este traxecto que non precisan guía, móvense automaticamente, saben onde hai que subir, onde torcer, onde baixar e onde brincar e déixanme libre para centrarme no importante. Chegando xa a praza de España descartei unha morea de temas: uns porque me lembran as películas xa vistas, outros a libros xa lidos e outros simplemente porque non me gustan. De súpeto, un son agudo sácame das miñas tribulacións, xiro a cabeza cara a súa orixe, unha señora berra sinalando a un mozo que corre cara min. Durante uns segundos non entendo o que pasa, pero os meus pés páranse e o mozo que mira cara atrás achégase para arrollarme coma un tren de mercadorías, e no derradeiro segundo fágome a un lado e sígoo coa ollada ata que desaparece na esquina da rúa. Sigo sen saber o que ocorreu pero unha barreira humana arrodea a señora. Cruzo a praza matinando no que pasou e manexo varias posibilidades: Primeira: a señora manda ao seu fillo a casa porque deixou a tixola ao lume. Segunda: o mozo rouboulle a carteira á señora. Terceira: unha praga de alieníxenas disfrazados de humanos, que nos infectan ao tocarnos,creando conexións sinápticas que incitan ao histerismo e a loucura. Decátome de que cheguei a casa, por suposto, sen tema para o relato.
BIBLIOTECA IES DO CASTRO DINAMIZACIÓN E NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA