Catálogo Exposición do Plan Director da Catedral de Santiago

Page 1

Plan Director da Catedral de Santiago de Compostela Obxectivos do Plan Director

O Plan Director da Catedral de Santiago é o documento oficial que establece pautas, condicións, custos e un programa de actuacións necesario para a rehabilitación e conservación da Catedral. Está redactado cun alto nivel de rigor científico e inicia o máis preciso levantamento gráfico do conxunto catedralicio realizado ata agora. Elabora novos planos, analiza as patoloxías que afectan ao edificio e fai un exhaustivo estudo do estados dos retablos e pinturas murais, dos usos no edificio claustral e das medidas de seguridade na Catedral.

A Catedral de Santiago é o corazón de Compostela. Un espazo cheo de espiritualidade que o devir dos séculos converteu nun prodixio arquitectónico dunha enorme intelixencia técnica e tecnolóxica. Conservar este patrimonio é un deber de todos e unha obriga para os que habitamos Compostela e nos beneficiamos da súa enorme capacidade para xerar riqueza.

Planimetría. Medindo a Catedral

O Plan Director establece de forma definitiva o plano da Catedral, e, en particular, o seu perímetro exacto. Con todo, a Catedral de Santiago sempre foi obxecto de debuxo para moitos arquitectos, en especial a partir do século XVII cando se inician as grandes intervencións barrocas. En 1657, o cóengo Vega y Verdugo debuxa a lapis as fachadas da Catedral e, en 1793, o mestre de obras Miguel Ferro Caaveiro traza unha reconstrución hipotética da Catedral en época medieval.

A partir de 1950, fixéronse novos planos e alzados da Catedral, como o conxunto de debuxos de Francisco Pons-Sorolla, conservador da cidade monumental de Santiago en 1945. En 1988, o Ministerio de Cultura realiza a fotogrametría da fachada do Obradoiro e, nos anos 90, o Departamento de Representación e Teoría Arquitectónicas da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña elabora un levantamento gráfico da Catedral.

Un experto estadounidense, Kenneth John Conant, será quen realice a primeira planta completa da Catedral. En 1926 publicará as súas investigacións sobre a basílica románica, un traballo fundamental que lle permitiu realizar unha completa planimetría da Catedral e que serviu de base para os planos realizados posteriormente.

Destaca pola súa orixinalidade e rigor o proxecto de análise da construción románica da Catedral de Santiago que están realizando as Universidades de Cottbus (Alemaña) e de Berna (Suíza). Trátase dun proxecto multidisciplinar no que participan arquitectos, historiadores da arte e xeodestas, que a partir dun exacto levantamento planimétrico e dun complexo traballo de documentación da escultura, identifican as diferentes fases construtivas da época medieval.

O Cabido da Catedral e o Consorcio de Santiago queren dar a coñecer o contido do Plan Director da Catedral de Santiago, a folla de ruta para a restauración e conservación da basílica xacobea. Unha mostra divulgativa que se propón como unha maneira diferente de achegarse á historia, a arte e a espiritualidade da alma de Compostela.

Patoloxía. As lesións da Catedral

Para poder identificar os síntomas das enfermidades construtivas que afectan á Catedral de Santiago, os técnicos do Plan Director da Catedral dividiron o conxunto catedralicio en 25 áreas de estudo. Tras a súa análise detectáronse as diferentes lesións, que se plasmaron en 534 fichas de patoloxías. O Plan Director identifica dez tipos de lesións que afectan á fábrica da Catedral: danos estruturais ou de suxeición, deterioración da pedra granítica dos muros, acción de humidades, sucidade de contaminación atmosférica ou orgánica, carpintarías deficientes, actuacións perturbadoras en ocos, acabados interiores estragados, elementos mal trazados ou alterados, defectos nas instalacións e reixas ou varandas en mal estado. Unha patoloxía que merece unha especial atención é a derivada da presenza de liques, algas e vexetais, que na pedra da Catedral establecen o seu hábitat natural. Outra lesión moi estendida é a derivada do encontro entre o ferro e a pedra, presente nas reixas e ferraxes das xanelas e nas grampas de unión de perpiaños.

A Catedral de Santiago, corazón de Compostela

O Pórtico da Gloria

A cidade de Santiago de Compostela naceu e creceu ao abeiro da Catedral, meta do máis importante camiño de peregrinación de Europa. A cidade conformou o seu urbanismo a medida que a Catedral se transformaba, recollendo as influencias artísticas que chegaban doutras partes do continente.

Proposta multimedia enmarcada no Programa Catedral de Santiago de Compostela, financiado pola Fundación Barrié como reflexo do seu compromiso coa recuperación do patrimonio histórico e cultural de Galicia.

A construción das catedrais

Foto: Renovatio S.L.

Programa de actuacións

Estudo dos bens mobles

Como resultado dos estudos do Plan Director da Catedral, establécese un programa completo de obras de restauración e rehabilitación e márcase a prioridade de cada unha delas. Deste xeito, as obras divídense en urxentes, prioritarias, secundarias e de remate, segundo a necesidade de acometelas antes ou despois. O custo global das intervencións previstas no Plan Director é duns 24 millóns de euros.

Unha parte moi importante da Catedral de Santiago son os seus bens mobles, especialmente os retablos que conteñen as súas capelas, todos eles obras de arte en si mesmos. O Plan Director tamén detecta lesións neles, debido fundamentalmente á humidade ou a intervencións previas inadecuadas, e establece as actuacións restauradoras.

Estudo dos usos. Os novos espazos na Catedral

Unha das principais novidades do Plan Director é a optimización dos usos no edificio claustral, que a día de hoxe contén estancias baleiras e problemas de comunicación entre as plantas. As reformas previstas permitirán que a Catedral acolla novas actividades e mellore os espazos destinados ao Cabido e á administración, así como á renovación do Museo e do Arquivo da Catedral.

En paralelo, o Plan Director destaca a importancia de establecer un mantemento continuado na Catedral: limpeza, instalacións, sistemas de seguridade, reparacións en albanelaría, cantaría, carpintaría e acabados, conservación de bens mobles, órgano, reloxo e campás. O seu custo medio sería de 600.000 euros anuais. Plano do claustro extraído do Plan Director realizado baixo a dirección de F. Javier Alonso de la Peña

Unha singular maqueta, construída a partir dos planos dos alzados contidos no Plan Director, reproduce as fachadas da Catedral, indicando sobre elas os mestres e arquitectos que nela traballaron, cada un co seu estilo artístico. De forma complementaria reprodúcense outras creacións deses mesmos arquitectos no conxunto da cidade histórica de Santiago de Compostela.

A Catedral de Santiago foi e é unha das grandes empresas arquitectónicas da historia da arquitectura, onde converxeron innumerables persoas pertencentes aos máis variados oficios. Canteiros, albaneis, carpinteiros ou ferreiros tiveron na Catedral de Santiago o seu centro de traballo e o seu obradoiro. Unha pequena colección de pezas procedentes do Museo do Pobo Galego conduce á sala audiovisual, na que se proxecta un documental realizado pola TVG sobre a historia da Catedral de Santiago.

Oitavo centenario da consagración da Catedral En 2011 conmemórase o oitavo centenario da consagración da Catedral de Santiago, declarado acontecemento de excepcional interese público polo Goberno de España. Deste xeito, as entidades privadas que participen como patrocinadoras do evento, poderán gozar dos máximos beneficios fiscais previstos pola lei. As achegas destes patrocinadores servirán para financiar obras de restauración na Catedral, contempladas no seu Plan Director.


A Catedral de Santiago, corazón de Compostela

Exposición no Pazo de Xelmírez Entrada dende o interior da Catedral (zona Pórtico da Gloria) e dende a Praza do Obradoiro Horario: Martes a sábado de 10 a 14h. e de 16 a 20h. Domingo de 10 a 14h. / Luns pechado Organizan: Cabido da Catedral de Santiago / Consorcio de Santiago Comisariado: Oficina Técnica - Taller de Proxectos do Consorcio de Santiago Asistencia Técnica: Jorge Ares Rodríguez, Jorge Vázquez Couto Dirección artística e de montaxe: 100x100 creatividad + comunicación, Oficina Técnica - Taller de Proxectos do Consorcio de Santiago e Imaxson

COLABORA

www.catedralsantiago800.com

A CATEDRAL DE SANTIAGO, CORAZÓN DE COMPOSTELA PAZO DE XELMÍREZ SANTIAGO DE COMPOSTELA


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.