¡ Sireno, Sireno ! 3ª edición - Premio Merlín de Literatura Infantil, 1997 Alfaya, An (Autor/a) Barros Barros, Xulia (Ilustrador/a) Partindo da imaxe da esculta de Francisco Leiro situada na Porta do Sol de Vigo a autora crea un mundo de fantasía. “¡Sireno, Sireno!” é o relato, en primeira persoa, dun neno que acaba de sufri-la perda do pai por mor dun accidente de tráfico e non pode comunicarse coa nai, unha vendedora de enciclopedias, porque ela non é quen de saír do seu illamento. O neno refúxiase nun mundo onírico, no que o debuxo é a única vía de escape, pero só pinta en branco e negro porque vive nun mundo gris; nesa situación. A descuberta do Sireno, unha estatua deforme que se eleva nunha praza da súa cidade, desperta emocións intensas e contradictorias no seu interior. A partir de entón, sofre unha identificación fantasiosa que o axudará a camiñar na procura das cores. En palabras de An Alfaya, a autora, “o Sireno sérvelle ó protagonista de escusa para saír da escuridade na que quedou preso trala morte do pai e descubre nela a beleza do deforme como aposta persoal”. Unha fermosa historia, merecedora do Premio Merlín de 1997, que é un reflexo dun alma infantil sensible. Unha historia escrita co corazón, que a autora recomenda lela tamén co corazón, que aposta por afondar nas vivencias e nos sentimentos.
A cidade maldita 4ª Edición Abella Chouciño, Xelucho (Autor/a) Iglesias, Fernando (Ilustrador/a) O pai de Cibrán, un neno de doce anos, é grande afeccionado a visita-los castros e a contarlles a el e mailo seu irmán historias da cultura dos celtas. Un día, xogando no parque, Cibrán bate cun medallón, que ten gravadas nas dúas caras unha chalana de coiro e un circo de pedras. Ó collelo, queda durmido e desaparece da época actual. Reaparece nun lugar diferente, na cidade celta de Calión que foi asolagada por unha maldición. Cando os habitantes ven o medallón de Cibrán, cren que é o enviado que estaban a agardar. Sométeno a tres probas, que o rapaz pasa sen dificultade. Cibrán e dezasete homes máis embarcan rumbo á illa de Avalón, onde vive o Reí Pescador. A viaxe é accidentada e chea de perigos. Exacoca, un anano de seis cabezas, e Setanta, un valente guerreiro, axudaranos a vence-la serpente Leviatán e a chegar con ben á illa. O Rei Pescador dilles que para desface-la maldición de Calión e das outras cidades da confederación celta teñen que vencelo xigante do ollo na caluga e os habitantes das tebras. E así Calión quedará liberada. Dúas semanas despois da súa desaparición, Cibrán reaparece de novo. Ninguén cre a historia que conta pero el, que conserva o medallón e unha rara mensaxe, sabe que todo aconteceu de verdade.
A historia que se nos conta transcorre nun tempo mítico e nun lugar, Baladouro, que pertence a un espacio identificable como o das terras do concello de Arteixo. Alí nace un neno, Estevo, e o cego de Baladouro prognostica que o naipelo estará dotado de estraños poderes. O neno vai medrando e axiña se descobre que a profecía é certa, xa que Estevo ten poderes máxicos. O cego regálalle un libro, O libro Vermello, no que só o neno poderá ler; cando o saiba todo, as letras desaparecerán e o libro converterase en po. O neno medra, aprende e a profecía cúmprese. Pero pouco despois comeza a chover sobre Baladouro cunha chuvia interminable, ameazando con asolagar todo. Curiosamente, a chuvia só cae sobre o seu lugar natal, polo que Estevo decide descubri-las causas do estraño fenómeno. Estevo emprende entón unha sorte de viaxe iniciática, durante a cal vai coñecendo diferentes personaxes (un bibliotecario, unha meiga, unha Sombra, un vello escritor popular, un anano, un can mouro...) que lle van facilitando as pistas para que poida chegar a coñece-lo segredo que se agacha trala persistente choiva. Finalmente, o segredo queda desvelado: un nubeiro é o que está a asolagar Baladouro. Estevo vai velo á súa cova e, gracias á forza da súa palabra, xa que o nubeiro devece por escoitar historias, consegue que faga desaparece-la maldición e Baladouro acabe salvándose. A miña man na túa Landa, Mariasun (Autor/a) Jaraba, Fran (Ilustrador/a) Hernández, Teresa (Traductor/a) O protagonista e narrador desta novela é Xabi, un rapaz na idade da preadolescencia. Un día decide fuxir da súa casa e vai refuxiarse nunha cabana do monte, só coñecida por el e mailo seu amigo Antón. Alí, na cabana, ponse a escribí-los seus pensamentos, e deste xeito, podemos coñece-la súa historia. Así, sabemos que Xabi vivía só coa súa nai. O seu pai morrera nun accidente, cando el aínda non nacera. Un día descobre que a súa nai está namorada de novo. O mozo é Carlos, un profesor, e Xabi non o pode nin ver. Como a nai segue adiante co noivado, o rapaz non o dá aturado máis e foxe da casa. A través do que Xabi escribe, imos coñecendo outras cousas importantes da súa vida: a profunda amizade con Antón, un rapaz entusiasta da natureza; o seu cariño por Sabela, unha compañeira de clase que lle gusta moito; a simpatía que sente por Irene, namorada dun home que morrera asasinado... O relato remata na madrugada, despois de que Xabi pasase a súa primeira noite só, na cabana do monte. Nese momento, con fame e frio, desexaría sentirse preto da súa nai, como cando era máis pequeno; pero tamén sabe que, dalgún xeito, as causas xa nunca poderán volver ser como eran e el terá que afrontar unha nova etapa na súa vida.
A negrura do mar 4ª Edición - 2ª Edición Premio Literario Frei Martín Sarmiento (de 11 a 13 anos) Caride, Ramón (Autor/a) Prado, Miguelanxo (Ilustrador/a) O presente volume inclúe unha novela (“A negrura do mar”) e dous relatos longos (O misterio do Prión” e “A primeira aventura”) que constitúen unha nova entrega das aventuras de Said e Sheila, os dous irmáns da época futura, os personaxes creados por Ramón Caride en “Perigo vexetal”, que tiveron novas entregas na colección Merlín, “Ameaza na Antártida” e “O futuro roubado”. Said e Sheila, os dous irmáns ecoloxistas e pacifistas que loitan dende o futuro por un mundo mellor, relatan n’ “A negrura do mar” a viaxe que emprenderon no outono do ano 2076 ao Océano Atlántico con motivo dunha alarma medioambiental provocada pola aparición de manchas de hidrocarburos detectadas nalgúns coídos e praias situadas entre Cabo Fisterra e as illas Sisargas. Na enseada do Cuño e na vila de Covelo atoparán indicios da existencia dunha posible marea negra que os remontará, por medio dunhas cartas que lles proporciona unha velliña, aos acontecementos sucedidos no afastado outono de 2002 cando naquelas mesmas costas naufragou o petroleiro Prestige provocando a maior negrura do mar coñecida na Costa da Morte. N’ “O misterio do Prión”, os investigadores mozos contan o que lles sucedeu aló polo 2074 cando acometeron a súa primeira intervención en asuntos biotecnolóxicos. Souberon que na granxa de avestruces dos pais do seu amigo Brais comezaran a pasar cousas nunca vistas: algúns animais presentaban un comportamento extraño que será obxecto das súas pesquisas e que os obrigará a remontarse na procura da orixe da síndrome de EEB (Encefalopatía Esponxiforme Bovina) que afectara as vacas, que dían tolas, ao comezo do século XX. Por último, completa estes “Arquivos de Sheila e Said”, ilustrados como nas entregas anteriores por Miguelanxo Prado, a narración da primeira aventura dos irmáns de Loreda, dando conta dos seus primeiros anos de vida na compaña dos seus pais, Hazid e María, e do seu avó Xan.
Ameaza na Antártida 8ª Edición Caride, Ramón (Autor/a) Prado, Miguelanxo (Ilustrador/a) Said e Sheila, os dous irmáns do futuro que xa protagonizaran Perigo vexetal (premio Merlín, 1995) e O futuro roubado, viven aquí unha nova e inquietante aventura. Todo comeza cando descobren unha estraña mortandade de peixes no río que hai preto da súa casa. A procura das causas do desastre ecolóxico lévaos ó descubrimento dun terrible plan promovido por Anatoly Koprissos, un multimillonario grego que pretende dominar o mundo mediante a enerxía nuclear. Ameaza na Antártida é unha magnífica narración, cos ingredientes que caracterizan as mellores novelas e películas de aventuras.
As bruxas 3ª Edición Dahl, Roald (Autor/a) Blake, Quentin (Ilustrador/a) Arias, Xela (Traductor/a) Iglesias Izquierdo, Lidia (Traductor/a) As Bruxas de Roald Dahl narra a historia dun rapaz e maila súa avoa que se enfrontan á terrible Asociación de Bruxas de Inglaterra, mentres estas, baixo a aparencia de mulleres correntes celebran a súa convención anual nun hotel… Ninguén cre nas bruxas, pero haber hainas. E estas das que fala Roald Dahl posuén podeorosísimos nenicidas. Os nenos para unha bruxa son sucios e fedorentos, o inimigo que hai que exterminar… E non son esas vellas feísimas de voz renxente, traxes negros, sombreiros picudos e vasoiras aerodinámicas. Non. Aquí fálase das bruxas verdadeiras, das que fan traballos normais, levan unha vida normal e adoitan levar luvas porque, na realidade, teñen gadoupas por mans, pés cadrados sen dedas, e utilizan caramelos e chocolates como engado para destruír nenos. As bruxas é un libro onde o lector atopará moito humor e disfrutará coa maneira sinxela e trepidante coa que o autor mantén a súa atención. Unha historia contada en frases curtas e secuencias claras onde a acción, de golpe, envolve todo o discurso narrativo. Unha voráxine de situacións, de anécdotas, de aventuras que non dan tregua ao lector ata o seu remate.
Brandón, fillo de Ferreol González Boullosa, Palmira (Autor/a) Quesada, Mª Fe (Ilustrador/a) Esta novela, a segunda dunha triloxia, estructúrase en dúas partes. Na primeira, coñecémo-la historia de Ferreol, o xefe dun dos clans celtas que vivían en Galicia. Ferreol vai pedirlle ó reí Artús que o acolla entre os seus, prometéndolle fidelidade. Fanlle unhas probas que resolve con éxito, e é aceptado entre os súbditos do reí Artús. Coñece a Dama Rovena, coa que namora e casa. Ferreol morre nun combate cos inimigos do reí Artús. Pauco despois, Rovena dá a luz a Brandón, fillo de Ferreol. Cando o neno tiña dous anos, ráptano as fadas que habitan na lagoa de Antela. Deirdre, unha das fadas, namórase de Brandón e fai que permaneza canda ela, no fondo da lagoa. Na segunda parte, cóntaseno-la vida de Brandón na lagoa. O Rei do Mar e das Augas castiga a Deirdre por quedar co neno: non poderá velo con forma humana e, ademais, Brandón poderá ver sempre a Dama Rovena, a través dun grande espello. A historia enlaza aquí co 1º libro da triloxía, A princesa Lúa e o enigma de Kián. Brandón ve que a carón de súa nai Rovena hai unha nena, a princesa Lúa, filla do reí Artús. Rovena educa a Lúa e, sen sabelo, vai tamén educando a Brandón. Lúa será a persoa elixida para desface-lo.maleficio que mantiña preso a Brandón e, despois dunha serie de probas, conseguirá liberalo. Lúa e Brandón casan e desa unión nacen dúas fillas, que protagonizarán a terceira novela da triloxía.
Brumoso López Rodríguez, Xavier (Autor/a) Juárez, Francisco (Ilustrador/a) Hai un mozo que non sabe como dicir na casa que vai ter que repetir curso e un vello, o seu avó, que devece por deixa-la cidade para voltar á súa aldea. Cando o mozo se ve acosado por unha escura débeda de drogas, alíase co vello para que financie unha fuxida conxunta. Achan pousada na illada casa dunha muller que semella gardar un tétrico segredo, nun pozo atoado con cascallo. Unha patroa certamente perigosa. O mozo terá moito que contarlle á súa amiga, cando regrese á cidade.
Cidades 2ª Edición - Premio Rañolas ó Libro Infantil e Xuvenil do Ano, 1997 - Premio Lazarillo (ACCESIT), 1997 Alonso, Fran (Autor/a) Otero "Peixe", Pablo (Ilustrador/a) Merecedor do accésit do Premio Lazarillo de Literatura infantil 1996 que convoca o Ministerio de Cultura e no que compiten obras nas catro linguas do estado, Cidades configúrase como un libro singular, de forte personalidade, unha auténtica guía poética das cidades do corazón. Un tratado de urbanismo poético. Unha cartografía urbana crítica e esperanzadora. Intimista, entrañable, o libro deita unha ollada terna e rebelde sobre as cousas e sobre a vida dende a óptica da infancia e da adolescencia. . Cidades aposta por unha literatura infantil vitalista e vigorosa, que non elude os aspectos máis difíciles da realidade, abordándoos coa maxia e a tenrura da palabra poética. As cidades, as máis queridas e as máis ferintes. As cidades dos mapas, as cidades tantas veces visitadas. As do norte e as do sur. As de dátiles de luz. As de sardiñas de prata. As de papel, as que latexan e as que doen. As cidades. Sempre ateigadas de xentes, de escolas, de camións, de dromedarios, de nenos pobres, de farolas, de peixes mortos no mar contaminado. As cidades do corazón. Cheirando a vida, a solidariedade, a ruído, a miseria, a tráfico, a esperanza, a morte. Estes son os seus poemas.
Contos por palabras 13ª Edición - Premio Lazarillo, 1990 - Lista de Honra do IBBY,1992 - Premio lecturas Galix, 2003 Fernández Paz, Agustín (Autor/a) Enjamio (Ilustrador/a) Este libro consta de oito contos. A súa caracteristica é que todos se desenvolven a partir dos anuncios por palabras dos xornais. "Unha chave non é suficiente" é o que abre o libro. Nel cóntase a aventura dun home que ve o ceo aberto cando atopa un anuncio indicando que "se duplica calquera chave, con ou sen mostra". "O caso do unicornio azul" conta a historia dunha unicornia que acode a unha axencia matrimonial, para atopar parella axeitada. "Vanesa e o anuncio da televisión" conta a historia dunha nai empeñada en que a súa filla sexa unha artista da televisión. "Un artista de neón": un fabricante de rótulos luminosos teima en modifica-lo mal gusto dos seus clientes, cuns resultados desatrosos. ¿ Un vampiro pode se-lo empregado idóneo dunha fábrica de ataúdes, tal e como se nos conta no relato "O caso do estraño empregado"? Spíderman ou o home-lobo poden ser postos en situacións límite, véndose na obriga de recorrer ás ofertas dos anuncios por palabras. isto é o que se narra en "Ser superheroe non é doado" e "Noites de lúa chea". "O libro das infinitas historias", o conto que cerra o volume, relata a incesante procura dunha libreira, dona dunha casa de compra-venda, que vai tras dun libro de máxicas propiedades.
Historias para calquera lugar 3ª Edición Alfaya, An (Autor/a) Caride, Ramón (Autor/a) Fernández Paz, Agustín (Autor/a) Docampo, Xabier P. (Autor/a) Vázquez Freire, Miguel (Autor/a) Prado, Miguelanxo (Ilustrador/a) Historias para calquera lugar é o libro colectivo co que a colección Merlín celebra a publicación do seu número 100. Cinco relatos, ilustrados por Miguelanxo Prado, onde se mesturan a intriga, o humor e a emoción; historias que atrapan sen remedio a atención de quen as le. An Alfaya escribiu “A muller prohibida”, un emocionante conto de iniciación e recuperación da memoria. Mentres camiñan descalzos polo areal, o narrador adolescente escoita engaiolado o seu padriño, o relato de como viviu os tempos de Franco e a experiencia dolorosa do seu amor prohibido. Ramón Caride escribiu “A primeira aventura de Sheila e Said”, que nos sitúa na fronteira entre os desertos do erg e do reg, nos primeiros anos de vida de Sheila e Said, na compaña dos seus pais, Hazid e María, e do seu avó Xan. Un trepidante relato da mellor ciencia ficción ecolóxica e solidaria. Agustín Fernández Paz escribiu “As sombras do faro”, un estremecedor relato de terror e intriga, coa presencia das sombras do pasado. O narrador recupera a súa memoria de iniciación adolescente en Pontebranca. Rememora as súas viaxes en bicicleta para explorar a vila e os seus arredores, e a fascinación que sentían por visita-lo outeiro do faro, onde non vai nunca ninguén. Xabier P. Docampo escribiu “Do que lle aconteceu a Silvano a consecuencia de caer dunha cerdeira”, un conto cheo de humor. A Silvano mudoulle a vida cando caeu da cerdeira; conmocionado polo golpe, dende entón farfallaba unha lingua que non entendía ninguén. Silvano era un neno simpático, para todos tiña algunha palabra amable que dicía con cara de risa, magoa que ninguén o entendera. Miguel Vázquez Freire escribiu “A secta do can”, un relato de ciencia ficción e intriga. Ax debe localizar, neutralizar e, se fose preciso, destruír á Secta do Can, un grupo de natureza descoñecida que intervén de forma reiterada en pantallas públicas e privadas, mediante mensaxes agresivas e disolventes, manifestamente contrarias á Orde Única Universal.
Moncho e Dríar 8ª Edición García Yáñez, María (Autor/a) Pérez Rilo, Ricardo (Ilustrador/a) Nesta novela cóntase a historia de dous rapaces de doce anos separados por unha distancia aparentemente insalvable: 3.000 anos. Dríar vive nunha sociedade do futuro, no ano 5045, mentres que Moncho é un rapaz da Galicia de hoxe. Os dous rapaces levan vidas ben distintas. Dríar vive nunha sociedade colectivizada e tecnificada, na que toda a vida está programada de antemán e onde non hai lugar para o pensamento e a autonomía individual. Mentres que Moncho, fillo único dunha familía da clase media actual, ten o que se pode considerar unha vida normal: vai á escola, lévase ben cos pais e ten un can, Lis, que é o seu grande amigo. O encontro entre ámbolos dous rapaces vai ser posible mercé á valentía de Dríar que, coñecedor da existencia de Moncho a través dun vídeo utilizado para estudia-las formas de vida do século XX, planea a fuxida do seu tempo, fuxida que levará a cabo roubando unha das naves empregadas polos temporólogos da súa época. Dríar chega coa súa nave á Galicia de hoxe e busca a Moncho. Logo de múltiples vicisitudes, acaban por se coñecer, nacendo entre eles unha fermosa amizade.
Movida na biblioteca Gregori, Josep (Autor/a) Cámara, Teresa (Ilustrador/a) Rodríguez Baixeras, Xavier (Traductor/a) Un rapaz descobre un día as estrañas propiedades dos lentes da bibliotecaria Agnes. E decide probalas tamén el. De primeiras parece non ocorrer nada, pero... Cando abre un libro de piratas titulado A illa do tesouro, un mariñeiro coxo empéñase en chamarlle Jim Hawkins. E de alí en diante as aventuras non paran, saltando da Illa do tesouro á illa abandonada de Robinson Crusoe, e desta á Illa misteriosa onde o capitán Nemo agacha o seu submarino. Ata que finalmente o regreso da bibliotecaria pon punto final á movida na biblioteca. O caderno azul 5ª Edición Alfaya, An (Autor/a) Pérez Rilo, Ricardo (Ilustrador/a) O cademo azul é un libro moi emotivo centrado no tema do contaxio da SIDA, por unha transfusión de sangue, nunha nena de once anos. Ambientado na cidade de Vigo, a protagonista, Ánxelica, vai escribindo no cademo azul que lle regalou o seu avó os seus sentimentos máis profundos. A historia váisenos desvelando ó longo das catro estacións do ano, en anaquiños moi breves, cunha linguaxe moi sinxela. Texto valente, verosímil, ben construído, reivindica sen sentimentalismos maniqueos os valores da amizade e a solidariedade entre os preadolescentes, acentuando o necesario respecto á diferencia con todas aquelas persoas que padecen a SIDA.
O laboratorio do doutor Nogueira 4ª Edición Fernández Paz, Agustín (Autor/a) Bueno Capeans, Francisco (Ilustrador/a) O doutor Nogueira é un científico millonario que oculta a súa verdadeira identidade. Coma os superheroes que admira, vive entregado a unha nobre causa: loitar contra os problemas que impiden a felicidade do xénero humano. Desde o seu laboratorio secreto, idea orixinalísimos remedios para todo tipo de problemas; pero as súas delirantes propostas acaban producindo efectos non desexados que provocan o caos entre a poboación. O laboratorio do doutor Nogueira é unha narración chea de humor e ironía, que nos ofrece unha intensa ollada crítica sobre a sociedade actual. Os piratas da illa da Esperanza 2ª Edición Rivadulla Conde, X. H. (Autor/a) Solleiro, Adrián (Ilustrador/a) A Illa do Tesouro é o libro máis especial para os cinco membros do Club de Lectura Pedra dos Corvos. Cando coñecen ao Vagabundo, un vello e nobre navegante, que se convertirá en un amigo máis da panda, vivirán unha arriscada aventura que os levará a embarcarse no Praia de Quenxe para procurar un tesouro na illa da Esperanza e a enfrontarse a un situación tan inesperada coma dolorosa. Unha emocionante novela de temática mariñeira de X.H. Rivadulla Corcón, ilustrada por Adrián Solleiro, sobre a lealtade e a amizade, que convida a unha engaiolante lectura. Perigo vexetal 10ª Edición - Premio Merlín de Literatura Infantil, 1995 Caride, Ramón (Autor/a) Prado, Miguelanxo (Ilustrador/a) É unha novela clásica de aventuras ambientada no ano 2075, entre Galicia, Arxentina e Suiza. Dous irmáns orfos, Sheila e Said, de 10 e 12 anos respectivamente,póñense en contacto cos "rapaces do pasado" para contarlles unha extraordinaria aventura. Viven nun muiño da parroquia de Loreda e descobren, gracias á rede informática universal, un plano para dominalo mundo, e loitarán ó longo de toda a novela para contrarrestalo. Escrita alternativamente en primeira persoa por cada un dos protagonistas, axiña descubriremos que a existencia dunha nova planta alimenticia, o supercereal SC-1, obtido por manipulación xenética, vai se-lo eixo de toda a trama. Un supercereal creado por procedementos biotecnolóxicos que está deseñado para substituir outras plantas como o trigo, o centeo, o millo ou o arroz que eran, ata daquela, a base da alimentación humana. Ó redor desta noticia comezan a aparecer novas informacións que os alertarán sobre unha posible ameaza. Usha 5ª Edición Reimóndez, María (Autor/a) Sende, Iván (Ilustrador/a) Uxía, Usha para os seus amigos, escribe o relato da súa estancia en Devastana, unha vila do estado de Karnata, na India. A rapaza galega, que acompañaba a súa nai, membro dunha ONG, rememora a vida cotián da súa escola india. Alí amigou con Lakshmi e Deepak, aprendeu canarés, coñeceu novos costumes e lendas, enfrontouse con dificultades imprevistas e, sobre todo, cunha nova visión da vida, ata entón, descoñecida para ela. Usha aprendeu na India que alí o seu nome significa a primeira luz do mencer. Nunca o esquecerá. Usha, novela escrita por María Reimóndez e ilustrada por Ivñan Sende, é un portelo aberto para que os lectores galegos mozos poidan enchouparse da cultura e da visión da vida dunha comunidade popular da India. Unha novela emocionante que interroga e interesa ao lector sobre unha realidade cultural que a maior parte descoñece. Xenaro e o misterio da mochila verde 3ª Edición - Premio Merlín de literatura Infantil 2008 Guerra Cid, Mar (Autor/a) Llorente Sagaseta, Fernando (Ilustrador/a) A Xenaro Conese Maiúsculo o que máis lle gusta é xogar coas palabras e ler. Tamén lle gustan os xogos de computador, o xadrez, os cómics, os documentais e a música...; porén, pode parecer un bicho raro porque tamén lle encanta facer de detective e resolver misterios dos que se producen no Universal, o seu colexio. Xirando arredor da amizade e os seus modelos e xogando coa linguaxe e o humor, esta novela de Mar Guerra, gañadora do Premio Merlín de Literatura Infantil 2008, ilustrada por Fernando Llorente, foi definida polo xurado como “un trhiller psicolóxico” que desenvolve unha historia cotián de rapaces e rapazas dun centro escolar. Unha viaxe fascinante ao mundo dos nenos e nenas de hoxe.