3 minute read
Moura
“Ao mellor é botar por fóra, pero nós queremos facer rock galego, non rock en galego”
A banda Moura publicou o ano pasado ‘Axexan, espreitan’, a continuación do seu primeiro e homónimo disco. A primeira entrega deixounos pampos coa súa mestura de rock progresivo e psicodélico coa música tradicional galega, pero con este traballo confírmanse como unha potencia do rock galego. Nos novos temas atopamos unha integración máis ampla e profunda do psicodélico e o tradicional. Un logro que, segundo a banda, é froito de se mergullar máis fondo na investigación das formas da música tradicional galega. Os singles “O baile do dentón” e o “Romance de Andrés d´Orois” son o mellor exemplo do que estamos a dicir. Falamos con Diego Veiga, un dos compositores, guitarra e vocalista de Moura. Meigas dentro!
Advertisement
Moura nace xa cun concepto de banda que quere mesturar psicodelia e tradición?
Empezamos a montar algo con certo pouso progresivo e psicodélico, pero no 2015 recibimos o encargo de facer unha versión de Zeca Afonso (‘Ronda das Mafarricas’) para un documental. Nese momento vimos que ao incorporar o tradicional, a cousa comeza a funcionar. Logo tamén axudou moito que eu retomei conexións coa miña infancia no rural, e a miña querenza pola etnografía; algo que me inculcou meu pai. A partir de aí ímonos metendo no tradicional, sobre todo porque nos resulta novidoso e porque ten máis posibilidades. Nese momento decidimos que non imos facer rock en galego, senón rock galego, non sei se isto é botar por fóra, pero esta é a idea. Que a nosa tradición se note na forma de cantar, nas melodías das guitarras e na temática.
Vedes que se vos abre un novo horizonte. Como fixades as pautas que poden definir a proposta musical de Moura?
A partir de investigar, de falar con músicos da escena da Cova Céltica, da experiencia da propia Belem (Belem Taxes, tamén vocalista de Moura) que vén do “tradi”. Cada vez que facemos temas é unha aprendizaxe. É unha busca motivadora. Tamén bandas dos setenta como Fairport Convention, Trees ou Pentangle, que colleron os cancioneiros escoceses e irlandeses e os empregaron nos seus temas. Eu fixen o mesmo, collín o cancioneiro de Dorotea e Antón Santo Marina para a facer o segundo disco.
Tedes a influencia dos sesenta e setenta en bandas como Soft Machine ou Pink Floyd. Pero cales son as bandas galegas que serven como guía?
Retomamos a vía dos 70 con Bibiano, NHU, Emilio Cao ou Milladoiro. Todos eles escoitaban Pentangle. Esta visión destas bandas galegas é o pegamento na nosa. Nós non inventamos nada, pero engadimos as nosas propias influencias ás bandas galegas que viñan poñendo en valor o noso, o galego. Nese sentido temos moi presente o traballo que fixeron todos eles. Aplicamos a nosa bagaxe persoal á cultura galega.
Contades coa colaboración de músicos como Antonio Prado e Miguel Vázquez. Era necesarios para poder chegar ao punto no que o rock dos setenta e o tradicional van da man?
A Irmandade Ártabra é o nome que lle puxen aos músicos que colaboran no disco. Cando te metes a facer algo que non controlas, porque non vimos do tradi, temos que contar con xente que vén dese mundo. Eles implicáronse moito na nosa proposta. Nós ás veces temos ideas un pouco tolas e son eles os que nos axudan a centrarnos un pouco máis. O segundo disco é máis consciente, houbo unha pre produción, pero os colaboradores sempre aportan. Mesmo contamos con etno-musicólogos que nos asesoran. Temos a sorte de poder contar coa xente da Cova Folk e as súas conexións, podemos coñecer todo ese mundo, o mundo do tradicional porque se non, seríamos outro grupo máis de progresivo. Foi moi revelador poder facer un proxecto como Moura, algo que nunca se fixo en galego e ademais empregando arranxos galegos.
Credes que a xente acolleu a vosa proposta ou que lles custa entrar na vosa música?
Nós estamos no underground, o que quere dicir que o noso número de oíntes non é moi grande. Aínda así a xente achégase porque somos diferentes; isto é algo que se nota sobre todo nos directos. Moitas veces subestimamos a capacidade das audiencias para enfrontarse, por exemplo, aos temas longos. Hai que ter en conta que o noso primeiro disco tiña catro temas, co que iso supón de duración das cancións. E logo hai un público anglofalante, co que facemos unha labor de pedagoxía. Eu insisto moito en falarlles de Galicia, de onde vimos, pero esta mensaxe non lles chegaría se non fose porque a música lles resulta atractiva.
Como vedes o futuro de Moura en canto música?
A nosa idea é seguir experimentando. Xa se nota no segundo disco, hai un alalá, unha alborada de sintetizadores, un cantar do liño, hai un romance. Xa sabemos un chisco máis, seguimos aprendendo da xente que sabe. Nós facemos recollidas de recollidas, non é traballo de campo pero é investigación. Non queremos que a xente teña a impresión de que “aí veñen estes que se lles deu polo tradi”. Nós temos moito respecto, estamos metidos de cheo nisto. A nivel creativo, que teño corenta anos e estiven en moitos proxectos, a investigación do tradicional foi un revulsivo. Obríganos a estar aprendendo constantemente. A propia idea da psicodelia é experimentar, neste caso experimentamos co tradicional.