3 minute read

CARMEN RIVEIRO FERREIRO – PREMIO TRAXECTORIA

2022

Toda unha vida dedicada ao compromiso cos valores da artesanía ben merecen este recoñecemento.

Advertisement

Carmen Riveiro (Carreira-Zas, 1949), gañadora do Premio Traxectoria 2022 de Artesanía de Galicia, é un pouco de todo: artesá, divulgadora, formadora e emprendedora. Pero, sobre todo, é unha das persoas que máis contribuíu nas últimas décadas á recuperación e promoción da artesanía do liño en Galicia.

Neste labor de recuperación da tradición vinculada á artesanía téxtil do liño tivo un papel importante a veciñanza de Zas, de onde é Carmen e onde promoveu en 1993 a asociación

Amigos do Liño. Desta primeira iniciativa e froito do seu traballo entusiasta xurdiu posteriormente o obradoiro artesanal Liño de Galicia, que na actualidade xera unha importante actividade económica na zona en todas as accións de produción: tecidos, acabados, confección, complementos ou encaixes. Ademais, continúa con ese cometido divulgativo, organizando desfiles ou distintas iniciativas en centros educativos.

JULIA PÉREZ VILARIÑO – PREMIO BOLSA ELOY GESTO 2022

Julia Vilariño (Pontedeume) é a titular do obradoiro de sombreirería que leva o seu mesmo nome. Ela é a gañadora da Bolsa Eloy Gesto, que lle permitirá ampliar a súa formación artística con tres artesáns de referencia no eido da sombreirería tanto en Galicia como en España e Europa. Con esta axuda, incluída nos Premios Artesanía de Galicia, facilítaselles a persoas como Julia que poidan afondar nas metodoloxías de traballo e nas diferentes técnicas da súa especialidade. Hai un ano que se lanzou co seu proxecto, despois de diversas ocupacións como foi o eido social (estudou Traballo Social na USC). No 2018 coñeceu ao artesán Félix Martín e comezou a formarse nisto de crear sombreiros, tomando a decisión de dar un xiro na súa carreira laboral.

En 2021 lanzou a súa primeira colección, titulada Folklore, con nove pezas que levan cadanseu nome dunha danza do repertorio do grupo de baile tradicional ao que pertenece a creadora. Dúas paixóns unidas.

SANTIAGO BESTEIRO DESIGN – FINALISTA PREMIO ARTESANÍA DE GALICIA 2022

Un dos tres proxectos finalistas dos Premios Artesanía de Galicia 2022 está asinado por Santiago Besteiro (Monterroso, Lugo). A súa creación titúlase Chantos, un conxunto escultórico realizado con coiro moldeado e ratán (planta que se utiliza na confección de obxectos). O traballo ten moito que ver co entorno natural no que se move o autor e a súa identidade. Baseouse para esta peza nas tradicionais pedras que pechaban os terreos no rural galego.

Partindo desta idea e tomando o coiro como material principal, o autor tentou atopar novas linguaxes expresivas dentro da artesanía contemporánea. O modelado do coiro e a inclusión do ratán na intervención dan lugar a estas dúas esculturas que parecen emerxer da natureza amosando perennidade, unidade e forza.

No proceso, Santiago conta que foi facendo varios bosquexos con diferentes tipoloxías de pedras na busca dunha simplificación das formas que eliminase os ángulos e lle permitisen facer unhas pezas con forma agradable visualmente. O resultado: pezas contemplativas e relaxantes.

RAÍCES NÓMADAS – FINALISTA PREMIOS ARTESANÍA DE GALICIA 2022

Baixo o título Crioulo atopamos un bolso de man realizado con técnicas mixtas que se basean na “soguería criolla” (artesanía en coiro cru orixinaria de Arxentina) e marroquinería europea. É outra das pezas finalistas, desta vez saída do obradoiro Raíces Nómadas con Ezequiel Franchi (Ribadeo, Lugo) á fronte.

A elección dos materiais e as distintas técnicas empregadas teñen unha razón de ser, plasmar unha fusión de culturas. Neste senso, di o autor que a súa obra Crioulo é a síntese da historia tan ligada entre Sudamérica e Galicia, xuntando así técnicas propias dun e doutro lado. Un resumo, afirma Ezequiel, do sentimento que ten como tantas outras persoas, fillas, netas ou bisnetas de migrantes, recollendo sabiduría de ambos mundos. Na composición da peza o coiro cru da asa supón unha representación fiel da cultura gaucha, mentres que a pel de curtido vexetal utilizada para o corpo do bolso é característica de España, cun tacto suave e liso que contrasta co trenzado.

VERÓNICA MOAR – FINALISTA PREMIOS ARTESANÍA DE GALICIA 2022

Con In Itinere (“no camiño”), Verónica Moar (A Coruña) propúxose sacar do seu obradoiro unha peza que rendera homenaxe aos oficios como un dos patrimonios máis importantes da cultura popular galega. O concepto poético desta obra valeulle un lugar destacado nos Premios Artesanía de Galicia 2022.

O proxecto está composto por tres pezas de cerámica, ás que hai que engadir o importante papel da súa presentación. E é que Verónica Moar instalounas sobre dúas estruturas deseñadas a propósito.

Unha das pezas é o canabarro para transportar o viño, realizado con barro de Buño. Outra delas é a cántara, inspirada nos recipientes de gran tamaño que as mulleres asentaban sobre as súas cabezas para levar a auga da fonte, o leite… E atopamos tamén a ámboa, centrada na figura da persoa que se desprazaba de aldea en aldea para ocuparse da vaixela rota, uníndoa con arames a modo de grampas.

This article is from: