Caderno de viaxe a Irlanda

Page 1

Irlanda ou Éire?

Os celtas denominaban Éire a poboación irlandesa, polo que a terra comezou a coñecerse como terra dos Éire ou Éireland, cuxa derivación acabou sendo Ireland (Irlanda). Hoxe en día, o nome oficial do estado é 'Irlanda' (Ireland en inglés, Éire en gaélico irlandés). Os romanos chamábana Hibernia, ben polo seu significado, “terra de inverno”, ben porque unha das tribos celtas que habitaban Irlanda na época romana era a dos Ivernii.

TAREFA 1. Escribe nos laterais do mapa os topónimos en inglés e gaélico-irlandés dos lugares polos que pasamos na nosa viaxe, sinalando con frechas a súa localización.

VIAXE A IRLANDA 4º ESO. IES Félix Muriel. Rianxo. Outubro-2022
ALUMNO/A:

Irlanda-Éire e Galicia-Galiza

Como fixera no século I o apóstolo Santiago, que arribara a Galicia para cristianizar as terras ibéricas, no século V chegou San Patricio a Irlanda para evanxelizar as tribos gaélicas. E, como sucedeu en Galicia, as tradicións precristiás, como a dos druídas, desapareceron.

No século XII, do mesmo xeito que os casteláns se introduciron no poder das cortes galegas, os ingleses fixéronse con Dublín e a súa contorna, e foron estendendo o seu dominio século a século, até lograr o colapso da estrutura social e política gaélica no século XVI, século no que tamén colapsa o Reino de Galicia, que entra nos Séculos Escuros, sometido definitivamente pola raíña Isabel, a Católica, ao Reino de Castela. No século XVII o dominio inglés esténdese por toda Irlanda da man dos Tudor, que implantaron o protestantismo. A partir dese momento en Irlanda enfrontaranse os católicos irlandeses e os protestantes ingleses. Para acabar no inicio do século XIX aprobando a Acta de Unión da que naceu o Reino Unido de Gran Bretaña e Irlanda.

A mediados do século XIX chegou a Irlanda a Gran Fame, que acabou con boa parte da poboación ou condenouna á emigración a América, como en Galicia. E, como en Galicia, entre o século XIX e o XX xurdiu o nacionalismo irlandés que defendía a emancipación da República Irlandesa. Tras o Tratado Anglo Irlandés de 1921, adoptouse a solución de dous estados para Irlanda, ficando Irlanda do Norte como parte do Reino Unido. Como non chegaron a un acordo, declarouse unha guerra civil da que naceu o Estado Libre de Irlanda, convertido despois da II Guerra Mundial, en 1949, na actual República de Irlanda, que durante décadas viu, como Galicia, emigrar os seus paisanos.

Desde os anos 90, ao contrario que Galicia, Irlanda viviu un éxito económico sen precedentes, coñecido como o Tigre céltico, que a converteu nun dos países máis ricos da Unión Europea, até o punto de negociar políticas migratorias cos EEUU, porque moitos estadounidenses querían buscar traballo na illa.

TAREFA 2. Por que o topónimo irlandés varía entre Irlanda e Éire? E o galego entre Galicia e Galiza?

TAREFA 3. Que cres que ten en común a paisaxe galega coa a irlandesa que lle vale a Irlanda o apelativo de Illa Esmeralda?

TAREFA 4. Sinala a illa de Irlanda no mapamundi. Que territorio se atopa marcado nel? Explica que é o Reino Unido.

A mesma lenda

Na literatura oral podemos distinguir dous tipos de relatos históricos:

 Mitos. Un mito é unha historia que ocorre nun tempo e lugar indeterminados ou tan antigos que non hai memoria clara deles. Os personagens son deuses ou heróes. O tema pode ser a orixe do mundo ou da terra á que se refere o mito.

 Lendas. Unha lenda é unha historia que ocorre nun tempo e lugar identificábeis, isto é, os acontecementos teñen unha data concreta e os lugares son conhecidos. Os personaxes son reis e raíñas, guerreiros e guerreiras, sacerdotes e sacerdotisas con nomes e apelidos. Os temas son guerras e conquistas, descobertas ou o que podemos atopar nos libros de historia, pero son máis antigas que a documentación escrita.

A maioría dos mitos e lendas non chegaron até nós como historias recollidas oralmente por unha persoa investigadora, senón escritas por un recompilador da Antigüidade ou da Idade Media.

A lenda galega de Trezenzonio, recollida no Trezenzonii de Solistitionis Insula Magna

O monxe Trezenzonio viaxa a Galicia, onde atopa unhas terras libres dos árabes. Na costa descobre unha construción, o Farum Brecantium, ao que sobe e no que atopa un espello que por tres veces lle mostra unha illa afastada, á que lle entran desexos de viaxar. Cando chega á illa, fica nun estado de relax sobrenatural durante sete anos, a cabo dos cales un anxo lle ordena regresar e, ao negarse, é castigado coa cegueira. Suplica perdón e regresa nunha barca que o leva aos pés da Torre de Hércules, onde atopa todo moi cambiado.

A orixe desta lenda é unha fonte do século XI, escrita en latín, en Galicia, que combina a lenda de Breogán coa de Hércules. Se ben, chegou aos nosos días conservada en dous manoscritos do século XIV e coñecida como A grande illa do solsticio de Trezenzonio

A lenda irlandesa de Breogán, recollida no Leabhar Ghabala

Breogán (ou Brigo, ou Brego,), fillo de Brath (ou Breo, ou Brate) foi un líder-xefe-rei celta de Galicia, que someteu as tribos de Hispania e fundou a cidade de Brigantia (hoxe A Coruña), onde construíu unha torre á que chamou Torre de Breogán (hoxe Torre de Hércules), coñecida desde a Antigüidade e a Idade Media como Farum Brigantium. Breogán é coñecido como o derradeiro dos gaels (gaélicos), descendentes de Adán pola estirpe de Noé, que chegaron de Exipto a Irlanda a través de Galicia. Foi o pai de Ith (ou Ite) e Bile. O sucesor de Breogán foi Ith, quen ollou desde o alto da Torre as terras de Irlanda e partiu nunha expedición pacífica; pero alí foi asasinado por tres reis dos Tuatha Dé, raza sobrenatural da mitoloxía irlandesa que representan as principais deidades da cultura irlandesa precristiá En vinganza os irmáns e fillos de Ite, con Míl á cabeza, partiron de Brigantia e conquistaron Irlanda. Durante a conquista as esposas dos tres reis Tuatha Dé, pedíronlle a Míl que lle puxera á terra conquistada o nome delas: Éire, Banba e Fodla. Desde entón estes son os nomes empregados para Irlanda en gaélico ou de xeito poético.

A orixe desta lenda sitúase nas lendas irlandesas recollidas entre os séculos X XI no Libro das invasións (Leabhar Ghabala). Pero hai noticia da mesma desde o século V, en que o historiador da Gallaecia, Paulo Osorio, a menciona na súa obra Historiæ adversus paganos. A difusión da mesma produciuse no século XVII polos Colexios Irlandeses, especialmente polo de Santiago de Compostela. Posteriormente, no século XIX, foi recuperada por escritores galegos da corrente celtista liderada por M. Murguía e E. Pondal.

TAREFA 5. Coa axuda de compañeir@s e docentes irlandes@s, traduce ao galego este fragmento do Libro das Invasións (Lebor Gabála Érenn)

BaimacmaithicBrath.i.Bregon cáṅdernadinTorinchathir .i.Brigantiaainmnacathrach. ATurBregoiniṁatchessHeriu fescurlathigemreta. AtoscondaircIthmacBregoin.

TAREFA 6. Se na lenda de Breogán o Faro da Coruña é nomeado como Torre de Brigantia e na lenda de Trezenzonio aparece como Farum Brecantium, por que hoxe o coñecemos como Torre de Hércules?

TAREFA 7. Tanto a historia de Breogán como a de Trezenzonio reciben o nome de lendas. Por que son lendas e non mitos? Por que non forman parte dos libros de Historia?

TAREFA 8 Busca entre @s docentes e alumn@s irlandeses alguén que che conte unha lenda. Grávaa en gaélico, en inglés e en galego.

TAREFA 9. Ao longo dos nosos desprazamentos por Irlanda, busca topónimos que che recorden os nomes dos protagonistas da lenda de Breogán. Fotografíaos.

Pegadas de Breogán e de Irlanda na Literatura Galega

Eirín, a vella Irlanda, é o espello no que se mirarán os pobos asoballados, entre eles a súa “irmá celta, filla do pai Breogán: Galiza”. Fixérono os escritores románticos do século XIX, os da Cova Céltica, con Murguía á cabeza; tamén aqueles que brindaron no Banquete de Conxo en 1856, guiados polos versos de Pondal; e os da Xeración Nós, liderados por Risco, que repetirían: “Érguete Galiza e anda / como en Irlanda, como en Irlanda...”.

Os tempos son chegados dos bardos das edades que as vosas vaguedades cumprido fin terán; pois, donde quer, xigante a nosa voz pregoa a redenzón da boa nazón de Breogán

Última estrofa do poema Os Pinos, Eduardo Pondal, 1890

TAREFA 10. Explica o sentido da afirmación: “Érguete Galiza e anda / como en Irlanda, como en Irlanda...”

TAREFA 11. Busca outros espazos culturais (deporte, música, videoxogos…) nos que apareza Breogán ou algo relacionado con el. Investiga se sucede o mesmo en Irlanda.

TAREFA 12. Busca o relato de Risco, A velliña vella, e investiga a que escritor irlandés imitou.

SAMAHÍN. Tempo de outono, de magostos, castañas e defuntos.

O outono é o tempo axeitado para avivar ritos arredor da morte, que existen dende que se ten conciencia. O Samaín é o tempo en que se unen a vida e a morte, o tempo de esconxuros, de mitos, de ritos e xogos macabros, de santascompañas, de aparecidos, de mouras... Son os días de Santos e Defuntos. É o Entroido do tempo de inverno, para escorrentar o medo á morte.

O Samahín gaélico é unha das catro festividades estacionais celtas, xunto co Imbolc, Beltane e Lughnasadh. O Samaín marca o final do tempo da colleita e o comezo do inverno (a metade escura do ano). Celébrase do 31 de outubro ao 1 de novembro, en todas as nacións celtas (Irlanda, Escocia, Illa de Man, Gales, Cornualles, Bretaña ) En Galicia estase a recuperar e comezouse a promocionar nas escolas desde principios do século XXI, vinculada ao Día de Defuntos, tallando cabazas (calacús) e vestindo como espíritos ou pantasmas. Na noite de Samaín noite na é doado que se mesturen o mundo dos vivos e o dos mortos

TAREFA 13. Pregunta ás docentes irlandesas en que consisten as festividades celtas: Imbolc, Beltane e Lughnasadh.

TAREFA 14. Investiga que ritos se practican polo Samahín en Galway. Que fan @s compañeir@s irlandeses ese día.

TAREFA 15. Pregunta se existe algún ritual arredor das castañas semellante aos nosos magostos.

Galway

Gaillimh (“río rochoso”), en gaélico irlandés, foi fundada hai oito séculos e atribúense dúas orixes ao seu topónimo. Por un lado, segundo a mitoloxía celta, Gailleamh era a filla do rei Breasal, que se afogou preto dunha rocha do río Corrib. Por outro lado, o nome considérase unha derivación do termo latino Gallaeci (Galicia), terra coa que os devanceiros de Galway terían relación desde tempos remotos.

É a capital do condado do mesmo nome; cidade situada na costa oeste da illa, na baía que tamén leva o mesmo nome. Está atravesada polo río Corrib. É unha cidade universitaria como Compostela e tem un número de habitantes semellante.

TAREFA 16. En Galway é famoso o irish stew. Consegue a receita.

TAREFA 17. Fotografía as paisaxes dos lugares que imos visitar e márcaos cunha frecha no mapa.

TAREFA 18 En Irlanda fálanse dúas linguas, as dúas son oficiais, se ben unha é hexemónica e outra minorizada. Investiga sobre a orixe e situación social na que se atopa o gaélico irlandés. Se podes grava a alguén explicándocho.

TAREFA 19. Sírvete deste mapa para moverte pola cidade e marca nel os lugares que visitamos.

TAREFA 20. Identifica as imaxes da páxina seguinte.

TAREFA FINAL. Anota as túas impresións arredor da viaxe, a túa avaliación da actividade e as túas suxestións para mellorala.

PROGRAMA DE VIAXE

DOMINGO-9: Saída do aeroporto de Santiago ás 20:30h (procuraremos estar ás 19:00h para facturar). Chegada a Dublín ás 10:30 hora local, onde colleremos un autobús para Galway (a 200 kms. de Dublín) xunto c@s compañeir@s de Croacia Agardamos chegar ao noso destino á 1 da mañá, polo que sería ben levar un bocadillo para comer de camiño, aínda que nos esperen con algo de comida ao chegar. Á chegada ao Hostel, repartiremos os cuartos, que son de 6 persoas.

LUNS-10: Visita a Galway cos nosos anfitrións irlandeses, xunto co alumnado e profesorado croata.

MARTES-11: Xornada no instituto para realizar as Tarefas propostas por cada instituto participante

MÉRCORES 12: Visita ao Parque Natural dos cantís de Moher e ao castelo de Dunguaire.

XOVES-13: Visita ao Parque Nacional de Connemara, onde se atopa a Abadía de Kylemore, coñecida como o« Taj Mahal Irlandés».

VENRES-14: Nova visita a Galway e despedida

SÁBADO 15: Saída de Galway ás 10:30h. para chegar a Dublín ás 13:00h. en compañía do alumnado e profesorado croata. Visita a Dublín. Aínda que comamos tod@s xunt@s, este día a comida correrá por conta de cadaquén.

DOMINGO 16: Visita a Dublín. Saída ás 21:30h. para chegar ao aeroporto de Santiago de Compostela ás 24:00h. A viaxe en bus desde o centro da cidade ao aeroporto correrá a cargo de cadquén.

TAREFAS POR CENTRO

Instituto de Croacia Debate arredor do cambio climático. Prepararase a través de 30 preguntas que o alumnado deberá ser quen de responder, autogravándose nun vídeo que se xuntará aos dos outros centros para proxectar o día do debate.

 Instituto de Rianxo.

o Concurso para vestir a xouba. Certame para deseñar o noso ben mariño máis prezado. Os premios daranse a coñecer nunha reunión telemática no mes de decembro.

o Presentación da nosa curta Cazando o futuro

CONSELLOS

 Roupa. Vestiremos como aquí, pero con roupa de abrigo e para a chuvia (a temperatura media nesta época oscila entre os 9 graos de mínima e os 14 de máxima). Debemos levar dous pares de calzado cómodo para andar e non mollar os pés. Non é preciso levar toallas, pero si bañadores.

 Comida. Só precisamos comida para a viaxe do primeiro día. Se non nos gusta a comida que nos dean no Hostel ou no Colexio, podemos mercar algo no supermercado, pero os prezos son bastante máis caros que aquí. O almorzo e a cea farémolos sempre no Hostel. A cea será ás 18:00h.

 Cartos. Non se precisan cartos agás para o día que pasemos en Dublín, onde cadaquén deberá pagar a súa comida e o autobús ao aeroporto.

 Botiquín. Aínda que levaremos un botiquín, se alguén precisa medicación deberá levala consigo. Nós só podemos dala coa autorización expresa de nai pai titor@.

 Móbiles. Faremos un uso adecuado dos mesmos. Son os mellores instrumentos para comunicarnos e bos compañeiros de viaxe para aprender; pero non se deben utilizar para todo o que xa sabemos que non se poden utilizar.

OBSERVACIÓN. AS TAREFAS QUE NON SE POIDAN RESPONDER NESTE CADERNO, ENVIARANSE COMO IMAXES, AUDIO, TEXTO OU VÍDEO AO WHATSAPP DO GRUPO.

Docentes responsables da saída: RAMÓN VEIGA, SONIA ORTIGUEIRA e SOFÍA RAMA

Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.