LECTURAS DRAMATIZADAS
No blog da biblioteca http://bibliotecasofia.blogspot.com.es/ Co gallo da celebración do Día das Letras Galegas e dentro das actividades encamiñadas ao fomento da lectura, o 15 de maio, mércores, en dúas sesións pola mañá (de 09.00 a 10.00 e de 11.00 a 12.00), no salón de actos, Naya Vidal (4ºB), Álvaro Flores (1ºD) e Elena Ramil (1ºD) presentaron os actos preparados polo alumnado de 1º D e de 4º A e B para conmemorar o Día das Letras Galegas, que este ano estivo adicado ao dramaturgo santiagués Roberto Vidal Bolaño. En primeiro lugar vimos unha presentación, realizada por Roberto Losada García e Héctor Vilar Carpente, alumnos de 1º D, sobre a vida e a obra do escritor homenaxeado, e, a continuación, Andrea Rivera, Jorge Trillo, Laura Freire e Inés Falcón de 4ºA e Elina Bardanca e Alicia Bugallo de 4ºB fixeron unha lectura dramatizada de fragmentos seleccionados das seguintes obras do autor: Criaturas, A burla do galo, Animaliños e Ledaíñas pola norte do Meco. O texto de Criaturas fíxonos reflexionar sobre as desigualdades, as inxustizas sociais, as incomprensións e mesmo a xenofobia que, na sociedade actual, moitas veces teñen que soportar os máis desfavorecidos.
N’A burla do galo de Vidal Bolaño, baseada na historia “O galo de Portugal” do libro Merlín e familia de Álvaro Cunqueiro, don Esmeraldino devece por conquistar mulleres casadas e mozas virtuosas, ten por costume marcar el mesmo cunha aspa nunha táboa cada un dos seus triunfos e remata convertido en galo e comido asado con castañas por pecar contra o sexto mandamento, é dicir, por cometer adulterio. No salón de actos, e antes de producirse o fatal desenlace, puidemos escoitar ao galo de Portugal como concertaba un encontro amoroso coa súa nova conquista. O texto seleccionado de Animaliños propoñía un programa cultural alternativo ao consumo de alcohol. A obra está protagonizada por uns propietarios obsesionados por liberar os xardíns das súas casas adosadas dunha praga de caracois O Meco é un personaxe do Entroido que, ao final desta festa tradicional, é xulgado e condenado a morrer queimado por mor das súas malas accións . En Ledaíñas pola norte do Meco, como puidemos comprobar, esta figura tradicional representa as inxustizas que galegos e galegas teñen que aturar: a emigración, o conflito lingüístico e os abusos de quen ostenta o poder, como o alcalde, o alguacil, o crego, o burgués, a xustiza ou o concelleiro. O texto seleccionado referiuse a estas inxustizas e tamén a como a xente que as tiña que soportar estaba disposta a dar morte aos moitos mecos que asoballan ao pobo galego.