O PATRIMONIO ASOLAGADO En Galicia dáselle o nome de Antioquía a unha cidade lendaria que o rei Antíoco fundou onda Xinzo de Limia. Esta cidade foi castigada por Deus polos seus pecados e quedou asolagada baixo a lagoa de Antela e só pode verse nas mañás do día de San Xoán cando asoma sobre as augas a punta da torre.
A LENDA DE ANTIOQUÍA Antioquía era a cidade máis grande e a máis rica de Galicia, e como os seus habitantes eran crueis coa xente das terras veciñas Deus decidiu castigalos. Xesús pediu salvar os xustos, por iso veu a Antioquía como esmoleiro. Pediu caridade porta por porta pero ninguén lle socorreu agás unha pobre familia que vivía nunha casoupa apartada. Ante a egoísta resposta dos veciños, Deus levou adiante o castigo previsto, excepto para esta familia á que Xesús avisou para que saíra cara a un alto sen volver a vista atrás. Así o fixeron e conseguiron salvar a vida, menos un deles que mirou atrás e volveuse pedra.
Urbano Santana localiza a lenda en
Cardeita, en Sandiás, e engade que os veciños do lugar, o máis próximo á lagoa, escavaron polo lugar e atoparon "unha trabe, un pote vello, un pozo con escaleiras
e non sei se outras cousas" procedentes da cidade de Antioquía; e que cando a xente ía co gando á Veiga, berráballe desde a pedra na que se transformou o home aquel, ata que foi trasladada ao mosteiro do Bon Xesús de Trandeiras, en Pena.
Outra variante conta que Xesús pediu caridade e só a atopou nunha velliña nunha pobre chousa. A vella mandouno pasar, sentouno xunto ao lume e deulle leite e bica, logo deixoulle a súa cama para durmir mentres ela se deitaba no chan. Á mañá seguinte, a vella acordou soa na casa e cando saíu viu que o lugar onde estaba Antioquía era unha enorme lagoa, a lagoa de Antela.
Elixio Rivas Quintas di que realmente hai dúas cidades, Antioquía e Antioca, que uns localizan na Poza do Bión e outros no Pozo da Vaca, na Antela. E que á mañá cedo do día de San Xoán asoma o galo que tiña a torre no curuto, ou que no inverno aínda é posible escoitar como as badaladas de campás mergulladas na auga.
Noutros casos, na noite de Nadal escóitanse cantar os galos.
A LAGOA E O MARTELO DE OURO Segundo os veciños, hai unha lenda que conta que, antigamente, antes de existir a lagoa de Antela, había dúas torres: a Torre do Castro e a Torre de Pena. En cada unha delas había un canteiro que picaba nas pedras cun martelo. O problema era que só contaba cun martelo para os dous co cal tiñan que facer quendas para facer uso da ferramenta lanzándoo de torre a torre, Cóntase que un día a un canteiro faltáronlle as forzas e o martelo quedou a medio camiño entre as dúas torres. Cando o martelo caeu, segundo din, a auga comezou a brotar nun buraco que fixera ao caer e, de tanta auga que saíu, formouse a Lagoa de Antela.