- Xa a esquecera. - intentou convencerse a si mesmo - Si, xa a esquecera... Din que o amor é caprichoso, e non hai máis verdade, pois xa o sabían ata os propios gregos que lle deron nome. Ben definiron a Eros, o propio Amor, coma un neno cego e caprichoso cuxas frechas eran disparadas sen dirección determinada, sen saber onde acabarían... E acabaron nel. Si, xusto nel, que non cría nese tipo de sentimentos: nas famosas bolboretas no estómago, no amor, no desexo... ata ela. Aquela francesiña do circo, Anne, que dez anos atrás marchara sen que el puidera despedila, enviáralle unha carta dicindo que estaría de paso pola vila unha semana. Anne... o seu primeiro amor, a fermosa rapaza de cabelo louro e sorriso impecable pola que derramaría milleiros de bágoas até ter asimilado que endexamais a volvería a ver, volvía á vila. Parecía incrible. Pero alí estaba, ao carón do río no que pasaran as tardes entre longas charlas e risos seguidos de bicos, e onde el fora unha e outra vez despois da súa marcha, para que? Esperaba encontrala? Quizais si, ou quizais tan só buscaba manter vivo o seu recordo. Lentamente foise achegando á beira do río, Anne virouse e, sen tentar disimulalo, mostrou o seu fermoso sorriso, e el sentiu que o mundo brillaba un pouco máis.
-Anne... -Xa, seino, sei o que me vas dicir. Pasou moito tempo, dez anos, pero tan só quería...
Non lle deu tempo a rematar de falar. Bicouna tan rápido e forte como lle foi posible, el tiña a sensación de que só estaban eles dous, nada máis importaba. A distancia e o tempo tan só foran obstáculos que retrasarían o inevitable, pois a pesar de todo, aquí e agora, estaban xuntos. Anne separouse, mirouno aos ollos e díxolle co precioso acento francés que el recordaba:
-Non, é necesario que me escoites. Pasaron moitos anos, xa non somos os mesmos, e eu...en fin, tiven que seguir coa miña vida, da mesma maneira que o tiveches que facer ti, comprendes? Eu non... -Basta, Anne- dixo, case como unha súplica- non me digas iso cando acabamos de vernos por primeira vez despois de dez anos. Mira, eu non sei que significou o noso para ti, pero pódoche prometer que para min foi moito máis que uns simples bicos. Tan só quero, polo menos, saber que foi de ti estes anos. -Por iso che enviei a carta, porque necesitaba saber de ti, porque para min tampouco foron simples bicos, pero pasou moito tempo e na vida xorden cambios... -Unha semana. -Qué?- preguntou Anne abraiada. -É o que che pido, unha semana. Mentres esteas aquí, saberás se de verdade paga a pena quedar comigo e descubrir se sentes algo por min.
Sabía que Anne tiña algo importante que contarlle, polo que practicamente esperaba un ''non'', pero, para a súa sorpresa, a resposta de Anne foi si, quedaría con el unha semana, e non puido ser máis feliz e ter tanto medo ao mesmo tempo,
sabendo o que estaba arriscando.