CONFERENCIA DE VÍCTOR JAVIER PÉREZ BALTAR (MEMBRO DA SOCIEDADE GALEGA DE HISTORIA NATURAL)
A conferencia que impartiu o antigo profesor do IES Cidade de Antioquía, Víctor Javier Pérez Baltar, baixo o título Unha historia en común: a lagoa de Antela e a Limia Alta, foi moi instrutiva e gráfica pois abordou o tema dende moi diferentes perspectivas: histórica, económica, etnográfica, ecolóxica, e biolóxica: - Descrición dos diferentes intentos de desecamento, dende á época dos romanos ata o definitivo da época franquista. - Referencias ao patrimonio cultural prerromano (mámoas e palafitos) e romano (Vía Nova) e alusións á toponimia. - Desmentido de mitos como que a lagoa era foco de infeccións e enfermidades palúdicas -falso argumento empregado polos artífices do desecamento para influír na poboación-. - Demostración gráfica do impacto medioambiental derivado do desecamento. - Análise da evolución demográfica e económica da zona a partir da intervención (os datos do descenso demográfico na Limia foron achegados por Serafín González Prieto, presidente da SGHN). - Demostración e análise da contaminación actual dos acuíferos e o río Limia debido aos vertidos das explotacións agropecuarias -sobre todo do grupo Coren-.