LENDAS D’A LIMIA
EDLG IES LAGOA DE ANTELA
A FONTE DA FAME
A aldea de Montecelo está situada nun outeiro e ao redor hai montes. Non está nin a 1/2 quilómetro d'A Boullosa e é unha aldea pequeniña que terá uns dez ou quince veciños vivindo alí. Alí na aldea, xa algo no monte, hai unha fonte; de feito por esa zona hai moitas e todas de augas moi frías. Esta fonte chámase A Fonte da Fame e din que ao beber nela che entra unha fame moi grande. Encima da fonte hai unha pedra da que se di que está baleira por dentro e que por unha parte contén ouro e pola outra veleno. De momento ninguén se atreveu a picar a pedra porque, segundo a lenda, se picas no veleno morrerá todo o mundo e se picas no ouro serás o máis rico do mundo. Quen sabe onde estará o veleno ou o tesouro...? Eu só sei que a fonte é boa e ten a auga moi fría. Moitas veces bebín dela e no verán imos alí refrescarnos pero tan fría é a auga que se metes a cabeza debaixo sentes frío en pleno verán.
Juan Carlos Álvarez Pérez
Historia e Lenda da Raíña Loba de Covas Esta lenda non está recollida en ningún libro nin en escritos, desta historia hai moitos séculos e chegou ata hoxe pola boca das xentes. Hoxe en día ,existen uns penedos que levan ese nome, penedos da Raíña Loba, na aldea de Covas. Nestes penedos hai formas en pedra que representan o sitio onde a Raíña Loba sacrificaba as vacas e as ovellas, o lugar onde se peiteaba, apareceron tamén en pedra o cepillo e o espello e algo parecido a un tocador cunha cadeira. A Raíña Loba era una especie moi rara, xa que da cintura para arriba era unha muller normal, pero tiña o corpo de loba. De noite durmía nun penedo moi alto e de día baixaba a outro de menor altura, onde se peiteaba e lavaba. Cada semana comía unha vaca que lle levaba a xente das aldeas do arredor, polo medo que lle tiñan, posto que se unha semana se esquecían de levarlle a súa presa a Loba baixaba ás aldeas e arrasaba todo o que se lle puña por diante, devorando a xente e os animais . Conta a xente que tiña o pelo moi longo, ata tal punto que para podelo peitear tíñao que botar de diante dos ollos. Pero un día un home das devanditas aldeas foi á procura dela para matala, e cando se estaba peiteando tiroulle una bolsa de formigas ao pelo, así, mentres a Loba se sacudía, cortoulle a cabeza cunha fouciña.
A raíz de toda esta historia sacáronse uns ditos :
Matastes a Raíña Loba Cuquexos e Pixeiros Matastes a Raíña Loba Fidalgos quedastes vós
lba Augusto Mandianes
LENDA DA RAÍÑA LOBA Hai moito tempo, nuns penedos de Covas, aldea que está a dous ou tres quilómetros d'A Boullosa, vivía unha muller moi mala que mandaba naquela zona. Tiña ameazada toda a poboación dos arredores, pois esixía que, cada certo tempo, unha ou máis persoas de cada aldea lle tiñan que traer un becerro ou outro animal de gando para que ela o sacrificase e o comese. Se non cumprían coa súa obriga, mataría toda a poboación. A xente estaba aterrada. Co paso do tempo, a xente das aldeas íase quedando sen gando e sen comida, así que un grupo de homes, seica eran de Pixeirós, decidiron matar a muller, á que chamaban a Raíña Loba. Ao día seguinte, ese grupo de homes fóronlle levar á Raíña, ao alto dos penedos, o último becerro que lles quedaba. A muller comezou a comelo satisfeita e os homes aproveitaron que estaba "ocupada" e tirárona penedo abaixo provocándolle a morte. Por iso, aqueles penedos quedaron co nome dos Penedos da Raíña Loba, que permanecen aínda alí situados e onde se pode ver o asento de pedra onde sentaba, e o lugar onde se peiteaba.
Juan Carlos Álvarez
A RAÍÑA MOURA Contan os vellos que no lugar de Laioso, do concello de Vilar de Santos, viviu hai moitos anos unha nena coa súa avoa. A nena levaba tódalas tardes o seu rabaño de ovellas a pacer polo outeiro. Un día atopouse cunha vella, sentada nun penedo, que se estaba peiteando e preguntoulle á nena: Rapaciña, non che importaría quitarme os piollos? A nena, aceptou de bo grado e dende entón tódalas tardes, mentres as ovellas pastaban, quitáballe os piollos á vella. E a vella a cambio entregáballe un agasallo, que consistía nun pano cunha sorpresa no seu interior. E díxolle que sempre que lle quitara os piollos daríalle o mesmo agasallo, pero coa condición de que non o abrira, baixo ningún concepto, ata que ela llo dixera e que non lle contara a ninguén o que ocorría no outeiro. A nena así o fixo, pero a nai descubriu os panos e preguntoulle que contiñan. Nun principio a nena resistiuse a contarlle a verdade, pero a nai insistiu tanto que llo tivo que dicir. Entón a nai, chea de curiosidade, abriu os panos e atopou un verdadeiro tesouro: en cada un deles había moitas moedas de ouro. Cando o día seguinte a nena foi ao lugar onde se atopaba a vella, que en realidade era una raíña moura, contoulle o que lle acontecera coa súa nai. A raíña enfureceu tanto que pechou a nena nunha cova que alí había.
Ledicia Prieto
O PENEDO DA MOURA Entre o monte de Camariñas e o Ruxidoiro hai un penedo con estrañas formas redondeadas e ovaladas, semella que alí viviu alguén. Este penedo recibe o nome de Peiteador da Raíña Moura. Dise que alí desapareceu misteriosamente unha rapaza chamada Mariquiña que vivía en Saa e que ía todos os días coas vacas e as ovellas para o monte das Cantariñas?
Un bo día, a rapaza viu sentada no penedo unha velliña que a chamaba polo seu nome. Ao achegarse, a anciá pídelle que lle peitee os cabelos cun peite dourado. Despois de peiteala ben peiteada, a vella vólvelle pedir outro favor: que lle dea un pouco de leite pois está famenta. Ao rematar esta tarefa, a señora pídelle que lle preste o seu pano, marchando para dentro dunha das cantarolas do penedo e regresando con algo envolto que lle entrega á nena dicindo:
"Toma, e non o abras ata chegar á túa casa. Prégoche un favor: non lle digas a ninguén que estiveches falando comigo". A rapaza xura que ninguén o ha de saber e promete volver ao día seguinte. Cara á noite, cando chega á casa e abre o pano, encóntrase cun montón de moedas de ouro. Feliz e sorprendida, móstrallas a súa nai pero non di onde as atopou. Fiel á súa promesa, a rapaza volve ao día seguinte co gando ao mesmo lugar, xuntándose de novo coa vella. Como a velliña volveu pedirlle que a peiteara, ela cumpre coa súa tarefa pero á nena dálle un ataque de tose e a anciá berra: "Tuse para outro lado que se me cospes na cabeza vólvome cristiá". Nese momento, a pequena decátase de que nese monte vive unha moura que tiña medo a ser bautizada polo cuspe dun cristián e comézalle a entrar medo. A pesar disto, ela fai todo o que lle encomenda a señora e volve conseguir o pano cargado de ouro. Desta vez, a súa nai non pode aguantar tanto misterio e consegue, despois dunha boa rifa, que lle conte a verdade. Ao día seguinte, a rapaza volveu de novo co gando e, ao anoitecer, viñeron para a casa as vacas e as ovellas pero a nena non apareceu. A nai buscouna polo monte xunto cos veciños da aldea, berrando o seu nome. Entón, de entre os penedos, saíu unha voz que lles contestou:
"A Mariquiña, por lengoreteira, está na miña barriga, fritida con allo e manteiga".
Alba Domínguez
NA ALDEA DE ROUSÍA Antigamente había unha aldea que se chamaba Rousía na serra do Larouco. Nel vivían dúas velliñas que mantiñan longas conversas dando paseos polos arredores. Un día deses... - Entón, que tal, Teresa? - Ai, pois agora ándoche moi mal de saúde e por iso te chamei, o médico díxome que tiña que pasear moito. E ti que? - Pois eu ando ben e como andar non fai mal pois veña, que te acompaño. - Imos aló. As dúas mulleres puxéronse a andar e cando se deron conta perdéranse. Xa era de noite cando atoparon o camiño de volta e cando dexergaron a aldea viron que estaba ardendo. Dise que cada unha das velliñas foi para un sitio diferente, de tal maneira que unha fixo a aldea d'A Boullosa e a outra o de Montecelo. As vellas contáronlles aos seus novos veciños que foran os portugueses os que lle prenderan lume á aldea de Rousía, por mor das disputas das propiedades porque esta aldea estaba xusto na fronteira entre Galicia e Portugal. Agora arranxaron un camiño para ir ata alí e hai pías conde comían vacas. O meu avó dixo tamén que, cando el era pequeno, aínda había trigo mal sementado que non ardera.
Juan Carlos Álvarez
As pías das mouras Segundo a lenda, as mouras que vivían en Faramontaos ían en busca de minerais aos montes e ían lavalos ao río nunhas pías de pedra. Estas mulleres eran moi fortes e levaban as grandes pías de pedra na cabeza. Cando se remataron os minerais nos montes, deixaron as pías abandonadas na beira do río. (Esta lenda ou conto popular, intenta explicar as formas resultantes dun proceso erosivo producido polo río).
Lenda da fada Érase unha vez, unha madriña que tiña envexa do fermosa que era a súa afillada e decidiu transformala nunha fada, unha especie de monstro con aspecto de lobo. Polo día, esta fada escondíase nunha cova natural que había no medio do monte, pola zona de Entre Ríos, e polo día baixaba aos muíños a roubar fariña. Cando un muiñeiro se decatou de que era ese ser o que lle estaba roubando a fariña, decidiu esperalo unha noite agochado tras uns carballos armado cunha fouce. Coma case todas as noites a fada achegouse ata aquel muíño pero xusto na entrada, o muiñeiro atacouna coa fouce feríndoa gravemente e comezou a sangrar abundantemente. Cando a ferida cesou de sangrar, ese ser ó que todos chamaban monstro comezou a transformarse na fermosa rapaza que fora antes da maldición. O muiñeiro quedou enfeitizado pola súa beleza e decidiu casar coa moza. A lenda di que o feitizo do que se zafou a moza segue vagando polos montes en busca do corpo doutra rapaza.
O busto de pedra Unha moza atopábase coidando das súas ovellas no monte como de costume, cando de súpeto comezou a chover, a rapaza non se alarmou porque ó fin e ao cabo…só era auga, nada malo lle podía acontecer, polo que seguiu vixiando os animais sen reparar en que o regato que pasaba á súa beira comezaba a encherse a gran velocidade. A choiva fíxose cada vez máis intensa ata dar lugar a unha gran tormenta que fixo que o regato se desbordara provocando a morte da
rapaza. A morte desta nena fora moi tráxica para unha aldea tan unida, vírase arrastrada pola corrente e perdera a cabeza, posiblemente pola colisión cunha rocha, pero ninguén a atopou nunca. Porén, no seu lugar apareceu unha pedra, coma unha especie de busto que simulaba a fazula doce da moza. Moitos pensan que era a cabeza da rapaza e que por iso a de verdade nunca aparecera; outros din que é cousa do diaño; ningunha teoría puido ser tomada como válida, cada un limitouse a crer o que consideraba verdade..
Tania Morán, Iria Barroso e Raquel Seoane
COUTO MIXTO: Segundo unha lenda contada polos anciáns hai moitos anos, una princesa desterrada por causa de amores, viuse atuada na neve, na serra de Pena, ao mesmo tempo que sentía as dores de parto. Sabedores desta circunstancia, os veciños das poboacións de Meaus, Santiago e Rubiás, buliron ofrecerlle axuda, conseguindo baixar a dona e mailos acompañantes ata as aldeas do Couto, onde foi atendida coa sabenza e os mecos das vellas parteiras do val do Salas. Agradecida polos coidados, cando tempo despois foi coroada como raíña, agasallou aos veciños do Couto cuns privilexios, entre os que foi dos máis sobranceiros non ter que dar homes a guerra a España ou a Portugal.
David López O PENEDO GRANDE DE FONTE DE MOUROS En Nocelo da Pena hai un penedo chamado o Penedo Grande de Fonte de Mouros. Conta a lenda que estivo habitado por mouros. Un home perdeu a súa vaca e andaba por esa zona a buscala, por enriba do penedo estaban as mouras, que lle dixeron: ‘Tío homiño, a súa vaca rustrida en aceite sabía coma leite, e tíñalle ao pé do penedo un pano con ouro para que cobrase a súa vaca. Tamén din que no interior do penedo os mouros deixaron unha cabra de ouro e ouro ao seu redor. O penedo ten unha fenda na parte superior que fai que semelle unha tapa. Din que xa foron moitos canteiros tentar abrila, pero que non o conseguiron. Pode ser aberta, as doce da noite cunha oración, que ninguén sabe ata o de agora , pero non debe haber presenza de medo no corpo de quen o intente.
Noelia Fernández, Laura Fernández e Silvia Pazos