O PATRIMONIO ASOLAGADO LENDAS DA LIMIA

Page 1

LENDAS ORIXINAIS DA BISBARRA LIMIÁ

Pescudamos na rede, nos blogs do instituto, e rexistramos todas estas lendas recollidas por alumnado do IES Lagoa de Antela na materia de Lingua.

LENDA DA LAGOA DE ANTELA

Segundo conta a lenda, antigamente, cando aínda non existía a Lagoa de Antela, había dúas torres: a do Castro e a Torre da Pena. En cada unha delas vivía un canteiro que picaba nas pedras cun martelo. O problema era que só contaban cun martelo para os dous co cal tiñan que facer quendas para facer uso da ferramenta lanzándoo de torre a torre. Cóntase que un día a un canteiro faltáronlle as forzas e o martelo quedou a medio camiño entre as dúas torres. Cando o martelo caeu, segundo din, a auga comezou a brotar do buraco que fixera ao caer e de tanta auga que saíu formouse a Lagoa de Antela.

A TRAIZÓN DA TORRE DE SANDIÁS

Segundo contan relatos e lendas antigas, hai moitos anos os irmandiños intentaron conquistar a Torre de Sandiás para destruíla e apoderarse do terreo. Pero cando os irmandiños empezaron o ataque cóntase que os da Torre resistiron o asalto, resistiron ata que un criado traizoou os señores da fortificación deixándo entrar os irmandiños por unha porta. Os asaltantes mataron os señores a sangue frío mentres durmían e logo destruíron e queimaron a Torre do Castro, por iso agora está así de destruída.

LENDA DO CASTELO DA PENA

Hai moitos anos, contan os vellos, que a lagoa de Antela estaba comunicada por tres castelos ben diferenciados entre eles: a Torre de Pena, a Torre do Castro e a Torre da Forxa. Din que había un túnel que unía estas tres torres, ata o punto de que botaban unha galiña con poliños na Torre de Pena e ían saír á Torre do Castro. Este tipo de túneles eran utilizados polos mouros que poboaban as torres para espiarse os uns aos outros e tamén


para acceder ao interior dos castelos, porque andaban en guerra entre eles. Concretamente, falan os vellos, que o castelo de Pena tiña unhas celas escuras, provistas dunhas argolas cunhas cadeas onde prendían os mouros apresados para torturalos. Téñense atopado mesmo esqueletos. Este castelo da Pena estaba rodeado dunha gran muralla, que dificultaba a entrada dos mouros e que servía de protección ao castelo, polo que a única forma de traspasala era a través dos túneles. Nesa época, segundo din os máis vellos, a loita entre os mouros era con espadas e tamén con aparellos de todo tipo, de aí os seguintes versos:

O meu avó tiraba de castelo a castelo coa pica dun martelo.

Por iso se di que o pico que lle falta ao castelo da Pena foi destruído nesas loitas cun enorme martelo, sendo roubado polos mouros de Sandiás, os da Torre do Castro, como símbolo de vinganza.

LENDA DA TORRE DO CASTRO

Nun lugar que pertence a Sandiás hai unha torre chamada Torre do Castro e nela atópase un pozo que comunica tres torres: a do Castro, a de Porqueira e a da Pena. A lenda narra que se na Torre do Castro tiras unha ave de curral coma unha pita ou un pavo nese intre aparecerache o demo para levarte ao mundo das sombras, máis coñecido coma o INFERNO.

LENDA DO PENEDO DE NOCELO DA PENA

Conta a lenda que unha vez hai moito tempo un home pasou cabalgando por diante do Penedo de Nocelo da Pena e viu unha moura que estaba escollendo unhas pebides de ouro que tiña no chan sobre unha manta. Ela díxolle que se detivese e preguntoulle se quería un pouco, o home asentiu e a moura preguntoulle se quería un puñado ou unha


fanega e el, que era moi avarento, díxolle que prefería a fanega. Foi por esa medida á casa e, cando voltou, a moura xa desaparecera.

O PENEDO DO ARANGAÑO

Conta a lenda que no penedo situado no monte do Arangaño, na aldea de Perrelos, vivía unha moura á que chamaban Dourada. A todo aquel que pasara por alí e non lle botara nada de valor, a moura iríao visitar pola noite e levaríao con ela e non o volverían ver nunca máis.

A RAÍÑA LOBA

Era unha muller metade loba e metade muller. Vivía nun penedo onde tiña de escravos os mouros, e se algún destes a traizoaba eran sacrificados no Penedo das Fatigas. Para comer os veciños debíanse pór de acordo porque cada semana un deles debíalle dar unha vaca. Os veciños, fartos da tiranía dela, decidiron darlle morte. Morreu asasinada polos de Peixeiros.

A RAÍÑA LOBA

Lembran que hai moitos anos na miña aldea había unha muller chamada a Raíña Loba. Esta tiña tanto poder que conseguía o que quería. Un día os veciños preguntáronlle cando se marcharía e ela díxolles “o día que a Serra do Larouco dea centeo”. Os veciños araron un anaco da serra e plantaron alí o centeo pero non naceu. E entón un día cargaron os carros con centeo para subilos á serra e á mañá baixaron para chamala e que vise os carros cheos de centeo e crese que a serra dera centeo. Así o fixeron e ela creuno e díxolles que marcharía porque así o dixera e marchou para unha aldea chamada A Magdalena”.


O PENEDO DO ANGARAÑO

No alto do monte de Cortegada hai un penedo chamado o Penedo do Angaraño. Nel metíanse nenas e nenos pequenos para curar as enfermidades. Co rapaz había que levar a tres Marías e logo pasar o neno entre as buratas do Penedo de *Angaraño. Despois prendíase unha vela e queimábase a roupa da rapaza ou rapaz.

* Variante de arangaño, nome que designaba o raquitismo

AS DAS NOITES Contan que, antigamente, “As das Noites” andaban vagando polas rúas da aldea buscando quen as guiase. Polas noites quen dese con elas quedaba atrapado como guía ata que o desafortunado conseguía dar con alguén que fixese a súa tarefa e así el poder librarse.

O PENEDO DAS MOURAS

Era unha nena dunha aldea que ía todos os días coas ovellas ao monte onde había un penedo. Nese penedo vivía unha moura que lle daba un sal de ouro á nena cando a vía baixo a promesa de que non dixese nada á nai. Un día, a súa nai decatouse de que a súa filla traía algo e esta cofesoulle a verdade. Ao día seguinte, cando foi coas ovellas aos penedos non volveu e a súa nai foi buscala, preocupada. Preguntoulle á moura onde estaba a súa filla e a moura contestoulle: “Nin mariquita nin maricota, a túa filla está na pota.”

LENDAS DA PÁXINA WEB GALICIA ENCANTADA

Seguimos pescudando na rede e descubrimos estoutras lendas da comarca que foron enviadas por Xavier Feixoo, de Sandiás, á páxina web que recolle a mitoloxía popular galega

(https://galiciaencantada.com/),

na

sección

Lendas

da

Limia.


NA A PEDRA ALTA OU ANTELA

A Pedra Alta é un menhir, tamén é coñecido como Antela, e é a que dá nome á lagoa de Antela. Era o marco divisorio de tres concellos da provincia de Ourense: Xunqueira de Ambía, Vilar de Barrio e Sarreaus, que forman parte do Val de Antela ou A Limia a Virxe ía voando de camiño a Cortegada dende o monte Poedo levando a pedra na cabeza e ó chegar onde está hoxe, caeulle quedando chantada no chan. Outros din que era unha moura que ía fiando á vez que levaba a pedra na cabeza. [Texto remitido por Xavier Feixoo, Sandiás, Ourense]

OS EXÉRCITOS DE REI ARTÚS NA LAGOA DE ANTELA

A lagoa de Antela está na Limia (Ourense) e nela hai moitos encantos, entre eles todo un exército: Texto 1: »E unha era que como había moitos charcos e lameiros, chegado o verán saían deles tantos mosquitos cínifes que, erguéndose á posta do sol, pola veiga abaixo voando, resplandecían as ás que parecían armas, e os da terra que os vían dicían e afirmaban que era o rei Artús que estaba encantado co seu exército naquela veiga. Así ó crían porque dicían que seus pais e avós, e devanceiros así o dixeran e afirmaran. Estas e outras malicias, parvadas e pecados quitáronse e desterráronse co novo edificio».

Texto 2: »...e coa calor do sol no verán espállanse pola atmosfera unha nube inmensa de zoadores cínifes que mortifican de día e de noite, e non cabe existan en ningunha parte tantos nin tan carraxentos e sañudos. Á antiga superstición pagá sobre o eterno e universal esquecemento que producía o beber ou atravesar as augas do Leteo, o vulgo sempre crédulo e amigo do marabilloso, substituíu outra nos tempos cabaleirescos que aínda duraba ós principios do século XVI, de ser estes alados e armados insectos os exércitos encantados do rei Artús, transformacións das que falaron tanto os romances nacionais e estranxeiros».


[Información remitida por Xavier Feixoo, Sandiás, Ourense]

YADHIRA FRAILE LAMA ELBA VÁZQUEZ RODRÍGUEZ


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.