o penedo da moura

Page 1

LENDA DO PENEDO DA MOURA

NARRADOR: Mariquiña era unha nena de Vilar de Santos que todos os días levaba as vacas ao monte. Un día pola mañá cedo chamouna a súa mamá: MAMÁ: Mariquiña, Mariquiña, levántate!! NARRADOR: Pero a Mariquiña tiña o sono moi profundo (son de durmir) e soñaba que ía de vacacións a San Martín de Trevellu e que falaba e xogaba cos nenos e nenas daquelas terras tan fermosas. MAMÁ: Mariquiña, esperta, que tes que almorzar. MARIQUIÑA: Eh, que pasa? Xa vou. Mamá, vai quentando o leite no microondas que xa baixo. MAMÁ: Vouche meter o xantar na mochila, que queres? Coca-cola ou Aquarius? Bocadillo de queixo ou de xamón? MARIQUIÑA: Mamá, que son vexetariana! Leituga e auga mineral, por favor.


NARRADOR: Despois de tomar o leite, Mariquiña foi para o monte escoitando música celta no seu MP4. Sen darse conta ía achegándose ao penedo de estrañas formas redondeadas e ovaladas que hai entre o monte de Camariñas e o Ruxidoiro e ao que chaman Peiteador da Raíña Moura. Cando xa estaba chegando viu que alguén lle facía acenos coa man. Ao chegar ao alto do monte viu que era unha muller vella sentada no penedo. Tiña máis engurras ca un código de barras e un pelo longuísimo.

MARIQUIÑA: Bos días, señora, e logo estábame chamando? VELLA: Si, nena, era para que me axudases a matar os piollos e peitearme, non entendo moi ben como funciona este aparello. MARIQUIÑA: Claro, agora mesmo, señora. VELLA: Graciñas, nena, ai, que gusto. Toma esta caixiña pero non a abras ata chegar á casa, vale? E non digas quen cha deu. MARIQUIÑA. Ok. Que teña un bo día.

NARRADOR: Dicíndolle adeus coa man, Mariquiña marchou para a casa pensando que tería a caixiña pero non a abriu pois a voz da vella metéralle medo. Ao chegar á casa o corazón batíalle (pum, pum) e suaba a mares. Buscou a nai por todas partes. MARIQUIÑA: Mamá, mamá!! NARRADOR: Despois dun rato tranquilizouse, mirou a caixiña e abriuna. O que había dentro deixouna abraiada, tendo que pestanexar varias veces alí dentro había un montonciño de pebidas de ouro, o xusto para comprar a play station 3 que tanto desexaba. Nese intre entrou súa nai. MAMÁ: Como estás tan colorada? Que che pasa? MARIQUIÑA: Mira! MAMÁ: De onde sacaches iso? MARIQUIÑA: Atopeina no monte.


MAMÁ: Vaia, veña, vai para a cama, que mañá tes que volver co gando ao monte. NARRADOR: Ao día seguinte, Mariquiña volveu subir ao monte, esta vez na bicicleta. Ao chegar ao penedo volveu atopar a velliña sentada no mesmo sitio. VELLA: Ola, nena, podes axudarme de novo? MARIQUIÑA: Claro, que desexa? VELLA: Pódesme secar a cabeza?, acabo de lavala e quería pórme guapa, pola noite teño unha festa. NARRADOR: Mariquiña colleu o secador e o cepillo e púxose á tarefa, pensando "Coiro, debe tinguir os cabelos con Farmatín". De repente, esbirrou e a vella apartouse coma un raio e, mirándoa con ollos de lume, díxolle: VELLA: Non me volvas cuspir, non soporto o cuspe dun cristián. MARIQUIÑA: Perdón, foi sen querer, non volverá ocorrer, prométollo. NARRADOR: Mariquiña seguiu a peiteala pero por dentro estaba cocida, pois dérase conta de que aquela muller era unha moura, desas das que se falaba na aldea, que tiñan poderes e iso. Cando rematou a faena, a vella volveulle dar unha caixiña coa mesma encomenda do día anterior.


Mariquiña regresou á casa e abriu a caixiña, que desta vez era vermella, e nela atopou unha cámara fotográfica de última xeración, guau!, que contenta se puxo, tanto que deu en brincar e chamar por súa nai. MARIQUIÑA: Mamá, mamá, mira o que atopei! MAMÁ: Pero, pero, outra vez? De onde a sacaches? MARIQUIÑA: Encontreina no monte... MAMÁ: A min non me mintas! Agora mesmo vasme dicir a verdade, entendido? (colléndoa pola orella) MARIQUIÑA: Pero, mamá, non podo dicircho, de verdade! MAMÁ: Non me veñas con historias, dime agora xa mesmo toda a verdade ou... MARIQUIÑA: Está ben, dígocho pero que conste que é baixo presión. Todo mo deu unha velliña a quen axudei a peitear. MAMÁ: A moura! Ti estás tola, como puideches... Veña, vai para cama, e mañá vas ao monte pero non se che ocorra ir ao penedo, oíches? A moura é coma unha especie de fada e pode facerche dano, entendes? MARIQUIÑA: Si, mamá, prométoche non ir. NARRADOR: Á mañá seguinte, Mariquiña colleu as cousas para, de novo, ir ao monte. Despois de despedirse de súa nai marchou. Pasou o día e veu a noite e Mariquiña non aparecía. Súa nai miraba pola xanela cos ollos cheos de bágoas, dáballe o corpo que a súa filla algo lle pasara. Entón decidise a chamala polo móbil. Á cuarta chamada alguén contestou, non lle parecía a voz de Mariquiña pero...

MAMÁ: Mariquiña, onde estás? Non ves a hora que é? VELLA: Aquí non hai ningunha Mariquiña! MAMÁ: Quen é vostede? Onde está a miña filla? VELLA: A túa filla, a túa Mariquiña está de criada na miña cociña. NARRADOR: E colgou...


A nai de Mariquiña quedou asustada co teléfono na man, aquela muller tiña que ser a moura que mantiña secuestrada a súa filla. A mamá agarrou a lanterna, puxo o abrigo, montou no cabalo Azafrán e saíu ao monte cara ao Penedo, o Peiteador da Raíña Moura. Ao chegar viu a moura sentada. MAMÁ: Que fixeches coa miña filla? VELLA: Xa cho dixen polo aparello ese do demo, que vés facer? MAMÁ: Pedirche que me devolvas a filla. VELLA: Volta para a casa facer o caldo e deixa todo como está. MAMÁ: Fago o caldo e tráiocho o unto se queres. VELLA: Ou fai o unto e trae o caldo, tanto che me ten. MAMÁ: Por favor, devólveme a miña filla. Ti para que a queres? Só é unha nena! VELLA: É unha laretas! Díxenlle que non contase nada e non me fixo caso. MAMÁ: Non llo teñas en conta, fun eu que a obriguei a falar. Dime que teño que facer para recuperala. VELLA: Vale, voucho dicir. Debaixo deste penedo hai dúas trabes que atravesan o monte. Unha é de ouro e a outra de alcatrán, se atopas a de ouro faraste rica e procurarei devolverche a túa filla pero... como atopes a de alcatrán morrerás ti e todos os veciños da túa aldea, ti verás!


NARRADOR: A mamá quedou pensando, se teña sorte salvaría a súa filla e, por riba, faríase rica, pero se non perdería a Mariquiña e sería a responsable da morte de moitas persoas. Ao cabo dun rato decidiuse, era a súa filla!, sangue do seu sangue. Tiña que buscar a trabe de ouro, así que tomou aire e con decisión entrou. Que credes que pasou? Encontraría a mamá de Mariquiña a trabe de ouro e salvaría a súa filla? Ou, pola contra, daría coa trabe de alcatrán e cumpriríase a maldición da moura? Só sabemos que a lenda remata con:

"A Mariquiña, por lingoreteira, está na miña barriga, fritida con allo e manteiga".

Versión de Alba Domínguez, 3º ESO, alumna de teatro


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.