ROBERTO VIDAL BOLAÑO ESCENIFICACIÓN

Page 1

LETRAS GALEGAS 2013 IES LAGOA DE ANTELA

-Touporroutou, onde vas, nena? -Touporroutou, para Pontevedra. -Touporroutou, ¿que vas buscar? -Touporroutou, unha presa de sal. -Touporroutou, ¿para que é o sal? -Touporroutou, para botarlles ás verzas. -Touporroutou, ¿para que son as verzas? -Touporroutou, para botarlle ó caldo. -Touporroutou, ¿para que é o caldo? -Touporroutou, para botarlles ás galiñas. -Touporroutou, ¿para que son as galiñas? -Touporroutou, para poñer ovos. -Touporroutou, ¿para que son os ovos? -Touporroutou, ¡para comelos todos!


(mentres falan as persoas que presentan, dúas persoas fan mímica, acompañando as palabras co xesto)

UNHA: Benvidos e benvidas ao teatro, a vida é teatro e o teatro é a vida, que imita a que? A vinganza, a cobiza, o amor, as grandes paixóns humanas pasean polo escenario, si, pero tamén as risas, os malentendidos, os tropezos, os abrazos. OUTRA: A comedia, a traxedia, a farsa, o esperpento, o absurdo, a reflexión: todo cobra vida no pequeno gran mundo do espectáculo. SEGUINTE: Se os actores choran, nós choramos; se os actores rin, nós rimos; se os actores pensan, nós pensamos, os espectadores tamén formamos parte do espectáculo. UNHA: Este ano dedícanselle as Letras Galegas a Roberto Vidal Bolaño, dramaturgo, actor, director teatral, dobrador de cine, un home entregado en corpo e alma ao teatro. Del falaremos neste modesto espazo teatral. (tres persoas fan de Roberto, alternándose, mentres as persoas que representan as escenas permanecen inmóbiles) ROBERTO: Eu, Roberto Vidal Bolaño, nacín en 1950 en Santiago de Compostela. (Choros de neno ao nacer) Nai: Que mans máis grandes ten este meu neno! Neno Roberto: (Chora de costas ao público) Pai: E que pernas e pés tan longos. Nai: Este meniño vai ser alguén, un ximnasta, un pianista ou, quizais, un actor. (Roberto dá a volta e ri) ROBERTO: Medrei no barrio de Vista Alegre e, coma calquera neno, fun á escola. (Roberto está facendo xestos)


Mestra: Vidal Bolaño, que estás a facer? Roberto: Estou lendo Hamlet. (con pose de actor) Mestra: (Enfadada) Que? Como que estás lendo?, estamos en clase de matemáticas, deixa de facer o pallaso, pareces un titiriteiro. ROBERTO: Aos 12 anos comecei a traballar como administrativo nunha empresa de recambios de coches. (Na empresa) UN: Roberto, os alicates! ROBERTO: (ensaia posturas teatralmente) UN: Robeeeerto, non me oes? Que me pases os alicates! ROBERTO: Ser ou non ser? Quen son? Roberto ou Hamlet? UN: Demo de rapaz, pallaso! (cólleo pola orella) ROBERTO: Tamén traballei nun ultramarinos. ROBERTO: Que desexa, señora? (cunha reverencia) MULLER: Oh, que galante. Déame un quilo de garavanzos e un litro de aceite. ROBERTO: Marchando. Aquí ten os garavanzos e o aceite. Algo máis? Recítolle unha poesía? MULLER: Non, non, só quero saber canto é. ROBERTO: Canto é? Canto é ? A arte é o importante, señora. Soñar….. MULLER: (interrompéndoo) Déixese de lerias, só quero pagar, non sei onde imos parar, poesía no ultramarinos, onde se viu outra… ROBERTO: E tamén traballei nunha axencia de viaxes. ROBERTO: A Cuba? Agora lle busco unha oferta. CLIENTE: A Cuba? Non, quero un billete de tren para París.


ROBERTO: Pero, home, Cuba estalle de oferta, e ademais é un país exótico, amoroso… CLIENTE: Oia, que eu non son un turista, que vou traballar, que son emigrante, entendeu? ROBERTO: Pero Cuba… (soñando) CLIENTE: Esperte! (zarandéao) ROBERTO: Tamén me sentín atraído e fascinado polo mundo do cine e as escenas de movemento. Este amor polo cine influíu notablemente na miña obra. (Escenas de películas, con Roberto comendo flocos de millo e mirando paspán a pantalla, con diferentes xestos) ROBERTO: Estreei a miña primeira peza teatral aos 15 anos. A miña produción está caracterizada polo compromiso co país, cos sectores máis desfavorecidos e coa lingua. PACIENTE: (Ensina a lingua) DOUTORA: Esta lingua necesita coidados, está moi branca. Diga 33. PACIENTE: 33. ROBERTO: (Tose) Ehem, ehem. DOUTORA: Eh? Quen é vostede? ROBERTO: Véñolle dar un remedio para esa lingua. Ten que falar galego diariamente, e tomar unha pílula de teatro en galego cada 8 horas. DOUTORA: Pero vostede quen é? Como se atreve? ROBERTO: Eu son Supergalegoman, ehem, ehem. ( tusindo) ROBERTO: En 1971 entrei en contacto co Equipo Lupa, formado por Euloxio R. Ruibal e Félix Casado. A través del coñecín o dramaturgo alemán Bertolt Brecht, por quen sentín profunda admiración.


ROBERTO: En 1974 comecei a traballar nunha oficina bancaria en Santiago de Compostela. ROBERTO: Bos días, que desexa?(fumando) CLIENTE: Bos días, teño aquí un diñeiro aforrado, e quería metelo nunha conta a prazo fixo. ROBERTO: Canto ten? (fumando) CLIENTE: Teño aquí neste sobre, son unhas catro centos mil pesetas… ROBERTO: Pero iso é moito diñeiro…. Vostede é rico. Non lle gustaría ser o produtor dunha obra de teatro? (Fumando) CLIENTE: E iso é rendible? ROBERTO: Rendible, rendible….. CLIENTE: Eu quero algo rendible. ROBERTO: Eu teño unha obra estupenda, para facer soñar, para viaxar sen moverse do seu sitio, iso non lle parece rendible?….. CLIENTE: Pero vostede quen é? Quero falar co director do banco….. ROBERTO: Son ROBERTO VIDAL BOLAÑO, actor, escritor, director… CLIENTE: O director, quero falar co director do banco. ROBERTO: E, claro, despedíronme. ROBERTO: Creei o “Grupo Antroido” en 1975 e ese mesmo ano dirixín o espectáculo Amor e crimes de Xan o Panteira, de Eduardo Blanco-Amor, no que participei tamén como actor e coñecín a Laura Ponte. CORO: Que ben actúa este Robertiño. (suspiros) ROBERTO: Un ano despois, en 1975, publiquei Laudamuco, señor de ningures, obra que recibiría o Premio Abrente (aplausos), e que estreei en 1978, dirixida por Eduardo Alonso, eu de protagonista. (Roberto saudando o público, aplausos.)


ROBERTO: En 1976, namorado, casei con Laura Ponte, unha das nosas máis grandes actrices. (escena da voda, arroz…) CONVITE DA VODA INVITADOS: Vivan os noivos! Que se biquen! Que se biquen! ROBERTO: Que pesados! (fumando) INVITADOS: Vivan os noivos! Que se biquen! Que se biquen! LAURA: Que queres, Roberto! As vodas son así! INVITADOS: Vivan os noivos! Que se biquen! Que se biquen! LAURA: Dáme un bico…. ROBERTO: Ai, que carallo! Que me dean algo de beber. LAURA: Veña, dáme un bico, para que calen!. INVITADOS: Que se biquen! Que se biquen! ROBERTO E LAURA abrázanse e foxen do convite, Roberto chíscalle un ollo ao público. CORO: Vivan os noivos! Vivan! ROBERTO: En 1980 estreei Bailadela da morte ditosa, un espectáculo do Teatro do Estaribel con dirección de Eduardo Alonso, que recibiría ese mesmo ano o Premio Abrente. (recollendo o premio, aplausos). ROBERTO: E xa van dous! ROBERTO: En 1981 fixen teatro de rúa, presentei a obra: Ruada das papas e unto. Viaxei con este espectáculo por toda Galicia e en Portugal, e fixen dous espectáculos de títeres. TOUPORROUTOU da LÚA e do Sol e A figueira dos figos de ouro.


VIAXE A UHNA REPRESENTACIÓN ROBERTO: Quen vai conducir?, xa sabedes que eu non teño carné. (fumando) ROXO: Eu mesmo. ROBERTO: Veña, pois, Ribadavia espéranos, quen falta? ROXO: Laura. LAURA: Aquí estou. ROBERTO: (refregando as mans) Veña, que hai que montar todo pronto para irmos ao Papuxa cantar e beber unhas cuncas. (chiscando un ollo). ROBERTO: En fin, para que vos vou aburrir, a partir de aquí dediqueime ao teatro, adaptei obras, escribín, dirixín e actuei. Separeime, iniciei unha relación coa actriz Cruz Comesaña, perdín a parella por culpa da morte, volvín casar, desta vez con Belén Quintáns. Participei na película Sempre Xonxa e A lingua das bolboretas. Publiquei e dirixín Agasallo de sombras, Saxo Tenor, Días sen gloria, Criaturas, Anxeliños, Animaliños, etc. Recollín premios (tose e aplausos), enfermei (tose máis) e morrín en 2002 na cidade en que nacín, Santiago de Compostela. Morrín con 52 anos, no mellor da miña vida creativa, deixando tres fillos, Roi, Miguel e Carme, e unha obra ampla (morre, érguese rindo, volve morrer, logo érguese e chisca un ollo ao público). ROBERTO: Non esquezades, amigas e amigos, a vida é puro teatro. (tusindo) ROBERTO E CORO: Eu son un home, un señor maior con sombreiro e bigote que de xeito absolutamente irresponsable persiste na estúpida teima de vivir por e para unha das profesións hoxe en día máis absurdas do mundo e sen embargo por iso máis grandiosas. ESCENA ANIMALIÑOS LUZ JARES – CARMEN GÓMEZ


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.