Entrevistamos a Xabier Xil Xardón
Xabier Xil Xardón, naceu en Morgade, e estudou filoloxía galega. Ven de recibir o premio “Eusebio Lorenzo Baleirón”, e puxémonos en contacto con el para coñecer a este compañeiro limiao. - Onde pasaches a túa infancia? Como recordas os teus anos de neno?
Nacín e vivín en Morgade toda a vida, entre as carballeiras do monte das Lagas. Alí pasaba as tardes todas canda o meu avó ou o meu bisavó no monte, botando a pacer as vacas. A miña mai case nunca me deixou ir enredar cos outros nenos ata que fun mozote, así que ese é o meu mellor recordo de infancia. Un moi bo recordo, por certo. -
E os anos que pasaches no instituto? Que destacarías desa etapa?
O instituto é un lugar cheo de significación para min, como seguramente para todas e todos. Nel comezas a sentirte medrar case por primeira vez, e nótaste mudar constantemente. Obsesiónaste coa mudanza e tentas atoparte, case amarrarte porque te sentes fuxir e non sabes ben para onde... e así será o resto da vida. Cando estás nel pensas que é un punto de chegada. Despois decátaste de que é un punto de partida e que xa non hai volta atrás. Do meu paso polo instituto destacaría o matraquillo, os bocadillos de lombo con queixo e as aulas pola tarde en primavera coas xanelas abertas e o aire fresco ventilando a voz das profesoras. -
Cando te decataches da túa vocación para a poesía?
A vocación é algo que seica teñen os curas e as monxas. O resto temos ganas e vontade de facer cousas. E a min sempre me gustou contar historias, a quen non lle gusta contar historias?, é algo que facemos desde que aprendemos a falar. E a poesía non é máis ca un xeito de contar historias pero doutra maneira. Con ela os recursos da linguaxe póñense ao teu dispor para que tentes comunicar o que tu queiras como tu queiras, por iso a poesía se di que é liberdade, porque é pura creación e as normas, se o intentas, practicas e lle pos entusiasmo, ás veces es capaz de pólas tu. - Que te levou e quen te animou a escribir para os demais? Pois supoño que me levaron, nun principio, as ganas de contar cousas, como xa che dixen, e despois esa satisfacción plena que se sente ao crear algo a partir das ideas, con máis ou menos valor para os demais, pero crealo. Co tempo decátaste de que todo na ficción é posible, que a creación podería ser ilimitada, e xa non hai volta atrás. Por outra banda, o incentivo máis grande para seguir escribindo dámo a xente que me quere e me anima a seguirlle dando, e tamén as miñas compañeiras e compañeiros das Redes Escarlata. Tamén a lectura é unha fonte de alento. Lendo decátaste de todo o que che queda por aprender, por saber dicir, por transmitir. Ler é para min un incentivo constante para seguir escribindo. -
Que intentas transmitir ou expresar coa túa poesía?
Acho que o motor de todo canto fago é a ansia de desenmascarar o espectáculo que nos venden todos os días como realidade, a perda, aparentemente irreversible, dos sinais de identidade que nos fan humanos (cultura, idioma, idiosincrasia, etc.). Afondar nas miñas propias contradicións... abrirme en canal, gústame dicir, saber como funciono para atallar mellor a enfermidade. O capitalismo é un monstro voraz que non só o engule todo, senón que te fai acreditar en que, se queres, tu tamén podes chegar a ser un engulidor de recoñecido prestixio. É a barbarie racionalizada e servida en bandexa de prata: uns poucos comen dela, outros poucos máis arrabañamos os restos e todos os demais, que son a maioría, con sorte roen os ósos. O capitalismo e, no noso caso concreto, o imperialismo español, son os meus mellores aliados á hora de me motivar para escribir. -
Algún escritor ou algunha corrente literaria inflúe na túa obra? Por que?
Pois seguramente moitas, máis das que eu recorde seguro. Vaia, por deixar nómina dalgunhas lecturas de poesía preferidas, por falar de xente en activo, direi Chus Pato, Ferrín, Antonio Gamoneda, Dani Salgado, Xabier Cordal, María do Cebreiro, Rompente, Ronseltz,... e paro xa, que senón non paro. En realidade non lin moito aos clásicos e non estou moi posto no que se fai fóra do país, para alén dalgunhas cousas que me van caendo nas mans. Aínda me queda case todo por coñecer, e iso gústame. -
Que poema ou poemas escollerías como o mellor da túa obra? Porqué?
Lévome moi mal con todo o que escribo, así que ningún. Ese ao que te refires sempre estará por vir. Recentemente recibiches o premio “Eusebio Lorenzo Baleirón”, que supón para a túa carreira como poeta? Que sentiches o recibir este galardón? A que aspiras e ata onde desexas chegar nesta faceta da túa vida? Todos os premios, como é lóxico, che fan moita ilusión ao recibilos porque supoñen o recoñecemento público e social da túa obra, ademais do premio económico, da publicación da obra e da visibilización da mesma. Mais este fíxome especial ilusión porque é un premio cunha traxectoria moi consolidada. É un recoñecemento moi importante a unha obra miña, e só teño medo de que cando saia o libro finalmente decepcione, porque realmente o Eusebio Lorenzo é un certame que crea certa expectativa entre as lectoras e lectores de poesía deste país. No tocante á poesía, e á comunicación en xeral, aspiro a levar a cabo unha chea de proxectos colectivos coa xente das Redes Escarlata, a rematar os poemarios todos que teño en construción e a encetar outros tantos cando poida e teña tempo e vagar. Como xa sabemos es membro da Asociación Aguilhoar, algún dos teus poemas está dedicado a esta asociación ou os seus membros? Algún debe haber, si. Fálanos dos fins da asociación Aguilhoar e que te levou a formar parte da mesma. O Centro Social da asociación que tedes aberto en Xinzo que función ten? Pois eu vexo na Aguilhoar un punto de encontro para a xente nova da nosa comarca, un lugar de achegamento de ideas, de intercambio e de posta en andamento de proxectos comúns, co obxectivo de podermos gozar dunhas ofertas de lecer que as autoridades públicas nos negan. As novas e os novos temos todo por facer, todo por construír, todo por transformar. Unhas charlas, uns recitais, uns concertos, unhas foliadas e un refrixerio cos colegas son o mellor xeito de comezar, non cres? Eu animo a quen lea isto (hai alguén aí!?) a que participe da Aguilhoar. Cantas máis sexamos máis proxectos poderemos levar a bo porto. - Pertences a algunha outra asociación, agrupación…? Cales son os seus obxectivos e que te leva a formar parte delas? Son militante da FPG e das súas mocidades, Adiante. Tamén fago parte do colectivo das Redes Escarlata. O obxectivo da miña militancia? Unir forzas de cara á liberación nacional do noso país e á instauración do único sistema económico e político xusto que existiu ata o momento e que se chama comunismo.
Que opinión che ten a plataforma “Galiza Bilingüe”? Cres que defenden o que din que están a defender? Galicia que? Ah si, muller, os de Galicia Vil-lingüe. Estiveron sempre aí, só que agora dan a cara e saen á rúa. Hai anos, non moitos, seica vestían camisa azul e levaban a Franco baixo palio. Antes dicían Una, Grande y Libre, e hoxe din Unidad, Progreso y Democracia. Se analizamos o que no contexto da época significaban aquelas tres primeiras palabras e o que significan hoxe as outras tres decatarémonos de que non mudaron nadiña. Saben que non teñen razón, pero non che hai pior ignorante có que quere ignorar. En resumidas contas, unha xente extraordinaria! E de boa familia todos! -
Un consello para os mozos e mozas, nenos e nenas galegos.
Coidado coas droghas e cos vil-linghüístas! Sentidiiiño!
Esther Losada Pérez e Paula Cristina Limia Fernandez (2º Bacharelato)