Temperie ribadense 2017

Page 1

A temperie ribadense no 2017 Rematou 2017. Un ano máis, un ano menos, segundo como se mire, máis esta vez con algunha marca meteorolóxica a ter en conta para o futuro. Cos datos recollidos na Granxa-Escola Pedro Murias, trázase unha semblanza da temperie en Ribadeo o pasado ano e ponse en perspectiva relacionándoo con outros anos deste século.

1.Introdución En Ribadeo contamos coa estación meteorolóxica da granxa-Escola Pedro Murias, que D.Luciano Zubillaga mantivo en perfecto funcionamento ata hai pouco, facendo medidas de xeito manual e convivindo primeiro e logo sendo substituídas pola estación automática ata a actualidade. Do pasado, dispóñense de series de datos de diversos períodos, coas que en algún momento haberá que poñerse. Así pois, a estación ten dous conxuntos de instrumentos. Un, manual, ó que corresponden os citados datos de diversas épocas, aínda sen analizar. Outro, automático, que foi incorporando instrumentos e que no que ten relación con temperaturas, comezou a funcionar no 2001, pero que nos seus comezos non representa un conxunto harmónico por faltarlle abondos datos invernais ata 2003. Os conxuntos de datos de ambas estacións parecería que son intercambiables, pero por cuestións técnicas só son relativos correspondentes, o que fai que nun primeiro estudo sexa preferible ter en conta só un deses conxuntos. Por estar accesibles en internet ata a actualidade, elixín xa hai anos o conxunto de datos da estación automática. Ó longo destas páxinas, haberá momentos nos que saia a colación o cambio climático. O cambio climático é un fenómeno a nivel planetario e a longo prazo, e aínda que poda ser indicativo o cambio nalgún dos parámetros meteorolóxicos que se analizan, hai que ter en conta que son datos correspondentes a un lugar moi concreto, Ribadeo, e un período abondo máis curto que o conveniente para estudar o cambio. Algo que en certo xeito se deixa sentir de xeito matemático nas gráficas nas que aparece a liña de tendencia coa súa ecuación e o parámetro R2, que da a bondade do axuste da liña obtida en relación cos datos subministrados: nunha escala na que o mellor axuste obtén R2 = 1, os R2 das gráficas expostas máis abaixo chegan como moito a 0,165. Algo que segue a deixar clara a tendencia cando a inclinación é abonda, pero non no caso de inclinacións pequenas.

2.Temperaturas A temperatura ultimamente soe chamar máis a atención que outras variables meteorolóxicas polo aumento globar de temperaturas dentro do cambio climático. Repetindo o xa dito, ó facer referencia maioritaria á temperie dun só ano, non se poden esperar mostras de dito cambio, que implica períodos de tempo moito máis longos. Este ano ten un dato particular sobre temperaturas, unha marca moi por riba da anterior acadada. Despois dun inverno frío, a estación meteorolóxiaca Pedro Murias chegou a medir 35,44 ºC ás dúas menos dez da tarde UTC (catro menos dez hora legal) o día 15 de outubro. A máxima anterior fora acadada o 12 de xullo, con 31,4 ºC, e a anterior, 31,1 ºC o 22 de agosto de 2003. Un aumento máis de de catro grados da temperatura máxima con dúas marcas no ano. Algo para lembrar durante tempo. 2.1. Temperaturas medias diversas. A táboa co resume de datos recollidos (temperatura media diaria) é a que aparece en baixo:


Na primeira liña, aparece o promedio de temperatura anual dos anos 2003-2017. Máis abaixo, as medias mensuais dende o 2003 ata hoxe mesmo (por exemplo, os 10,1 ºC de xaneiro corresponden á media de temperatura de tódolos xaneiros de 2003 a hoxe). E na penúltima liña, a media anual acumulada dende o 2003, que vemos que cada vez se move menos, como corresponde a un dato deste tipo, aínda que ten unha pequena tendencia á suba, que podería interpretarse como correspondente co cambio climático. O anterior, dito coa precaución de que non é prudente sacar conclusións dela, como especifiquei ó comezo. 2.2. Temperaturas medias anuais. Represéntase (gráfico 1) o dato dos promedios de temperaturas anuais, observando que se ben 2012 foi máis quente que a maioría de anos do século, está lonxe das marcas de 2006 ou 2011, medio grao por baixo.

En conxunto, a temperatura media anual indica diferenzas de medias anuais de máis de 1 ºC en Ribadeo, entre os extremos do 2010, o ano máis frío da serie, e o 2014, o máis cálido, tendo o ano recén rematado unha temperatura media que se aproxima abondo máis á máxima (0,3 ºC) que á mínima (máis de 0,8 ºC). Como se observa na gráfica seguinte, a liña de tendencia indica que a temperatura está a subir por termo medio 0,1 ºC cada 3 anos, o que nos daría 3,3 ºC de aumento ó longo do século, en consonancia cun dos escenarios previstos polo panel do cambio climático (PCC). Sempre, considerando que debido á distribución hai unha variación grande na estimación (R 2 = 0,165, moi lonxe de 1 que sería a estimación perfecta como xa se comentou)


2.3.Temperatura media mensual. A temperatura media mensual ó longo destes últimos anos (2003 en diante) da unha gráfica que é característica, cun máximo en agosto, seguido de preto por xullo, e un mínimo en febreiro, seguido de preto por xaneiro, correspondendo con que as temperaturas diarias máximas se rexistren uns 45 días despois do día de S. Xoán, representativo do solsticio de verán, no que as fogueiras axudarían a manter a luz,e as mínimas, uns 45 días despois de Sta. Lucía, día representativo do solsticio de inverno e patroa da vista, para a que é necesario ter luz....

A imaxe coido que é representativa abondo, máis os datos poden ser representados doutros xeitos non menos indicativos:


Nesta última, os mesmos datos de temperatura media son representados como unha curiosa elipse simétrica inclinada por causa deses 45 días de atraso en relación ós eventos astronómicos que marcan as festividades de S. Xoán e Sta. Lucía (por exemplo, o máximo de temperaturas a comezos de agosto, tendo sido o solsticio de verán o 21 de xuño) Unha apreciación máis sobre temperatura: a media dentro do ano foi subindo, despois dun inverno frío no que se chegou a marcar mínimas do século, durante a primavera, manténdose durante o verán e outono como un ano dos máis cálidos, para na parte final do ano rebaixar un pouco as expectativas e quedar en quinta posición dos quince anos da serie presentada.

2.4.Temperaturas máxima e mínima.


Non deixa de ser curioso observar a evolución dos días de temperaturas extremas. 2017 conta, como xa está resinado máis arriba, cunha marca histórica de temperaturas, a máxima observada na serie presentada e que se lembra nas series das que teño noticia. Aínda así, a variación do número de días con temperaturas extremas ten unha evolución máis lenta:

Pódese observar que, de media, cada cinco anos veñen a sumarse outros dous días con temperaturas (nalgún momento do día) por riba dos 25 ºC. Algo que ten correspondencia no que pasa coas mínimas:

Neste caso, o descenso é maís pronunciado: cada ano, un día menos de temperaturas inferiores a 3 ºC (unha nota: 2002 non aparece na táboa por ser un ano con falta de toma de temperaturas no inverno, cando se producen as mínimas) 2.5.En resume: continúa a tendencia ó quencemento, manifestada tamén en feitos como a aparición de bolboretas 'calavera' na zona, ou a extensión rápida de diversas pragas.

3.Choiva Continuando coa recollida de datos da estación meteorolóxica da Pedro Murias,


atopámonos con que a serie fiable de choiva ten asemade unha lonxitude menor do conxunto total da datos recollidos, abranguendo igual que no caso de temperaturas, dende o 2003. Aínda así, con datos incompletos de 2001 e 2002, ditos anos están incluídos nas gráficas seguintes. 3.1. Choiva media.

Na primeira liña baixo os anos, aparece o total choiva caída 2001-2017 (a ter en conta que os datos de 2001 e 2002, como dixen, son incompletos, co que o total sería maior). Na última ringleira, aparece a media diaria de litros por cada metro cadrado caída ó longo do mes correspondente. 3.2. Choiva media anual.

Represéntase na gráfica anterior o dato do promedio de choiva acumulada para cada día do ano, numerados e con divisións no gráfico que agrupan de xeito aproximado dous meses (50 días). Ista representación da media de choiva acumulada ó longo dun ano para un día dado é unha gráfica que sorprende ó facela pola súa limpeza. Vese que a cantidade de choiva caída vaise incrementando loxicamente, pero distínguense zonas de máis precipitación e zonas de menos. En termos xerais, podemos dicir que este ano resultou algo seco (15% menos de chuvia caída que a media), mais cun réxime de chuvia concentrada nuns poucos días do inverno e en decembro.e ó de comezos de ano.


Comparando a gráfica de 2017 coa xeral media do século (supra), atópase que a forma xeral segue o mesmo patrón, mais a concentración en determinados días é evidente.

O gráfico anterior, correspondente á choiva que se foi acumulando durante cada ano (o 2017 aparece remarcado), da idea clara de que o 2017 foi escaso en choiva no inverno e primavera, normal no verán e viu atrasarse as chuvias do outono ata finais de novembro. En canto á relación con outros anos, a gráfica seguinte amosa unha tendencia lixeira a aumentar a precipitación anual, pero totalmente enmascarada polo baixo coeficiente R2:


3.3.Choiva media mensual. A choiva que se foi acumulando ó longo do ano queda representada xa nos gráficos anteriores. Un resume mensual para o que vai de século represéntase nos dous gráficos seguintes. Un, máis clásico, mediante barras de diferentes alturas indica que os meses máis chuviosos están unha vez comezado o outono e no inverno, e os máis secos, na segunda parte do verán e comezos do outono. Continuidade de ascensos e descensos é suave, excepto no caso de decembro, un mes de chuvia media en medio de outros dous que son os máis chuviosos no ano.

O segundo gráfico representa os mesmos datos mais tentando semellar a case elipse do caso das temperaturas. Vese que os eixes neste caso están desprazados case 90º en relación ó caso anterior, e a figura resulta moito menos harmónica, coa maior anomalía en decembro.


4.Vento Neste caso, deixo a táboa en dúas unidades (km/h e m/s) xa que a usual, por mor da circulación en estrada, non coincide coa recomendada no S.I.

4.1. Vento medio. O ano non foi ventoso; máis ben, falto de vento, pero a súa distribución foi máis regular que a media, como amosa a gráfica de vento acumulado por días no ano, en comparación cos outros anos do século.


En canto a distribución do vento por semanas, no século, pode observarse o comentqdo antes: inverno e outono teñen ventos de media ata un 50% máis rápidos que o verán.

Algo que se confirma coa distribución mensual:


O patrón visual obsérvase tamén na representación circular a continuación, na que se ve unha forma equivalente á de temperaturas, mais cun desfase de 180º

4.2. Tendencia vento A velocidade media do vento ó longo do ano segue unha gráfica abondo plana, e aínda que tende a aumentar, o baixo coeficiente R2 que da a bondade da aproximación, xunto con ser unha liña case plana, non permite asegurar esta suba.


5.Tendencia A máis da temperatura, choiva e vento, poden recollerse moitos outros datos meteorolóxicos para dar unha idea máis completa do tempo que pode facer en Ribadeo, ou mesmo sinxelamente, para comparar con outros tempos e lugares. Mais, coas medidas xa recollidas para as gráficas publicadas con anterioridade, cunha análise máis detallada, poden obterse datos interesantes, sen cansar demasiado. Así pasa por exemplo, cos 14,10 ºC de media que Ribadeo ten no ano (dato recollido na primeira parte, e subindo) ou as temperaturas medias de meses que poden resultar máis interesantes de primeiras, como xullo (18,6 ºC) ou agosto (19,1 ºC), ou para promocionar outras datas, como setembro (17,5 ºC), datos que non é doado atopar nas guías turísticas de Ribadeo, e que pola súa bonanza, coido que deberan figurar. A tendencia de temperaturas á alza está clara, e máis visible pola representación dos días de cada ano que Ribadeo rexistrou nalgún momento temperaturas por riba de 25 ºC ou por baixo de 3 ºC. Ambos falan ás claras dunha tendencia que se nota no adianto da primavera ou na floración dalgunhas árbores dúas veces nun ano, co correspondente stress, cansanzo e debilidade do exemplar. Trátase do aumento das temperaturas observadas cada vez máis en anos consecutivos, traducido en que por termo medio cada ano aumenta máis dun día o número de rexistros diarios con temperaturas de máis de 25 ºC, e tamén diminúe do mesmo xeito o número de rexistros diarios con temperaturas por baixo de 3 ºC. Tendencia que se está a incrementar: dentro do século, os catro anos con máis días con temperaturas superiores a 25 ºC están incluídos nos sete últimos. Asemade, os dous primeiros anos do século están entre os tres con menor número de días con algunha medida de temperatura superior a 25 ºC. E de xeito correspondente, tamén os cinco últimos anos inclúen ós catro con menor número de días por baixo de 3º C... Caso diferente é o da chuvia ou o do vento, que se ben parecen aumentar, podería ser só un efecto derivado do baixo R2 que ambas tendencias obteñen. Cos poucos datos tomados, non se pode falar máis que dunha tendencia, pero é unha tendencia que está en liña co tan discutido cambio climático a nivel mundial e á súa orixe nas actividades humanas.

6.Referencias


O traballo compleméntase e aproveita o xa publicado en Ribadeando ( http://ribadeando.blogspot.com.es/search/label/Meteorolox%C3%ADa ) e Física e Química en Ribadeo ( http://fqribadeo.blogspot.com.es/search/label/Meteorolox%C3%ADa ), e en follas de cálculo con datos da Estación Meteorolóxica de Meteogalicia sita en Pedro Murias, no termo municipal de Ribadeo ( http://www.meteogalicia.gal/observacion/estacions/estacions.action? request_locale=gl ), tamén usados nos dous blog. O programa usado para cáclulos, representacións e escritura foi Libre Office. Antonio Gregorio Montes


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.