Introduccion pinura do XX

Page 1

INTRODUCIÓN Á PINTURA DO SÉCULO XX


Tras o Impresionismo o proceso de achegamento do cadro á natureza implicou innovacións rachadoras de tabús. A arte pictórica deixará de ter coma fin sobranceiro a representación óptica de imaxes externas, volcando cara a si mesma o seu fin primordial, comezando unha involución para si mesma que constitúe a principal característica e condicionante da arte pictórica do século XX: “a arte ensimesmada”. Non é de estrañar que os artistas iniciadores deste proceso, Cezanne, Van Gogh e Gauguin, comezaran a súa carreira dentro do Impresionismo xa que nel aprenderan o senso de liberdade e a supresión de convencionalismos anteriores. O que aprenderon do Impresionismo non o encamiñaron cara á representación exacta da realidade senón que a dirixiron, sendo esta a súa grande achega, cara á propia coherencia interna do cadro, cara á propia pintura. Estes tres pintores postimpresionistas foron os primeiros que a partir de aí fixeron outra cousa, conscientes de que o cadro, antes que representar un anaco da natureza, tiña a súa propia realidade, a súa propia significación. Foron os primeiros en formularse que o cadro antes que un retrato era unha cousa en si mesma, por iso comezaron a valorar por si mesmo os elementos expresivos da pintura, valoralos polo seu propio valor e non como referencia a unha árbore, unha flor, unha cara, etc, a valoralos polo que de estéticos teñen de por si. E con tal coherencia comezaron este proceso que a partires deles a obra de arte vaise sentir cada vez máis no XX como un obxecto en si mesmo, coas súas propias leis, ata tal punto que se pode afirmar que se o XIX significara a autonomía do artista, o XX significou a autonomía da arte. A partir dos postimpresionistas a arte se replanteará os seus propios medios expresivos xa que adquirirán o carácter de datos determinantes da obra artística., converténdose estes medios expresivos nos fins da obra de arte.


A FORMA NA PINTURA DO SÉCULO XX Na pintura o elemento formal obtense normalmente a través do debuxo producido pola liña, e do relevo producido polo claroscuro. Pero o Impresionismo rachou con isto ó dicir que a liña non existe na natureza. En segundo lugar o Impresionismo rachou co sentido do relevo e do claroscuro ó empregar sombras coloreadas. En terceiro lugar o Impresionismo demostrou que as formas dependían do medio en que se atopasen e a luz que os iluminase. Deste xeito nos cadros Impresionistas a forma comezaba a diluírse, ficando pouco recoñecible e os obxectos na representación aparecían diluídos, desordenados. A primeira proposta do postimpresionismo será precisamente a recuperación dese elemento formal coma elemento consubstancial da pintura aínda que non da natureza. No postimpresionismo as cousas aparecen como formas consolidadas, definidas, ben pola liña ben polas gradacións tonais. Agora ben, estas formas xa non servirán tanto para traducir anacos da natureza como para valorar os elementos formais por si mesmos. Unha vez recuperado este valor do motivo representado no cadro como unha forma e non coma unha tradución da natureza, a pintura contemporánea comezará a manipular a forma no sentido que máis lle conveña tanteando camiños diversos: - O primeiro camiño que atopamos é distorsionando a forma, ben a base de liñas suaves e fluídas (iniciado por Gauguin, continuado polo Modernismo, expresionistas como Munch e continuado por Matisse) ou ben endurecendo a forma, ensañándose coa imaxe, volvéndoa anguriosa e desesperada (Van Gogh, Kandisky, expresionistas alemáns e franceses). Dentro desta manipulación da imaxe está neofiguración dos 50´ en diante (F. Bacon, A. Saura) -Outro camiño é reducir a forma, sen facela desaparecer, sintetizándoa, convertendo as imaxes en símbolos (Miró) -Outro camiño da forma é aquel que recupera as imaxes do xeito tradicional. Así moitos movementos pictóricos describen con precisión as cousas representadas máis dándolles unha aparencia estraña: colocación en ambientes estraños, asociación de elementos ilóxicos (G. De Chirico, Nova Obxectividade Alemaña dos 20’, o surrealismo –dándolle a algúns elementos propiadades non convencionais como os reloxos brandos de Dalí, ou as asociacións iloxicamente racionais de Magritte, o Hiperrealismo, o Pop-Art, a Neofiguración) -Outro camiño é aquel no que a forma vai dirixido a enfatizar os valores propiamente formais. A forma como concepto xeométrico-abstracto e non figurativo (camiño principiado por Cezanne e continuado polos cubistas Picasso, Braque e Gris) tendendo tanto á xeometrización como á supresión das formas recoñecibles (o Neoplasticismo o Construtivismo, o Estruturalismo ou o Op-art) -O derradeiro camiño da forma, ou mellor dito da non forma, é o que está a prescindir da forma figurativa e da forma xeométrica, é a abstracción e o Informalismo, nos que a


pintura xa non se concibe como o equivalente das imaxes exteriores senón corno un acto de intervención sobre un soporte, como un puro xesto. É por isto que gran parte da pintura informalista se denomina Xestual, un puro xesto, e este xestualismo é unha acción violenta, que tacha, o Tachismo ou Expresionismo Abstracta ou Action Painting.


O ESPAZO NA PINTURA DO SÉCULO XX Na pintura tradicional o cadro era unha ventá aberta a través da que había un espazo de tres dimensións. Namentres que o espazo na escultura é un feito, na pintura é unha falacia, o cadro só ten dúas dimensións. O postimpresionismo e a súa concepción do cadro, antes que nada como un obxecto, é o primeiro movemento pictórico que valora e asume a superficie plana na que se desenvolve a arte pictórica. A pintura pensan non é só o reflexo da sensación visual, ten a súa propia realidade pictórica e non ten porqué levar un espazo que non lle é propia. Xa con Van Gogh, Gaugui e Cezanne tenderon a aplanar as profundidades dos escenarios que representan, tratando de adaptar (Cezanne) as formas e os espazo ás dúas dimensións, comezando por suprimir as leis da perspectiva tradicional. Por outra banda isto vaise corroborando dende finais do XIX polas leis da física ó amosar que as tres dimensións son incompletas, xa que, afírmase, hai múltiples dimensións. A imaxe pictórica pode incorporar estas múltiples dimensións do espazo. O primeiro que fai isto é Cezanne ó dislocar a perspectiva dalgunhas formas. Os que desenvolven todo isto son os cubistas. O primeiro paso son As señoritas de Avignon, quebrando o espazo en planos, as figuras e o espazo están tratados de igual xeito. A partir desa ruptura o cubismo segue a incorporar na imaxe diversos puntos de vista, múltiples referencias espaciais nunha soa imaxe, coma se un ollo rodease a pintura, e isas visións plasmáranse simultaneamente na superficie plana do cadro. O cubismo opón á sensación sensorial unha representación intelectual. A partir de aquí vaise abrir unha grande variedade no eido da pintura respecto á concepción espacial. A maioría dos movementos xa non asumen o dato espacial como dato pictórico. Pero tamén a pintura pode renunciar ó seu propio ámbito espacial: as cores primarias, unhas propiedades lumínicas, posúen á súa vez uns efectos ópticos que suxiren espazoso que producen a sensación de alonxamento. Son os movementos formalistas, que derivan do cubismo, que incorporan o dato cromático dirixido á suxestión do espazo (Op-art). Pero outros pintores, que non abandonan totalmente composición pensan que a cor é o elemento máis importante na elaboración dos seus cadros, liberando o trazo, o debuxo (Luís Seoane)


A MATERIA NA PINTURA DO SÉCULO XX Outro dos xeitos de crear espazoso é facendo a materia: cadros en relevo ou escultopinturas. En arte hai non hai posibilidade da forma, do espazo, etc se non hai materia onde realizarse, sempre ten que haber un soporte. A arte contemporánea nese proceso que tende a independizarse de tódalas referencias externas para concentrarse en si mesma, vai remitir sobre todo ó seu elemento máis substancial, a materia. A poética da materia é o máis definitoria da arte no XX. Na pintura a materia é tradicionalmente a pasta da cor. Ata o Impresionismo a cor era simplemente un medio que había adaptar á forma, ó tema, procurando a súa maior semellanza cos elementos da natureza. Pero xa Monet comezaría a sentir a cor como materia, mais o grande paso do Impresionismo é ter comezado a prescindir de tons locais. Por outra banda tamén os impresionistas escomezan a traballar coas cores puras sen empregar as medias tintas. Co Postimpresionismo xa se prescinde das cores locais e ademais faise falar á cor coa súa propia voz, á valorala en si mesma e non coma un acompañamento do motivo representado. Xa Van Gogh, Cézanne e Gauguin conciben o cadro como unha orquestación de campos de cor, potenciando o seu valor expresivo. A Cor é o elemento máis expresivo da pintura. Con Matisse vai sentir cada vez máis a cor como materia prima á que hai que potenciar, por iso a partir do Postimpresionismo non é estraño que teñan aparecido o Expresionismo e o Fauvismo, ó prescindir da cor local. O gran paso danno os fauvistas ó dar á cor un valor psicolóxico. Crean unha nova linguaxe con signos propios que non imitan á imaxe natural. Este sentimento da cor do Fauvismo é levado por novos camiños por Kandisky. O sentimento da materia non só se vai referir á cor senón tamén a movementos nos que as formas levan impresos as pegadas do elemento materia, é dicir, que vai aparecer como sometida á falla de dominio da execución técnica, como se a materia dominara a execución (Maside, Laxeiro). É, pois, o efecto consciente dunha técnica mal dominada, ó aceptar o artista unha tosquedade que se incorpora tamén como ingrediente na obra de arte.


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.