12 minute read
COMPOSTANDO CIENCIA: A VIAXE DOS RESTOS VEXETAIS DO CENTRO ATA A TÚA
from Pallares 22/23
by anxogb
HORTA
RESUMO
Advertisement
Club de Ciencias do CPI Tino Grandío no curso 2022/2023
O presente texto segue a estrutura clásica dun artigo científico co propósito de narrar os obxectivos, métodos e resultados do traballo que desenvolveu o Club de Ciencia no presente curso coa posta en marcha dun punto de compostaxe no centro. As principais aprendizaxes aparecen recollidas na infografía final Guía de compostaxe para principiantes, coa que pretendemos animarvos a poñer en marcha esta actividade nos vosos fogares
1. INTRODUCCIÓN
A compostaxe é un proceso que historicamente se realiza en tódalas casas de labranza galegas, e en todo o mundo!. Non obstante, os procesos físico-químicos e biolóxicos que esconde soen ser grandes descoñecidos e, raramente, se controlan estes parámetros para obter un compost da mellor calidade. Por iso, dende o Club de Ciencias pretendemos estudar este proceso, precisamente para poñelo en valor nun momento en que a xestión de residuos e a economía circular ocupan un lugar central no debate sobre os modelos produtivos e de consumo.
2. A COMPOSTAXE: NOCIÓNS TEÓRICAS
A compostaxe é unha técnica mediante a cal se crean as condicións necesarias para que os organismos descompoñedores transformen os residuos orgánicos de distinta natureza nun abono de elevada calidade (chamado “compost”). Trátase pois dun proceso biolóxico que pode acontecer en presencia ou ausencia de osíxeno, diferenciando así a compostaxe aeróbica da anaeróbica.
En ambos casos, os microorganismos aproveitan o nitróxeno (N) e o carbono (C) presentes nos restos orgánicos para producir a súa propia biomasa. Neste proceso, desprenden calor medible a través das variacións de temperatura ao longo do tempo. Segundo a temperatura xerada durante o proceso, recoñécense tres etapas (Imaxe 1):
Fase de descomposición: os primeiros 2-4 días, os microorganismos aclimátanse ao novo medio e comezan a multiplicarse e a degradar os elementos máis biodegradables cun aumento de temperatura que pode superar os 50ºC.
Fase termófila: aparecen organismos termófilos (bacterias e fungos) que actúan a temperaturas de ata 70ºC, producindo unha degradación da materia que pode durar ata dous meses.
Fase de maduración: período de fermentación lenta non biolóxica que degrada a materia máis resistente e que pode durar ata 3 meses.
Imaxe 1: Etapas do proceso de compostaxe: evoluación da temperatura, o pH e tipo de microorganismos descompoñedores.
Ao ser un proceso levado a cabo por microorganismos débense ter en conta os parámetros que afectan ao seu crecemento e reprodución. Estes factores inclúen: o osíxeno ou aireación, a humidade do substrato, a temperatura, o pH e a relación C:N. Coñecer e controlar estres parámetros será determinante da calidade do compost obtido.
3. OBXECTIVOS
O proxecto “Compostando ciencia” perseguiu poñer en marcha un punto de compostaxe no centro, comparar o proceso de compostaxe de distintos tipos de materiais a partir das súas características físico-químicas e biolóxicas e obter unha batería de recomendacións para replicar esta iniciativa nos nosos fogares.
4. MATERIAIS
A posta en marcha e desevolvemento do proxecto sustentouse sobre dous materiais básicos: Os composteiros:
O tipo de compostaxe polo que optamos foi o aeróbico, é dicir, con presencia de osíxeno. Polo tanto, os composteiros deben ser abertos e cun deseño que favoreza o fluxo de aire pero, ó mesmo tempo, que evite a entrada de auga de choiva dado que a súa función é manter as condicións de temperatura e humidade axeitadas para a formación do compost.
No presente proxecto optamos por un modelo prefabricado imaxe pois primamos a seguridade do alumnado máis cativo do centro. Non obstante, recomendamos empregar composteiros construídos con materiais reutilizados como os palés, ou mesmo, o simple amontoamento de restos.
O modelo seleccionado presenta unha serie de vantaxes como: moi fácil montaxe e nulo mantemento; controla os efluvios (olores) e dos fluídos (xurros); mantén a zona limpa e recollida e facilita a medida e rexistro das condicións de humidade e temperatura.
De igual xeito, por cuestións de seguridade ubicáronse na parte traseira do centro sobre formigón pero coa revisión do proceso aceptamos e recomendamos que deberían estar ubicados nun lugar máis aberto e aireado e, tamén, sobre solo desnudo .
Os restos a compostar
O proxecto tratou de simular o proceso de compostaxe para tres tipos de restos: agrícola, forestal e doméstico. Ademais, duplicamos o composteiro de restos agrícolas para poder comparar o efecto de acelerantes orgánicos como as borras de café e a vermicultura (acción das miñocas).
Ademais dos anteriores, tamén se empregaron materiais de análise e observación do laboratorio (termómetros, higrómetro, pHímetros dixitais e tiras, microscopios e lupas binoculares, claves dicotómicas…), así como as ferramentas para as tarefas no composteiro (volteadores ou aireadores -pinchos e/ou palas, trituradores manuais - tesoiras ou podadores, cubetas, varillas…).
5. MÉTODO
O método proposto foi fundamentalmente analítico pero con cinco liñas ou dimensións de traballo diferenciadas:
1. Dimensión institucional: tratamos de tecer unha rede de acordos cos distintos axentes para instaurar os composteiros como parte das dinámicas do centro: tanto coas cociñeiras; o persoal do concello encargado de segar o céspede e rozar o perímetro do patio; conserxería, persoal de limpeza e coidado das plantas e profesorado.
2. Dimensión técnica: consistiu en instalar os composteiros e en establecer un protocolo para o seu abastecemento e mantemento. Entre outros, decidimos que restos se incluirían en cada sector de compostaxe (deseño das receitas), o método para trituralos e o tamaño dos restos. Nesta liña, tamén incluímos as distintas decisións técnicas para ir corrixindo as anomalías detectadas (incorporar restos acelerantes ou variar as proporcións de C/N para rebaixar a humidade ou corrixir o pH).
3. Dimensión analítica: consistiu no deseño dunha sistemática para rexistrar as distintas variables: altura e volume, temperatura, pH, humidade, propiedades organolépticas de interese (olor, color e textura) e a identificación visual de distintos microorganismos en cada unha das etapas de compostaxe. Para a medición do pH e a identificación de microorganismos fixemos varias sesións de traballo no laboratorio analizando mostras e practicando a observación mediante microscopio e a lupa binocular.
4. Dimensión experimental: tratou de dar resposta mediante a observación da evolución dos restos ás seguintes cuestións:
Os acelerantes (como as borras do café ou a vermicultura) son efectivos? Para dar resposta a esta cuestión establecemos un composteiro como de restos agrícolas de control (sen aditivos) e outro idéntico en aportes (cantidades e tipo de restos) pero con borras de café nas primeiras etapas, e vermicultura nas últimas.
Os papeis e cartóns poderían compostarse? Dependería do tamaño de trituración? Para isto incluímos nos distintos tipos de composteiros entorno a un 3-5% de restos de periódico e de cartón de tres tamaños diferentes (aprox. 1, 5 e 10 cm2).
As bolsas de supermercado, tanto de caixa como da froita, que catalogan como compostables chegan a desintegrarse? En que período? Depende do tamaño? Para dar resposta a esta cuestión incluímos en tódolos composteiros distintos tipos de bolsas (enteiras e trituradas) e observamos o grado de desintegración.
Que efecto teñen os restos de froitos secos e a casca de ovo no compost obtido? Para iso incluímos casca de distintos froitos secos (noces, abelás, pistachos) e casca de ovo no composteiro proba.
6. RESULTADOS
A continuación resumimos algúns dos achados acadados durante os catro meses que estiveron activos os composteiros ata a redacción do presente artigo.
PARTE A: ANÁLISE DAS VARIABLES DE COMPOSTAXE
Os composteiros agrícolas reduciron o seu volume a máis da metade na primeira semana de compostaxe. Os restos forestais reduciron o seu volume nun terzo pero máis lentamente. Por último, os restos domésticos apenas cambiaron o seu volume.
A cor e a textura do compost agrícola son marronácea e miúda e homoxénea, respectivamente. Pola contra, o compost forestal presenta un tamaño maior e máis heteroxéneo e, tamén, máis escuro. Finalmente, os restos da compostaxe doméstica son os máis finos e escuros, pero tamén pastosos por unha anomalía no proceso de compostaxe (excesiva humidade).
Nin o compost agrícola nin o forestal presentaron olores desagradables en ningunha etapa do proceso. Polo contrario, o compost doméstico, si.
A humidade dos restos foi diminuíndo dentro do rango óptimo (40 - 60 %), especialmente a partir do segundo mes de compostaxe. O compost doméstico foi a excepción ó anterior que nunca baixou do 80%, nin nas capas máis superficiais.
A temperatura máxima acabada polos composteiros foi de 40º na fase termófila para despois estabilizarse entorno ós 18-20º C en todos eles.
As diferenzas do pH das mostras foi mínima chegando a estabilizarse todos nun 6.7, lixeiramente máis ácido no forestal e máis básico no doméstico.
No tocante aos microorganismos, observamos exemplares de mofos e outros fungos, moi diversa mesofauna e varios exemplares de protozoos flaxelados e ciliados pero non macromicetos ou bacterias termófilas.
PARTE B: EXPERIMENTACIÓN
Os acelerantes aportados (borras de café e vermicultura) tiveron un efecto diferenciado en tanto que o compost agrícola tratado é menos compacto, presenta mellor estrutura e ten unha maior proporción de restos degradados.
Non aparecen restos dos papeis e cartóns de menor tamaño en ningún dos catro composteiros activos durante os catro meses. En cambio, aparecen puntualmente os restos de maior tamaño (aprox. 10 cm2).
Non aparecen restos das bolsas de froita e verdura do supermercado trituradas nos restos, a excepción do forestal. En cambio si aparecen restos das bolsas entregadas na caixas do supermercado. As bolsas de ambos tipos sen triturar aparecen íntegras en tódolos composteiros.
Os restos de ovo aparecen moi desmiuzados e os restos de froitos secos aparecen íntegros, pero actúan como aireantes e danlle estrutura ó compost.
7. DISCUSIÓN
Á vista dos resultados, observamos que os procesos de compostaxe estudados non completaron todas as etapas. Por unha banda, por unha falta de tempo. Os composteiros estiveron activos dende decembro ata abril. Este período de catro meses non é tempo suficiente para obter compost maduro (6-8 meses).
Por outra banda, a fase termófila foi incompleta por unha falla de continuidade nos aportes que permitise manter a columna de restos constante. Así, non se acadaron as temperaturas máximas pertinentes nin apareceron tódolos microorganismos necesarios para unha dixestión completa.
Atendendo á textura, estrutura e cor, a principal diferenza entre as distintas mostras radica na proporción C/N. A proporción de carbono é superior no composteiro forestal, mentres que nos agrícolas predominaba o nitróxeno. Precisamente, a emenda dos composteiros agrícolas con restos de folla durante as primeiras semanas axudou moito a proporcionar a relación C/N. Deste xeito, o produto de compostaxe óptimo para o uso na horta sería unha mestura das tres mostras.
Finalmente, é importante resaltar que a compostaxe doméstica tivo notables dificultades. Fundamentalmente, moita humidade por un aporte de restos incorrecto (que incluía restos húmidos de comida que deberan limitarse a restos de vexetais) e unha mala aireación (por escaso volteo e unha mala ubicación dos composteiros). Neste caso, a compostaxe foi anaerobia, con notable emisión de olores e con microorganismos diferenciados. Tras unha revisión bibliográfica o proceso foi emendado engadindo serraduras e palla.
Precisamente, estas desviacións e correccións son a principal aprendizaxe do proxecto que tratamos de resumir nun produto de divulgación recollido no ANEXO 1: Compostaxe para principiantes como unha guía de boas prácticas e recomendacións derivadas da nosa experiencia e aprendizaxes.
8. CONCLUSIÓNS
A compostaxe é un proceso complexo determinado pola acción interrelacionada de múltiples variables. O seguimento e control das mesmas é fundamental para obter un compost de propiedades óptimas para diversos usos, como acolchados ou fertilizante (aporta elementos minerais, mellora a estrutura do solo e axuda a absorber e reter a auga). De feito, son punteiras as iniciativas de investigación e innovación público-privadas emerxentes nestes últimos anos vinculadas coa produción de compost. Entre elas as iniciativas galegas visitadas nos seminarios e na saída do Club de Ciencias: Illas de Compostaxe do Concello de Allariz, Abonos Lourido (xestión da biomasa de toxo para obter compost) e Ecocelta (produtor de biofertilizantes punteiro en I+D+i). Como adiantábamos, o control do proceso é a chave das noces para obter un produto de calidade
Referencias
• FAO (2013). Manual de compostaje del agricultor. Ed. Román, P. Martínez, M. y Pantoja, A. Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura. Santiago de Chile.
• Ministerio de Medio Ambiente y Medio Rural y Marino 2 (2009). Manual de compostaje. Ed. Publicaciones de divulgación MITECO. Madrid.
• Marqués, M. y Urquiaga, R. (2005). Manual del buen compostador. Ed. GRAMA - Grupo de Acción para el Medio Ambiente. Madrid.
• SOGAMA COMPOSTAXE. http://www.compostaconsogama.gal/es
Traballos De Pl Stica Na Eso
Club De Lectura Tino Grand O
Desde o curso 2008-2009 no Centro gozamos do Club de lectura Guntín.
Cada curso foi medrando o número de participantes e neste funcionan os seguintes grupos:
• Grupo I: Alumnado de 5º e 6º de EP (27 lectores)
• Grupo II: alumnado de 1º e 2º ESO (25 lectores)
• Grupo III: alumnado de 3º e 4º ESO (15 lectores)
• Grupo de adultos: 21 lectores (profesorado, exprofesorado e persoal non docente)
Cada membro do club recibe na primeira sesión un carné, que se sela coa asistencia e aproveitamento das lecturas e reunións; o selado completo é o billete para a saída cultural de fin de curso.
Tamén se foi ampliando o estilo literario e presentación das obras comentadas, as canles de lectura, e fóronse mellorando os medios de difusión das actividades do club: taboleiro específico, e-mails, redes sociais, WhatsApp (para o grupo de adultos) e o blog do club: http://clubdelecturaguntin.blogspot.com
As finalidades principais do Club de lectura son: a) Fomentar o hábito lector entre o alumnado. b) Favorecer o establecemento de relacións interpersoais entre alumnado de distintos niveis educativos, o equipo docente e persoal non docente. c) Favorecer o desenvolvemento da competencia lingüística e a comprensión lectora. d) Pór en relación a actividade lectora con outros códigos (audiovisuais, imaxes, música, novas tecnoloxías) e) Ofrecer un amplo abano de xéneros para a lectura (biografía, banda deseñada, ensaio, poesía, teatro, diarios, literatura popular, cartas...) f) Educar o sentido crítico da información e reflexionar sobre os contidos presentes nas lecturas seleccionadas, nos medios de comunicación escritos tanto en soporte papel coma en soporte dixital. g) Contribuír ao desenvolvemento das competencias básicas, á educación en valores e á socialización do alumnado. h) Integrarse na vida real do centro como reflicten os documentos: o Proxecto Lector, o Proxecto Abalar, o Proxecto de Dinamización e Normalización Lingüística e o Plan de Convivencia do Centro.
As actividades destacadas son as seguintes:
• Reunións por grupos preferentemente na biblioteca, no patio do centro, no parque anexo á Casa da cultura e na Residencia San Salvador.
• Lectura e posta en común de obras de interese literario e argumental para os membros do club ao longo do curso (aproximadamente unha cada mes), principalmente en galego, pero tamén en castelán e en inglés.
• Sesión dirixida polo auxiliar de conversa na que comentaremos unha lectura recomendada por el para achegarnos á súa cultura: All about the USA.
• Exposición temporal no taboleiro cos materiais elaborados no club de lectura durante á súa actividade.
• Invitación aos escritores: o Xosé Luís Vázquez, autor de O conserxe para compartir inquedanzas co grupo de 3º e 4º de ESO. o Marisa Castro, autora de A saga das menciñeiras para intercambiar opinións co alumnado de 2º a 4º de ESO, membros do grupo de adultos e resto de profesorado interesado..
• Saída ao centro de maiores (alumnado de 2º ESO) para lerlles contos de obras de Álvaro Cunqueiro.
• Visita cultural guiada a Mondoñedo (museo, biblioteca de incunables, imprenta, catedral…) como cuna de importantes literatos, polo que leremos obras de Álvaro Cunqueiro.
Francisco Fern Ndez Del Riego
Alumnado de 4º de ESO
Francisco Fernández del Riego, bautizado cos nomes Francisco Jesús Benito Antonio, nado no en Vilanova de Lourenzá (Lourenzá) o 7 de xaneiro de 1913, foi un intelectual e activista político galego. Escribiu cos pseudónimos de Adrián Solovio, Adrián Soutelo, Salvador Lorenzana, S. L., Cosme Barreiros, Ronsel e Alevín.
Tras formarse no seu pobo natal, Mondoñedo, empezou a estudar dereito na universidade de Madrid, tras mudarse a Santiago para acabar alí a carreira empezou a exercer de mestre.
Despois da guerra instalouse en Vigo, casou e comezou a traballar primeiro como profesor de ensino privado e despois como avogado. En 1943 comezou a reorganizar o Partido Galeguista na clandestinidade e pertenceu á xeraciónd e intelectuais xurdidos arredor do Grupo Nós.
Foi un dos principais artífices da editorial Galaxia e director xunto a Ramón Piñeiro da revista Grial.
Ensaísta e narrador, é autor dunha extensa obra centrada sobre todo na cultura e na literatura galega. Tamén publicou máis de trinta obras de creación e ensaio, algunhas delas fundamentais como repertorios básicos da época para o estudo da literatura galega como por exemplo: Historia da literatura galega, Os contemporáneos e Escolma da poesía galega.
Tamén cultivou a narrativa (O cego de Pumardedón, Lourenzá) e a literatura de viaxes (As peregrinacións Xacobeas, O camiño de Santiago e Galicia). Editou antoloxías de poesía e libros de vocabulario, escribiu un gran número de artigos de poesía e biografías. Tamén é autor de varios libros de memorias como, O río do tempo (1991) ou Con Pondal en Bergantiños no cal fai un percorrido pola vida do exitoso poeta . En 2003 recompilou a súa correspondencia con Cunqueiro e publicouno en Galaxia baixo o título Cartas ao meu amigo. En 2004 publicou as súas memorias con Galaxia baixo o título Camiño andado.
No ámbito da poesía tamén tivo varias obras exitosas como Escolma da poesía galega.