Invernada de aves acuaticas 2003-2004
1 de 25
http://www.arrakis.es/~alcrique/censos2004.htm
INVERNADA DE AVES ACUÁTICAS EN GALICIA 2003-04 CENSOS REALIZADOS POLA S.G.H.N. E ANÁLISE DOS RESULTADOS. Fernández, P, Alcalde, A. e González, S. (coordinadores)
Resumen En 2003, o censo realizouse entre o 7 e o 29 de xaneiro en 56 localidades galegas coa participación de 47 ornitólogos da S.G.H.N. Seguindo as indicacións de Wetlands International, as principais localidades de invernada censáronse entre os días 18 e 19 de xaneiro. Respecto ó tempo do ano 2003, caracterizouse por un outono con precipitacións dentro dos rexistros habituais e con algún temporal de certa intensidade, un dos cales estivo na orixe do afundimento do petroleiro Prestige. No continente europeo non houbo vagas de frío antes da realización do censo. Nas datas do censo o tempo caracterizouse por temperaturas frías e precipitacións dentro do habitual nese período. En 2004, o censo realizouse entre o 6 e o 31 de xaneiro en 53 localidades galegas coa participación de 44 ornitólogos da S.G.H.N. Seguindo as indicacións de Wetlands International, as principais localidades de invernada censáronse entre os días 17 e 18 de xaneiro. En canto á meteoroloxía do ano 2004, o outono presentouse dentro dos parámetros normais en canto a precipitacións, e as temperaturas foron bastante suaves. En Europa non se rexistraron vagas de frío nos períodos previos ás datas de realización dos censos. En Galicia nesas datas, as precipitacións non foron demasiado importantes e as temperaturas non foron frías en exceso. As localidades censadas agrupáronse en 7 grandes áreas con criterios bioxeográficos e prescindindo da división administrativa do territorio: Rías Altas do Cantábrico (RAC, 4 localidades en 2003 e 2004), Rías Altas do Atlántico (RAA, 16 loc. en 2003 e 15 en 2004), cuncas hidrográficas de Galicia Costa (GC, 6 loc. en 2003 e 5 en 2004), Rías Baixas (RB, 7 loc. en 2003 e 2004), Cunca do Miño (CM, 10 loc. en 2003 e 9 en 2004), Cunca do Sil (CS, 9 loc. en 2003 e 10 en 2004), e Cunca do Limia (CL, 3 loc. en 2003 e 2004). As illas, polas graves dificultades de acceso, foron as únicas localidades importantes non censadas. As gaivotas máis comúns non foron censadas en moitas localidades da beiramar, por este motivo ditas especies foron excluídas dos cálculos para a determinación das principais localidades de invernada. En Ourense o censo fíxose simultaneamente, con varios equipos, para tódalas localidades dunha mesma cunca hidrográfica (Miño, Sil e Limia) para evitar a duplicidade no reconto, pois téñense comprobado os movementos de individuos entre varias localidades no mesmo día, por exemplo entre os encoros de Frieira e Castrelo no Miño, e entre A Limia e os encoros de Salas e As Conchas. Localidades principais A importancia das áreas de invernada avaliouse en base a tres criterios: o número total de aves, o número de especies e o número de especies para as que unha área é a principal zona de invernada galega. A seguinte táboa recolle a clasificación por orde de importancia de todas as localidades segundo cada un de ditos criterios; ademáis, na táboa aparecen sombreadas as localidades que son unha das dez máis importantes segundo alomenos dous de ditos criterios. Especies Nas seguintes páxinas recóllense para cada especie os datos máis salientables dos censos de 2003 e 2004 (primeira columna), que logo se avalían e comparan cos censos da especie dende 1975 (segunda e terceira columnas).
21/05/2009 13:27