Esiankiki á procura do león

Page 1

Antía Cons Pequeño

Esiankiki á procura do león



O Sol era unha esfera resplandecente no ceo aquela mañá. E sorte que así era, pois un feito moi importante ía ter lugar ese mesmo día: hoxe era o día no que os nenos da aldea pasarían de ser cativos a ser adultos! Era uns dos rituais máis importantes do seu pobo, e como tal, unha gran festa preparábase dende facía semanas. Os nervios e a ilusión estaban presentes dende facía días, e algúns adultos non deixaban de dar consellos aos nenos cada vez que se cruzaban cun deles ou durante as horas das comidas. Esiankiki erguérase esa mañá de bo humor, pero non tardou en lembrar que os seus amigos e irmáns maiores ían saír ese día á caza do león, o ritual que os convertería en homes e lles permitiría tomar decisións dentro da poboación dese día en diante. Pero non era por iso polo que o seu humor era tan distinto do do resto da xente. O problema era que Esiankiki non entendía por que soamente os varóns tiñan dereito a vivir tal aventura. Ela era tan boa coa lanza coma calquera dos seus irmáns! E, para ser honesta, moitas veces tiña máis cabeza ca eles. Non, definitivamente a Esiankiki non lle parecía ben que a deixaran de lado, polo que dende facía días argallara un plan para mostrarlles a todos que ela era tan merecedora como os demais de ser considerada unha adulta: collería «prestada» unha lanza, iría ela mesma a buscar un león e volvería á aldea vitoriosa coa súa conquista.


E así foi como, aproveitando que todo o mundo estaba demasiado ocupado cos preparativos dese gran día, Esiankiki fíxose cunha lanza e saíu do poboado sen que ninguén se dera de conta. A busca non ía ser sinxela, pero Esiankiki sabía que os leóns tiñan por costume cazar de noite e que seguramente a esas horas do día estarían durmindo. Así pois, se procuraba algunha grande árbore e camiñaba con sixilo, seguramente atoparía un bo león durmindo a sono solto baixo a sombra das súas ramas. E, efectivamente, non tardou máis dun par de horas en descubrir un destes mamíferos descansando placidamente. Esiankiki achegouse nerviosa, agochándose entre as altas herbas, procurando non facer ruído, ata atoparse a tan so un par de metros do félido. Pero algo saíu mal. Unha pedra no camiño fíxoa tropezar e o león espertou con celeridade ao oír o forte son dos seus pés contra o chan. Sen perder o tempo, ergueuse e fuxiu de alí con gran celeridade. Esiankiki tentou atrapalo coa súa lanza, mais aínda non recuperara o equilibrio e a lanza escapóuselle das mans. A madeira elevouse alto no ceo, e Esiankiki viuna desaparecer entre as nubes e o león na lonxitude da sabana.




Que ía facer agora? Volver á aldea coas mans valeiras e a derrota pintada na cara? Non, esa non era unha posibilidade. Non se ía dar por vencida tan rapidamente. Recuperaría a súa lanza e atoparía ese león. A súa volta tiña que ser triunfante. Correu. Correu coma nunca correra na súa vida. Atravesou sabanas, desertos, montañas e pradeiras. Cruzou ríos e rodeou lagos e mares. Viaxou quilómetros e quilómetros, intentando non perder de vista a súa lanza, que atravesaba os ceos e parecía non querer descender. Chegou tan lonxe que as cores ocres e marróns da súa terra quedaron atrás e pouco a pouco a paisaxe foise tornando nunha capa branca da que emanaba un frío coma nunca sentira na súa vida. E cando pensaba que ía quedar conxelada no medio desa especie de nube branca terrestre, fixouse en que a lanza por fin estaba descendendo ata cravarse diante dun ser do máis estraño que vira na súa vida. Parecía un ser humano, igual ca ela, pero a súa pel era case tan branca coma o material que cubría toda a paisaxe, o seu pelo tamén era claro e tiña uns ollos tan azuis coma o propio ceo. Parecía tan sorprendido coma ela. Sería a súa pel escura tan especial alí como a branca o tería sido na súa terra?


La casita esdrújula

Se Esiankiki quere ser tratada coma unha persoa maior, terá que cazar o león!

ISBN 978-84-19228-52-9

9

788419

228529


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.