Regueifa de amor e desamor

Page 1

Cantigas populares do Concello de Malpica CEIP. Milladoiro. Curso 2010/11


1 Ao que diga mal de min Ou da miña compañeira Heille de cortar a lingua Coas puntas dunha tixeira

2 Pensaches que te quería Por che mirar àra a cara, Tamén moitos van á feira Miran e non mercan nada

3 Arriba loureiro verde Abaixo manta mollada Onde estamos as mulleres Os homes non pintan nada

4 Sementei garabanzos: Naceron coles. As mulleres de agora, Son coma homes.


5 Cantade nenas, cantade, Bailade todas a unha Que o cantar e bailar Non é deshonra ninguna

6 Namoreime dunha moza Porque cantaba moi ben. Agora morro coa fame: O cantar non me mentén.

7 Algún día por te ver Abrín portas e ventanas. Agora, por non te ver, Téñoas todas pechadas.

8 O cariño que che teño E o que che hei de ter Caben ca cacha dun ovo ¡e aínda non a ha de encher!


9 Moito miras para min, Moito me chisca-lo ollo Teño moito que facer ¡non podo atender a todo!

10 Teño tres perras e media Metidas nun agulleiro Cásate comigo nena, Que teño moito diñeiro.

11 Olvidáchesme por pobre. Eu por rico te deixei. Vale mási un pobre honrado Que un rico de mala lei.

12 Pasei pola túa porta Pedinche auga e non ma deches. Cando pases pola miña, Farei como me fixéches.


13 Pos a boina de lado Porque es fillo dun rico. Pódela poner dereita Que eu de ti non necesito

14 Ai, que Pereira tan alta! Ninguén vai enriba dela. Ai, que moza tan bonita! Quen se casara con ela!

15 Se ti me quixeras ben, Viríasme buscar Como a auga busca o río E o río busca o mar.

16 A raíz do toxo verde É moi mala de arrincare E os amoriños primeiros Son moi malos de olvidare.


17 Agora que ven a noite Ven a miña alegría: Para ver os meus amores Que non vin en todo o día.

18 Moreniña, por morena Téñoche o ollo botado: Ou ti has de ser miña Ou non hei de ser casado.

19 Non me mires de reollo Que é mirada de traidor. Mírame cara con cara Con miradiña de amor.

20 Non te quero por morena Que xa sei que non o es, Quérote por resalada E pola lei que me tes.


21 Xoseíño, meu Xosé, Meu rosario de cadea Cando vexo ó meu Xosé, Vexo a nosa casa chea.

22 Pola estrela do Norte Guíanse os mariñeiros Eu guíome polos teus ollos Que parecen dous luceiros.

23 Ollos vin, ollos mirei De Santiago a Padrón. Ollos vin, ollos mirei: Coma os do meu amor, non

24 Costureiriña bonita Dame unha agulla de prata Para me sacar unha espiña Do corazón, que me mata


25.- O meu amor non me fala Que o ten por unha baixeza. O rapaz, como é moi novo, Só ten fumes na cabeza.

26 Se algún día che falei Foi por darche alguna leria. Agora véxome libre De semellante miseria.

27 Triste vai meu corazón, Triste vai a sorte miña, Triste se pode chamar Muller que de home se fía.

28 Os amores dalgún día Quixéraos volver a ver Para lles poder preguntar Se queren volver a ser.


29 Onde van os meus amores, Que non viñeron a San Xoán? Non cumpriron as palabras Que me derón en San Hadrián.

30 Escriboche con tinta negra Porque negra é a miña sorte. Aínda que estou lonxe Olvidareite coa morte.

31 Andivécheste alabando Que me querías deixar. Agora deixote eu: Corre ben! Vaite lavar!

32 Anque tua nai me dea O carriño e mailos bois Non casaría contigo Nin agora, nin despois.


33 Vai calando, vai calando Na mesma cara cho digo. Non me criou miña nai Para que falase contigo.

34 Vai calando, vai calando Cara de leite fervido. Que pareces o meu gato Cando está descolorido.

35 Non te me fies dos homes Anque lles caian as tripas, Son capaces de engañar Ate ás ánimas benditas.

36 Non te fies dos homes Anque che digan “te quiero” Desde que viran a espalda “si te he visto no me acuerdo”


37 Teño unha herba na horta Que se chama “correola” Para ti falar comigo Fáltache un ano de escola.

38 Non me trates de pirata Que non son ningún perdido. Se me queres perdoar De todo, perdón che pido.

39 Olvidáchesme? Olvideite. Olvidamos un ó outro Se ti non tomaches pena, Eu non a tomei tampouco.

40 O mar anda que desanda, Anda que desaparece: Quen ten amores non dorme, Quen non os ten, adormece.


Estas cantigas foron recollidas polo: Seminario Permanente de Lingua Galega (SPLG) do CP BeoSeaia (1988/92) O obxectivo desta selección é ser recitadas polos nenos e nenas de 6º na Semana adicada ás Lecturas con corazón dentro das actividades de Animación á Lectura organizadas pola Biblioteca Escolar.

Selección: Mª Olga Rodríguez Díaz Malpica, Febreiro de 2011


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.