Concha Blanco

Page 1

Concha Blanco 23 de Marzo Na Biblioteca Para 3º e 4º

No Concello de Cee hai unha aldea que se chama Lires. En Lires está a ria máis pequena de Galicia, que coa marea baixa desaparece; é unha ría con maxia. Antes da ría hai un cruceiro e preto do cruceiro está a miña casa onde nacín o 19 de xuño de 1950. Segundo me contaron, tardei moito en saír da barriga de miña nai, retraso que a piques estivo de facerme coincidir nacer con morrer. D. Xoán, o médico que axudou no parto, deume un par de azoutas. Así que dende aquela aprendín a ser puntual nas miñas citas, co traballo, cos amigos, coas amigas. Quérovos contar que a miña primeira anécdota xa ocorreu aquel día ó pé do leito naquela casa de Lires. Este doutor, amigo da familia, suxeriulles ós meus que me puxesen por nome Blanca, en vez de Concha. Blanca Blanco Blanco. ¡¡Non!! aseguraron os meus proxenitores por unanimidade. Ata os dez anos vivín neste fermoso lugar. Fun á escola pública na que compartía pupitre con meu curmán, e aula con tódolos nenos e nenas da aldea, grandes e pequenos. No pupitre, que se me facía un chisco grande, sempre tiña as pernas colgando. Aquí foi onde me fixen amiga dos libros, ata namorarme deles. El gato con botas foi o primeiro exemplar de contos de meu, agasallo de dona Amparo, unha das miñas primeiras profesoras que coñecía ben a afección que eu tiña pola lectura. Logo fun a Ferrol cursa-lo bacharelato no Instituto Concepción Arenal. Desta cidade teño gravadas fondas pegadas e trouxen comigo a amizade de Cheli, de Pili... A carreira de Maxisterio curseina en Santiago de Compostela, cidade da que só dici-lo seu nome me comprace. Logo residín en diferentes lugares da provincia da Coruña, por mor das escolas a onde fun destinada: Nemiña (Muxía), O Ézaro (Dumbría), Brens (Cee), Dumbría. E agora aquí estou de novo en Cee, impartindo clases de Lingua Galega e Literatura ós alumnos e alumnas de 1° ciclo da ESO. Amais de ler e escribir gústame: Desordenar e ordenar. Escoita-la radio desde a cama. Ter encontros cos nenos e nenas. Falar por teléfono. Observa-Ia natureza. Comer tortilla de patacas ou croquetas de Ana Villar. Ver programas de entrevistas. Imaxinar por dentro as persoas. Escribir dentro do coche. Deitarme e erguerme tarde. Pasear pola praia da Langosteira, á beira do mar. Pero sobre todo o que máis me gusta é SOÑAR. Literariamente amais dos títulos publicados podería salientar que fun accésit Lazarillo (1997), Premio Lecturas (2002), Finalista Barco de Vapor (1988) e Finalista tres veces (máis que salientar aquí caberia dicir "lamentar", 1996, 1999, 2003) no Premio Merlín e un bo posto entre os finalistas nunha ocasión no Premio Edebé.

Concha


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.