un CONTO
un CONTO
01
GLORIA LAUDA ARCAY (Anceis- Cambre) “Na casa viviamos os meus nove irmáns, meus pais e mais eu. Tiñamos unha horta e nela plantabamos millo, patacas, remolachas, pementos, árbores froiteiras … Cultivabamos para autoconsumo porque eramos moitos na casa, pero o que sobraba vendiamolo. Como transporte usabamos o carro das vacas: non tiñamos coche. Xogabamos á mariola, ao gua que é con pedras e á corda. Meu pai dicía: “Se quitarades os zocos …”, xa que os gastabamos saltando á corda”.
Ester Liñares Iglesias 1º ESO A
un CONTO
02
DOMINGA LADO CARREIRA (Mazaricos “Na nosa casa viviamos meus pais, meus avós, catro irmáns e mais eu. Meu pai e miña nai tiñan uns corenta anos, meus avós setenta anos e meus irmáns estaban entre cinco e vinte anos. Os homes e as mulleres traballaban xuntos: uns labraban o campo, outros coidaban as vacas e outros ían á leña e ó mato. Ademais as mulleres facían sempre o traballo da casa e coidaban dos fillos. Nunca se vía a un home lavando os pratos ou cambiando un cueiro”.
María Rodríguez Agulleiro 1º ESO A
un CONTO
03
ESTRELLA FERNÁNDEZ MIRANDA (Zas) “Miña avoa vivía nunca casa de pedra, sen baño, de dous pisos, cos seus irmáns e seus pais; en total eran nove. Das tarefas do fogar encargábanse as mulleres. Cando ela e mais as súas irmás eran pequenas, facíaas a súa nai; logo, cando se fixeron mayores tamén colaboraban elas. O seu pai traballaba fóra da casa e a súa nai coidaba das dos animais (porcos, vacas, galiñas e abellas) e encargábase dos cultivos (millo, trigo e patacas) coa axuda dos irmáns da miña avoa. Miña avoa empezou a estudar aos 6 anos e rematou aos 16. despois estudou perruquería, que era moi caro. Daquela estudaban moitos máis homes ca mulleres”.
Carla Mosquera Pérez 1º ESO A
un CONTO
04
CARMEN SOUTO PONTE (San Lourenzo “A miña avoa con dez anos ía pastar as vacas.. Na casa eran oito persoas e había moito que traballar na casa e no campo. Cultivaban trigo, millo, patacas, fabas … para vivir e vender. Utilizaban cordas para as vacas, arados, o caínzo, a grade e o carro dos bois ou das vacas. Usábanse teas baratas ata que chegou o tergal. Xogaban á roda, á billarda e facer bonecas de trapo ou coas barbas e canas do millo. Cantábanse cancións populares galegas. Case non había tempo libre, pero se lles cadraba e tiñan cinco minutos libres, xogaban ás agachadas, a saltar á corda, á roda … Todos os días comían caldo e, se alguén estaba enfermo, facíanlle un ovo con patacas e un plátano; os demais comían a monda do plátano por dentro”.
José Amoedo Muíño 1º ESO A
un CONTO
05
AURELIA PILAR CARMEN DEL MONTE CARMELO FERNÁNDEZ SÁNCHEZ (Antas da Vila- Lugo) “Na súa casa só había unha habitación e só había luz a gas. Ela acórdase dunha cantiga que lle cantaba a súa avoa: “Monterroso, monterraso, monte sen leña, fonte sen auga, muller sen conciencia e homes sen palabras”. Recorda que só había alimentos como o pan, o caldo, as patacas … A primeira televisión que viu foi nun bar que había no seu pobo, no ano 1960”.
Marillyn C. Romero 1º ESO A
un CONTO
06
MARÍA LUÍSA DÍAZ BLÁZQUEZ (Peñaranda de Bracamonte- Salamanca “A miña avoíña chámase Mª Luísa Día Blázquez e naceu en Peñaranda de Bracamonte, o día 15 de decembro de 1942, nun día de moita neve. De pai salmantino e de nai abulense. Daquela, tiña un irmán de dous anos e pouco a pouco naceron tres máis. A profesión do seu pai era contratista de montes e coa madeira das árbores facía carbón. A súa nai adicábase a facer o almorzo, xantar e cea para todos os traballadores. Naqueles tempos había poucos coches e o transporte facíase en carros tirados por bois, burros ou cabalos”.
Uxía Lazcano Rodríguez 1º ESO A
un CONTO
07
JOSEFINA PALLAS RODRÍGUEZ (Cedeira “Miña avoa Josefina naceu o 4 de marzo de 1937 en Cerceda, na parroquia de Rodís. Para facer algúns cartos, subíase aos piñeiros a por piñas e cambiaba estas por catro moedas de escaso valor. Cando aforrou o suficiente, mercou unha boneca de cartón. Un día, cando xa estaba moi sucia, quixo metela na bañeira para limpala; pero a boneca, ao ser de cartón, desfíxose. Canto tiña seis anos, a miña avoa foi servir a unha casa e por iso non foi á escola. Ensinoulle o seu pai a ler e cando non sabía a resposta, o pai tiraba á pobre nena aos toxos! Á miña avoa gustáballe montar a cabalo. Sen montura! E caeu de todas as maneiras posibles del. Na familia eran cinco irmáns. A miña avoa non era a maior, pero como se o fose, xa que o maior naceu con discapacidade mental. Os cinco irmáns dormían todos xuntos na mesma alcoba, nunca casa moi humilde. O colchón da cama estaba feito de “carrupas” (as follas das espigas do millo) e as sabas estaban feitas con sacos. Naqueles tempos non había aseos e por iso tiñan que facer as necesidades na corte das vacas. Nas festas patronais, o San Martiño, miña avoa tocaba a pandeireta e cantaba. No ano 1950, miña avoa partiu cara a Uruguai, onde coñecería ao seu home e nacerían os seus fillos”.
Aarón Martiñán Ferreiro 1º ESO A
un CONTO
08
DOLORES DÍAZ RODRÍGUEZ (Cedeira “Lembro a canción “A rianxeira”, a lenda da Santa Compaña e como xogos dos nenos, o gua. Neste xogo tratábase de coller un pau, lanzar unha pedra e golpeala. A quen lle chegaba máis lonxe, gañaba. Tamén recordo a billarda”.
Carlos Serra Torreiro 1º ESO B
un CONTO
09
ROSA JARES ERVELLA (A Coruña “Rosa contoume que a roupa non se mercaba, senón que se facía na casa. As costureiras ían polas casas cosendo e facendo roupa. As prendas aproveitábanse de tal maneira que se poñían polos dous lados. No inverno levábanse chaquetóns, abrigos e gabardinas. No verán, os nenos poñían camisas e pantalóns curtos, mentres que as nenas levaban vestidos. Os nenos baixaban a xogar ás rúas e aos parques. No verán, as nais levaban aos seus fillos e aos doutras familias á praia. Nas ocasións especiais íase ver un filme ao cine”.
Iago Suárez Fernández 1º ESO B
un CONTO
10
CARMEN GAYO VÁZQUEZ (Paizás) ““No San Xoán comíanse sardiñas, queimábanse roupas vellas e recollíanse flores e herbas para, ao día seguinte, lavar a cara con esa auga. No Nadal reuníanse coa familia, comíase bacallau con verduras, año estufado, torradas con mel, leite frito e arroz doce. Polo Entroido disfrazábanse con corozas de palla, comíase cocido, bebíase viño e facían doces de mel. No bautizo dun neno non acostumaba estar a nai. Críase que se o bebé morría sen bautizar, morría en pecado. Nas vodas os vestidos das noivas eran curtos e negros, comíase na casa coa familia cercana (20 ou 25 invitados) e despois o matrimono ía vivir á casa dos pais do noivo ou da noiva. No embarazo había a superstición de que non se podía ser madriña de bautizo porque senón un dos dous bebés morrería. O parto era na casa, asistida por unha veciña que actuaba como matrona. Se a embarazada tiña a barriga picuda era nena e senón, neno”.
Jacobo Núñez Álvarez 1º ESO C
un CONTO
11
CARMEN ÁLVAREZ (Buño) “A miña avoa Carmen pasou a súa infancia coa súa avoa ata os 12 anos; despois foise vivir coa súa madriña. Os seus pais morreran cando ela apenas tiña 2 anos. Vivían do que sacaban dos cultivos nas terras arrendadas. Parte do que sacaban deses cultivos dábanllelo como pago aos donos das leiras arrendadas. Cultivaban millo, patacas … Lembra que os seus tíos dixéranlle que o seu pai morrera a causa de que na guerra recibira unha bala no pescozo. Por iso tiña unha mala idea de Franco, porque, pola súa culpa, o seu pai morrera. Tamén se acorda da cartilla de racionamento e de ir coa súa avoa unha vez por semana onde lle apuntaban o que lle daban”.
Ana Ramos Fente 1º ESO C
un CONTO
12
DOLORES RODRÍGUEZ PRESEDO (Montouto “Lola pasou toda a súa infancia no lugar de nacemento. Vivía nunca casa labrega de pedra con cuberta de tella do país. A distribución era a seguinte: a planta baixa estaba composta por un corredor que separaba a cociña coa súa lareira, das cortes do gando. O sobrado ou primeira planta estaba formado polos cuartos que tian o piso de madeira. Non houbo luz eléctrica ata 1960. anteriormente a isto utilizábanse os candís de gas.
Na casa chegaron a vivir trece persoas: seus pais, oito irmáns con ela, unha cuada, unha sobriña e a avoa paterna. As festas de Montouto eran a Santa Cristina (patroa), o Santiago e o San Bartolomeo. Polo San Xoán facíase unha fogueira grande e, ao remate, saltábase por riba das brasas. Isto asociábase ao feito de ter sorte o resto do ano. Collíanse herbas aromáicas para colocar a noite de san Xoán nas casas e protexelas así dos meigallos e para lavar a cara ao día seguinte e conservar así a beleza das persoas. Comíase igual que calquera outro día. No Nadal, os nenos ían cantar os Reis e a xente dáballes moedas por facelo. A comida típica do Nadal era o bacallau con patacas e repolo. Polo Entroido, os rapaces disfrazábanse de choqueiros coas roupas vellas que había pola casa e metían medo un saos outros. Comíase cachola de porco e filloas. A etapa da Guerra Civil contáronlla porque era moi pequena daquela. Viu por primeira vez a Franco cando viña a Meirás de vacacións no verán. Daquela ela non tiña unha idea moi clara respecto a el. Polo que lle contaron, a situación política previa á Guerra Civil era moi difícil e tensa. Recorda que os mayores contaban que había xente fuxida ou agochada e que inmediatamente despois da guerra había guerrilleiros como Foucellas. Os alimentos na época da posguerra eran moi escasos. Existían cartillas de racionamento para obter produtos como o azucre, o aceite, o pan e outros artigos de primeira necesidade”.
Iván García Rodríguez 1º ESO C
un CONTO
13
ISABEL FERNÁNDEZ FERNÁNDEZ (Riotorto) “Miña avoa lembra unha lenda
que lle contou a súa nai de nena: a de Pena Contín. Esa lenda trataba dunha galiña e os seus pitiños que eran de ouro. A xente intentaba atrapalos ou seguilos, pensando que os levarían ata un tesouro. Na súa escola había moitos alumnos, pero as nenas estaban separadas dos nenos. Os materiais eran moi básicos como a pizrra, a pluma e a tinta. Os castigos eran moi duros; consistían en poñerse de xeonllos cos brazos abertos e cun montón de libros en cada man. Nos recreos, os xogos eran, para as nenas, a comba e o pano e para os nenos, a billarda e o balón. Cando acababa o horario escolar, os nenos e as nenas seguían a traballar no campo. En canto á educación da muller sempre foi moi desigual á do home. As mulleres tiñan que estar ou na casa ou traballando no campo e sempre baixo as ordes do seu marido. Estaba mal visto andar en minisaia e que unha muller andara soa, sen o seu marido ou un home. Na posguerra miña avoa recorda que, cada mes, a súa familia tiña que ir cunha cartilla a un lugar para que lles deran a comida. Na actualidade miña avoa di que todo cambiou moito para mellor, por ejemplo: a democracia, que xa non haxa tanta desigualdade entre homes e mulleres e outras razas e tamén os avances científicos e tecnolóxicos. O que a ela non lle gusta é que a corrupción aínda non se disipara”.
Aldara Roibás Santos 1º ESO C
un CONTO
14
MATILDE MANTIÑÁN MÉNDEZ (Cambre) “As casas eran grandes, de pedra e barro. Á dereita tiñan as cortes dos animais e á esquerda a cociña, moi grande. cunha lareira e unha cociña de leña. Na planta de arriba estaban os dormitorios. As camas eran de poma de millo. A casa da miña avoa era arrendada. Vivían ela cos seus pais e os seus irmáns (en total eran sete persoas). As mulleres ían á leira e facían as tarefas da casa dende pequenas, e os homes traballaban no seu oficio e tamén ían traballar na leira. As cousas da casa e o coidado dos fillos era todo cousa das mulleres. Cultivaban millo, trigo, patacas, legumes e tiñan árbores froiteiras. Despois tamén vendían fabas, leite das vacas, xabón … A xornada de traballo na casa de miña avoa empezaba moi cedo para aproveitar ben o día, viñan comer, descansaban un pouco e volvían para as terras. Para mercar adoitaban ir ás feiras, tabernas e tendas pequenas de barrio. Como transporte había burros, carros, bicicletas e un autobús vello ao día”.
Yago Romero Varela 1º ESO C
un CONTO
15
ÁNGELA VÁZQUEZ ARES (Teixeiro) “Na infancia da miña avoa, os bailes típicos eran o pasodobre e o baile galego e o instrumento tradicional era a gaita. Unha canción que lembra é a de “Ondiñas, veñen”. A lenda que lembra é a da cova da serpe en Sobrado. A canción que lle cantaban aos nenos para durmilos era: “Durme, meniño, durme, que a mamá vai no muíño e o papá vaina buscar”. Os nenos xogaban a saltar á corda e ao chinchón. No verán pasaban o día na horta e no inverno ían recoller os nabos de debaixo da neve para as vacas. A festa patronal era a da xuventude de Teixeiro. No San Xoán saltaban o lume e comían carne e patacas. Había a crenza de que se tiñas problemas de pel na cara, colleras nove rosas e as deixaras secar. No Nadal decoraban a casa, comían figos e cantaban vilancicos. En Noitevella poñían doce areas de sal e a que se mollara, era o mes no que máis chovía”.
Silvia Corral Ares 1º ESO C
un CONTO
16
SARA MAZÁS (Oleiros “ Miña avoa, mentres foi unha rapaciña, foi a un colexio de monxas de nenas ricas e pobres coma ela. As nena ricas levaban vestidos moi bonitos con lazos e puntillas, mentres que a miña avoa usaba saias que xa lle viñan das irmás maiores. Recorda que unha vez culpárona de ter roubado cartos (un billete) da igrexa. Ela non fora, pero castigárona con libros en cada man contra a parede. Marchou toda desgustada para a casa, sen lle facer caso ás monxas e contoullo á súa nai: “Miña nai, pasou isto e eu non fun, pero culpáronme e non quero volver á escola”. A nai da miña avoa díxolle que non volvería, que ía traballar co seu pai ás leiras. Días despois a monxa veu pedirllle desculpas á miña avoa e á súa nai porque fora a filla dunha rica. Esta fora comprar lambetadas cun billete e á tendeira estrañoulle. Por aí foi por onde se descubriu que non fora a miña avoa e por iso ela sempre di que non se pode xulgar polas apariencias da xente”.
Kevin Fernández Rodríguez 1º ESO C
un CONTO
17
ISABEL GARCÍA ALÉN (A Coruña “Antigamente as casas eran de pedra e barro; non había cemento. Nas casas vivían fillos, pais, avós e ás veces, outras familias. Nas zonas rurais uns axudaban aos outros nas tarefas agrícolas. Era “Eu axúdote a ti e ti, a min”. Había plantacións colectivas e particulares. A miña avoa recorda a posguerra na que se pelexaban os católicos e os ateos. Segundo a miña avoa, o mundo cambiou para mellor”.
Benjamín García Alén 1º ESO C