Boletín Especial Gastronomía Marzo—2014
BIBLIOTECA
A biblioteca do IES Fraga do Eume quere sumarse á celebración do concurso de cociña "Xosé Rodríguez-Moldes Rey” coa publicación dun boletín especial achegando unha selección de lecturas e materiais audiovisuais arredor da gastronomía. Durante este curso incorporamos á biblioteca algunhas novidades bibliográficas relacionadas co mundo da cociña e a restauración que están a suscitar un gran interese entre os nosos lectores, desde recetarios asociados ao nome de establecementos célebres e de renome internacional a manuais de técnicas culinarias e dicionarios de gastronomía ou biografías de auténticos “heroes dos fogóns”. Velaquí a nosa selección:
RECEITAS As receitas do Á la Mère de Famille: Coa súa fachada verde e o seu interior de conto de fadas, "À la mère de famille", fundada en 1761, é unha das confeitarías máis antigas do mundo. Está en París, nun recanto do Faubourg-Montmartre, aberta ao público dende hai douscentos cincuenta anos, cando o mozo Pierre-Jean Bernard chegou a París cun diploma de especieiro recén obtido e abriu unha pequena tenda con aspecto de granxa. Este libro recolle por un lado a historia dunha familia e dunha tradición artesá ligada á historia de París, e por outra, é un delicioso receitario (os mellores bombóns, pasteis de améndoas, froitos secos e confeituras de toda a cidade) con magníficas fotografías para poder facer as sobremesas na casa dunha forma moi sinxela.