Viveiro monumental textos

Page 1

VIVEIRO MONUMENTAL

15 de Marzo, 2017


Viveiro, vila alegre Inda que é rudo o cantor entre as túas rosas prá fror dos toxales, que che eu rinda, ¡un cantiño, terra linda de Nicomedes Pastor!

Astros, ou ramos de frores, alternan cos remadores, e do seu rico atavío queda un ronsel de colores na tona, inquieta, do río...

Si a casiña onde eu vivía está nunha lomba fría i alta, breñosa, deserta, frente a frente da túa ría quedeime coa boca aberta...

Pra que prós bailes te atuses, pra que, manífica, os uses i as festas non teñan fin, espléndidos autobuses che pon á porta Chavín.

¡De noite a vin!, e daquelas luces me prendei, que ó velas faiscar, de cando en cando,… lembran pilares de estrelas á fror da auguiña boiando.

Incostante, toda amores, repárte-los teus fervores entre o incensario e o pandeiro: vas pra monxa en Valdefrores i es bacante no Naseiro.

Xa antes de anclar a alborada, sobre a túa ponte sonada (humildosiña, contrita), pasa a xente, arrodillada, do Ecce Homo cara a ermita.

Quen doas de luz che enfila e c'aquel edén cavila, torna a confesar, sumiso, que n' hai máis «alegre vila», nin máis meigo paraíso.

Prá de Loürdes Señora tes devotas escollidas: o mar, pulando, as nemora e veias, celosa, a aurora de neve e de azur vestidas.

¡Mal haxa quen mal opine!, quen, vila, te recrimine, porque, fastuosiña, ufana, vas ó teatro i ó cine i a donde che dá a real gana.

«Vila alegre», á túa entrada (brioso rasgo de esplendor), máxica, ¡inmortal Portada!, que outrora foi consagrada ó Gran Rei-Emperador.

Deute el-Señor de tal modo que, en frente dun pordioseiro, xamais dixeche:¡non podo!; tu tes diñeiro pra todo, ¡i aínda che sobra diñeiro! ...

«Vila alegre», vila pía, ríndeslle a Dios preitesía en San Francisco (¡un portento!), i estache Santa María brincando no pensamento…

Pois xubilosa te mudas pra donde un festín te invoque, aténtante, pra que acudas, de Pedeboi, o San Roque, de Celeiro..., ¡as cabezudas!

O Landro ós teus pés suspira e a voces demanda a lira, maga e xentil, que che cante si a Porto-Chau vas de xira sobre o seu lombo xoiante.

E si con nimphas te emboscas pra tirar lucro das feiras, ¡non das tornáda-las moscas!... Máis dulces que as túas roscas, «vila alegre», as rosquilleiras.


Xunt'ós que choran te prantas, entre as olas te axigantas, si te belliscan, rabuñas, e, ánxel de luz cando cantas, ¡ére-lo demo si alcuñas! ... Retumba (¡pra que te movas!), o mar, o mar que se estrella contra os Castelos de Covas!, i anda por alí «A Doncella» que pide preseas novas.

Xoíñas que necesita a limpa, e firme, e infinita praia, de altismo renome, núbil, cordial, imui bonita!, pro, imalpecado!, sin home... I aínda que é rudo o cantor entre as túas rosas prá fror dos toxales, que che eu rindo, ¡un cantiño, verxel lindo de Nicomedes Pastor! “Do Ermo” Antonio Noriega Varela

Monumentos Portas da muralla Na Idade Media chegou a ter ata seis portas. Na parte alta , atópanse a do Valado e A Vila . A de Carlos V está situada fronte á Ponte da Misericordia. É de estilo plateresco e foi construida en 1548, como homenaxe ao emperador. Contén unha imaxe de San Roque, patrono de Viveiro . Pola porta accedese ao casco histórico da vila.

Colexio da Natividade Na rúa de María Sarmiento , fundado no século XVII por doña María Sarmiento, que foi unha ilustre dama, acomodada e con bastante diñeiro que donou a súa herdanza para crealo . Foi unha das primeiras institucións seglares desta época. Consérvase a casa , o escudo da familia e unha placa conmemorativa. Igrexa de Santa María do Campo De estilo románico, construida coa pedra de granito de Galicia. Está no centro da praza que leva o seu nome . Igrexa e convento de San Francisco Do século XIV, con nave única. A súa construción comezárona os franciscanos no século XIII. Desta época consérvanse 3 arcos e unha porta.


No interior pódese contemplar un bo retablo renacentista donado e traído por don Juan Dutton y Aguilar desde Os Países Baixos; que se atopa na capela do baptisterio. Outro retablo a destacar é o da capela da Orde Terceira ; é de estilo barroco do século XVIII e ten como imaxe principal unha Dolorosa. Hai un claustro do século XVII .

Convento da Concepción É un edificio renacentista que está habitado por monxas concepcionistas de clausura. O lugar é coñecido pola gruta de Lourdes desde que en 1925 fíxose unha reprodución a escala da auténtica gruta francesa. Ao seu carón atópase a Calexa das Monxas, de sabor medieval, que desemboca na porta da muralla chamada do Valado. Ponte da Misericordia A súa construción empezou no século XV e rematou un século máis tarde. Houbo moitas transformacións posteriores para ilo adaptando as novas necesidades. Tiña en principio 12 arcos, dos que se conservan 9. Foi construido sobre unha ponte anterior romana. Atravesa a ría de Viveiro . Capela da Misericordia Pertence ao Pazo da Misericordia. Nela atópase a imaxe do Santísimo Ecce-homo e está decorada con frescos do pintor Díaz Valiño con escenas da beata Constanza. Convento de Valdeflores É do século XVI e está rexido por monxas dominicas de clausura. Este lugar é famoso en Viveiro e arredores pola fabricación de doces, tartas e empanadas que fan as monxas. Tamén fan bordados, por encargo.

Cruceiros Os cruceiros son cruces de pedra que están ubicados en atrios de igrexas, cemiterios e cruces de camiños constituíndo unha das máis características manifestacións da arquitectura popular galega. Nos cruceiros poden distinguirse varias partes perfectamente diferenciadas: a base é a parte máis ornamentada do monumento , consistente nunha plataforma na que se apoia a columna ou fuste e sobre este , o capitel e sobre o capitel , o elemento fundamental de calquera cruceiro, a cruz.

Casa dos Leóns Situada no centro do casco vello. Trátase dun antigo pazo do século XVII do cal unicamente se conserva a fachada principal. Esta fachada é de estilo renacentista tardío e destaca polas súas liñas, e polo escudo heráldico ubicado sobre a porta, flanqueado por dous leóns que dan nome a esta casa.


Praza Maior Nela atópase o Concello e hai tamén algúns edificios de pedra, do século XVII. Tamén vemos a estatua de Pastor Díaz , feita de ferro fundido. A estatua está recuberta cunha capa de bronce medindo 2,80 metros. Foi moldeada polo escultor catalán José Campeny Santamaría . Representa a Pastor Díaz de pé, vestido de levita, en actitude de nobre.Na man dereita leva unha pluma e na esquerda , que descansa sobre o corazón, un rolo de papeis.

FONTES :

Requiem á Fontelabrada Erguida, como menhir cara o ceo . Fontelabrada, que bebes dos beizos da terra, que avanzas por outeiros verdes chegando ás rúas, engalanadas con cadros vellos, tristes e cansos, azuis, coma as ondas lentas do mar do que eres irmá. Fontelabrada, esencia da terra morta polos pasaxeiros do vento e esquecida Fonte, de vida. Alberto Yáñez


A Fonte dos Mouros Non hai arte na pedra nen na auga; só tempo, tempo cotián. Néboas, lúas e lendas.

Pero no momento mesmo do frescor, descubrir a alma moura na escura nudez da súa auga; eis que – en cada grolo- apreixamos tamén algo da súa eternidade.

As fontes, que palabra gardan na súa transparencia ó detérmonos a ollalas ?

Miguel Sande


Unha fonte A fonte tiña tres canos , sinxelos, de ferro mouro , que deitaban unha auga leda, nova,podente, en pías escavadas no chán. Os canos estaban na parte de embaixo dun alto muro de pedra de grau liso, sin máis resalte do que unha pequena cornisa alongada que se estricaba no meio. A unha e outra banda nos canos había dous poios pa se sentar ou pousar as sellas . O chán era asemade de laxes de pedra e o conxunto formaba unha praciña escura, apouvigada i asombrada polo muro altor do paredón. Atopábase no cabo da rúa da pescadería , o meu barrio, que tiña dunha banda o mercado do peixe e da outra casas de mariñeiros cos balcós e fiestras ateigados das roupas de auga a secar ( que na anoitecida , abaneadas polo vento, semellaban pantasmas) de redes, nasas, liñas e palangres, e do peixe a lañar en ramallos espidos, espresionistas albres de nadal coaqueles peixes dun dourado mouro pendurados das ponliñas esguías . Nestas casas vivían os rapaces meus compañeiros da escola que por Santos e difuntos puñan tamén nas fiestras as cabazas valeiras e furadas , cunha veliña dentro, como arripiantes caliveras, cando levábamos pendurados do pescozo rosarios de zonchos que arrincábamos da poco e xantábamos con gorencia. ….

Lois Tobío

Fonte de Verxeles Transparente zumegar de cuarzo voz profunda do Chamorro manantial perpetuo e xeneroso chorreón do nacente cara o val Onde xa, o Landro terrenal divisa o mar entre as xunqueiras.

Florece arrogante entre a pedra son atemperado noite e día baixo os olmeiros frondosos e altivos


que o protexen e arrolan.

Sorbo seductor diamantino remanso e repouso do circundo cando o verán desafiante, se aveciña.

Presencia abondosa que salpica cando xogan o vento e as pingas , na invernía.

Ritual pracenteiro no camiño disfrute do padal entre o mar e a montalña.

Fonte de Vida dos Verxeles tan cantados Canto puro que resoa en Valdeflores . Xoán Neira

Versos amábeis para a Fontenova Ainda se escoitan , vagamente, polas noites, os rinchos ledos das bestas que te usaron para saciar a sede dos fardos e do camiño. Ouven-se, esvaídos, os sorrisos inxénuos das raparigas que bulían a encher as selas coa túa auga primorosa, entre xogos, carreiras, brincos e pés descalciños sobre a pedra.


Ainda, camiñando no escuro, Viveiro adiante, senten-se cántigas taberneiras encendidas no ar mesturadas co teu caír maino, sen acougo. Asomando-se á tona da auga , ven-se, difusos, aqueles vellos rostros perdidos dos antergos, aqueles tratantes, labregos, mariñeiros ou bandidos que despois de o viño prender-lles lume o corazón refrescaban a bebedeira no teu van líquido.

Ainda, a pouco que a alma concentremos nesta bris de pasado lento que percorre a vila, abesullaremos debuxada no lenzo do tempo esta Fontenova encantadora, “ as de copas” na voz ocorrente e cariñosa do pobo, e sentiremos entón mágoa e raiba incontidas, dor de pedra violada, esmagada, destruída, desazón de xeometrías perfeitas para sempre perdidas, mentres a nosa xente entregaba en mans do andazo o mellor que tiñan, tal vez o único, a vida en flor.

Ainda, sobre o paso inmutábel das horas, segue caindo o chorro fresco da Fontenova, da vella Fontenova que para sempre perdemos, sobre os anacos ainda tenros dos nosos corazóns .

Emilio Xosé Insua






Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.