Homenaxe aos mártires de sobredo 2013

Page 1

SOBREDO 2013 INDALECIO PÉREZ TIZÓN PEDRAS RUBIAS SAN PAIO

Bos días, amigos e amigas,

mozos e mozas do Instituto San Paio,

do Instituto Indalecio Pérez Tizón

e de Pedras Rubias .

Benvidos.

Eu son CLAUDIA, de San Paio.


Eu chámome AICHA, e son do Instituto Indalecio Pérez Tizón.

E eu son LOIS, de Pedras Rubias.

Ides -imos- participar nun acto singular.

SOBREDO é un lugar da memoria popular,

da memoria das xentes campesiñas e dos vellos oficios rurais,

da loita pola dignidade das persoas,

de xentes que imaxinan un mundo mellor,

un mundo xusto e solidario.

Foi en 1922 -fai agora 91 anos-,


o 28 de novembro,

cando neste fermoso recanto

deixaron a súa vida:

CÁNDIDA RODRÍGUEZ GONZÁLEZ, da parroquia de Pazos de Reis, que estaba embarazada de cinco meses;

JOAQUÍN ESTÉVEZ GONZÁLEZ, da parroquia de Guillarei,

e VENANCIO GONZÁLEZ ROMERO, de Budiño.

E resultaron feridos:

JOSEFA ALONSO MARTÍNEZ, de Guillarei;

MANUEL LAGO, de Budiño;


MANUEL FERNÁNDEZ NÚÑEZ, de Paramos;

JOSÉ ALONSO GONZÁLEZ, de Guillarei;

MANUEL ÁLVAREZ ALONSO, de Alvelos;

OVIDIO PÉREZ FERNÁNDEZ, de Rebordáns;

o mozo SALVADOR GONZÁLEZ, que daquela contaba 14 anos,

e o señor FRANCISCO ALONSO, que tiña 82, e a quen, como consecuencia das feridas, tiveron que amputarlle un brazo.

Hoxe recordaremos

qué pasou,


por quĂŠ pasou,

como era a vida dos nosos devanceiros,

quen mandaba,

como se organizaban,

como se fixo este monumento...

Recordaremos mediante

textos histĂłricos,

poemas,

mĂşsica


e flores.

O acto é sinxelo,

pero cheo de significado,

para recupera-la nosa memoria histórica.

Comecemos co poema O PASADO, de Luis Seoane, que nos lembra a teimosía do pasado. NEREA, alumna do Instituto Indalecio Pérez Tizón, recítao para nós.

*O PASADO

Lembramos agora que pasou aquel 28 de novembro de 1922. Escoitemos a , do Instituto San Paio, quen lerá o texto que resume a historia dos sucesos de Sobredo.

*HISTORIA DE SOBREDO

OS FOROS. Grande parte da historia de Galicia está percorrida polo problema dos foros. ¿Que eran os foros? CECILIA , de Pedras Rubias, resúmenos esta cuestión.


*FOROS

Os foros, acabamos de escoitalo, eran un grande atranco para a modernización de Galicia no século XIX. Non eran o único atranco. Pero os campesiños vivían miseramente nese século. A fame podía achegarse sixilosa cunha agricultura excesivamente dependente das condicións atmosféricas, como nos lembra un pequeno poema de Rosalía de Castro, que recita EMILIA, do Instituto Indalecio Pérez Tizón.

*FOI A PASCOA ENXOITA

Ter que buscar pan fóra era unha necesidade para moitos campesiños, e non espíritu de aventura. Os homes querían permanecer aquí, e non emigrar. Novamente Rosalía, nun poema recitado polos alumnos: , do Instituto San Paio, e LAURA, de Pedras Rubias; expresa esa anguria de vérense expulsados dos eidos que oprimía a aqueles galegos pobres do século XIX.

*QUEN TEN CASA DE SEU *O FORNO ESTÁ SEN PAN

Inevitablemente impúñase a necesidade de emigrar. A HABANA era un destino claro. No poema “PRA HABANA” Rosalía denuncia unha vez máis a pobreza e a


tristura de abandona-la terra. As alumnas: NOELIA, do Instituto Indalecio Pérez Tizón;, do Instituto San Paio; e GWEN, de Pedras Rubias, recitarán algunhas das súas partes.

*PRA HABANA I. VENDÉRONLLE OS BOIS IV. ¡ÁNIMO, COMPAÑEIROS! V. ESTE VAISE E AQUEL VAISE

Moitas mulleres quedaban soas, ás veces sen noticias dos seus seres queridos. Eran as viuvas dos vivos. Nos poemas “TECÍN SOIA A MIÑA TEA” e “NON COIDAREI XA OS ROSALES” Rosalía expresa o seu implacable sentimento de soedade. O primeiro poema será lido por , MARIÁN do Instituto Indalecio Pérez Tizón. O segundo lerao , do Instituto San Paio.

*TECÍN SOIA A MIÑA TEA *NON COIDAREI XA OS ROSALES

Outro dos nosos grandes poetas do século XIX, Curros Enríquez, tamén expresou o estado de pobreza do pobo galego. O poema “O MAIO” será recitado por RODRIGO, de Pedras Rubias.

*O MAIO

Os campesiños galegos aspiran a vivir, como di Curros, “sen trabucos e préstemos”, “sen usuras nen preitos”, sen foros. Para loitar contra todo eso e


moderniza-lo agro, naceron as sociedades agrarias., alumno do Instituto Indalecio Pérez Tizón, explícanos nun texto que eran as sociedades agrarias.

*SOCIEDADES AGRARIAS

No século XX, o grande movemento que formaron as sociedades agrarias, coñecido co nome de agrarismo, atopou no poeta Ramón Cabanillas o seu cantor. Ó igual que Curros, Cabanillas denunciou a opresión dos labregos. Escoitemos o poema “A FOUCE ESQUECIDA”, recitado por , do Instituto San Paio.

*A FOUCE ESQUECIDA

Un dos principais líderes agrarios foi o cura ourensán Basilio Álvarez. Cabanillas adicoulle tres poemas, que serán recitados a continuación polos alumnos: BRUNO, do Instituto Indalecio Pérez Tizón; , de San Paio; e MARÍA, de Pedras Rubias.

*A BASILIO ÁLVAREZ

Sobredo foi un feito moi importante e dramático na historia do movemento agrarista. Cabanillas captouno nos seus versos e compuxo o poema titulado “SOBREDO”, que será recitado por MAR, de Pedras Rubias. *SOBREDO(De Ramón Cabanillas)


A prensa galega do momento fíxose eco do que aquí pasara. O político e líder agrario Manuel Portela Valladares escribiu un texto emocionado no xornal A NOSA TERRA, que será lido agora por , do Instituto San Paio. *¡TERRA DE TUI, TERRA DE GUILLAREI!

Igualmente Tomás Rodríguez Sabio escribiu un texto, publicado en Nadal de 1922, que denota a rabia e a dor daqueles intres. Será lido agora por SARA, de Pedras Rubias. *SOBREDO, de Rodríguez Sabio En 1932, dez anos despois dos feitos, erixiuse aquí un monumento que lembraba ás víctimas. En 1936, comezada a Guerra Civil, uns fanáticos falanxistas dinamitárono. En 1987 as Asociacións de Veciños volven levantalo. A historia deste monumento é un fío que percorre o século XX, entre a máis nobre solidariedade e esperanza, e a máis espantosa intransixencia. Lembremos esta historia da man de HÉCTOR, alumno do Instituto Indalecio Pérez Tizón. *AS PEDRAS DE SOBREDO Nos seguintes poemas imos lembrar a máis mártires da nosa historia, ós que foron silenciados na represión do 36. O primeiro texto adícallo o poeta Álvarez Cáccamo ó seu avó Darío Álvarez Limeses, veciño de Tui. No segundo poema, do ano 1986, o escritor Antón Avilés de Taramancos lembra, dun xeito emocionado, ó líder galeguista Alexandre Bóveda, ó cumprirse o cincuentenario do seu fusilamento a mans dos fascistas. Hoxe aquí, na homenaxe ós mártires de Sobredo, non podiamos esquecernos destoutros mártires da historia de Galicia que aínda perviven na nosa memoria. Len e , de San Paio. *POEMA DE ÁLVAREZ CACCAMO *POEMA DE ANTÓN AVILÉS DE TARAMANCOS


Fagamos agora unha homenaxe musical. Un grupo de alumnas e alumnos do Institutos San Paio: , interpretarán algunhas pezas. Recibámolos a todos cun aplauso. *ACTUACIÓN MUSICAL Retornemos, máis unha vez, a 1922. O xove poeta BRAIS GONZÁLEZ, ex -alumno de Altamira, compuxo no ano 2002, no oitenta aniversario dos sucesos de Sobredo, o texto titulado ALTO Ó BULIGO DAS FOUCES. Le este poema ISAAC, de Pedras Rubias. *ALTO Ó BULIGO DAS FOUCES Finalmente, un poema do escritor Manuel Rivas, para cifra-la esperanza dun país que non esquece e que sobre a sabiduría do pasado continuará vivo e sen renderse. ¿Ou é que deixaremos morrer a nación dos galegos? O poema “HAI QUE DARLLE UNHA ALEGRÍA ÓS VELLOS” recítao , do Instituto San Paio. *HAI QUE DARLLE UNHA ALEGRÍA ÓS VELLOS Só nos resta face-la OFRENDA FLORAL. Un grupo de alumnos Do S. PAIO: , , , interpretarán a continuación a Marcha do Antigo Reino de Galicia. É o momento no que cada un de vós depositaredes, diante deste monumento ós “Mártires de Sobredo”, a vosa flor, sinxela homenaxe dos mozos e mozas da terra de Sobredo, dos mozos e mozas de Galicia. *FLORES Os alumnos e alumnas, profesores e profesoras, que aquí viñemos, quixemos honrar a Cándida, Venancio e Joaquín no 91 aniversario da súa morte, como símbolo dos homes e mulleres do agro de toda Galicia.


Despedímonos ata o vindeiro ano, e pasámoslle a testemuña da nosa historia feita pedra en Sobredo a outros grupos de mozos e mozas, para que continúen, da man dos seus profesores e profesoras, facendo esta homenaxe, coñecedores dos feitos que conforman a nosa historia colectiva como pobo, e que tiveron aquí unha tráxica páxina. E non hai mellor maneira de rematar un acto coma este que cantando todos xuntos o HIMNO GALEGO. ¡Rexas as voces!


O PASADO Quenes quer o esquecemento, afogar os recordos, que tamén nos esquezan. Tampouco acorden o noso nome, esto ou aquelo, unha anéidota calquera, a lembranza da amistade, o berro común do pasado. Guinden noso nome á preta cova dos mortos que eles queren olvidar. Boten noso apelido sílaba a sílaba, letra por letra, tras a cerca do caveiro común. Alancen entre isas cinzas a bandeira que un día erguemos xuntos, as pantasmas de aqueles mortos que esquecéndoos voltan a matar. De calquer xeito, aínda eisí, tampouco podrán esquecer ista segunda morte. Alguén, sen arrepiarse, coidadoso de honrar ós mortos, non sabemos quen, con seguranza aínda non nascido, fará memoria. Herdará no seu sangue o recordo e oferecerá nos petos das ánimas un novo amor á libertade. Nós acordaremos sempre, aínda dende a fosa, no caveiro, en Santa Compaña polos camiños, despois de moitas vegadas mortos. (Luis Seoane, do libro As cicatrices)


HISTORIA DE SOBREDO O 28 de novembro de 1922 preséntanse en Sobredo o Xuiz de Tui e a Garda Civil para embarga-los bens dun veciño que non pagaba o Foro. Uns dous mil veciños da bisbarra xuntáronse a toque de campás. A forza pública disolveu a manifestación a tiros, quedando mortos Cándida Rodríguez, de Pazos de Reis, Joaquín Estévez Besada, de Soutelo, e Venancio González Romero, de Budiño. Houbo tamén varios feridos. Estes feitos tiveron moita repercusión: prensa, Parlamento, literatura, conferencias, etc. Os gobernantes déronse conta da necesidade de darlle unha solución ó conflicto agrario, o que levou á Redención de Foros.


OS FOROS A maior parte das terras cultivadas de Galicia, máis das 3/4 partes, estaban sometidas a contratos de FORO, dende a Idade Media. O FORO era unha renda establecida sobre unha terra, que se pagaba anualmente, en especie (millo, viño, animais...) ou en diñeiro. Xa a sociedade do século XIX era consciente de que esa carga impedía a modernización do agro galego, e, para eliminala, a Primeira República aprobou en 1873 unha Lei de Redención, que foi derogada no ano 1874 pola presión dos rentistas. A definitiva lei que lles permitiu ós labregos seren donos das terras que traballaban (previo pago dunha indemnización) foi o decreto-lei do 25 de xuño de 1926.


Foi a Pascoa enxoita, choveu en San Xoán; a Galicia a fame logo chegará. Con malenconía Miran para o mar Os que noutras terras Ten que buscar pan.

-Quen ten casa de seu, ten media vida. Unhas telliñas para nos crubir, Catro paus que ardan na lareira nosa, ¡e a traballar sin fin! ¡Valor, valor! i espera desdichado mentras teñas aquí unhas paredes tristes e desnudas mais que herdache, infeliz, e das que naide desposarte pode. ¿Naide...?, a miseria si.


O forno está sin pan, o lar sin leña; non canta o grilo alí e si non é ca pena que o consome o probe soio está co seu sofrir. Sin qué comer e sin abrigo tembra, porque os ventos sutils húmedos inda, silban entre as pedras i as portas fan xemir. ¡Qué ha de facer, Señor, si o desamparo ten ó redor de si!... ¿Deixala terra en que naceu i a casa en que espera ter fin? ¡Non, non, que o inverno xa pasou i a hermosa primavera vai vir! ¡Xa os árbores abrochan na horta súa, xa chega o mes de abril! I anque a torrentes chove en horas tristes, en outras o sol ri; xa a terra pode traballarse; a fame dos probes vai fuxir. ¡Ai!, o que en ti naceu, Galicia hermosa, quere morrer en ti.


¡PRA A HABANA! I Vendéronlle os bois, Vendéronlle as vacas, o pote do caldo i a manta da cama. Vendéronle o carro i as leiras que tiña, deixárono soio coa roupa vestida. -“María, eu son mozo, pedir non me é dado, eu vou polo mundo para ver de ganalo. Galicia está probe, I á Habana me vou... ¡Adiós, adiós, prendas do meu corazón!”


-“¡Ánimo, compañeiros! Toda a terra é dos homes. Aquel que non veu nunca máis que a propria, A iñorancia o consome. ¡Ánimo! ¡A quen se muda Dios o axuda! ¡E anque ora vamos de Galicia lonxe, verés des que tornemos o que medrano os robres! Mañán é o día grande, ¡á mar amigos! ¡Mañán, Dios nos acoche!” ¡No sembrante a alegría, no corazón o esforzo, i a campana harmoniosa da esperanza, lonxe, tocando a morto!


Este vaise i aquel vaise, e todos, todos se van: Galicia, sin homes quedas que te poidan traballar. Tes, en cambio, orfos i orfas e campos de soledad; e nais que non teñen fillos e fillos que non tén pais. E tes corazós que sufren longas ausencias mortás. Viudas de vivos e mortos que ninguén consolará.


Tecín soia a miña tea, Sembrei soia o meu nabal, Soia vou por leña ó monte, Soia a vexo arder no lar. Nin na fonte nin no prado, Así morra coa carrax, el non ha de virme a erguer, el xa non me pousará. ¡Que tristeza! O vento soa, canta o grilo ó seu compás... Ferbe o pote..., mais, meu caldo, Soíña te hei de cear. Cala, rula, os teus arrulos ganas de morrer me dan; cala, grilo, que si cantas sinto negras soidás. O meu homiño perdeuse, ninguén sabe en onde vai... Anduriña que pasache Con el as ondas do mar; Anduriña, voa, voa, Ven e dime en onde está.


Non coidarei xa os rosales que te単o seus, nin os pombos: que sequen, como eu me seco, que morran, como eu me morro.


O MAIO Aquí ven o maio de frores cuberto... puxéronse á porta cantándome os nenos; i os puchos furados para min extendendo, pedíronme crocas dos meus castiñeiros. Pasai, rapaciños, calados e quedos, que o que é polo de hoxe que darvos non teño. Eu sónvo-lo probe do pobo gallego: ¡Pra min non hai maio, para min sempre é inverno!... Cando eu me atopare de donos liberto i o pan non me quiten trabucos e préstemos, e como os do abade frorezan meus eidos, chegado habrá entonces o maio que eu quero.


多Queredes casta単as dos meus casti単eiros?... Cant叩deme un maio sin bruxas nin demos; un maio sin segas, usuras nin preitos, sin quintas, nin portas, nin foros, nin cregos.


SOCIEDADES AGRARIAS Para elimina-los Foros xurdiron as Sociedades de Agricultores. En 1912 xa había na provincia de Pontevedra 117 sociedades. Nas Asembleas e Congresos Agrarios como os de Monforte, Ribadavia, Redondela, Tui, etc, establecíanse as liñas de actuación: mitins, propaganda contra os Foros, boicots ós pagos e mobilizacións, algunhas das cales resultaron sanguentas, como sucedeu en Oseira, Nebra, Sofán, Narón e Sobredo. En xullo de 1922, no Congreso de Tui, decidiuse non paga-los Foros. O 6 de novembro foi detida a Directiva da Sociedade de Ribadelouro. En solidariedade cos detidos declárase a Folga Xeral no sur de Galicia. O 27 de novembro incautaron libros e chaves das sociedades de: Areas, Randufe, Malvas, Pazos de Reis, Rebordáns, Paramos, Baldráns e Caldelas. O 28 foi Sobredo.


A FOUCE ESQUECIDA I Repouso abafante no ceo e na terra. Silencio de morte na chouza labrega. Currales baleiros, pallotas desfeitas e o piorno sen millo coas portas abertas. Nin gado na corte, nin fume nas tellas, nin carro no alpendre, nin xente na eira. Máis triste que a noite, a alma entre brétemas, pechados os beizos, ferido da pena, sen dar unha fala nin dar unha queixa, os brazos caídos, a vista na terra, ardendo coa febre, ó pé da cancela o pobre labrego doente tolea.


II Todo lle veu xunto. Ó empezo do ano morreulle a filliña que era o seu amparo. Despois, tivo un preito, venceuse o reparto, perdeu media anada en xiadas e orballos, e ó caer as rendas topouse trabado, coa auga ó pescozo, sen froitos nin cartos. Foi hoxe a desgracia. A cousa das catro chegaron dous homes co alcalde pedáneo. Papeles abaixo, escribe que escribe, fixéronlle o embargo. Quedouse por portas, sen chouza nin agros. Xa non ten remedio. Xa está de prestado.


A BASILIO ÁLVAREZ (1) ¡Sementador!O trigo dos veirales mostra as espigas mestas e douradas, i as segadoras fouces, afiadas, teñen tráxico brilo de puñales. O teu verbo, estalante nos pinales, troca, ó chegar ás chouzas das valgadas, os salaios das gorxas abafadas en ruxidos guerreiros e trunfales. A aldea ergueuse co craror da aurora Agardando a siñal, e non sosega en axexo da loita vingadora. ¡Xa a lus do sol do mediodía cega, sementador! ¡Sementador, xa é hora de da-lo berro e comenza-la sega!


A BASILIO ÁLVAREZ (2) Frente ós dores da Terra malferida, dende as tristes ribeiras do desterro outra ves, loitador, vai o meu berro a pedirche a siñal para a partida. Ora vergonza conserva-la vida, fora traición ter envainado o ferro vendo ós caciques propararlle o enterro, creiéndoa morta porque está ferida. ¿A que agardar? Xa se falou abondo. Compre, agora, aforquemos, antre o estrondo da revolta, os ladróns feitos siñores. ¡Ou trunfar ou morrer! ¡E non se diga que non soupemos cancela-la obriga que firmaron coa Patria os Precursores!


A BASILIO ÁLVAREZ (3) ¡Capitán! ¡Capitán! ¡Chámate a Terra! ¡Os tempos son chegados! Na veiga, no pinal, na corredoira, alenta o medo dos silenzos tráxicos... ¡Vanse a comprir as vellas profecías, as verbas bruxas dos antigos bardos! Hai siñales no ceo. Como ó meigo conxuro dun encanto, alá pola alta noite, ó porse a lúa, uns berros estricados oubeando mal-agoiros van correndo medosos de adro en adro, i unhas estrelas roxas, sanguiñentas, brilan no cume dos altivos castros. ¡Ou vello loitador! Torna ós teus eidos que os tempos son chegados... ¡Fuxe dese Madrí, desa esterqueira goio de cobras e niñal de sapos, apodrecido ventre dunha España que se desfai a anacos! Vanse a comprir as vellas profecías... ¡Ven! ¡Ven que te agardamos! Si hai que mata-lo lobo... ¡Cada home ten un sacho!


SOBREDO (Ramón Cabanillas) ¡Galicia encadeada con ferros de Castela por fillos treizoeiros e por caciques-lobos, no teu ceo azuado hai unha nova estrela! ¡Ardente e sanguiñenta, agoira os tempos novos! ¡Irmáns! ¡Erguede o berro de amor e santidade! ¡Galicia é Libertade do Traballo e do Chan! Son verbas de Dios mesmo do Dios Todopotente: ¡Co suor da túa frente gañarás o teu pan! ¡Nai galega que diche o sangue xenerosa para calmar a sede rabiosa da Impiedade, nos agros de Sobredo froreceu unha rosa! ¡Ardente e sanguiñenta, agoira Libertade! Son verbas de Dios mesmo, do Dios Todopotente: ¡Co suor da túa frente gañarás o teu pan! ¡Irmáns! ¡Erguede o berro e o legón aferrade! ¡Galicia é libertade do Traballo e do Chan!


¡TERRA DE TUI! ¡TERRA DE GUILLAREI! ¡Terra de Tui! ¡Terra de Guillarei! Galiza inteira, a d´acá e a d´além o mar, voltóuse acorante para vós; para miral-a nova luz, a luz do Campo dos Mártires, que tén de guiar as romaxes de mañán; para axoellarse diante do sangue que non callará endexamais, que terá a virtude d´outro San Grial para curar os nosos sofrimentos; para descobrir na noite de morte e de maldade, ese tremer primeiro, “espirito do Sol amanhecente” que, dendes da outra veira do Miño cantou noso irmán Teixeira de Pascoaes, tremor que pasa pol-a alma dos pobos cando escomezan a comprender e a comprir os seus destinos. Que ceguedade no cerebro e que friaxe no corazón, proclamades tamén, agros de Guillarei! (Manuel Portela Valladares, en A Nosa Terra, 15-12-1922)


¡SOBREDO...! ¡Eu teño qu-esquirbir unhas liñas, teño que falar de Sobredo, quero lembrarme de Sobredo! Si fora poeta, esnaquizaría o meu corazón e convertiríao en froles recendentes, que cubriran a terra que os mártires regaron co seu sangue; si o meu misticismo fora tan emotivo, que fixera conmover as almas que a ideia xunta, collería a miña lira xorda, tinta no sangue dos patriotas, e cal clarín de loita, chamaría aos celtas á guerra santa da libertade, e ao berro sagro de ¡Terra a Nosa!, acudirían os guerreiros da santa cruzada, com-os rebeldes bardos, cantaría, até alcender nos peitos galegos, o lume ardente da rebeldía, que promovera a revolta libertadora da nosa Patria; ¡mais eu non son poeta! A roseira frorida da miña alma, está murcha n-estos instantes, cheia d-espiñas e tinta en rexo sangue; o meu corazón está de loito, tebras na miña alma, revolta no meu esprito e a retina cheia d-espanto. ¡Somentes penso na vinganza, somentes agardo a revancha! ¡Ai de vos, vampiros! ¡Tembrade, chuchadores do sangue de Galicia! ¡O día que os músculos do titán aprixoen o coitelo liberador, eu empuxareino con toda a forza dos meus pulmós! ¡Entón serei poeta, entón serei galego e como pregaria vindicadora, gritarei: Oseira, Sobredo, Nebra, Narón e Sofán! (Tomás Rodríguez Sabio, en A Nosa Terra, 15-12-1922)


HISTORIA DO MONUMENTO DE SOBREDO En abril de 1931 proclamouse en España a Segunda República e as sociedades de agricultores e gandeiros, os sindicatos labregos e obreiros, e outras entidades dos nosos contornos, decidiron perpetuar nun monumento a memoria da triste data de 1922. Encargáronlle o proxecto ao escultor Camilo Nogueira. O 28 de novembro de 1931 púxose a primeira pedra. Un ano despois inaugurouse. Pero en xullo de 1936 produciuse o golpe de Estado contra a República e unha escadra falaxista dinamitou o monumento. As pedras permaneceron esparexidas e ocultas durante máis de cincuenta anos. Recuperada a democracia, os herdeiros do movemento agrario, as novas asociacións de veciños e comunidades de montes, decidiron procurar os restos. Encargaron da súa recuperación ao escultor Enrique Velasco. En novembro de 1987 colocaron a primeira pedra. No ano seguinte inauguraron o monumento que hoxe contemplamos, que recupera o esencial do antigo, introducindo o gran monolito rosado.


POEMA DE Xosé María ÁLVAREZ CÁCCAMO Doctor Darío Álvarez Limeses

POEMA DE Antón AVILÉS DE TARAMANCOS, 1986 Palabras en Soutomaior a Dona Amalia Álvarez, na memoria de Alexandre Bóveda no cincuentenario do martírio.


ALTO Ó BULIGO DAS FOUCES Alto ó buligo das fouces alto ó bater das eixadas nestas terras que son nosas nestas terras que son roubadas. Pode nos beizos o berro nosa Galiza é liberdade, non sigades cavando deixai de cavar, abandonade. Nós sómo-los donos das terras non o porco, o cacique, o ruín, nós sómo-los donos das terras terras que aínda non vin. Irmáns galegos, pode o berro no ceo, somos fillos de labregos, fillos da terra, abandonade, levantade as eixadas, Galicia liberdade. Quero ve-las eixadas, as fouces, as forcadas no ar, imos arremeter todos xuntos, ¡son nosas terras! ¡Noso lar!


Labregos de arado deixade ós bois pacer abonda xa de inxustizas coas eixadas deixade de bater. Imos, todos xuntos defende-las leiras nosas, imos arrincarllas das mans ós ladróns, porcos e raposas. Abonda xa, abonda xa, Galiza quero oí-lo teu bocexo, abonda xa, abonda xa, quero as miñas terras e aínda non as vexo. (Brais González, ex alumno de Altamira, Salceda)


Hai que darlle unha alegría aos vellos.

Hai que darlle unha alegría aos vellos. Que solten os poldros na eira. Que se encha o ceo de fariña e de máscaras o corazón doente. Que cante o cuco. Que non saiban da nosa rendición. Que os netos falen a súa lingua. (Manuel Rivas, do libro Mohicania)


HIMNO GALEGO ¿Que din os rumorosos na costa verdecente, ao raio transparente do prácido luar? ¿Que din as altas copas de escuro arume arpado co seu ben compasado monótono fungar? Do teu verdor cinguido e de benignos astros confín dos verdes castros e valeroso clan, non dés a esquecemento da inxuria o rudo encono; desperta do teu sono fogar de Breogán. Os bos e xenerosos a nosa voz entenden, e con arroubo atenden o noso rouco son, mais so os iñorantes, e féridos e duros, imbéciles e escuros non nos entenden, non. Os tempos son chegados dos bardos das edades, que as vosas vaguedades cumprido fin terán; pois onde quer xigante a nosa voz pregoa a redenzón da boa Nazón de Breogán.


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.