

UNHA VIAXE A BROBDINGNAG
Declaración artística :
“Unha Viaxe a Brobdingnag” é unha serie en curso de paisaxe e retrato urbano, inspirada na segunda viaxe de Gulliver da obra literaria de Jonathan Swift. Utiliza o formato vertical e a figura humana para reflexionar sobre a relación do individuo coa contorna. Mentres que a paisaxe rural está dominada pola horizontalidade, que representa o horizonte onde se depositan as ambicións e esperanzas do individuo, na cidade as persoas habitan un espazo sen horizonte claro, limitado polas verticais inmediatas das estruturas urbanas.
O título do proxecto evoca a terra ficticia de Brobdingnag, habitada por seres xigantescos, expondo un escenario onde as estruturas urbanas son as protagonistas e os diminutos viaxeiros que chegan a este lugar son figurantes nestes colosais escenarios. Esta técnica de incluír unha figura humana na fotografía de paisaxe tamén remite ás primeiras imaxes de paisaxe do século XIX, que utilizaban este recurso como indicador de escala dos monumentos e os accidentes xeográficos. Ademais, do mesmo xeito que na sátira de Swift, no meu relato visual hai unha crítica ás aspiracións políticas e socioeconómicas das cidades, onde os individuos sucumben ás prisións das verticais e a soidade.



































Descripción :
"Unha Viaxe a Brobdingnag" é unha serie fotográfica que captura a relación entre individuos e a contorna urbana, utilizando o formato vertical para salientar a predominancia das estruturas arquitectónicas. As fotografías están tomadas en distintos ambientes urbanos, destacando como a escala destas construcións supera á dos seus habitantes.
A presenza de figuras humanas en cada imaxe non só ofrece unha referencia de escala, senón que tamén subliña a soidade que senten ao percorrer estas paisaxes urbanas que os desbordan. As persoas aparecen pequenas en relación cos edificios, escaleiras, ramplas e outras estruturas verticais, suxerindo unha loita constante por adaptarse a unha contorna allea na súa dimensión e, con demasiada frecuencia, impersonal.
Incluíndo retratos en lixeiro contrapicado, a serie tamén introduce aos "xigantes" de Brobdingnag, representando a aqueles que dominan estes espazos urbanos. Estas persoas que pousan orgullosos na rúa reforzan a idea de que os habitantes da cidade, no seu día a día, non só enfróntanse á magnitude física da súa contorna, tamén demostran a súa fortaleza e resilencia #ante os elementos externos que configuran as súas vidas.
"Unha Viaxe a Brobdingnag" ofrece así unha reflexión crítica sobre as cidades modernas, onde os individuos parecen pequenos e illados no medio dunha paisaxe vertical que os excede, tanto fisicamente como nas súas aspiracións e desexos
