Un ruralismo simplista

Page 1

UN RURALISMO SIMPLISTA

GÓMEZ, Lupe, Fisteus era un mundo, Ed. A Nosa Terra, Vigo, 2001, 246 páxs.

Penélope Pedreira

Chega ás nosas mans o último libro de Lupe Gómez: Fisteus era un mundo, narración que a autora define como poética e autobiográfica. O de narración dígoo porque dalgún xeito hai que chamar a este conxunto de frases pegadas unhas ás outras, unhas contra as outras, unhas a pesar das outras. Por poesía., persoalmente, entendo outra cousa. E o xénero autobiografico si que é realmente perpetrado por esta xornalista compostelá que ata agora coñeciamos como poetisa e que, segundo ela misma nos conta, decide matar os xéneros neste experimento: " A miña forma de redactar é algo moi repetitivo. Pero é algo que fago adrede. Como unha marca de estilo. Porque mesturo poesía e prosa. Porque fago un discurso que non é nin narrativa nin poesía, porque non existe a pureza dos xéneros, porque me gusta matar os xéneros. Gústame xogar coa literatura." E certamente consigue matar os xéneros. Pero, como en toda matanza, nesta tamén hai baixas colaterais. Vaiamos por partes, comezando polo que ela mesma chama o seu "estilo repetitivo". Nas 246 páxinas que compoñen esta edición, as oracións compostas coas que poderá atoparse o lector cóntanse cos dedos das mans, os suxeitos das oracións simples ( “eu”, “o meu padriño", “as vacas”, “a aldea”, “a miña prima”. . . ) son tan escasos como os verbos (duplicados estes polos seus correspondentes negativos e polas súas formas temporais presente/pasado que con frecuencia aparecen mesmo xuntas: “gústame” / “non me gusta”; “gustábame” e “segue gustándome”; “era” e “é”; “non había” e “segue sen haber”…) Engadamos a este reduccionismo o corpus adxetival empregado, cos seus correspondentes sinónimos e antónimos -coa vantaxe de que este acepta o diminutivo-: “bonito”/”feo”, “bo”/”malo”, “grande”/”pequeno”/”pequeniño”, e un limitadísmo etc. É certo que o feito illado de ser un estilo repetitivo non ten porque ser negativo se procura un efecto determinado ou vai ao servicio dalgunha temática específica que non fomos quen de atopar neste caso. A autora exercita unha sinxeleza derrubadora nesta narración en branco e negro atrapada no rural da súa infancia, nun costumismo nostálxico ao que, por outra banda, nos teñen acostumadas moitas das nosas máis prezadas plumas. Desde un punto de vista narratolóxico, Fisteus era un mundo perde a liña de flotación por todas as partes, comezando pola voz narradora: nas dúas primeiras páxinas é doado que o lector pense que está ante unha voz infantil, pero vaise trabucar, pois esa é a voz dunha muller adulta que non agocha sospresas. Paciencia, porque esa monotonía vaino perseguir durante todo o relato. Non atopamos tampouco na obra de Lupe Gómez, a “nostalxia crítica” da que falou o editor Enrique Acuña no acto de presentación do libro en Santiago de Compostela. A obra, máis ben, limítase a enumerar unha serie de gustos e preferencias e a certas enunciacións relativas á Galicia, á lingua, á condición da muller; enunciacións que, malia ser certeras nalgúns casos, insultan á intelixencia no seu reiterado maniqueísmo. Xulguen vostedes mesmos:


"Os prexuízos son moi malos. Os negros, os xitanos, os de aldea...merecen respeto " "Ser de aldea non e mellor nin peor que ser doutro sitio. Cada un é dos pais e de onde nace."/ "Son como animais, din os da cidade dos da aldea, con ton pexorativo. Xa lles gustaría a eles ser como animais. Ser como animais é ser máis libres. A cidade róubache esa parte de ti mesma. Diche que te comportes sempre como unha persoa, non como un can. Eu creo que como impornos unha máscara" Pois si: un achegamento e reinvindicación do rural. Dun ruralismo simplista e almibarado ao máis burdo estilo Ana Kiro:

“Eu creo que as relacións humanas eran mais completas e plenas no campo que na cidade. No campo todos nos coñecíamos. Non había estraños para nós. Todos eramos como unha boa e gran familia. Todos nos animabamos mutuamente. Todos medrabamos xuntos" Pero non é o rural un tema tan só obrigado polo carácter autobiográfico do relato. É algo máis, é unha escolla consciente, unha escolla reivindicativa. Porque agora semella ser o ruralismo un tema silenciado na nosa literatura (?): "Sinto que rompín un silencio que hai no noso mundo galego que eu quería romper. Rompín, dalgún xeito, a censura da aldea. Rompín as tebras, as néboas. Rompín as sombras, o útero " Quizais rompeu tamén con outras cousas (os tristes efectos colaterais dos que falabamos arriba). O relato non invita, non suxire, non deixa lugar para unha lectura activa, entusiasta. Non hai espacios de indeterminación que encher: todo está acabadiño, todos os conflictos resoltos. Áchase en falta un pouco de ironía, de distanciamento, de humor que evite caer na autocompaixón coa que coquetea por momentos a voz narrativa. Cando lin a novela de Lupe Gómez pensei, confeso, na cantidade de bos libros que si que sanearían a nosa literatura, na cantidade de ocos que quedan por encher (as obras que, por exemplo, se poderian traducir). Tamén desexei, postos a confesar, que non fixeran campañas de fomento á lectura con Fisteus era un mundo. Sería, na nosa opinión, un antídoto perfecto contra a traballosa pero fermosa tarefa de contaxiar a literatura.


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.