OS XÉNEROS CINEMATOGRÁFICOS (1) No cine, chamamos xénero ao tema xeral dunha película e serve para a súa clasificación. Todas as películas que pertencen a un determinado xénero comparten unhas características comúns que teñen relación co estilo formal, a ambientación ou os sentimentos que provocan no espectador. Os xéneros teñen unha grande influencia no público e levan a que as persoas elixan ver unhas películas e non outras. Os xéneros cinematográficos teñen a súa orixe na cultura clásica. Os gregos diferenciaban entre comedia (situacións da vida cotiá con final feliz) e traxedia (situacións transcendentais da vida cun final triste).
Podemos falar dunha primeira clasificación xenérica: cine documental e cine de ficción. O cine documental informa, mostra a realidade, representa distintas formas de vida, contrasta puntos de vista diferentes ... Aborda temas como o mundo natural, tradicións culturais, dereitos humanos, conflitos sociais, viaxes, biografías ... O cine de ficción presenta historias imaxinadas, inventadas, sucesos que nunca aconteceron, aínda que poden estar baseados na vida real. As inmensas posibilidades que ofrece o cinema fixeron xurdir unha grande variedade de xéneros cinematográficos:
O CINE CÓMICO Este xénero é, xunto co documental , o máis antigo da historia do cinema. Busca facer rir ao espectador. Relata situacións da vida cotiá en clave de humor. A trama é sinxela , desenfadada e optimista. Os conflitos resólvense a base de persecucións, batallas de tortas, labazadas, caídas ... Destacan as obras de Charles Chaplin (Charlot), Stan Laurel e Oliver Hardy (o gordo e o fraco), Buster Keaton, os irmáns Marx ...
O DRAMA Trata cuestións decisivas na vida, como o amor, o desamor, os celos, a dor, a necesidade de cariño ... Toma os elementos propios da traxedia grega : ben/mal, amor/odio, mentira, ambición, traizón, honradez ... Presenta graves conflitos entre os personaxes protagonistas e adoita ter un final triste.
O MUSICAL Nace coa chegada do cine sonoro. A película interrómpese con actuacións musicais (cancións, coreografías ) que están relacionadas coa trama. Os diálogos teñen partes faladas e outras cantadas, pero sempre dando continuidade á historia. Os decorados e o vestiario son unha parte moi importante deste xénero cinematográfico. As obras máis representativas deste xénero producíronse en Hollywood :”O mago de Oz” (Victor Fleming- 1939), “Cantando baixo a chuvia” (Stanley Donen - 1952), “Sete noivas para sete irmáns” (Stanley Donen- 1954), “West Side Story” (Robert Wise e Jerome Robbins- 1961), “Mary Poppins” (Robert Stevenson - 1964), “The sound of music” (“Sonrisas y lágrimas” , Robert Wise - 1965), “Billy Elliot” (Stephen Daldry - 2000), e a última: “LaLaLand, a cidade das estrelas” (Damien Chazelle, 2016)