CINE DO OESTE/ WESTERN
XÉNEROS CINEMATOGRÁFICOS (2)
Tamén se lle chama “cine de vaqueiros”. Está considerado coma o único xénero orixinario do cinema, pois non existía na literatura. Narra historias relacionadas coa conquista e colonización dos territorios do oeste dos Estados Unidos a finais do século XIX. Os inmigrantes europeos chegaban en caravanas para ocuparse da gandería, a agricultura ou a busca de ouro. As terras estaban ocupadas por tribos indias, que os pistoleiros foron exterminando pouco a pouco. As loitas entre os indios e as tropas do exército da Unión, os enfrontamentos entre os gandeiros, agricultores e buscadores de ouro e as accións dos pistoleiros “fóra da lei” son algúns dos temas deste xénero. Este xénero caracterízase tamén polos personaxes (sheriff, cowboy, xefe indio, granxeiros ...)o vestiario (sombreiro texano, pistolas ao cinto, chalecos, botas ) os decorados (deserto, saloon, ranchos ) e os cabalos, as dilixencias, e os indios ...
Entre as películas máis coñecidas están: “So ante o perigo” (Fred Zinneman, 1952),”O bo, o feo e o malo” (Sergio Leone, 1966), “Dous homes e un destino” (George Roy Hill, 1969),“Bailando con lobos” (Kevin Costner, 1990),”Wild, Wild West” (Barry Sonnenfeld, 1999), “Os sete magníficos”(Antoine Fuqua, 2016)
CINE DE SUSPENSE/ DE INTRIGA/THRILLER Os personaxes están afeitos ao perigo, son investigadores (policías, detectives privados, axentes secretos, periodistas ou simples afeccionados ) ou falsos culpables, criminais, axentes inimigos ... A trama baséase nunha intriga que non se resolve ata o final. O obxectivo é manter ao espectador nun estado de tensión polo que lle pode ocorrer aos personaxes e atento a como se resolve o conflito. A ambientación sonora e musical tamén é moi importante porque axuda a que o espectador se mergulle no relato e participe del formulando hipóteses e anticipándose ao que vai pasar .
O grande renovador do cine de suspense foi o director británico Alfred Hitchcock (“A sombra dunha dúbida”- 1943, “A soga”-1948 “Crimen perfecto”- 1954, “Vértigo”- 1958, ”Coa morte nos talóns” 1959 ...)
CINE DE CIENCIA FICCIÓN As historias están ambientadas nun futuro imaxinario, onde son frecuentes as viaxes espaciais, as visitas de seres doutros planetas e a existencia de aparellos tecnolóxicos moi sofisticados (robots, androides ...) O argumento xustifícase dende un punto de vista científico, aínda que haxa elementos non reais, como viaxes no tempo e inventos inverosímiles. Empréganse moitos efectos especiais O antecendente deste xénero está na literatura do século XIX, época de inventos, descubrimentos e do avance tecnolóxico que supuxo a Revolución Industrial. Autores coma Xulio Verne escribiron aquelo que imaxinaron e que algunha vez se faría realidade. Ademais das películas que aparecen a esquerda, coñeces algunha máis deste xénero? En que ano se filmou? Quen é o director? Coñeces aos actores e actrices que participan nela? De que trata o argumento?
CINE DE TERROR As películas de terror narran supersticións, lendas macabras, pesadelos ... As tramas van encamiñadas a producir no espectador sensacións de medo, desgusto, repugnancia, incomodidade , preocupación ... mediante personaxes que poden ser humanos, animais ou mecánicos e monstros imaxinarios que resultan ameazantes e destrutores para os protagonistas. Aparecen forzas e acontecementos de natureza maligna e sobrenatural. Recrean escenarios lúgubres, misteriosos e tétricos . Este xénero creou figuras coma Drácula, o monstro de Frankenstein, a momia, os lobishomes, os zombies...
Viches algunha das películas que aparecen á dereita? Podes dicir quen as dirixiu e en que ano? Gústanche as películas de terror? Se respondiches que sí, cal foi a que máis che gustou?