Portugués 1º bac 2017-18

Page 1

PORTUGUÉS 2º IDIOMA I (Departamento de galego)

QUE É?

O portugués e o galego son dúas linguas que, aínda na súa diversidade, teñen unha proximidade innegable. Galego e portugués son agora dúas linguas, máis non esquecemos que na Idade media era unha lingua única. Hoxe, co galego, tamén participamos no mundo da lusofonía. Poucos falantes doutras linguas teñen a facilidade que os galegofalantes temos para aprender portugués. Nun mundo global, onde impera o inglés, debemos ser conscientes da importancia do feito de poder comunicarnos con máis de douscentos millóns de falantes nativos de portugués, sen necesidade da lingua inglesa polo medio nin de ningunha outra. O portugués é a sexta lingua máis falada no mundo, a quinta máis empregada na internet, a terceira máis usada no facebook. En Galicia, onde hoxe o aprenden uns 860 alumnos, irase implantando como materia curricular no Ensino Secundario mercede ao acordo asinado ante o Presidente da Xunta, Núñez Feijóo e o Presidente do Governo de Portugal, Passos Coelho, en febreiro de 2015. (En Estremadura xa aprenden portugués máis de 14.000 alumnos).

QUE PERSEGUE?

Aprender unha lingua é aprender o social, o humano, o político, o histórico, o xeográfico e o económico dun pobo, comprende a súa cultura, a súa identidade, a súa diversidade.

DE QUE CONSTA?

Coñeceremos a lingua portuguesa, moi próxima, e aprenderemos a usala na conversa. Comunicarémonos, oiremos, dialogaremos. A lingua oral é a lingua viva, a lingua dos falantes, non tanto dos gramáticos. Paseniño leremos e escribiremos. Atoparemos moita axuda na rede (lembra, o portugués é a quinta lingua máis empregada na internet). Seremos quen de ler na lingua irmá as súas xoias literarias, de Portugal, do Brasil, de Cabo Verde, de Angola, de Moçambique, da Giné, de Sâo Tomé e Príncipe, de Timor Leste.

PARA QUE ME SERVE?

As linguas constitúen espazos culturais mantendo neles a vida. O portugués é un deses espazos. Calquera persoa con outra lingua pode desexar circular polo mundo en portugués. Pode circular como tránsito turístico ou de traballo adquirindo a competencia comunicativa nesa lingua e cultura. Nós podemos descubrir unha cultura e unha lingua moi próxima e redescubrir a nosa propia, xenuína, antiga, perdurable… Esquecida ás veces e ferida por voces alleas. Aprenderemos colaborando, en equipo, em equipa, compartilhando. Portugués dende o Galego: É fácil! É próximo! É práctico! É útil!


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.