III. INVENTARIO E CATALOGACIÓN
CD 102A 2008/056-0
Prospección intensiva subacuática, derivada do achado de materiais arqueolóxicos no contorno da praia de Lago, Xove (Lugo) IGNACIO CRESPO LIÑEIRO
A
intervención que nos ocupa xorde como resposta ao achado casual, durante os labores de dragaxe para a instalación dun emisario submarino de piscifactoría no contorno da praia de Lago (concello de Xove, Lugo), dunha serie de materiais de interese arqueolóxico que presumiblemente pertencían a un pecio de cuxa existencia non se tiña ningunha constancia. Inmediatamente tras a súa posta en coñecemento a través do Servizo de Arqueoloxía da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural encárgaselle á empresa ARGOS S.L. a redacción dun proxecto de prospección puntual no lugar do achado así como o estudo dos materiais procedentes do pecio, o seu levantamento planimétrico e o establecemento das medidas correctoras xunto coa súa delimitación e inclusión no inventario de xacementos arqueolóxicos subacuáticos de Galicia. Durante a redacción do proxecto a empresa ARGOS S.L. decide formular a intervención seguindo dous eixes fundamentais que nos levasen a conseguir a maior información posible sobre o achado: prospección intensiva e investigación documental e bibliográfica. Por un lado a elaboración dunha proposta de actuación puntual baseada na prospección intensiva dunha área delimitada por un raio de 100 m partindo da posición aproximada da draga parecíanos o comezo idóneo dado que
Verso e servidor de bombarda concrecionados
contabamos coa colaboración desinteresada do mergullador e encargado das operacións vinculadas ao achado do pecio. Así mesmo, formulamos unha ampliación da área de estudo cunha prospección por rúas seguindo un eixe E-W formando unha área cuadrangular de 100 x 100 m que permitise a localización dunha potencial área de dispersión de restos dese pecio ou de calquera elemento patrimonial susceptible do seu rexistro. O outro eixe de desenvolvemento do proxecto baseábase na inexistencia a priori de elementos na bibliografía de costume que desen luz sobre a existencia dun posible naufraxio que se correspondese coa tipoloxía dos materiais depositados no Museo do Mar de Vigo. Así que decidimos recompilar calquera información relativa a elementos periféricos dos habituais nun acontecemento rexistrado na zona. Investigamos exhaustivamente nos arquivos do Reino de Galicia e os parroquiais da zona acerca de calquera aviso de naufraxio ou da aparición de cadáveres ou restos dun posible naufraxio arredor de finais do século XV e XVI. A investigación documental produciu como resultado o achado dunha referencia a un preito civil recompilada nun manuscrito de Lope de Frías (1596) onde se menciona a apertura dun proceso xudicial sobre as competencias e propiedades de «una nao flamenca que dio en través en tierras de su señoría... en el año de 1544». O devandito preito civil foi localizado no Arquivo da Real Chancelería de Valladolid onde nos facilitaron a súa reprodución que está en proceso de transcrición e que nos desvela a existencia dun naufraxio acaecido o 24 de setembro de 1544 dunha nave de procedencia flamenga de nome «Honor» e da que faleceron todos os seus tripulantes, incluído o mestre piloto, agás 3 homes e que se afunde a causa dun temporal que a lanza ao través no contorno do Portiño de Morás e cuxa tipoloxía de carga e pezas de artillería coas que ía armada coinciden cos achados localizados tanto pola draga como no proceso de prospección con mergulladores. A tipoloxía de materiais entregados polos descubridores foi documentada ao mesmo tempo que se levaba a cabo o proxecto de investigación documental.
- 320 -